O pasado mes de febreiro, Paco Pita deixaba a presidencia da AC Irmáns Suárez Picallo. Desde a creación da entidade, en 2008, el foi a súa cara máis visible e unha peza chave para podermos chegar ata aquí. Hoxe Paco é todo un referente no tecido social de Sada e no asociacionismo cultural galego. Conversamos con el acerca deste longo periplo e do futuro dun colectivo do que segue a ser parte esencial.
para min foi unha gratísima honra representar á asociación
Agora deixas a presidencia despois de 14 anos á fronte da A. C. Irmáns Suárez Picallo. Que valoración fas do tempo transcorrido como presidente desta entidade?
Asumir tal responsabilidade supuxo, no inicio, unha fonda preocupación, pois foi algo novo para min. Sempre me considerei un «aprendiz de presidente», pero foi moi gratificante, pois percibín apoio, interese e colaboración tanto dos compañeiros de Xunta Directiva como das persoas ás que me dirixín.
Despois de todos estes anos, que diferenzas atopas entre a asociación nos seus inicios e no presente?
Hoxe a ACISP está consolidada e é un referente non só a nivel comarcal, senón provincial ou autonómico, froito de moito empeño e difusión. Estamos a ver que hai interese nela por parte da xente máis nova e iso é fundamental, pois asegura a continuidade.
Hoxe a ACISP está consolidada e é un referenta non só a nivel comarcla, senón provincial ou autonómico
Que te levou a asumir o reto de participar na creación da A. C. Irmán Suárez Picallo, exercendo ademais desde o inicio como principal cabeza visible?
Eu ao principio, no ano 2007, tiña un coñecemento moi limitado dos irmáns Suárez Picallo, pero na procura de información atopamos tantos datos e documentos que xa cos restos de Ramón no Fiunchedo e concluído o ano dos Irmáns Suárez Picallo, entendimos que non podiamos rematar así e había que difundir todo o material recopilado. De aí que os que formabamos a Comisión e animados polo alcalde Abel López Soto (hoxe o noso secretario dilixente) acordásemos a creación da Asociación. Entón animáronme e propuxéronme como presidente a pesar da miña inexperiencia no cargo.
Poderías sinalar algún momento que fose para ti especialmente relevante?
Foron moitos os momentos a destacar que permanecen na miña memoria, desde a preparación en 2007 da traída dos restos de Ramón á organización das Xornadas sobre os irmáns Suárez Picallo, en maio e outubro de 2008, ao acto de despositar as cinzas de Ramón no Fiunchedo o 14 de outubro de 2008, coincidindo co 44 aniversario do seu pasamento na Arxentina.
Tamén o depósito dos seus documentos persoais, cedidos pola familia, no Arquivo de Reino de Galicia para a súa conservación e restauración.
Non esquezo o agasallo que nos fixo o escritor chileno-galego Edmundo Moure de máis de 800 artigos que escribiu Ramón durante a súa estadía como exiliado en Chile. Unha boa parte pódense ler na nosa web. As achegas de Hernán Díaz desde Arxentina e, despois de 10 anos de procura, o conseguir coñecer e difundir artigos publicados por Ramón na República Dominicana por mediación da pescuda que fixo nos arquivos do diario La Nación o médico Radhamés Hernández.
Non podo esquecer as exposicións dos irmáns Suárez Picallo, as do fotógrafo Francisco Varela Posse, de Ricardo Flores, de Manuel Lugrís e a publicación de libros sobre Ramón Suárez Picallo e o propio Lugrís.
Foron significativas para min as achegas recibidas de tanta xente: libros e documentos agasallados por José Mª Monterroso, Calros Silvar, Xosé Díaz e entidades como a Deputación, RAG ou o Arquivo de Betanzos; os materiais sobre Ricardo Flores doados por Martínez-Romero e Pilar Jeremías, por Luis Pérez e a familia sadense de Ricardo (os seus sobriños Marichelo e Andrés)… Libros e documentos que se están a catalogar, aínda que non temos polo de agora espazo para poñelos ao dispor dos asociados.
Ao longo destes anos estiveches en contacto con algu-nhas das persoas chave da cultura galega do século XX…
Certo é que desempeñar o dito cargo foi un privilexio moi gratificante, que me facilitou coñecer e tratar a Isaac, a Neira Vilas, a Pousa Antelo, Anisia Miranda, Mimina, aos presidentes da Real Academia Galega Barreiro Fernández, Méndez Ferrín, Alonso Montero, e, na actualidade, Freixanes; académicos como Axeitos ou Villares, historiadores como Beramendi, Grandío, Núñez Seixas, Alfredo Erias, Torres Regueiro, Xosé Antón Fraga; escritores como Xavier Alcalá, Xosé Ramón Fandiño, Victorino Pérez e poetas como Rodríguez Fer, Carmen Blanco, López Valcárcel, arquitectos como Soraluce, músicos como Miro Casabella, Mini e Mero, Raúl Gallego, París Joel…, museólogos como Felipe Senén ou Rosario Sarmiento. De non ser polo labor na Asociación, seguramente non os trataría. Tampouco a entidades como a RAGBA, Biblioteca do Consulado, a CRMH, Xermolos, Alexandre Bóveda, Eira Vella, Asociación Veciñal da Agra do Orzán, Instituto de Estudos Bergantiñáns… E o mesmo digo por todas as persoas que colaboraron nas nosas publicacións tras solicitar a súa cooperación e que sinto non mencionar pero que aparecen relacionadas na web.
Como definirías o traballo que fai actualmente a AC Irmáns Suárez Picallo?
A Asociación neste intre está nas mellores mans, baixo a presidencia do profesor e historiador Manuel Pérez Lorenzo, «alma mater» da Asociación desde o seu inicio. Estase a potenciar o intercambio cultural con outras entidades e agrupacións. É tamén moi significativo o papel que desempeña no traballo sobre a memoria democrática, e a implicación na resolución dos tres Bens de Interese Cultural relacionados con Sada: as Torres de Meirás, a Terraza e o Museo Carlos Maside. Estase a traballar na divulgación audiovisual e nas redes sociais, e estanse a recoller as inquedanzas e colaboracións da xente moza sadense.
Cales pensas que poden ser os retos para o futuro?
Está claro que a nosa Asociación non acadou aínda o seu teito, pero coa «velocidade de cruceiro» que está a tomar, vai no camiño. Penso que hai que seguir incrementando a relación coas entidades galegas da outra beira do Atlántico, e tamén cos Centro Galegos do resto do Estado. Queda por difundir a importancia de Xohán Antón e desexo que agora o noso presidente se anime a non demoralo máis. É moi importante a sensibilización e implicación da xente nova nos proxectos que se leven a cabo. Aínda temos nomes vinculados con Sada merecentes de se coñecer máis a fondo.
A Asociación apostou desde o comezo pola edición de publicacións como unha das súas liñas prioritarias de traballo. Como valoras os logros acadados neste sentido?
Como xa dixen, foi tal a cantidade de documentos recollidos que estimamos que era necesario difundilos mediante publicacións en papel. E aí xurdiu Areal, publicación semestral que xa está a acadar o nº 24. Dos Cadernos de Estudos Locais van xa 37 números e dos Cadernos de Estudos Xerais outros 20. Ademais, están os sete monográficos dedicados a Isaac Díaz Pardo, e os especiais que falan da revista sadense Mariñana, a Terraza e o mosteiro de San Salvador de Bergondo. Á parte dos libros editados.
Desde hai tres anos, grazas á colaboración e dedicación de Carlos Babío, temos unha web moi completa que axuda a difundir máis e mellor a nosa actividade. Temos que agradecer a colaboración do Concello de Sada e tamén da Deputación da Coruña.
E moi significativo o papel que a asociación desempreña no traballo sobre a memoria democrática, e a implicación na resolución dos tres Bens de Interese Cultural relacionados con Sada: as Torres de Meirás, a Terraza e o Museo Carlos Maside.
Deixas a presidencia pero non o teu compromiso coa Asociación. Cal vai ser o teu papel a partir de agora?
Sempre que poida dedicarlle tempo, tratarei de colaborar no que os compañeiros da Xunta Directiva así o estimen e agradezo que me teñan convidado a participar nas reunións que convocan, aínda que ata agora non o puiden facer por cuestións persoais. Pero quero deixar constancia unha vez máis de que para min foi unha gratísima honra representar a Asociación.
Durante estes 14 anos foron numerosas as persoas coas que tratei e que debería mencionar. Sinto non facelo pero, polas limitacións da publicación; quedan no tinteiro e na miña memoria cun profundo e leal agradecemento. Refírome aos compañeiros e compañeiras das distintas xuntas directivas, á inxente nómina de colaboradores e colaboradoras nas publicacións, que sempre responderon xenerosamente ás invitacións que lles fixemos, e tamén ás empresas e lectores. Todos sodes artífices de que a ACISP acadase o actual recoñecemento. Eu só servín, coas miñas limitacións, como nexo de unión para tal fin. Milleiros de grazas por todo o que recibín e aprendín, mais o prestixio acadado pola nosa Asociación neste intre é labor e colaboración de todos. Longa vida á Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo!
E moi importante a sensibilización e implicación da xente novs nos proxectos que se leven a cabo.
¡Hola! He querido escribirte porque veo una excelente oportunidad para que tu empresa sea el foco de una *entrevista* que tengo en mente que podríamos realizar. Esta entrevista no sólo sería una conversación enriquecedora, sino que además, *se publicaría en decenas de medios* y periódicos de gran reputación. Como beneficio adicional, enlazaremos tu sitio web en la entrevista, lo cual ayudará a mejorar su posicionamiento. El hecho de que aparezcas en una entrevista en medios confiables contribuirá a generar más confianza en tu negocio. ¿Sería posible que me dieras un *número de teléfono* para discutir los detalles? Gracias.