Mariñeiros en folga (anos 10)

A IMAXE COMENTADA
por MEMORIA DE SADA

Estas e moitas fotografías máis en
http://memoriadesada.com

Podemos ver en actitude de brazos caídos a estes mariñeiros, sentados nos aparellos de pesca e as lanchas varadas na praia das Delicias. É na década de 1910.

Nesta época o exemplo das loitas obreiras urbanas de finais do século  XIX, a consecución dos seus primeiros logros (como a xornada de oito horas ou o descanso dominical) e a introdución de mobilizacións de forte contido simbólico como a do primeiro de maio, foron un gran estímulo para os traballadores do mar.

Foi a época da expansión do sindicalismo mariñeiro na zona da Coruña e arredores.

Os axitados anos 10 estiveron marcados pola Primeira Guerra Mundial, polos motíns, polo encarecemento dos alimentos de primeira necesidade e pola Revolución Rusa; neste contexto o asociacionismo mariñeiro estendeuse con rapidez e forza inusitadas pola zona coruñesa.

En 1919 creouse en Sada a sociedade El Despertar de los Trabajadores del Mar. Esta primeira organización dos mariñeiros de Sada viña precedida pola creación, tres anos antes, da sociedade El Despertar del Obrero, que agrupaba a clase traballadora da Vila.

Estes anos foron clave na incorporación das mulleres ao sindicalismo obreiro. A súa actividade fíxose visible en numerosos motíns e manifestacións contra a carestía da vida, e posteriormente concretouse na creación de sociedades propias nos sectores onde eran maioría, e tamén na participación dalgunhas mulleres como oradoras en mitins obreiros.

No mundo do mar, a participación da muller nas loitas obreiras manifestouse coa incorporación de moitas traballadoras de conservas e de traballos auxiliares de pesca ao sindicalismo de clase.

A actitude revindicativa da xente do mar e a súa combatividade ao longo de numerosas folgas, serviu para introducir algo de xustiza nun mundo laboral ata a data pouco regulado e tremendamente duro e perigoso para os homes e mulleres que nel traballaban.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *