De como Deus creou a xente

Helena Villar Janeiro

Seica cando Deus creou o mundo, chegou ás persoas e deixounas abertas de arriba a abaixo, pois pretendía facelas diferentes ao resto dos animais. Así que non había nin homes nin mulleres, só seres humanos que xurdían das súas mans abertos como un gabán sen botonadura, coas vísceras ao aire lucindo cada unha no seu lugar como os cacharros nunha espeteira.

Así botaron a temporadiña de rodaxe, mais axiña apareceron os primeiros inconvenientes. Os órganos descompoñíanse co movemento producindo molestias e, por veces, as súas dores.

Daquela, os humanos en abertura pedíronlle permiso ao seu Facedor, a quen lle gardaban moito respecto, para lle expoñeren as queixas.

Deus, que na súa inmensa humildade cavilou que ao mellor algunha vez tamén podía mellorar a súa obra, accedeu a escoitar unha comisión que lle comunicase as súas queixas.

Eles escolleron a ducia que se chegou cabo del. Alí bailaron unha danza para lle demostrar que algúns órganos se lles ían do seu sitio, o que mesmo podía ser indicio de que a abertura suporía o perigo de perder unha parte das vísceras ocasionándolles a morte se cadra cedo de máis.

O Facedor convenceuse no intre de que tiñan razón e acordou con eles que, para amañar o inconveniente, o mellor sería coselos como o resto dos animais.

Anticipándose aos xastres e ás costureiras, Deus fixo o que máis tarde farían todos os que acabaron vestindo os nosos corpos: estendeu un brazo para medir a febra de fío desde a punta dos dedos ata o medio do peito e cortou cos propios dentes tantas liñas como xente puxera na Terra, que daquela era inda pouca.

Despois convocouna e púxose á tarefa de coser un por un o mellor que soubo. Cando acabou cos dous primeiros, caeu na conta de que o tamaño dos fíos non casaba coas diferentes estaturas. Conque, en chegando ao fondo da barriga, cando cosía uns faltáballe un anaquiño de fío, de xeito que quedaba algo descosido. En cambio, cando cosía outros, o fío era algo longo de máis e, para que non molestase, tiña que lle facer dous nós e deixar colgando un pequeno remate.

Unha vez acabado o traballo mandounos colocar en dúas ringleiras, segundo o resultado da cosedura. Eles obedeceron de contado e chocoulle que fosen tantos os dun lado como os do outro, de xeito que podía facer parellas collendo un de cada sitio.

E daquela, mirounos ben e díxolles con certa solemnidade:

–Eu xa fixen o que puiden. Agora ídevos cada parella e xa ides vendo como vos amañades para combinar o que falta co que sobra.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *