Beatriz Maceda Abeleira
Este 7 de marzo do 2022, desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega, a elixida como a Nosa Señora das Letras foi a autora Luísa Villalta, facendo coincidir esta data co aniversario do seu enterro.
Sobran razóns para que o Día das Galegas nas Letras, que sempre celebramos o 15 de agosto, neste ano se dedique a Luísa Villalta. A autora cultivou todos os xéneros literarios, recuperou a dramaturxia para a lingua galega. Sempre estivo no lugar preciso e coa palabra precisa para defender a lingua e a cultura de noso.
Formou parte, xunto con Xela Arias, dese grupo de autoras que abriron novas xanelas á experimentación na escrita, cunha nova estética e unha visión rompedora. Ela, xunto coas súas compañeiras, crearon o cerne da actual poesía galega.
Na súa escrita rexeita o concepto de clase e pon no centro da súa obra a personaxes marxinais. Así, a creación pasa ao cotián, sacando o violín á rúa, e amplía a base receptora de cultura a todos os estratos sociais.
Poeta, ensaísta, dramaturga, violinista e unha muller comprometida coa lingua, coa cultura, con Galiza, así se refería sempre que falaba da nosa terra. É importante o seu labor como docente. Estudou Filoloxía Hispánica e Galego-portuguesa nuns anos difíciles para realizar os estudos de Filoloxía Galega, sendo das primeiras docentes de Lingua e Literatura Galegas. Impartiu aulas no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, no que formou xeracións de alumnos e alumnas ás que transmitiu a paixón e o compromiso pola nosa lingua. Nesta labor como docente participou no proceso de defensa da lingua e da muller, e fíxoo desde o punto de vista da nosa cultura.
Na obra de Luísa Villalta, o eu poético pasa a ser un eu feminino. Isto quere dicir que as mulleres non só son elementos a idealizar, son suxeitos activos e creativos, que ollan ao seu carón desde a sororidade. Ela cre no traballo colectivo, na forza da unión do pobo.
Sen dúbida, son moitas as razóns polas que a RAG debería celebrar a Luísa Villalta no Día das Letras Galegas, e así achegar a todas as persoas a ampla e interesante obra desta autora tan admirada e querida na Galiza.
Quedades convidadas a celebrala con nós o 15 de agosto, na súa cidade, A Coruña.
(Beatriz Maceda Abeleira forma parte da Plataforma de Crítica Literaria A Sega)