Presentación en Sada do libro “Unha etapa estelar e conflictiva do reino de Galiza” de Francisco Rodríguez.

O acto, organizado pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a Fundación Galiza Sempre para o vindeiro 17 de xuño ás 20:00 horas, acollerá na Capela de San Roque a presentación do último libro de Francisco Rodríguez.

Trátase do volume I dunha obra que, ao longo de 544 páxinas e nunha coidadísima edición, percorre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza, e a crise da segunda metade do século XIV. O seu título: Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I A relevancia do reino medieval galego, editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) coa colaboración da Fundación Galiza Sempre.

Feito con vontade de deitar luz sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións que sobre ese período se teñen producido, o libro nace tamén da necesidade de colaborar ao coñecemento sobre a nosa historia, aspecto no que a entidade editora conta con experiencia dabondo.

Este Tomo I que agora ve a luz céntrase en evidenciar a relevancia incuestionábel do reino de Galiza analizando, debatendo e tirando conclusións tanto desde a historiografía oficial e académica como desde as fontes documentais existentes. E, naturalmente, tomando en consideración a importante, e desconsiderada, historiografía que se ten esforzado, xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península, favorecendo así a construción dunha visión histórica ao servizo do castelanismo, primeiro, e do españolismo, despois.

A análise dese momento estelar e conflitivo que se anuncia no título, cuxo desenlace tivo transcendencia para o noso futuro, é obxecto de estudo no Tomo II, xa en preparación e que verá a luz nos comezos do mes de xullo.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *