A pegada galega

Claudia Varela Lourido

Yo no hablo gallego. Me lo enseñaron en la escuela, pero me da igual. No me gusta. Yo hablo español, que es mi idioma.

Desgraciadamente, esta verborrea rechea de prexuízos degradantes e negativos contra o galego tívena que escoitar unha chea de veces ao longo da miña vida. E a verdade é que no momento no que unha persoa renega da súa lingua, pasa a instaurarse no limbo infinito conformado por aqueles que refutaron o orgullo da súa nación, o orgullo propio e incluso o orgullo que algunha vez tiveron. Isto aplícase a todas as nacións por igual, e todos deberiamos de tomar uns minutos para reflexionar sobre a importancia da nosa orixe e preguntarnos o porqué destas inxustizas contra a nosa lingua.

Se comezamos facendo unha breve revisión do contexto histórico e literario do galego ao longo dos séculos, darémonos conta de que esta lingua románica, que con xactancia chamo miña, pasou por non poucos altibaixos. Comezando pola orixe preindoeuropea, temos palabras ben bonitas coma amorodo ou berce, que perduran ata os nosos días. Chegando á Gallaecia, coa aparición do galaico-portugués, conservamos as coñecidas Cantigas de Santa María (grazas, Afonso X). Non obstante, a dita non lle durou moito á nosa lingua, que, coa imposición do castelán no reinado dos Reis Católicos, entrou no desventurado período dos Séculos Escuros, situación que non se resolveu ata o ben chamado Rexurdimento, cunhas merecidas grazas a Rosalía, Curros e Pondal, que trataron por todos os medios de retomar o galego como lingua de cultura. E coa creación da Real Academia Galega, protexeuse e fomentouse o idioma, pero claro, faltaba outra caída catastrófica: a Guerra Civil. Despois deste paro lingüístico, coa fin da guerra, a maioría dos textos en galego escribíronse dende o exilio,  pero escribíronse.

Creo que a estas alturas xa temos que entender, polo menos, que o galego reivindique a posición que merece. Cunha historia tan ardua, e coa situación de subordinación á que se viron sometidas as xentes de Galicia, os galegos deberiamos de levar connosco unha medalla invisíbel que indicase orgullo e recoñecemento propio. Pero claro, como xa indiquei ao comezo, na meirande parte das ocasións isto non é así. As persoas arrastran ese sentimento de inferioridade, que, sumado á convicción de que o galego non vai con eles, ocasionan unha fractura na sociedade do norte da península que deriva nunha perda da orixe, dos costumes, da fala, da loita, do recoñecemento, e incluso da propia historia.

Entón, a interrogativa xorde cando nos paramos a pensar: Por que, sendo nós os primeiros que deberiamos sentirnos orgullosos da nosa nación, na maior parte dos casos nos escondemos detrás dunha parede conformada por outros estados máis “fortes” e recoñecidos?  Por que esperamos que nos dean o recoñecemento merecido cando nin tan sequera nós mesmos nos valoramos? Por que aspiramos a crear unha unidade lingüística utópica sen movernos da nosa zona de confort baseada nos prexuízos e no desprazamento da lingua? Por que somos tan hipócritas e esperamos que a nosa cultura perdure, cando somos os propios galegos os que a soterramos cada vez que lle damos as costas? Por que criticamos aqueles que se decatan da denigrante situación e inician movementos para freala ou eliminala? Por que renegamos do propio, cando é o noso o que nos fai únicos?

A única maneira de quitarmos estes cargamentos negacionistas é aceptando dunha vez que nacemos, vivimos e morremos sendo galegos, e que no momento no que aceptemos e divulguemos a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa nación, seremos capaces de vivir tranquilamente, sabendo quen somos e a onde pertencemos. E deste xeito poderemos chegar a calquera lugar alleo pisando forte, e orgullosos desa insignia invisíbel que nos lembra de cando en vez a morriña da terra á que chamamos fogar.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *