Miguel Anxo Rodríguez González
No seu día foi un soño, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Debemos imaxinar as primeiras conversas en Arxentina de Isaac Díaz Pardo con Luís Seoane e outros exiliados galegos, falando da necesidade de recuperar as obras e os nomes, a memoria das persoas que fixeron posible o renacer cultural da Galicia do primeiro terzo do século XX. Intuímos a ilusión ao ver que, á altura dos anos sesenta, algúns comezaron a ver factible a realización deste museo, a partir dun traballo de recuperación de obras de arte e materiais da cultura de vangarda vencellada ao galeguismo e ás persoas máis comprometidas coa modernización cultural de Galicia, unha modernización consciente, implicada, «situada», como diriamos hoxe. Fíxose realidade en maio de 1970.
O Carlos Maside foi un museo pioneiro, tanto pola recuperación da cultura vinculada cos exiliados e represaliados —o legado cultural das persoas que morreron ou tiveron que fuxir pola Guerra Civil e o franquismo— como pola aposta polo traballo de conformación dun conxunto vinculado ás novas expresións artísticas. Púidose crear e poñer en marcha grazas ao esforzo de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, e o apoio da empresa Cerámicas do Castro, que se ocupou do espazo e o mantemento.
O Carlos Maside reuniu unha importante colección e presentouna nun formato que tiña en conta as recentes propostas museolóxicas que se estaban a ver noutras partes de Europa. Tamén foi pioneiro na reunión de obras de arte e outros materiais como banda deseñada ou elementos teatrais conformando un arquivo da cultura galega de vangarda. Activouse cunha serie de propostas como conferencias, ciclos de cinema, visitas de centros escolares, que contaron cunha grande asistencia. Pero nos primeiros anos do século XXI, logo dun período de inestabilidade económica e loita polo control das empresas, Díaz Pardo é apartado da dirección de Cerámicas do Castro e Sargadelos en 2006, e o museo veuse abaixo. O Carlos Maside leva anos languidecendo, pechado, nun estado deplorable e con preocupación crecente polo estado de conservación das pezas. Segundo os actuais administradores das empresas, nos momentos de maiores dificultades económicas os esforzos tivéronse que concentrar en salvar postos de traballo e pagar nóminas. A ausencia de investimento e o abandono do museo son palpables, e en 2010 solicitouse no Parlamento de Galicia a incoación do expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo. Ante o abandono persistente e a ausencia de novidades no referido á declaración de BIC, unha serie de iniciativas están a reclamar nos últimos anos que se corrixa este desleixo e que as administracións tomen cartas no asunto.
AS ORIXES E O SEU INCERTO ESTATUTO LEGAL
A orixe do museo haina que situar nun espazo indeterminado nacido coas conversas e o intercambio entre os exiliados da Arxentina e Díaz Pardo, nun período no que as pontes entre os exiliados e as persoas que defendían a cultura e a recuperación da memoria desde Galicia se foran fortalecendo. As viaxes de Díaz Pardo a América, desde os anos cincuenta, foron cruciais neste senso, como indica Mª América Díaz Pampín nun artigo publicado nesta revista1. As conversas e o contacto estreito que tiveron Díaz Pardo e Luís Seoane en 1963 posibilitaron a definición de todo un programa de actuación cultural, co soporte das empresas creadas. Nos primeiros meses do ano Díaz Pardo está en Magdalena (Arxentina), e o verán pásano Seoane e Maruxa no Castro, con Díaz Pardo e Carmen Arias. Das conversas e traballos deste tempo nace o Laboratorio de Formas e a idea de restaurar a tradición cerámica de Sargadelos. O Laboratorio de Formas de Galicia foi a estrutura que amparou a creación das empresas culturais do grupo —desde Ediciós do Castro ao Museo, pasando polo Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Creado na Arxentina en 1963 e escriturado en 1968, naceu, en palabras de Ramón Villares, pola vontade de protexer as iniciativas culturais a través dun organismo autónomo: «A obsesión por defender a posición do artista fronte á cobiza empresarial, levouno a institucionalizar os labores de creación a través de laboratorios e seminarios, concibidos como viveiros para a investigación aplicada».2
O museo creouse como un dos elementos centrais do proxecto de recuperación cultural que Díaz Pardo e Seoane concibiran desde o Laboratorio. Tanto o museo como o resto das actuacións contaban co apoio económico das empresas cerámicas que Díaz Pardo montara nas décadas centrais do século, O Castro e Sargadelos. Unha escritura pública establece en 1970 a Fundación do Museo como modelo de xestión, estando vinculada ás empresas do Laboratorio de Formas e de Cerámicas do Castro; pero, como ten indicado Inmaculada Real, Díaz Pardo e Seoane foron desde o inicio moi conscientes da necesidade de buscar unha independencia na xestión do museo, procurando manter a fundación «á marxe da actividade empresarial e rexida polos seus propios estatutos».3
Este medo a unha dependencia excesiva con respecto á empresa e a intuición de que persoas non comprometidas cos propósitos do museo se fixeran co seu control (mesmo deixasen caer o proxecto), xa se vía reflectido nas cartas que se intercambiaron a finais dos anos sesenta. Seoane defendía en agosto de 1969 que o museo estivese libre de dependencias «formais» de grupos ou corporacións, baixo o paraugas da empresa, pero mantiña a porta aberta a unha saída da colección en caso de dificultades:
Nada de Patronato, ni de Juntas, ni de Comisiones, etc. Se trata de un museo propiedad de Cerámicas del Castro y cuyas obras donadas por particulares en caso de disolución de esta entidad, pasan a propiedad del Museo gallego que dependa de la administración gallega, ayuntamiento o diputación. Se mantendrán las donaciones en calidad de usufructo. Quizás cuando se pueda, dentro de algunos años, la diputación pueda hacerse cargo de él y engrandecerlo.4
Ao pouco de comezar a funcionar, en 1971, Díaz Pardo e Seoane acordan a creación dun Padroado, como paso previo á constitución dunha fundación que garantise a autonomía da institución. Agar Ledo recolleu nun artigo publicado en Grial as palabras de Luís Seoane a Mariano Dónega, daquela, secretario do museo, en carta de 1974:
Maxino que é urxente crear o Patronato que dalgún xeito interveña en todo esto. Unha laboura como é a de un Museo non pode quedar suxeta a ningunha vontade persoal. O museo é ó meu xuicio, unha das creaciós máis importantes, co Seminario denantes, con Galaxia, Penzol e Sargadelos hoxe, feitas en Galicia en moito tempo [sic.]5
Primeiro, o museo estivo aloxado en dependencias de Cerámicas do Castro, logo nun edificio novo, do Laboratorio de Industria e Comunicación (LICSL)
—probalemente para protexer os proxectos culturais ideados desde o Laboratorio de Formas, indica Agar Ledo—, e xa desde 1982 no edificio actual, deseñado por Andrés Fernández-Albalat.6 Chegouse a crear o Padroado, que mantivo unha actividade regular a través de reunións, pero a fundación non se formalizou. O convenio que deu pé á creación do museo non chegou a ter entidade xurídica.
O «valor cultural» é un dos elementos chave na interpretación do que supón o Museo Carlos Maside, e foi destacado por Mª Luisa Sobrino Manzanares e Javier Ferreira, no Informe para a Declaración de BIC realizado en 2018 a instancias do Consello da Cultura Galega. Este valor é un intanxible demasiado poderoso como para se ver reducido ao concepto de «prezo» e implica unha dobre obriga: das administracións que deben velar polo patrimonio e a memoria do pobo, e das empresas involucradas no coidado deste legado. Saliéntase no citado informe que edificio e colección son entes inseparables, entendéndose o deseño de Albalat como relativo á colección, e as obras reunidas pola dirección e o padroado como elementos nesa secuencia despregada a través dos hexágonos que conforman o espazo museístico. Os mesmos artistas, cando doaron obra, fixérono desde a confianza nun proxecto que estaba a construír un relato novo da historia da arte galega.
Dende a súa fundación o Museo Carlos Maside contou con doazóns de coleccións particulares vehiculadas a través dos membros do Laboratorio de Formas. Parte importante deste patrimonio inicial serán os fondos doados por coleccionistas privados de Galicia (García Sabell, Paz Andrade, Álvaro Gil, Celso Emilio, Arturo Cuadrado, Eugenio Granell, Ramón Martínez López, Rafael Dieste, Martínez Risco, Neira Vilas, Gala Murguía…), que incrementaron e completaron o ímpeto fundacional da colección. Desde a súa creación, contou así mesmo co apoio de artistas coetáneos e doutros máis novos como os da xeración Atlántica, representados tamén no museo con obras en depósito ou doadas por eles mesmos7.
UN MUSEO PIONEIRO
O empeño de Díaz Pardo e Luís Seoane, a través do Laboratorio de Formas, fixo que se reunisen un número considerable de pinturas, deseños, esculturas, cómic e libros, nun museo cun plan de funcionamento ben pensado e acorde coas liñas da museografía que á altura dos anos sesenta e setenta se estaban a experimentar nos países europeos. Ademais de polo seu enfoque renovador (nos contidos e no funcionamento), e polo obxectivo de recuperar a creación cultural da Galicia do exilio, o modelo de museo dinámico e aberto á sociedade fixo del un proxecto pioneiro no ámbito peninsular. Hai que salientar que o traballo de adquisición —pola vía de compras, doazóns, depósitos e legados—, non se podería ter feito se non se contase cun elemento central: a confianza posta nesas persoas que estaban a construír a utopía cultural galaica no Castro de Samoedo. O Castro era un enclave onde se estaba a experimentar un novo modelo cultural.
En setembro de 2021 celebráronse xornadas en Sada e en Compostela para debater sobre o estado do museo e a colección, e formular propostas para a súa reactivación.8 A necesidade de poñer en marcha un estudo sobre a colección e a declaración de Ben de Interese Cultural foron vistas como tarefas urxentes en ambas as reunións. Non fondo, non se facía senón reincidir na chamada ás administracións —nomeadamente á Xunta—, para que dunha vez se incoase o expediente e se «blindase» un legado en perigo real de desaparición.
Rosario Peiró (xefa de coleccións do Museo Reina Sofía) e Inmaculada Real (investigadora posdoutoral especializada en museoloxía) aludiron nas Xornadas celebradas en setembro en Compostela ao carácter pioneiro do Carlos Maside como museo recuperador da memoria e da cultura do exilio.9 Peiró indicou que un dos obxectivos que artellaron a reestruturación da colección do Reina Sofía —recentemente presentada—, foi dotar de centralidade a obra das persoas exiliadas (obra non só artística), establecendo unha relectura da arte contemporánea a partir dos vínculos entre os que quedaron e os que tiveron que marchar trala Guerra Civil. Precisamente isto estaba a facer o Carlos Maside desde a década dos setenta, converténdose nun museo pioneiro en España neste traballo de recuperación cultural; foi, segundo Inmaculada Real, o primeiro museo con perspectiva memorialista e do exilio creado no Estado español.
A DECLARACIÓN DE BIC
Nas xornadas de setembro, a avogada Patricia Gabeiras incidiu no problemático estatuto legal do museo, por carecer de personalidade xurídica como tal. Pero o Carlos Maside é unha institución que garda uns bens patrimoniais de altísimo valor, o que «obriga» a empresa e administracións a facer todo o que estea nas súas mans para garantir a conservación e divulgación dos materiais. En termos legais, sinalou Gabeiras, é unha «comunidade de bens», que debería formalizar dalgún modo o seu estatuto xurídico. A creación dunha fundación específica podería ser a mellor fórmula para dotar dunha estrutura estable a un conglomerado no que a investigación cultural se debe coordinar cunha xestión económica solvente. Tarefas urxentes, segundo Gabeiras, son a determinación dos elementos que deben entrar a formar parte do BIC (edificios, coleccións de arte, arquivo…) e unha investigación sobre as formas de incorporación das pezas no museo ao longo do tempo.
Estamos a ver que en toda a polémica sobre a xestión do museo paira o espiñento asunto da propiedade. De quen é a colección? As diverxencias entre os herdeiros do Laboratorio de Formas de Galicia e a empresa son patentes, e están a afectar á toma de decisións sobre a colección. Sabido é que a parte «intelectual» do proxecto estaba ao cargo de Díaz Pardo e o Laboratorio; pola contra, o diñeiro saía do grupo de empresas de cerámica. Guillermo Escrigas, antigo xerente do Museo —falecido a fins do ano pasado— resumiuno así nas xornadas celebradas en Compostela: o edificio do museo era do LICSA, o contido non: quen mandaba no museo era Isaac.
Os autores do informe do Consello da Cultura Galega (2018) foron claros na súa proposta de que «tanto o edificio do Museo Carlos Maside como a Colección documental e pictórica que albergan» tivesen a protección que a declaración de BIC outorga. Ademais, avogaron pola personalidade xurídica propia -desde a forma fundacional- e a achega de recursos para reactivar a vida do museo.10
O vínculo do museo coas empresas de cerámica é máis que evidente, como tamén o é que o funcionamento e as premisas en que se basean ambas entidades son distintas: se as empresas foron o soporte económico do proxecto cultural, este despregou a súa magnitude a partir da idea de reconstrución
exemplar das formas culturais de vangarda en Galicia; tantas persoas da cultura galega que se involucraron e aportaron obra ao museo non poden ficar coa decepción de ver como un legado que se construíu con tanto esforzo se bota a perder. A orixinalidade dese vínculo entre proxecto cultural e empresa non ten por que acabar, pero é urxente que se configure unha estrutura estable que garanta a autonomía de xestión e a achega de recursos para unha xestión eficiente no económico, aberta á cidadanía, e atenta aos labores de investigación sobre formas e procesos culturais. Todo debe comezar por protexer, vixiar e restaurar, por iso a declaración de BIC é tan urxente.
1 María América Díaz Pampín: «As viaxes de Isaac», Areal. Revista Cultural de Sada, 6 de febreiro de 2021. https://www.areal.gal/2021/02/as-viaxes-de-isaac.html
2 Ramón Villares: «Isaac na Arxentina», en Díaz Arias de Castro, Camilo; Díaz Arias de Castro, Xosé, comis. (2020): As miradas de Isaac. Centenario de Isaac Díaz Pardo (1920-2020). Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Fundación Cidade da Cultura de Galicia, p.92.
3 Real López, I.: El Museo Gallego de Arte Contemporáneo Carlos Maside, Ed. Trea, Xixón, 2018, pp.72-74.
4 Carta do 8 de agosto 1969, de Luis Seoane a Díaz Pardo. «Colección: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane». Fondos documentais do Consello da Cultura Galega, enlace: http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/epistolarios/epistolario.php?epistolario=10143
5 Carta de Luis Seoane a Mariano Dónega, en Ledo, A.: «Museo Carlos Maside. O relato da outra historia», Grial. Revista Galega de Cultura, t. 54, nº. 209 (2016), pp. 132-133.
6 Ibíd., pp. 131-132.
7 Informe sobre o valor patrimonial do conxunto artístico e arquitectónico integrante do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside (O Castro-Sada), Consello da Cultura Galega, xaneiro de 2018. Elaborado por Mª Luisa Sobrino Manzanares e Xavier Ferreira Fernández.
8 A Asociación Irmáns Suárez Picallo organizou a mesa redonda «Significado e futuro do Muse Carlos Maside», celebrada o día 9 de setembro de 2021 en Sada; Agar Ledo, Germán Labrador e eu mesmo as «Xornadas Museo Carlos Maside: un patrimonio cidadán», en Compostela e Sada.
9 Xornadas «O Museo Carlos Maside: un patrimonio cidadán», Consello da Cultura Galega / Concello de Sada / Universidade de Santiago de Compostela, 27 e 28 de setembro de 2021. Os vídeos da primeira sesión están dispoñibles na páxina web do Consello da Cultura Galega: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201177
10 Informe sobre o valor patrimonial do conxunto…, Op. Cit., p. 14.