aturuxar
v i
Botar berros de alegría ou aturuxos como acompañamento das cantigas ou dos bailes, nos días de troula e nas romarías.
Mercedes Leobalde
OLLIÑO CON…
Olliño cos pronomes átonos. Poñámolos no seu sitio, por favor!
No número anterior de Areal tivemos o atrevemento de abordar o tema da colocación dos pronomes átonos, eses que ás veces van unidos ao verbo e outras veces soltos e libres diante del. Hoxe comentaremos algúns casos máis, e habemos continuar en vindeiras entregas. Pouquiño a pouco, para non empachar.
Vimos xa que os pronomes átonos non poden nunca, nunca, comezar a frase; tamén que a súa posición «normal» (a non marcada) é detrás do verbo e que se antepoñen sempre, pola contra, nos enunciados negativos e nas oracións subordinadas. Repasémolo brevemente cun exemplo:
Explicoume o que lle ocorrera na viaxe, cando a asaltaron, pero non llo crin
Polo que xa sabemos, nunca podería ser *Me explicou… (nin habendo un suxeito antes, como en Antía *me explicou…, que sería Antía explicoume…), como non podería ser *o que ocorréralle nin *pero non crinllo. Desde logo, se nalgún momento chegase aos seus delicados oídos un enunciado do tipo *Me explicou o que ocorréralle na viaxe, cando asaltárona, pero non crinllo, esta que vos fala sentiríase inclinada a facer o haraquiri.
Mais estaredes preguntándovos sen dúbida que é o que sucede na oracións coordinadas copulativas (as unidas por comas ou por «e»). Ou quizais o que acontece despois dun «pero» ou dun «mais». Pois moi sinxelo: nin a conxunción «e» nin o «pero» alteran a posición normal do pronome (detrás do verbo), ou sexa, non provocan a anteposición. Observemos esta secuencia:
O socio maioritario telefonounos esta tarde desde Lisboa
A presidenta chamoume ao seu despacho
Por último, o xefe encargoume un informe técnico
Díxome que corría moita présa
Non me deu tempo de rematalo en dúas horas
Estaremos de acordo en que eses pronomes todos están no seu lugar, no que lles corresponde e lles gusta (todos detrás do verbo agás un no último enunciado, por culpa da negación). Pois se en lugar desas breves oracións simples tivésemos unha serie de oracións coordinadas, a posición deses pronomes non cambiaría en absoluto:
O socio maioritario telefonounos esta tarde desde Lisboa, a presidenta chamoume ao seu despacho e, por último, o xefe encargoume un informe técnico e díxome que corría moita présa, pero/mais non me deu tempo de rematalo en dúas horas.
[Observade que no último caso é a negación a que provoca o salto do pronome para diante do verbo e non o «pero» ou «mais», de maneira que na ausencia de negación teriamos: pero deume tempo de rematalo en dúas horas.]
Recapitulando esta nova información, como diremos entón?
Lles enviaremos unha nota de prensa
Enviarémoslles unha nota de prensa
Marisa lles encargou unha empanada e a comeron ao mediodía
Marisa encargoulles unha empanada e a comeron ao mediodía
Marisa encargoulles unha empanada e comérona ao mediodía
Quería asistir mais non o conseguiu
Quería asistir mais non conseguiuno
Non quería asistir pero convencérona
Non quería asistir pero a convenceron
Rebeca recibiuno e convidouno a cear
Rebeca o recibiu e o convidou a cear
Rebeca recibiuno e o convidou a cear
DESMENTIDOS
Corren rumores serios de que morreu a coma do vocativo; o mundo da lingüística móstrase consternado. Se non sabedes quen é (ou era) esa señora, explícovolo decontado.
Existe unha diferenza moi grande entre Santi fai a cama e Santi, fai a cama, non mo negaredes. Na primeira afirmamos que Santiago —que é o suxeito da oración— fai a cama; na segunda, en cambio, hai con respecto a Santiago un mandato ou petición de que a faga. Nesta última, «Santi» funciona como vocativo, ou sexa, menciona a persoa á que nos diriximos. E como tal vocativo caracterízase pola súa mobilidade na frase e mais por ir separado mediante comas do resto das palabras. Vémolo con exemplos:
Santi, fai a cama
Fai a cama, Santi
Ando preocupada e non durmo ben, doutora
Ando preocupada, doutora, e non durmo ben
Doutora, ando preocupada e non durmo ben
Ou, emulando a Cicerón:
Santiago, ata cando vas seguir abusando da nosa paciencia?
Ata cando vas seguir abusando da nosa paciencia, Santiago?
Ata cando vas seguir, Santiago, abusando da nosa paciencia?
Son vocativos tamén os nomes daqueles aos que diriximos saúdos, benvidas, agradecementos, brindes, desculpas ou calquera tipo de mensaxe, e deberán ir, daquela, separados con comas.
Ola, rapaces! (E non *Ola rapaces!)
Grazas, Chus (E non *Grazas Chus)
Boas noites, damas e cabaleiros (E non *Boas noites damas e cabaleiros)
Queridas amigas, brindo por vós! (E non *Queridas amigas brindo por vós!)
Bo día, Xoán (E non *Bo día Xoán)
Perdón, papá, foi sen querer (E non *Perdón papá foi sen querer)
Atención, señores, por favor! (E non *Atención señores por favor!)
Benvidas, amigas (E non *Benvidas amigas)
Esa pausa que separa os vocativos do resto do enunciado maniféstase na lingua oral por medio da entoación. Reparade en que non hai confusión posible na fala entre «Santi fai a cama» e «Santi, fai a cama», pronunciámolas distintas. O problema xorde á hora de escribirmos esta última, cando incorrectamente prescindimos da coma (algo cada vez máis frecuente, quizais porque lemos menos, ou menos literatura, ou porque adoitamos escribir mensaxes de texto a todo correr e sen signos de puntuación, ou por ambas). Entón, quere isto dicir que cometemos unha incorrección cada vez que chateando escribimos «Ola Pepe»? Pois si, lamento ter que dicilo. «Ola, Pepe» estaría moitísimo mellor.
Recentemente xurdiu no panorama político andaluz un novo partido chamado «Andaluces Levantaos», que foi o que motivou, indirectamente, estas liñas. E iso porque alguén (non fun eu, foi unha amiga) ficou desconcertada ante a noticia e exclamou con estrañeza: «Andaluces Levantaos? Pero como que “Levantaos”? Será Levantados!», entendendo que «Andaluces Levantaos» viña sendo o oposto de «Andaluces Acostaos». Pois non, amables lectores, nada máis lonxe da realidade! O que ocorre é que este partido toma o seu nome da letra do himno de Andalucía, que di ¡Andaluces, levantaos! ¡Pedid tierra y libertad! E así, tal e como está no himno e non doutra maneira, é como se debería escribir, cunha comiña despois do vocativo «andaluces». Porque o nome do partido non alude a «andaluces levantaos» nin a «andaluces sentaos», senón que fai un chamamento aos andaluces para que se ergan. E esa diferenza, esa máis que notable diferenza, plásmase por escrito así, por medio dunha simple, minúscula e bonita coma (tamén chamada vírgula, por certo).
E polo dito anteriormente, que é igualmente aplicable ao galego e ás linguas veciñas emparentadas —que coxean do mesmo pé—, e porque desde logo todos entendemos que non igual dicir «Imos comer, nenos» que «Imos comer nenos», berramos aquí e agora este desmentido: NON, A COMA DO VOCATIVO NON ESTÁ MORTA! Témola arrombada, denigrada, ignorada. Está ferida de gravidade, coitada dela, e precisa de coidados intensivos, pero vive aínda, e era ben facermos un esforzo colectivo de ca-ra á súa recuperación e fortalecemento, antes de que a infección salte das redes e o Whats-App á documentación «seria» e nos vexamos mergullados nun remexido de confusións e ambigüidades. Porque unha convivencia feliz depende en boa medida da comprensión e a boa comunicación entre as persoas, e isto, á súa vez, da clareza que en certos casos unha modesta coma proporciona.
ENREDOS
No Curruncho de hoxe os enredos fúndense coas recomendacións de sitios web. E isto é así porque nos imos achegar a dous enrediños baseados na palabra, o Wordle e o Pensatermos, dous xogos de lingua en liña e cos que sempre gañamos.
O Wordle é un xogo de palabras na web desenvolvido polo programador Josh Wardle (o seu apelido, en combinación coa base word, ‘palabra’, daríalle nome ao invento). Nel o obxectivo é adiviñar unha palabra de cinco letras nunha pantalla moi simple que ten o formato dun pequeno encrucillado con espazo para seis intentos. A partir de cada unha das nosas tentativas, o xogo proporciónanos pistas consistentes en indicar cales das letras que empregamos en cada intento aparecen na palabra de chegada, e tamén se o fan no mesmo lugar en que as puxemos ou noutro distinto. Ademais, as letras utilizadas que non figuran na
palabra buscada quedan desactivadas no teclado, o cal centra moito os intentos sucesivos. É un xogo moi simple, e talvez nesa simpleza radique o seu éxito. Foi lanzado en outubro do 2021 e a comezos do 2022 alcanzaba niveis de viralidade.
Para xogar ao Wordle non precisas descargar ningunha aplicación: atoparalo na rede, nunha web sen publicidade e na que non se hai que rexistrar nin cubrir dato ningún: entras, xogas e marchas.
Tampouco é un enredo que che vaia absorber moito tempo, posto que é de reto diario, isto é, cada día dispoñemos dunha única palabra por adiviñar. Cando a temos, ou ben cando esgotamos os intentos de chegar a ela sen conseguilo, xa está, marchamos ata o seguinte día que nos acorde e nos apeteza resolvelo. Con todo, se o xogo te engancha, sempre tes a opción de intentar resolvelo nas distintas linguas que coñezas, atópase dispoñible en multitude delas.
Velaí a ligazón do Wordle en galego: https://wordlegalego. appspot.com/
En canto ao Pensatermos, o xogo promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística, non consiste en adiviñar palabras senón en formar o maior número posible delas utilizando as vogais e consoantes que o xogo nos ofrece cada día (a proposta de xogo cambia, como no Wordle, a diario, neste caso cada vez que dan as 00:00 h). A mecánica é tamén sinxela: debes construír palabras de como mínimo tres letras a partir das sete que o xogo che proporciona, repetindo as que consideres mais tendo en conta que unha delas, a que ocupa a posición central da rosca, ten que estar presente en todas as palabras. Con cada vocábulo conseguido sumas puntos, nun número variable segundo o número de caracteres que o compoñan.
Xógase na rede, na ligazón https://pensatermos. amesa.gal/, e pódelo facer rexistrándote cun alcume ou sen te rexistrares se o prefires. A primeira opción ten a vantaxe de permitirche continuar o xogo noutro dispositivo no mesmo punto en que o deixaches, posto que os teus datos se conservan cando saes da páxina, e de que podes «competir» con outros xogadores —se é que a competencia te motiva—, pois existe un «podio» permanentemente actualizado coa puntuación dos dez participantes mellor clasificados, e para ti son tamén visibles os puntos que levas ata o momento e mais a orde que ocupas no conxunto de todos os xogadores.
Fronte ao Wordle, que ten un principio e un final ben determinados, no caso do Pensatermos podes darlle á cabeciña durante horas sen nunca chegar a completar todas as palabras que se agochan tras esas sete letras (a non ser que teñas habilidades de hacker e accedas ao código fonte, obviamente; mais iso quitaríalle toda a graza ao xogo, non si?). As palabras ocultas poden oscilar entre cento e pico como dúas mil, dependendo das letras do día, pero en todo caso é francamente entretido andar a «cazalas». Ademais, o xogo bríndanos a posibilidade de aprender moito vocabulario, e non me refiro só a forma das palabras senón tamén ao seu contido, xa que premendo en cada unha das que levamos atopado accedemos á súa definición no dicionario de referencia (hai varios), co que temos todos os significados ao alcance dos dedos (unha inmediatez moi de agradecer).
E déixovos xa, que hoxe teño o Pensatermos moi atrasado. Sorte cos tesouros agochados nas letras!
O LÉXICO DA GUERRA? NOOON!
Territorio, pobo, batalla, loita, loitar, pelexar, invasión, combate, asasinato, asasinar, abater, asasinos, rupturas, roturas, orfas e orfos, viúvos e viúvas, illamento, heroes, heroínas, ataques aéreos, tácticas, ofensivas, bombardeos, fuxir, fuxida explosións, detonacións, estouros, estoupidos, cascallos, traumas, ameazas, intimidación, tropas, inimigos, agresións, aldraxes, humillacións, vingarse, vinganzas, mentiras, enganos, persoas mortas, persoas feridas de gravidade, sede, destruír, destrución, militares, civís, refuxio, refuxiados, violacións, desabastecemento, fame, incerteza, conflagración, conflito, contenda, contendentes, violencia, toque de queda, confinamento, incendios, lume, arder, exércitos, deflagrar, deflagración, cegueira, manipulación, persoas desprazadas, crise humanitaria, derrubar, derrubamentos, hostilidades, sufrimento, francotiradores, mísil, mísiles, munición, rexementos, escuadróns, desacougo, crueldade, ruindade, escaseza alimentaria, tanques, disparos, armas químicas, armas brancas, armas de fogo, represión, represalias, fosas comúns, cadáveres, restos mortais, sangue, mutilacións, vileza, torturas…. Dor. Todo se resume en dor. En dor e en intereses económicos, para vergoña da nosa especie.
Por máis que estean de sangrante e inevitable actualidade certos espazos bélicos, por máis que persistan en diversos puntos do planeta outros moitos igualmente virulentos que xamais gozarán da atención dos medios por non estaren localizados no lugar xeográfico adecuado (isto é, en Norteamérica ou na privilexiada Europa), neste Curruncho somos xente de paz e resistímonos a permanecer na hostilidade máis do estritamente necesario. Aquí renegamos da violencia, a crueldade e a falta de humanidade como vías para solucionar conflitos; tanto, que nos desagrada incluso o recurso constante á metáfora bélica como descrición de calquera confrontación, polémica ou mesmo rivalidade deportiva.
O emprego continuo das metáforas bélicas converteuse nun fenómeno digno de estudo non hai moito, nos primeiros tempos da pandemia; lembrarédelo ben, pois durante meses asistimos con total naturalidade ao emprego abusivo desta linguaxe en cada sesión informativa oficial televisada e en cada titular de prensa relacionado co tema covid. Tratábase dunha guerra aberta entre nós e o virus, seica, e esa idea foi reiterada ata o aburrimento mediante a escolla deliberada dun determinado vocabulario e de certas expresións máis propias dun conflito armado que dunha situación de emerxencia sanitaria, se ben combinaban á perfección, iso si, cos uniformes militares de alto rango que decote invadían, ben enmedallados, os salóns das nosas casas a través da pantalla do televisor. E posto que aborrecemos a guerra —as guerras todas—, ata o punto de desprezar a espuria utilización da súa xerga para outros fins (algo que trivializa os sufrimentos daquelas persoas que verdadeiramente padecen unha guerra na súa carne), desculparedes que non afondemos no tema máis alá da listaxe aleatoria coa que iniciamos esta sección. Por nós, xa abonda. Basta xa.