José Mª Montes

Notas biográficas

José María Montes, figura de relevancia no panorama político e literario galego do XIX, estivo profundamente ligado a Sada. Polo seu nacemento, pero tamén porque casou coa súa veciña Rita Arias Calviño, do pazo do Castro de Enriba, o que o levou a morar nesta casa –alternando residencia coa Coruña– durante boa parte da súa vida.

Estudante na Compostela dos anos 40, onde integra a Academia Literaria de Santiago, desenvolvería unha longa carreira como avogado. Nalgunha ocasión, a prensa comentaba a súa alocución de defensa dunha acusada salientando «algunas de sus partes matizadas de ese color poético que se descubre siempre en todo lo que brota de la fecunda imaginación del Sr. Montes»2.

As súas facetas como xornalista e como poeta son abordadas nas páxinas que seguen. No campo da dramaturxia, publicou dúas pezas en tres actos e en verso, a comedia Honor Gallego e o drama histórico Eric XIV, ambas na Coruña de 1862.

Desde moi novo, integrouse nos círculos liberais e provincialistas, que defendían a modernización e a descentralización do Estado. O seu progresismo derivaría nun ideario demócrata e republicano, presidindo, nos seus últimos anos, o comité coruñés do Partido Democrático Gubernamental. Interveu tamén na política municipal de Sada, ocupando o cargo de alcalde en varias ocasións desde os anos 60 ata a súa morte, acaecida no Castro o 29 de febreiro do 1892.

1 Para máis información acerca da biografía de Montes, vid. Pérez Lorenzo, M. (2011): «Nomes propios. José María Montes, un escritor esquecido», Areal. Revista Cultural de Sada, nº 2.

2 La Voz de Galicia, 01/08/1883.

«Paladín de la honra de Galicia» A obra xornalística de José Mª Montes

Manuel Pérez Lorenzo

Aínda que poida soar a tópico, podemos afirmar que José María Montes y Rouco é un home do seu tempo: un século XIX de profundas transformacións (máis no terreo político que no social) no que agroman correntes de pensamento caracterizadas pola fe no progreso, a confianza nun porvir mellor, en boa medida grazas aos avances técnicos e científicos. Ao longo do seu periplo vital, este home poliédrico puido contemplar o desenvolvemento da industrialización e o xurdimento do movemento obreiro, o progresivo desmantelamento do Antigo Réxime e a consolidación do liberalismo, a irrupción do ferrocarril, da teoría da evolución de Darwin ou da música de Wagner. Sobre as ruínas dun mundo vello, en Galicia representado pola decadente fidalguía dos pazos, da que el forma parte, vaise erguendo un mundo novo, e nese proceso participa con entusiasmo. «Todo tiende en nuestra época –afirma– a adquirir un carácter de movilidad extraordinaria, en consonancia con los portentosos adelantos que la distinguen tan marcadamente de las anteriores»1.

A súa obra escrita é produto dese tempo e das inquedanzas que o foron acompañando ao longo da súa vida. Probablemente sexa na súa creación en prosa onde mellor se advirte a natureza do seu pensamento. Ademais de cultivar o teatro e a poesía, José María Montes dedicou boa parte do seu tempo ao exercicio dunha actividade que andaba entón os seus primeiros pasos: o xornalismo. Colaborador habitual en multitude de cabeceiras desde os seus tempos de estudante en Compostela, tamén se encargou da dirección e da redacción dun bo feixe de xornais e revistas2.  

O oficio xornalístico

O labor xornalístico asumiuno como parte do seu compromiso coa sociedade. Nunha carta ao xornal El Gallego, de Pontevedra, expresábase ao respecto deste xeito: «Como en las crisis de vida o muerte para un pueblo, es la prensa quien hace oír sus lamentos, quien manifiesta las razones de sus quejas, y quien lanza un anatema sobre la frente de cuantos ocasionan su triste situación»3.

Produto deste traballo e deste xeito de entender o oficio é un bo número de textos. Os que temos recollido, pequena parte sen dúbida de todos os que saíron da súa pluma, preséntannos un xornalista que escribe fundamentalmente artigos de opinión –unha opinión explícita, nunca disfrazada– e de divulgación, redactados cun estilo coidado e elegante. Temos un bo exemplo nesta crónica dedicada ao complexo proceso que deu lugar á construción da praza de touros da Coruña. Malia recoñecer o seu potencial para «atraer más forasteros que dejarán […] pingües utilidades a la industria y comercio», non agocha a súa animadversión cara ao espectáculo taurino:

Respeto, como debo, toda idea que reporte beneficios a una población; pero también comprendo que debe procurarse con ese objeto seguir una senda que concilie los goces materiales con aquellos que afecten a la realización de las altas miras de la humanidad que, dejando a un lado rancios usos, se propone ensanchar la esfera de la inteligencia.4

Proseguía a súa crónica, non exenta de sentido do humor, cambiando de tema cun sarcástico «Entrando en el vasto palenque de la inteligencia, donde son nobles las aspiraciones y sublimes las luchas»… De feito, outro trazo que caracteriza unha parte da súa creación xornalística é o matiz humorístico e irónico. En 1852 promocionaba o periódico Eco de la Revista no seu prefacio do seguinte xeito:

miserables ocho reales cada tres meses se retornan al suscriptor en un semanario de variada lectura, buen papel, correcta y limpia impresión, como todas las obras de nuestra antigua respetable casa, comprendiendo el cartapacio trimestral 208 columnas, 8.320 renglones, 299.520 letras, que para quien sabe el trabajo que cuesta colocarlas una tras de otra es cosa de asombrarse de la paciencia y baratura.4

Alén do seu ton, máis severo ou máis xocoso, segundo o caso, a extensión dos textos de Montes tamén é variable, desde o artigo que ocupa un par de columnas ata os que se publican por entregas conformando verdadeiros ensaios. O que non muda nunca é a lingua: toda a súa produción está escrita en castelán, o cal, no que respecta á prosa, comparte cos demais autores da súa xeración. Á morte de Montes, o xornalismo en galego apenas iniciara a súa andaina. Porén, si defende a recuperación do uso da lingua como un dos elementos diferenciais de Galicia. Nun poema no que celebraba a estrea de A Fonte do Xuramento, primeira obra teatral en galego logo dunha paréntese de décadas, enxalzaba un idioma que «representa la historia / de mil renombrados hechos» e lanzaba un laio: «¿Cómo los galaicos pechos / Desdeñaron su memoria?»5.

En referencia á opción lingüística de Eduardo Pondal en Queixumes dos Pinos, atribuíaa á previsión do poeta de Ponteceso de que «llegaría un tiempo en el que, para enaltecer las glorias de Galicia, sería preciso entonarlas en su misma habla»6. Rexeitaba Montes os estigmas que padecía o galego, un idioma que «abunda en frases para las altas concepciones; pues error lamentable seria creerle solo apto para ideas rudas y groseras». O seu uso antollábaselle, ademais, «palanca poderosa» para o avance do rexionalismo.

O INTERESE POLO DESENVOLVEMENTO AGRARIO E A CUESTIÓN SOCIAL

A lectura da obra xornalística de Montes dinos moito acerca do seu autor, un home atento á actualidade local e internacional e cunha ampla formación, como se desprende das abundantes referencias literarias, filosóficas e científicas que incorpora. Un dos seus textos máis ambiciosos e de maior extensión é o estudo «De los pastos y praderas»7. De feito, se atendemos ao número de artigos que lle dedica, a agricultura e a gandería son os seus temas predilectos. Chama a atención acerca da necesidade de modernizalas e de erradicar vellas prácticas que non teñen soporte científico, maior aínda cando conforman un sector económico fundamental para Galicia nun momento no que a industrialización é aínda moi incipiente: «Es preciso que nos fijemos en que si la agricultura es la base más sólida de la prosperidad de los pueblos en toda la faz del globo, lo es más entre nosotros, donde a ella solo debemos el bienestar por menguado que sea»8.

A fin de contas, el, avogado de oficio, pertence a unha familia de propietarios agrarios que percibe cuantiosas rendas dos seus colonos, polo que se trata dunha realidade que coñece de primeira man. En boa medida, o atraso técnico e as malas praxes estarían relacionados, segundo el, con esta estrutura da propiedade que sitúa a terra en mans de señores que xa non viven no campo e, desde a cidade, a teñen desatendida. Lamenta o costume «de abandonar los dueños sus hogares rústicos, retirándose a las ciudades, y no yendo al campo sino con el exclusivo fin de recrearse sin promover mejoras de las que les resultaría mucho provecho, al paso que ofrecerían a los colonos ejemplos que tratarían de imitar»9.

Outras causas do atraso terían orixe na desatención por parte dos gobernos do Estado ou nun tratamento inaxeitado ás problemáticas do sector. As políticas agrarias aplícanse desde Madrid sen ter en conta as características particulares de Galicia:

Siempre que se elaboran proyectos de ese género hay que atemperarlos en la práctica a las diversas maneras en que se halla constituida la propiedad; supuesto que el loco empeño de establecer un molde único equivaldría a resucitar el lecho de Procusto. Huyamos siempre del funesto sistema de centralizar.10

Outra praxe perniciosa sería a usura, «principal cáncer roedor de la felicidad agrícola». El convida a «combatirlo con energía y constancia» para rematar coa «hediondez que producen el agio y el sórdido interés de gentes sin entrañas, conocidas por el gráfico nombre de hombres de negocios»11. Porén, ao que realmente dedica máis esforzos é a propoñer solucións: a creación de bancos agrícolas «con ramificaciones en los principales puntos de Galicia» para ofrecer financiamento a agricultores e gandeiros, a constitución de sociedades de socorros mutuos e asociacións de gandeiros, a mellora da alimentación do gando con criterios científicos, o cultivo de plantas forraxeiras para incrementar a produtividade da terra ou a sementeira de vides americanas para poder facer fronte á ameaza destrutiva da phyloxera. Con respecto a esta última cuestión, lembra Montes unha praga anterior, o oidium, de consecuencias devastadoras para a produción vinícola na súa comarca natal:

en la región de las Mariñas se colectaba abundante uva y alguna de un licor muy apetitoso distinguiéndose por una sustancia agri-dulce que tenía muchos apasionados.
Pasaron estos tiempos y una plaga de origen desconocido [...] fue paulatinamente matando ese elemento de bienestar para Galicia hasta el extremo 
de que los cosecheros tuvieron que renunciar forzosamente a el, convirtiendo los viñedos en terrenos destinados a cereales y otras plantaciones.12

Moitas das respostas aos problemas do sector pasan por instruír a poboación do rural13 para que desterren costumes como o de cazar de xeito sistemático determinadas especies de paxaros co fin de evitar que se alimenten dos cultivos. Isto repercutiría no incremento das poboacións de insectos, máis prexudiciais que as aves, afondando no problema que se pretendía evitar. Montes traslada, ademais, outra conclusión extraída das súas lecturas: «Destruyendo, pues, indistintamente todas las especies de animales, se origina una ruptura completa en el equilibrio natural, entre los seres del reino animal y los del reino vegetal»14. Sinala, con respecto aos animais, a necesidade do «estudio inteligente de sus costumbres, de su régimen alimenticio, de la protección que se les concede y de la destrucción que se les infiere».

Tamén dedica Montes un bo número de artigos a abordar cuestións sociais. Lamenta o contraste entre a opulencia na que viven uns e a pobreza dos «desvalidos»: «no dejamos de contemplar escenas de felicidad en las cuales figuran como actores seres afortunados mientras que otros gimen cruelmente entre la congoja de una existencia maldecida»15. Para ilustralo pon como exemplo un banquete ao que asistiron os Reis, e que a prensa describiu dando conta do luxo da decoración ou da vaixela. Porén, a realidade de moitas familias era outra ben diferente:

De todos los ángulos de la península se difunden descripciones de dolor y de quebranto por efecto de la escasez de subsistencias que se deja sentir  ahora más que nunca. Se nos habla de familias que, aguijoneadas por el hambre, abandonaron los hogares donde recibieron el primer ósculo maternal, lanzándose en busca de otras regiones en donde es siempre dudoso obtener una dicha que huye como un fantasma.

Noutro texto alude aos que «vegetan sin abrigo en los rigores del invierno mientras que otros gozan de una vida regalada a costa de la misma miseria que explotan por medio de la usura»16. A riqueza opulenta dos uns está na causa, pois, da pobreza dos moitos. Sinala tamén Montes a vía para que os máis «débiles» poidan mellorar as súas condicións de vida: «auxiliarse mutuamente buscando recíproco amparo en las instituciones que basadas en un lazo fraterno, suministran recursos a esas clases cuyos individuos no pueden soportar las graves cargas de la existencia»17. É dicir, a unión en asociacións obreiras, como os montepíos, para fornecerse apoio mutuo, achegando unha pequena cota e recibindo auxilio en caso de necesidade.

Na mesma liña, tamén centra a súa atención nunha fiscalidade moitas veces arbitraria, empregada polo caciquismo como ferramenta política. Critica que algunhas cargas, nomeadamente os consumos, non se estean a xestionar «de manera que los contribuyentes las satisfagan equitativamente con estricta proporción a sus haberes o mejor dicho a la respectiva posición social de que disfruten»18. Outro aspecto que lle preocupa, e que incide na calidade de vida das clases populares, é o urbanismo. Nunha serie de artigos titulada «Higiene de las habitaciones en Galicia» aborda a relación entre as características das vivendas e a salubridade19. Estuda o problema tanto no medio rural como no urbano, pois é coñecedor directo de ambos, dado que alterna a súa residencia entre A Coruña e O Castro. A súa análise das casas de labranza debuxa un panorama sórdido:

Las constituye un rectángulo, cuyo techo da vía libre a las variaciones atmosféricas. Sus lechos encerrados en una especie de alacenas, están próximos al hogar o contiguos a las cuadras del ganado. Puede decirse que, con pocas excepciones, es la cocina su único departamento interior, en la cual viven entre el humo denso exhalado por la verde leña; pues no hay más chimenea que unas aberturas practicadas en el tejado por donde no logra aquel una franca salida […]. Carecen de ventanas y si las hay en alguno de los pisos que se denominan «sobrados» son de tan exiguas dimensiones que dejan paso imperfecto a la ventilación.

Conclúe compadecéndose dun campesiñado «que, después de las faenas de un trabajo rudo, se retira a una choza donde no halla un ambiente puro que refresque sus cansadas fuerzas y vigorice su ánimo». Nas cidades, o valor do chan e o afán dos propietarios por lucrarse leva á construción de casas demasiado altas e estreitas, con patios interiores que «conspiran con sus fétidas emanaciones al gérmen permanente de las enfermedades epidémicas». Sería oportuno, afirma el, establecer regras ao respecto, aínda que isto implicase que as administracións se inmiscisen no ámbito individual, pero sabe que «solo el tiempo y los adelantos de la marcha civilizadora de los pueblos podrán conseguirlo un día». Adiántase o noso autor, a finais do século XIX, a algunha das chaves da ordenación urbanística do futuro.

Para Montes, son as institucións públicas as responsables dos males que, como neste último caso, aflixen as clases traballadoras, dado o difícil que é agardar a que se corrixan os abusos «entre gentes ignorantes». Precisamente por esa razón, noutros textos pon en valor a educación como factor de progreso20.

Pazo do Castro de Enriba, no que viviu e faleceu José María Montes MPL
 

VARIEDADE TEMÁTICA CON GALICIA COMO RAZÓN

Non se pecha aquí, nin moito menos, a esfera dos intereses do noso autor. Unha característica que se advirte con só botar unha ollada aos títulos dos seus artigos é a variedade das temáticas que aborda, desde os aspectos artísticos e estéticos aos económicos e científicos. Temas todos que converxen nunha teima transversal: a exaltación da personalidade de Galicia, a defensa dos seus intereses e o afán polo seu desenvolvemento en sentido amplo. Na carta citada aos  redactores de El Gallego, querendo poñelos como exemplo para a demais prensa do país, sinalábaos «como paladines de la honra de Galicia, como celosos mantenedores de sus intereses en cualquiera de sus ángulos a donde convenga llevar la luz de la inteligencia». Iso mesmo é o que se propón Montes. «Para Galicia pedimos sin descanso toda clase de mejoras», exclamaba nun dos seus textos21. Noutro expuña un problema ao que atribuía carácter global, pero advertía que «nosotros […] nos concretaremos como siempre al suelo de nuestra amada Galicia»22. O progreso do país como leit motiv.

Algúns dos aspectos que aborda están relacionados coas reformas político-administrativas propias dun momento no que se está a crear o Estado liberal. Montes saca á palestra a cuestión da división municipal, apostando pola súa racionalización, suprimindo concellos de escaso número de habitantes para poder dotalos de mellores servizos. Advirte, iso si, o perigo de que estes cambios conduzan a unha «centra-lización funesta», semellante á que enriquece as capitais dalgúns Estados «con los fondos del resto de la población»23. As dificultades na implantación do sistema métrico decimal sérvenlle para verter as súas críticas cara ao Partido Conservador, a quen atribúe a teima en «conservar cuanto adolece de un pasado rancio, en contraposición con los adelantos que por su esencia y forma tienden al progreso de los pueblos»24. Por outra parte, o deficitario sistema de comunicacións galego e o desleixo do goberno do Estado con respecto á súa conexión por ferrocarril lévao a concluír que, «tratándose de la paciente y sufrida Galicia todo debe presumirse siempre que sea contrario a sus legítimos intereses»25.

Na mesma liña de exaltación do progreso, estuda as sociedades mercantís como motores da civilización ao longo da historia. Esta análise lévao a plasmar a súa visión dos procesos colonizadores, en pleno auxe do imperialismo. Seguindo a tónica dominante na época, afirma que foron a conquista e a explotación dos pobos as que os «sacaron de las tinieblas de la ignorancia». Porén, é consciente de que non é o afán civilizador o que move as grandes metrópoles, senón unha xustificación ás súas ambicións materiais:

Abordaron a sus playas hombres desconocidos, sedientos de oro, que fueron a sepultarse en las entrañas de la tierra para sorber ese metal precioso en los fecundos veneros, que en su seno se escondían. Al pedir hospitalidades, revestían su rostro de cariño y de dulzura y eran melifluas sus palabras, no con el objeto de civilizar a los habitantes de aquellas playas ignotas, sino por que les era necesario cubrir  su faz con un engañoso velo para ocultar bajo sus pliegues la abrasadora sed de la codicia26.

Guiado polo seu espírito positivista e por esas mesmas ansias de progreso, José María Montes interesouse polo desenvolvemento técnico e científico. Os seus coñecementos meteorolóxicos lévarono a encargarse de redactar os prognósticos incluídos no Almanaque Gallego de R. Caruncho e R. Navarro para o ano 1882, «con arreglo al meridiano de la Coruña». Nese mesmo ano, advertía acerca da pertinencia de emprazar o instituto da Coruña no Caramanchón, por ser o lugar máis acaído para instalar nel un observatorio meteorolóxico: «Allí, avanzado sobre el Atlántico, se demostrarán con más verdad las presiones atmosféricas, los cambios de temperatura, las indicaciones del anemómetro, las alteraciones higrométricas, y el actinómetro y pluviómetro funcionarán con más regularidad»27. Tamén cultivou a divulgación científica. No Almanaque político y literario de Galicia para 1869, que editou o xornal El Herculino, publicaba unha «Gacetilla científica» na que informaba acerca do significado dos asteroides, do último eclipse solar ou dunha estatística inglesa que atribuía maiores taxas de mortalidade ás mulleres solteiras. Noutra colaboración, daba conta de dúas novidades: a aplicación da fotografía á meteoroloxía e un novo método de cremación cadavérica, que permitía reducir os cadáveres a cinzas en poucos minutos. Ante o presumible escepticismo arredor desta mellora, pretendía «convencer a las gentes de la utilidad de la reforma, demostrándoles que las emanaciones cadavéricas constituyen un verdadero veneno para los vivos»28.

La Lira, unha das publicacións que dirixiu Montes
Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
 

Poeta e dramaturgo, Montes dedicará tamén unha parte da súa produción xornalística á crítica literaria, á reflexión estética, á música, á didáctica da lingua (é autor dun Compendio de gramática castellana para las escuelas29)  ou mesmo ás disquisicións de carácter filolóxico30. De feito, un dos seus traballos máis voluminosos é o ensaio «Las artes en su relación con la naturaleza»31, no que aborda a evolución das diferentes disciplinas artísticas ao longo do tempo, a súa función con respecto ao ser humano e o seu necesario vínculo cos modelos que ofrece a natureza.

Desde a dirección de La Lira, «Periódico quincenal de literatura y música», promoverá a publicación de textos poéticos e partituras de autoras e autores coterráneos. Neste medio verá luz unha recensión do poemario Horas de inspiración, da súa veciña e amiga Emilia Calé, quen tamén repartía o seu tempo entre a capital herculina e as paraxes bucólicas de Osedo. O texto diríxese a Galicia, como suxeito colectivo conformado polo seu pobo, para pedirlle que, dado que foi «tan vilipendiada por mil inicuos detractores», pulverice as súas calumnias demostrando que sabe apreciar ofrendas como a que representa esta obra32.

Moito máis extenso é o traballo dedicado a analizar Queixumes dos Pinos, a ópera magna de Eduardo Pondal, un artigo que redacta gustoso porque con el contribúe a enxalzar as «glorias literarias de la patria de los celtas»33. Aproveita Montes para loar o emerxente movemento rexionalista, «vaticinio de una gran reforma social», e o cultivo literario do idioma propio. Ao mesmo tempo, amosa a súa crítica a correntes poéticas contemporáneas, ao «prosaísmo que tanto abunda en la época actual, bajo las poderosas corrientes de un realismo absurdo». A obra de Pondal, en todo caso, sérvelle para constatar o que para el é unha realidade:

Galicia, que fue un tiempo vilipendiada por los pedantes vocingleros que propagaban por doquiera la donosa y singular idea de que bajo su cielo no podían surgir los óptimos frutos de la inteligencia, recobró su perdido prestigio, [...] y sus detractores tuvieron que humillar su frente al reconocer que en su seno, si bien se ostentan las maravillas de la naturaleza, no relumbran menos en sus hijos las dotes morales ó intelectuales

A filosofía e a moral tamén foron obxecto do seu interese, pois que dedicou varias series de artigos a «Estudios morales»34 ou a «La perfectibilidad humana»35, procurando conciliar as súas fondas crenzas cristiás e o seu pensamento político progresista. Ademais, publicou, por entregas, unha tradución propia do ensaio Reflexiones morales e históricas según las máximas de la sabiduría, do xesuíta francés Jean-Baptiste Blanchard36.

CRONISTA DO SEU TEMPO E PRECURSOR DUN TEMPO NOVO

Capítulo aparte confórmano as crónicas nas que dá conta dos acontecementos de actualidade, sen renunciar por iso a manifestar a súa opinión con franqueza. Ademais das publicadas sen asinar na prensa do país, naqueles medios dos que era redactor, cómpre resaltar as súas «Cartas», que viron luz durante varios anos no semanario El Eco de Galicia, da Habana. Nelas pretendía poñer en contacto os emigrantes coa terra natal, trasladándolles «algo que les hable de su país adorado, en donde tienen fijo el corazón». De novo, Montes centraba os seus esforzos en enxalzar Galicia, en informar acerca das novidades en clave de progreso e denunciando os obstáculos ao seu desenvolvemento. Facíao baixo a premisa de que os seus lectores

gozarán sin medida en la lectura de cualquiera mejora que enaltezca a su país ante los ojos de la Nación hispana, viendo así disipada la negra fatalidad que le abruma, cuando por su situación geográfica, la densidad de su población y cultura de sus habitantes debiera figurar en primer término en la Península.37

A construción do instituto da Coruña ou do manicomio de Conxo, a inauguración da vía férrea do Noroeste, a creación da sociedade Folcklore Gallego… son algúns dos aspectos nos que pon o seu foco, o que nos dá idea da natureza dos seus intereses.

* * *

A través do seu quefacer como xornalista, Montes emprende un labor cívico coa confianza posta no futuro, coa determinación de abrir e apurar o camiño que indefectiblemente ha conducir ao porvir anhelado: «si el astro de esperanza que se columbra en el horizonte ha de llegar magnífico al máximo punto de su culminación, debemos disipar las nubes del cielo en que fulgura»38. A ese porvir pretende que se incorpore unha Galicia que conta con todas as condicións propicias para o seu desenvolvemento e a conquista da felicidade dos seus habitantes. Para iso, resulta imprescindible que estes últimos asuman a súa galeguidade con orgullo, e a ese fin dirixe tamén o poeta de Osedo o seu traballo como xornalista, como paladín «de la honra de Galicia», nun momento no que os albores da prensa coinciden cos do galeguismo. José Mª Montes representa, precisamente, a convivencia de ambos os procesos cando están a iniciar o seu camiño.

1 «Espíritu civilizador de las sociedades mercantiles», Galicia Recreativa, 22/11/1891.

2 Na Coruña foi director, redactor ou ambas as cousas do diario El Brigantino, con Benito Vicetto, da revista La Lira, do Diario de Anuncios y Noticias de La Coruña, de La Correspondencia de Galicia, xunto a Froilán Salazar, ou dos xornais liberais-demócratas El Comercio Gallego e El Noroeste, nestes últimos a carón do seu veciño e parente Joaquín Castro Arias. Desempeñou tamén o oficio de correspondente en publicacións como El Eco de Galicia, da Habana.

3 El Gallego, 31/01/1863.

4 «Carta de Galicia», El Eco de Galicia (A Habana), 27/01/1884.

4 «Prefacio», Eco de la Revista, 18/07/1852.

5«Galicia. Su dialecto», El Eco de Galicia (A Habana), 15/10/1882.

6 «Queixumes dos pinos por Eduardo Pondal», Galicia: Revista Regional, 06/1887.

7 Publicado en alomenos quince entregas en Las Mariñas (Betan-zos) a partir de outubro de 1887 e conservado parcialmente.

8 «Agricultura», El Diario de Lugo, 04/10/1884.

9 «Explotaciones agrícolas», El Correo Gallego, 18/03/1880.

10 «Explotaciones agrícolas», El Telegrama, 22/03/1880.

11 «Agricultura», El Diario de Lugo, 04/10/1884.

12 «Vides americanas», El Correo Gallego, 30/04/1880.

13 «Explotaciones agrícolas», El Correo Gallego, 18/03/1880.

14 «Los pájaros y los insectos», Galicia Recreativa, 23/05/1891.

15 «Contrastes», El Correo Gallego, 19/02/1880.

16 «Carta de Galicia», El Eco de Galicia (A Habana), 14/03/1886.

17 «Monte-Pío comercial», El Correo Gallego, 01/05/1880.

18 «Los repartos de consumos», El Correo Gallego, 30/03/1880.

19 Galicia Recreativa, 20/07/1891, 01/08/1891 e 20/08/1891.

20 «Instrucción del pueblo», El Despertador, 10/11/1867.

21 Id.

22 «Higiene de las habitaciones de Galicia», Galicia Recreativa, 20/07/1891.

23 «División municipal», El Correo Gallego, 12/06/1880.

24 «Sistema métrico decimal», El Correo Gallego, 27/10/1880.

25 «Ferro-carril del Noroeste», El Correo Gallego, 13/05/1880.

26 «Espíritu civilizador de las sociedades mercantiles», Galicia Recreativa, 08/11/1891.

27 «Correspondencia de Galicia», El Eco de Galicia (A Habana), 19/11/1882.

28 «Crónica Científica», El Regional, 11/10/1888.

29 Miranda Suárez de Puga, R. (1878): Crónica de la exposición local celebrada en la Coruña en 1878, Establecimiento tipográfico de V. Abad, A Coruña: 126.

30 Por exemplo, no ensaio «Leístas y Loístas» (Galicia: Revista Regional, 01/1887 e 03/1887).

31 Gaceta de Galicia, 21/07/1880 e ss.

32 «Emilia Calé y Torres de Quintero. Horas de inspiración», La Lira, 30/06/1875.

33 «Queixumes dos pinos por Eduardo Pondal», Galicia: Revista Regional, 06/1887.

34 La Lira, 24/02/1875 e ss.

35 Galicia Recreativa, 07/05/1890 e 20/05/1890.

36 Revista Compostelana, 16/07/1877 e ss.

37 «Carta de Galicia», El Eco de Galicia (A Habana), 18/03/1883.

38 «Contrastes», El Correo Gallego, 19/02/1880.

José María Montes: poeta entre dous mundos

Rubén Anido Regueiro

Lingua e sistema literario

Desde hai xa algún tempo, a adscrición dun autor a un sistema literario ou outro vén determinada pola utilización dunha lingua determinada. Porén, a grande maioría dos escritores galegos desde os inicios da recuperación no século XIX até o día de hoxe teñen unha tendencia moi marcada a empregar as dúas linguas, en proporcións moi variábeis. Referímonos, claro é, aos autores que empregan o galego dunha maneira máis ou menos destacábel, pois, como é cousa sabida, hainos que non escribiron ningún texto na lingua natural do país.

Outra cuestión, de feitío diferente, é a de natureza temática; os máis dos autores galegos que tradicionalmente escribiron en castelán nunca se arredaron de todo da realidade galega, dun xeito ou doutro, e en moitos casos o emprego do castelán veu dado por una cuestión de promoción editorial, fundamentalmente. Cómpre ter en conta que durante moito tempo ‒poñamos que até ben entrado o século XX‒ escribir en galego supoñía un traballo nas marxes do panorama literario, reflexo evidente da propia situación da lingua. O labor realizado a partir do primeiro cuarto do século pasado e até a actualidade foi un traballo enorme por crear un sistema literario propio co seu canon correspondente, esforzo que tamén se encamiñou a superar unha das grandes rémoras para o desenvolvemento da literatura galega contemporánea: o folclorismo.

En consecuencia con todo isto, o título deste traballo ten a ver precisamente cunha realidade de índole non só literaria senón sociolóxica tan sumamente interesante ‒e por veces problemática‒ como é a adscrición de moitos autores a un sistema literario ou outro. Neste sentido, a obra de José María Montes, pertencendo á literatura española do seu tempo por cuestión estritamente lingüística, describe unha realidade máis ou menos apegada á súa terra de nacenza, e a ela se debe en moi boa medida, nun momento en que o sistema literario galego estaba aínda a se erguer con enormes e non sempre ben recoñecidos esforzos1.

Un poeta nado na parroquia de Osedo

Polo sinalado anteriormente, e polo seu tratamento practicamente nulo nas historias da literatura galega2, José María Montes é un autor que quedaría fóra do sistema literario do seu tempo, a pesar da súa relación estreita coa súa realidade máis inmediata. Por data de nacemento, ideoloxía e principios estéticos, pertencería ao grupo dos precursores do Rexurdimento, isto é, autores anteriores a Rosalía de Castro cuxa produción literaria se desenvolveu durante o reinado de Isabel II (1833-1868). Trátase, en liñas xerais, de autores con grande interese desde o punto de vista histórico ou historiográfico e de menor relevancia no tocante á calidade dos seus textos, isto último xustificábel por se tratar de auténticos pioneiros que procuraron, dun xeito ou doutro, erguer o edificio do idioma escrito3. Ou dito con outras palabras, son lembrados hoxe máis pola lingua en que escribiron e polo seu particular ideario que polas súas conquistas de orde estético.

José María Montes, como tantos outros escritores da súa época, viu na prensa un soporte de grande interese para a manifestación das súas ideas e das súas inquedanzas. A súa obra literaria, pola súa parte, ten, ao noso ver, unha finalidade diferente, se ben, como veremos, hai textos líricos en que se pode ver a preocupación polo momento histórico e polos problemas materiais e/ou sociais do tempo. Dicimos finalidade diferente porque José María Montes empregou, no caso concreto da lírica, materiais literarios moi diversos que dalgún xeito complementan as súas inquedanzas, e non é raro atopar textos que non van máis aló de certo pintoresquismo romántico con ecos moi claros de autores ben asimilados, tanto anteriores como contemporáneos. Asemade, tamén está presente a preocupación relixiosa, a reflexión sobre o paso do tempo, a vontade máis ou menos moralizante das fábulas
‒moi valoradas no século XVIII español por toda clase de lectores‒ ou o poema cuxa finalidade é o encomio ou a elexía4.

A produción lírica: principais núcleos temáticos5

Poesía amorosa e galante

Non se pode entender a lírica de Montes sen mencionar a poesía amorosa e galante, moi na liña da lírica de corte romántico. Trátase de composicións dedicadas a un sentimento ou a unha persoa, sempre dunha maneira delicada e moi convencional. Así, por exemplo, no poema «A María», o suxeito lírico diríxese a unha presenza feminina sen practicamente contornos, tal se se tratase dunha idea, e a partir de aí aparece ante o lector todo un conxunto de sentimentos, entre os cales destaca o paso do tempo na dualidade entre tempo pasado ‒convenientemente mitificado‒ e o tempo presente ‒cheo de coitas.‒ Non perdamos de vista que se trata dun poema escrito por un poeta que aínda non cumpriu os vinte anos de idade:

¿Donde van, donde van, pobre María,

las gracias que tu rostro sonrosaron,

cuando mis ojos ávidos un día,

i enchidos de placer los contemplaron?

¿Dónde van, dónde van? El alma mía

los ensueños también abandonaron,

que un tiempo con sus plácidas caricias

a un tiempo la elevaron de ledicias.6

O amor e o desamor, entendidos como as dúas caras dunha moeda, tamén están presentes no poeta, tal como se pode ver na seguinte mostra do poema intitulado «Ayer y hoy»:

¡Ah! ¡No pretendas descorrer el velo

que oculta el mal de un corazón herido!

¿A qué bajar de la región del cielo

a oír del trovador solo un gemido?7

A raíz romántica dos textos é indubidábel, e cremos que o autor soubo ler con habilidade suficiente as claves máis sobresalientes dos autores contemporáneos, entre os que destaca, ao noso ver, Espronceda, Pastor Díaz ou Zorrilla, sen esquecer a un autor como Bécquer, posterior a aqueloutros. A poesía amorosa foi cultivada por Montes ao longo da súa vida manexando moi poucas variantes temáticas e tamén formais, como se o autor se sentise cómodo nos mesmos moldes artísticos ao longo da súa produción e non mostrase moito interese en probar outros camiños.

Ao lado destes poemas hai outros tan convencionais como os que vimos de sinalar, caracterizados polo seu ton eminentemente galante cuxo obxecto é mostrar as bondades dunha muller en particular mais sen asomo de sentimento amoroso. Son poemas sinxelos, escritos en verso de arte menor, como o seguinte, sen deixar nunca a rima consonante, á que Montes había ter moita estima:

¿Por qué la mañana

tan linda se ostenta?

¿Por qué se presenta

tan fúlgido el sol?

¿Por qué la campiña

se viste de flores,

de vivos colores,

de hermoso arrebol?8

Repárese na presenza da natureza, propicia sempre ao amor, aínda que no texto o feitío deste amor é ambiguo por canto non se sabe a quen se dirixe o autor, pois non sabemos quen está detrás da «A» da dedicatoria. Este artificio, tan socorrido, agocha unha presenza feminina que en Montes vai desde a nena até a muller. Tamén hai ocasións, numerosas por certo, en que a mención do nome propio pode funcionar a modo de confidente poemático da expresión de sentimentos profundos consubstanciais á natureza humana. Un exemplo témolo no seguinte soneto, intitulado «La flor del sentimiento»:

Hay una flor, Elisa, en nuestra vida,

que en la primera aurora se presenta,

y al par que galas sin igual ostenta,

de abrojos se contempla guarnecida.

En nuestro seno su raíz se anida,

horas de gozo y de amargura cruenta,

que veces mil del llanto se alimenta,

de mil diversos males combatida.

Cual su tesoro lo custodia el hombre,

en ella están su dicha y su tormento,

no existe flor que su belleza asombre.

De esa flor que es tu gloria y tu contento,

¿sabes decirme el misterioso nombre?

Esa flor… ¡Es la flor del sentimiento!9

Polo regular, os poemas galantes, sexan da época que sexan, teñen unha tonalidade de sentimento que procura a sinceridade a través da poetización de cousas aparentemente sinxelas, con frecuencia relacionadas coa natureza arriba mencionada. No seguinte texto, a muller prefire a beleza dun simple ramo de flores ás alfaias máis exquisitas para, ao remate, o poeta declarar o seguinte, en perfecto lugar común da tradición romántica ou tardorromántica:

Mas, entanto que a porfía

ostentan su lozanía

¡ay! las mías son abrojos

que fecundo noche y día

con el llanto de mis ojos.10

Poesía encomiástica

Entendemos por poesía encomiástica poemas que tratan de enxalzar certas figuras en principio próximas ao autor. Son eloxios dirixidos a persoas concretas, con frecuencia idealizadas a través dun tratamento literario que segue as liñas propias da estética tan querida ao poeta e coas que este se sente en débeda. Así mesmo, nestes encomios caben tamén lugares aos que Montes tiña algún tipo de querenza, lugares, por outra parte, perfectamente coñecidos por el.

Entre o primeiro grupo de textos destacan os dirixidos a autores concretos, como é o caso do dedicado a Calderón de la Barca con motivo do segundo centenario do seu pasamento:

¡Oh, Calderón! En la española escena

tu gloria vive inmaculada y pura,

y en tan preclaro día de ventura

tu nombre ilustre donde quier resuena.

Tu patria de placer hoy se enagena

y con fervientes votos asegura

que tu recuerdo eternamente dura,

que a tu nación ensalza, al mundo llena.

Tú, como el sol de nítidos destellos

al coronar la cúspide del monte

eclipsa las magníficas estrellas,

De tu brillante genio rayos bellos

dorando de la Iberia el horizonte,

mataron de otros genios las centellas.11

Así mesmo, Montes tamén realiza unha apoloxía da figura de Miguel de Cervantes, nun texto en que se lamenta da incomprensión de que a obra deste autor era obxecto. Poderiamos dicir que se trata dun poema con certo ton social, pois sérvelle ao poeta para denunciar a ignorancia e a incultura, e faino realizando unha evocación do busto do escritor de Alcalá de Henares situado na cidade de Santiago de Compostela. Aínda que entre o soneto dedicado a Cervantes e o dedicado a Calderón hai unha diferenza de trinta anos, as liñas estéticas e formais máis sobresalientes son practicamente idénticas á hora de construír ambos os textos, máis alá de cuestións estruturais:

¿A que arrugaste así la adusta frente

que con sus lauros conoció la fama?

¿La trompa acaso del combate inflama

con su guerrero son, tu pecho ardiente?

No… que a tus plantas bullidora gente

miras cruzar… si un corazón te llama

y en su entusiasmo tu renombre aclama,

otros mil te desprecian neciamente.

Porque no ven en ti, genio elevado,

más que un inmoble busto, no te admiran

como al sol más espléndido y dorado

de cuantos soles en el mundo giran…

Como su pecho es vil y desdichado

por eso solo con desdén te miran.12

A figura da heroína coruñesa María Pita tamén cabe entre as preferencias de Montes, que non dubida en lle dedicar un longo poema con motivo do aniversario dos feitos de 1589. Reparemos na derradeira estrofa:

Como el astro mejor del firmamento

brillarás en los fastos de Galicia

y en este día de placer sin cuento

que siempre con delicia

feliz recuerda el pueblo brigantino,

oirás de sus ardientes trovadores

el cántico divino,

al deponer en tu sepulcro flores,

al celebrar de tu esforzado aliento

la singular proeza y valentía

que serán de los siglos el portento

y eterno lauro de la patria mía.13

Ao noso ver, un dos poemas máis notábeis do autor é o dedicado a Alfonso XII. Tratado por Montes como «huésped augusto», o monarca visitou a cidade compostelá o 25 de xullo de 1877 nunha manobra do cardeal Payá para tratar de revitalizar o Camiño de Santiago e a tradición xacobea, sumida nunha crise desde moito tempo atrás. A presenza do rei foi, en consecuencia, todo un acontecemento, e Montes realiza un texto no que aproveita para facer unha loanza de Galiza enteira cun grao de idealización que non soa, ao noso ver, impostado. A utilización do verso dodecasílabo outórgalle ao texto un grao de solemnidade e elegancia moi acorde co asunto tratado:

Verás una tierra del cielo bendita,

por él revestida de hechizos sin par;

la riegan las aguas de fértiles ríos

y lame sus costas magnífico el mar.14

As paisaxes natais son evocadas con demora e todo luxo de detalles en textos que se poden inscribir na mellor tradición paisaxística, en retratos cheos de vida, como é o caso do poema intitulado «Las Mariñas», aparecido na publicación homónima da que Montes era colaborador:

Tierra de amor, de luz y de armonía,

en cuyo ambiente plácido y sereno

abrí los ojos al fulgor del día,

por vez primera respiré en tu seno15

Así mesmo, a Santiago de Compostela dedícalle unha oda na que se deixa ver a influencia que esta cidade ten deixado no ánimo do poeta:

¡Recuerdo, sí, las horas,

que tan veloces para mí corrieron,

cuando eran seductoras!

¡Ay! ¡Que tan lentas otras veces fueron

mi pecho al lastimar desgarradoras!16

Poesía elexíaca

A elexía é un subxénero lírico que ten orixe na antiga Grecia e que tiña como finalidade enxalzar a gloria e os méritos dun personaxe finado recentemente17. A súa tradición chega até hoxe e ten moita relevancia no século XIX. Porén, cómpre ter en conta que unha cousa é unha elexía e outra o ton elexíaco que dun texto se poida desprender. Isto último está moi presente en boa parte da obra de José María Montes, isto é, ao longo da súa obra lírica pódese percibir unha ollada melancólica por veces moi enfática arredor do sentido da existencia e da fugacidade da vida e da beleza. Neste sentido, como noutros moitos, o autor nado na parroquia de Osedo é perfectamente tradicional. Mais, quizais o que resulte até certo punto sorprendente é a presenza de elexías case domésticas, dedicadas a persoas case anónimas cuxa ausencia puidera ter mancado a sensibilidade do autor. Hai un poema, intitulado «A la memoria de la niña M.», que chama a atención pola dor que traspasa os propios versos:

Pasaste como ráfaga apacible

de brisa que frescura

al campo da y placer.

Trocado aquel en un desierto horrible

ya nunca su hermosura

habrá de florecer.18

Un poema certamente destacábel é o dedicado á memoria do poeta viveirense Nicomedes Pastor Díaz. Montes mostra un pranto moi sentido polo autor, tan celebrado na literatura española da época e co que se sente en débeda non só el senón toda Galiza. O emprego da silva como molde métrico procura, ao noso ver, un compromiso entre elegancia formal e certa espontaneidade no reflexo dos sentimentos, na liña da mellor lírica do Século de Ouro español:

¿Y, ha sido de Galicia

la joya, el ornamento,

su dicha toda, su mayor delicia,

el trovador que en funeral lamento

así Galicia inconsolable llora?19

Con todo, dentro dos textos abertamente elexíacos, hai un que merece especialmente a nosa atención. Dedicado a Rosalía de Castro con motivo do cuarto aniversario do seu falecemento, Montes manexa todos os resortes da tradición literaria para mostrar un poema moi sentido con todos os lugares comúns esperábeis neste tipo de composicións. O emprego do encabalgamento incide no sentimento de recente perda da poeta:

¡Lágrimas mías! ¿Dónde estáis? ¿Acaso

no queréis publicar al mundo entero

este dolor agudo y duradero

que martiriza el alma?

¡Oh! Brote ya de mis turbados ojos

el ardoroso llanto

signo seguro de perdida calma,

que el orbe solo abrojos

puede ofrecer a mi letal quebranto.20

Poesía relixiosa

José María Montes non esquece ao longo da súa produción lírica o tema relixioso, polo que sentía unha especial sensibilidade a pesar de non se tratar das súas composicións máis numerosas. Home liberal de pensamento, entendemos que a educación relixiosa do autor mantén un grande peso ao longo de toda a súa vida, e isto queda reflectido en diferentes poemas que cómpre lembrar como, por exemplo, «A la Virgen de los Dolores», escrito en octavillas:

Virgen mía, ¿de qué sirve

que marchiten los dolores

de tus mejillas las flores

de tus labios el coral?

¿De qué sirven que demuestren

por do quiera tus lamentos

las congojas, los tormentos,

que te cercan en tu mal?21

O autor mesmo escribe unha oda que leva por título «A la religión» cuxo desenvolvemento reflicte a presenza de crenzas moi íntimas e arraigadas:

¡Oh, Dios! ¡Y quien pudiera

pulsar las cuerdas de sagrada lira

para ensalzar siquiera

un rayo de esa luz que en ti se mira

por la que siempre el corazón suspira!22

Poesía satírica e de preocupación social

A poesía social enténdese como unha reacción ante a realidade inmediata e os conflitos derivados desta. O poeta, home dun tempo e dun espazo concretos, non só observa esa realidade circundante, senón que a analiza e procura transformala nun exercicio de estética ao servizo dunha sociedade determinada. Aínda que os poemas de José María Montes pertencentes a este grupo non son moi importantes en número, si o son no seu significado, e poden servir de mostra para coñecermos un pouco mellor o pensamento e inquedanzas do artista.

Cando se trata de criticar vicios dun individuo ou da sociedade no seu conxunto, Montes  mostra ter cualidades aprendidas, coidamos, nas letrillas clásicas do Século de Ouro e, en xeral, na literatura satírica de todo tempo. Para sermos concretos, hai un texto, intitulado «El usurero», no que o poeta critica a figura do home que vive por e para o diñeiro coa conseguinte influencia negativa entre os seus semellantes. No texto, o autor, moi atinadamente, consegue un retrato perfectamente deshumanizado:

Cuerpo sin alma y escoria

de la humana Sociedad,

¿quién puede cantar tu gloria?

¿Quién puede alzar en verdad

un monumento a tu historia?23

Outros textos, pola súa parte, pretenden ser un recordo de grandes feitos colectivos do pasado, como o dedicado aos Mártires de Carral, episodio do que o propio Montes puido ter sido testemuña por idade. Dita homenaxe faina, como soe ser habitual nel, empregando a forma clásica do soneto, no que destacan os endecasílabos enfáticos e a interrogación retórica ben manexada. Repárese no ton melancólico que se desprende dos versos:

Hondo recuerdo que en la mente dura

hoy torna a revivir con mil albores,

pintando con fatídicos colores

de infortunados héroes la amargura.

Llenos de fe, de amor y de bravura,

volaran de su patria a los clamores,

y el despotismo vil con sus horrores,

les trajo eterno luto y desventura.

¿De qué valió en su pecho enardecido

el grito del honor que en él sintieron,

si estéril su arrogancia al fin ha sido?

Lidiaron por ser libres y cayeron

de la traición al golpe fementido…

y ejemplo ilustre de valor nos dieron.24

As preocupacións sociais de Montes tamén o levaron, aínda que moi episodicamente, a defender a lingua galega, na que non se decidiu a escribir. Aínda que pode resultar difícil de entender hoxe en día, o feito de escribir soamente en castelán durante boa parte do século XIX non tiña por que implicar necesariamente menosprezo ou desinterese polo idioma nin nada semellante. De feito, hai un texto intitulado «Galicia, su dialecto» que foi dedicado a Francisco María de la Iglesia, un dos máis sobranceiros defensores do idioma no último cuarto do século XIX. O poema vén a conto da estrea da obra intitulada A fonte do xuramento, e data de 1882. Reparemos na estrofa final:

¡Gallegos! En nuestra vida

no tuvimos nunca mengua,

que es su honra sin medida…

Tenemos la frente erguida…

¡Y olvidamos nuestra lengua!25

Conclusións

Volvendo ao epígrafe inicial deste traballo, insistimos na presenza na prensa periódica do século XIX dun José María Montes que non parece encaixar no canon da literatura española como tampouco o fai na galega pola cuestión idiomática. Poeta entre estes dous mundos, ten unha produción, porén, de interese pola variedade dos temas empregados, pola súa habelencia á hora de manexar metros moi desemellantes con acerto ‒desde o romancillo ou a redondilla até o soneto co ritmo ben pautado‒ e pola boa asimilación dunha vasta tradición literaria que vai desde os primeiros textos coñecidos da nosa tradición occidental até os autores contemporáneos. A súa vontade creadora reflíctese sobre todo nos poemas de ocasión, dedicados a persoas próximas ou a sentimentos de perda ou de celebración, e os moi variados rexistros empregados na súa lírica, que van desde unha fonda melancolía até a emoción ante a natureza ou o amor, merecen, no seu conxunto, unha segunda oportunidade no momento actual, máis aló do ámbito doméstico ou local.

Bibliografía

Carballo Calero, Ricardo (1981). Historia da literatura galega contemporánea, Vigo, Galaxia.

Pérez Lorenzo, Manuel (2011). «José María Montes: un escritor esquecido», Areal nº 2, pp. 12-16.

Tarrío Varela, Anxo (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica, Vigo, Xerais.

Gutiérrez Izquierdo, Ramón (2000). Lecturas de nós. Introducción á literatura galega, Vigo, Xerais.

Shaw, D.L. (1984). Historia de la literatura española. Siglo XIX, Barcelona, Ariel.

Non debemos esquecer que nos autores nados no primeiro cuarto do século XIX o emprego do castelán é maioritario en todos os ámbitos, mesmo na lírica ‒véxase, a este respecto, a figura de Nicomedes Pastor Díaz‒, e isto é explicábel por moitas razóns: a alfabetización en español, o escasísimo cultivo do galego e, tamén, a dificultade para publicar na lingua do país nun contexto de prexuízos cara á escrita do noso idioma.

2 E tamén na española, onde o noso poeta non ten presenza.

3 Cómpre ter en conta que estes autores descoñecían completamente a importante produción literaria medieval, como tamén a descoñecería a propia Rosalía. Todos eles teñen o convencemento de estaren a escribir nunha lingua con nula tradición literaria.

4 Por diferentes razóns, non consideramos moi xustificado realizar neste traballo unha análise máis ou menos detallada do opúsculo intitulado Imitación de las lamentaciones de Jeremías (1861). Tan só diremos que Montes trata aquí un tema bíblico como é a destrución de Xerusalén tras ter caído en mans de Nabucodonosor II no 587 a.C. Trátase dun texto dialogado que, na nosa opinión e a pesar dalgúns méritos estéticos indubidábeis, non conseguiu superar a barreira do tempo, isto é, o seu interese é hoxe moi relativo ou simplemente residual.

5 Á hora de reproducir os textos do autor leváronse a cabo pequenas modificacións relacionadas basicamente coa ortografía e a acentuación, todas elas de moi escaso releve. Cremos que ditas modificacións son necesarias por canto facilitan a lectura do texto.

6 El Recreo Compostelano, 11 de xaneiro de 1842.

7 La semana literaria, 21 de febreiro de 1879.

8 Diario de avisos de La Coruña, 23 de agosto de 1888.

9 Revista galaica, 30 de xullo de 1874.

10 Diario de avisos de La Coruña, 15 de xaneiro de 1888.

11 El diario de Lugo, 25 de maio de 1881.

12 El recreo compostelano, 11 de abril de 1842.

13 El telegrama, 2 de julio de 1884.

14 Revista compostelana, 24 de agosto de 1877.

15 Las Mariñas, 14 de agosto de 1886.

16 Galicia. Revista universal de este reino, decembro 1860.

17 Neste traballo distinguimos o encomio da elexía, precisamente, pola distancia temporal co persoeiro falecido. Queremos dicir que o encomio é dirixido a autores ou personalidades moi arredadas do tempo de José María Montes (no caso concreto de Calderón, Cervantes ou María Pita) en tanto que nas elexías o tempo transcorrido desde a perda é máis ou menos recente (por exemplo, os poemas dedicados a Nicomedes Pastor Díaz ou a Rosalía que comentamos neste apartado).

18 La semana literaria, 8 de maio de 1879. Cómpre salientar que na produción lírica de Montes hai un feixe de poemas dedicados precisamente a persoas falecidas a idade moi temperá, como é o caso de «A la muerte de la niña Marina Rodríguez Santamarina y Carré», «A la memoria de una niña» ou «A la memoria del malogrado joven Nicolás Mañeru y González».

19 El eco de Galicia, 7 de setembro de 1884.

20 Diario de avisos de La Coruña, 24 de marzo de 1889.

21 Galicia recreativa, 1 de abril de 1891.

22 Galicia. Revista universal de este reino, 15 de agosto de 1861.

23 Diario de avisos de La Coruña, 24 de mayo de 1891.

24 El gallego. Periódico semanal, Buenos Aires, 1879.

25 El eco de Galicia, 15 de xaneiro de 1882.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará