O HMHS Britannic  

Historia de como se afundiu o buque máis grande da Primeira Guerra Mundial

Xacobe Anido Castro

O HMHS Britannic foi un transatlántico inglés ensamblado nos estaleiros de Harland & Wolff, Irlanda do Norte, e foi propiedade da empresa navieira White Star Line, famosa por todo o mundo por ser propietaria de tres colosos do século XX. Crearon a «clase Olympic», unha familia de transatlánticos moi enxeñosos da época que se caracterizaban por ter a mesma forma e función, ademais de ser os máis avanzados tecnoloxicamente. Foi o RMS Olympic o que inaugurou esta clase en 1908, foi o maior de tres irmáns xemelgos e afundiuse en 1934. Poucos anos despois saíu o máis famoso de todos, o RMS Titanic, que se afundiu na súa viaxe inaugural en 1912. E por último, o HMHS Britannic, o último da clase, que se afundiu en 1916.

O afundimento do Britannic non conmocionou tanto como o do Titanic; porén, é o maior misterio ser resolver da historia da navegación. Nun principio, o Britannic ía ter a mesma función que os seus irmáns, pero seis meses despois da súa botadura estalou a Primeira Guerra Mundial e foi requisado polo goberno británico en 1914. Decidiron transformalo nun barco hospital, que tiña a obriga de traer soldados ingleses feridos polos turcos do Mediterráneo oriental ata as costas Británicas, coa intención de defender o seu territorio e parar a guerra que, tempo atrás, iniciaran os alemáns.

No ano 1913 a Mariña Imperial de Alemaña anunciou en plena guerra a botadura dun xigante de aceiro que cambiaría o ciclo da historia contemporánea; o seu nome era SM U-73, un submarino de alta tecnoloxía da clase «U-boot», o terror dos grandes buques do océano Atlántico, xa que tiña un canón de 88 mm en cuberta e catro tubos lanzatorpedos. Era capaz de moverse a unha velocidade aterradora e colocar minas submarinas en calquera lado do leito mariño. No ano 1915, un ano antes do afundimento do Britannic, o irmán do U-73, o submarino SM U-20, afundiu o RMS Lusitania nas costas irlandesas ao impactar cunha das súas minas. Isto conmocionou a Armada Náutica de Gran Bretaña e serviu como advertencia para outros barcos.

16 de Novembro de 1916. Porto de Southampton

Entre a multitude que había esa mañá de novembro no porto de Southampton podíase divisar o coloso de aceiro bañado en branco con cruces vermellas no casco. Efectivamente, falo do terceiro buque da clase Olympic, O HMHS Britannic, o transatlántico máis luxoso do mundo, ao dispor de miles de enfermeiras, camareiros e rangos militares para evacuar de Galípoli soldados feridos polos turcos.

O resoar das chemineas chamou a atención de todo o mundo, o buque estaba a piques de partir ata o mar Exeo. As masas formaron ringleiras fronte ao barco e comezaron a subir a bordo. Nunha desas ringleiras estaba eu, un sinxelo alférez nomeado para viaxar no barco hospital da Súa Maxestade. Unha vez a bordo, o tenente Edmand Ellenby asignoume un pequeno camarote privado no cuarto piso e deume orde de levar alí a miña equipaxe e logo ir ata a sala de mando para unha reunión. Percorrín moitos corredores ata chegar ao camarote, deixei alí todas as miñas cousas e dirixinme á sala de mando. Ao entrar, esperábame unha multitude de xente uniformada con altos rangos militares. Entre eles encontrábase o tenente e outros alféreces, ademais do segundo oficial Harold Dyken e o capitán do buque, Charles Alfred Bartlett. Mandaron formar filas e, feito isto, pasou o capitán a ditar ordes. Bartlett era un veterano militar de poucas palabras especializado en navíos, que, ademais, era moi coñecido por toda Gran Bretaña e sabía moi ben o que facía; porén, non estaba no seu mellor momento, xa que falecera o seu fillo de sete anos semanas antes.

‒Bos días. Chámome Charles Alfred Bartlett. Reunímonos aquí por motivos xa sabidos da guerra. J. Bruce Ismay asignoume nesta travesía ser o voso capitán. Esta é a sexta viaxe do Britannic a través do Mediterráneo, mais teño argumentos que afirman a presenza de minas subterráneas da Mariña Imperial de Alemaña. Teremos coidado.

Logo Bartlett deu paso ao segundo oficial Dyken.

‒Atención, vouvos informar de que estades aquí para manter a seguridade e vixilancia dentro deste navío. Sodes catro alféreces, cada un tomará o seu posto asignado para a seguridade das enfermeiras, feridos, camareiros e operadores.

Os outros tres alféreces foron enviados ás cubertas de botes, aos balnearios e aos comedores. A min tocoume posicionarme na sala de máquinas, en concreto na sala 5, onde se encontraba a única turbina de vapor de todo o barco.

Volvín ao meu camarote e vestinme co meu uniforme. Ao saír esperábame o tenente Ellenby, que parecía estar de mal humor.

‒Veña, que fas aínda aquí? Axiña, vai á túa posición de vixilancia, todas as enfermeiras xa están a bordo.

Corrín escaleiras abaixo, cara ás caldeiras. Entón a voz do tenente resoou por detrás miña:

‒Alférez, cal é o teu nome?

Xusto cando tiña as palabras coas que responder, o son das chemineas do barco anunciaban que estaba preparado para levar áncoras. Seguín baixando as escaleiras ata chegar ao posto de control que separaba as caldeiras do resto do barco. Alí encontrábase un cadete chamado Roger Williams.

‒Bo día, o barco acaba de levar áncoras cara a Galípoli. Ti debes de ser o alférez do que me falou Dyken. Vamos, ven comigo.

O cadete conduciume por un longo corredor, seguido de escaleiras que parecían levar ao centro da terra. Baixamos, logo, á escuridade. A medida que percorriamos outro corredor, a calor aumentaba, e así fomos chegando ao final. Unha luz amarela iluminou o ambiente: tratábase dos grandes fogóns que alumeaban a estancia; xa chegáramos á sala de máquinas. Atravesamos a sala 1, seguida da 2, da 3 e da 4. Chegamos ao cabo á sala 5, onde se encontraba unha gran mole de ferro de forma circular que expulsaba fume das boquillas. No seus pés había un total de sete fogueiros revisando, limpando e tratando fogueiras para o correcto funcionamento da sala.

‒Escoita, tes que velar pola seguridade de todos estes traballadores, ademais de revisar se fan ben o seu traballo. Se hai calquera accidente sempre estarán obrigados a cumprir as túas ordes, e en todo momento han de estar os fogóns ardendo para que aqueles enormes pistóns do teito poidan moverse e propulsar o barco. Aquel portón de aceiro que ves alí é o mamparo estanco que divide esta sala da 6. Esta comporta debe pecharse inmediatamente en caso de que houbese un accidente, sen restricións.

Dito isto, Roger fíxome un xesto de despedida coa gorra e foi á sala 1. Os fogueiros miráronme cunha mirada seria e volveron ao seu traballo. Estaban todos esgotados pola calor que se producía naquela sala. Mentres botaban pas de carbón na caldeira, eu daba voltas preto deles. Así funcionou o meu traballo durante todo o día. Cando escureceu veu outro supervisor para facer o rolda de noite. Volvín ao meu camarote, onde me agardaba unha cama mol e acabada de facer.

Os seguintes días tiveron exactamente a mesma rutina, isto é, levantarme moi cedo, ir á sala de máquinas 5 e facer de supervisor ata a noite. Era moi canso aquel traballo, sinceramente odiábao. De vez en cando atopábame con Ellenby polos corredores das cubertas, ademais de con Roger nas caldeiras. Tamén vin a Dyken unha ou dúas veces na sala de radio ou correndo polas cubertas con mapas e cartas náuticas, nunca me saudou. A Bartlett, o capitán, nunca o vin despois da reunión do primeiro día, supoño que estaba demasiado ocupado dirixindo o barco.

O día catro foi especialmente destacable. Non sei por que motivo, pero Ellenby deume aquela mañá como descanso. Decidín explorar o barco. Ía con paso alegre, saudando as miles de enfermeiras que se cruzaban comigo. Subín á cuberta tres, onde había un balneario, unha piscina, camarotes de enfermeiras, quirófanos e salas de espera. Seguín dando voltas polos corredores ata que cheguei á cuberta de botes. Había moita claridade, xa era mediodía. Dei un pequeno paseo por alí e fun ao restaurante. Decidín comer algo e volver ao meu camarote, xa que non había moito máis que facer nun barco hospital que aínda non tiña pacientes.

Á mañá seguinte fun moi cedo ata as caldeiras para seguir coa rutina. Tardei en baixar porque tropecei nas escaleiras. Por sorte, nin Roger nin Ellenby estaban alí para dicirme nada. Ao chegar ao meu posto, atopei o ambiente moi tranquilo, como se  os fogueiros non tivesen forzas para traballar e tivesen diminuído o seu ritmo de traballo. Antes do mediodía veu Roger a saudar.

‒Todos traballan ben? Onte tiveches un día libre, non te queixarás, verdade? Que che parece o buque?

Todas aquelas preguntas confundíronme un pouco. Ía responder cando toda a sala tremeu coma se dun terremoto se tratase. Roger caeu ao chan e quedou malferido na cabeza, pero seguía vivo. Eu estaba asustado e confundido, ata que os fogueiros gritaron que había un burato enorme no casco. A auga entrou cunha forza enorme na sala, e en moi poucos segundos chegou a estar toda inundada. Collín a Roger por un brazo e intentei sacalo de alí, cando berrou:

‒Non! Cumpran as súas ordes! Deben seguir alimentando o buque ou morreremos todos aquí! Hai que chegar a terra! ‒respirou un pouco e dirixiuse a min–. Colla aquel teléfono fóra da sala e chame ao mando para nos daren as ordes máis pertinentes. Vamos, axiña!

Non dubidei nin un segundo, deixeino andar só e corrín ao teléfono. Dei todos os detalles do acontecido nas caldeiras. Entón foi cando respondeu Bartett:

‒Reláxese, as salas 5 e 6 son as únicas inundadas agora mesmo, podemos chegar a terra. Os fogueiros deben seguir traballando ‒a auga comezou a entrar máis rápido e a empuxar todo o persoal da sala para fóra‒. Escoite con atención: peche o mamparo estanco que divide a sala 5 da 6. Se logra pechalo, o barco deixará de afundirse.

A voz do capitán deixou de soar. Entre todo o balbordo daquela sala podíase distinguir o nivel da auga chegando á miña cadeira. Os fogueiros deixaron de meter carbón nos fogóns e fuxiron todos, aquela sala xa estaba condenada a desaparecer. Fun todo o rápido que puiden ata o mamparo de estanco. Puiden coller a asa do portón coa forza suficiente para pechala, entón foi cando o burato do casco se fixo aínda máis grande. Unha forza descomunal de auga salgada empuxoume cara a atrás mentres Roger berraba. Por un momento pensei que morrería alí. Puiden sacar a cabeza da auga e ver que xa case chegara ao teito. Ao carón de min estaba Roger, ou o que quedaba del; o impacto da auga causáralle moito dano, xa non estaba vivo. Asusteime. Logo, nadei ata as escaleiras e subín ata a cuberta D, onde estaba o meu camarote. Ao entrar, todo estaba revolto, o impacto fixera estragos e todos os mobles estaban tirados. Tiña demasiado apuro para coller as miñas cousas, non podía quedarme alí, a auga xa chegara ao meu camarote. Decidín pechar os ollos de boi  para que non entrase máis auga no buque. Vin un oficial de ponte correr polo corredor da cuberta.

‒Apresúrense para chegaren á cuberta de botes! E ti, que fas aquí? Colle un chaleco salvavidas e axuda as enfermeiras!

Non tiña ningún chaleco, mais por sorte encontrei un aboiando na auga do corredor. Logo, fun avisando a todo o mundo de que corresen cara a arriba, berrando entre os ruídos desagradables que facía o buque pola presión. A auga xa me chegara ata os xeonllos. Dei outra volta na mesma cuberta por se atopaba alguén, e así foi. Encontrei unha enfermeira que pedía axuda; tiña un pé atrancado na porta dun elevador. Collín unha panca e fixen ceder a porta. Ela, moi agradecida, decidiu presentarse.

‒O meu nome é Violet Jessop, e son enfermeira voluntaria deste gran buque que, desgraciadamente, corre a mesma sorte có seu irmán maior. Veña, hai que darse présa, non podemos quedar aquí.

Decidimos ir xuntos deica a superficie. Na cuberta C atopábanse algúns oficiais dirixindo enfermeiras á cuberta de botes. Atravesamos as multitudes ata chegar arriba de todo. Por fin podía respirar aire limpo e ver a claridade do sol.

‒Veña, non te durmas, temos que conseguir un bote.

A xente empuxábase entre si mentres intentabamos subir a un dos moitos botes que estaban listos para desembarcar. Estabamos xusto diante dun deles cando Ellenby apareceu de súpeto por atrás e gritou:

‒A onde cres que vas?! Primeiro os pasaxeiros, ponte a axudar inmediatamente!

Non tiven outra elección. Separeime de Jessop e preparei unha barca para evacuar. Axudei a entrar na barca algunhas enfermeiras, entre elas estaba Jessop. Mentres a barca baixaba, tamén se afastaba de min. Unha vez a barca pousaba nas frías augas do Exeo, puiden divisar ao lonxe unha barca na que se encontraba Bartlett, dirixindo a evacuación dende alí. Foi entón cando todo o buque tremeu. Moito persoal e provisións caeron á auga. Non puiden manter o equilibrio e caín. Foi un duro golpe o impacto do meu corpo coa auga, pero puiden resistilo e volver á superficie. Nadei ata a barca onde se atopaba Jessop. Subín á barca con poucas forzas  de meu.

‒Estás aquí! Menos mal, estaba moi preocupada.

Nesa mesma barca foi onde fun testemuña do verdadeiro terror. O Britannic batera contra o leito mariño do Exeo e o buque estaba levemente escorado: caixas, bolsas, aparellos e máquinas de cuberta caían á auga coma xoguetes. Momentos despois, deime conta de que o buque seguía en marcha, non sabía como, xa que as caldeiras estaban afundidas. En todo caso, a nosa barca era arrastrada pola corrente das hélices do barco. Tanto eu coma Jessop e as enfermeiras da barca demos un gran berro. Poucos segundos despois xa estabamos xusto diante das hélices de 22 toneladas a punto de triturarnos. Jessop reaccionou rápido e saltou da barca a tempo, nadando todo o rápido que puido ata chegar a outra barca. Eu fixen o mesmo, pero non puiden nadar tan rápido e as hélices succionáronme co resto das enfermeiras. Sentín como as hélices estaban a piques de triturarme, cando, coma un agasallo do ceo, apareceu Jessop debaixo da auga e deume a man.

O HMHS Britannic, afundiuse no canal de Ceos (mar Exeo) preto do seu destino. Porén, non transportou nin un só pasaxeiro. Este famoso transatlántico transformado en hospital correu a mesma sorte dos seus dous irmáns maiores, o Olympic en 1936 e o Titanic en 1912. O afundimento do Britannic foi pouco tráxico, xa que só faleceron 30 tripulantes dos 1.125 que había, mais este é un dos grandes misterios da navegación, porque, aínda que nesta historia ficticia aparece unha posible idea do acontecido nas caldeiras, ninguén sabe por que non se pechou o mamparo de estanco. A causa do impacto foi o submarino SM U-73, posesión dos alemáns, que colocaron minas subterráneas na travesía do buque, que só tardou 55 minutos en afundirse. Todos os personaxes son ficticios, excepto Bartlett e Jessop. O resto da tripulación foron modificados nos seus nomes, o cal os diferencia de personaxes históricos británicos, non todos no Britannic.

Charles A. Bartlett sobreviviu ao afundimento. Despois deste, transportou ao resto da tripulación que aínda estaba viva á illa de Kea ata que varios barcos os rescataron e levaron a porto. Logo da traxedia volveu a Waterloo, onde pasou o resto dos seus días e morreu coa idade de 76 anos.

Violet Jessop, coñecida como «Miss Inafundible», tamén sobreviviu ao afundimento. Era un gran personaxe histórico, xa que se lle deu este sobrenome por ser a única persoa que sobreviviu aos tres grandes naufraxios de comezos do século XX. Estivo no RMS Olympic cando colidiu co HMS Hawke, tamén no afundimento do RMS Titanic e no HMHS Britannic, sendo enfermeira voluntaria.

Do personaxe principal desta historia non sabemos o nome, xa que en ningún momento o di. Tampouco ten ningunha conversa con ninguén. É un personaxe totalmente ficticio, cuxos restos se atoparon onde xace o buque máis grande afundido e mellor conservado, e, agora, tamén na súa consciencia.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *