Carlos Babío Urkidi
Vai pasando o tempo e cada día son menos as persoas que coñeceran o antigo templo de Meirás. As mesmas que lembran que un dos muros desa igrexa aproveitouse como cerramento por unha das caras do actual cemiterio, con motivo das obras de construción da nova igrexa de Meirás, nas que o matrimonio Franco-Polo deixarían a súa pegada. Tanto na igrexa vella como na nova.
A primeira vez que un membro da familia Franco acudía á antiga e humilde igrexa de Meirás sería no verán de 1940 e tratábase da filla do tirano, que naquel intre era unha adolescente de 14 anos. A prensa da época, convertida en propaganda do réxime, non desaproveitou a oportunidade para amosar unha familia beata, xenerosa e preocupada pola parroquia de Meirás:
Días antes de la celebración de las fiestas de Meirás, hizo Carmencita Franco una visita a la iglesia parroquial, acompañada de su institutriz, señorita Blanca, de don Ricardo Catoira, del cabo de su escolta, señor Morales, y del guardia de esta Comandancia, Sr. Alonso. Al darse cuenta de que el templo precisaba algunas reformas y que era preciso arreglarlo para la función religiosa, la hija del Caudillo dio principio a la tarea de limpiar las imágenes y arreglar los altares informando más tarde a su madre de lo que la iglesia necesitaba para que las fiestas religiosas pudieran celebrarse dignamente. Al otro día, 22 del actual (refirese ao mes de agosto de 1940), estuvo en el templo Carmen Polo y dispuso que fuese pintado el interior y el exterior de la iglesia e hizo diversos donativos, ofreciendo sufragar los gastos que la función originase. El domingo, día de la fiesta de Meirás, asistió Carmencita a la función en la que predicó el párroco de la Colegiata. Iba la hija del Generalísimo acompañada de la señorita Blanca y del Alférez del Tercio Señor Villalón. Carmencita ocupó un reclinatorio entre los fieles que le ofreció una señora, declinando sencillamente un lugar en la presidencia. La misa fue oficiada por Matías Escariz, capellán de las monjas, asistido de diácono por el párroco de Meirás y de subdiácono, por el de Mera. Actuaron dos coros, uno masculino y otro femenino. Terminada la función, Carmencita Franco fue objeto de una cariñosa demostración de simpatía por parte del público, que aplaudió entusiásticamente y tuvo frases de agradecimiento para su gentil visitante.1
Esas obras ás que fai referencia ese artigo de prensa da época executáronse por orde de Carmen Polo. Mais na realidade o que aconteceu foi outro episodio de abusos contra a veciñanza, do cal quedou constancia na crónica dun xornal do exilio republicano en México:
Después la señora de Franco intentó presentarse en Meirás con aires de dama elevados y piadosos sentimientos para con los humildes. Su primera decisión fue ordenar la reparación de la iglesia del pueblo. Las comadres devotas alabaron esta acción. Pero terminadas las obras, doña Carmen dispuso que los gastos se pagasen a prorrateo entre todos los vecinos. Desde entonces la beatas se asociaron a los comentarios subversivos de los rojos y de las más acendradas franquistas de Meirás que hablan de que Franco no debe parlotear y viajar tanto, sino pagar todo lo que debe que no es, por lo visto, segregación nasal de pavo.2
A Igrexa católica, personificada en Meirás nos seus curas párrocos, primeiro Benigno Mayo Novo e despois Antonio Pazo Buján3, mantivo durante décadas unha estreita relación co ditador e a súa familia. Non será a actuación protagonizada en 1940 por Carmen Polo e a súa filla, na que se ordenaba a reparación do templo, recadándose os cartos entre a veciñanza, a única da que se beneficiará a Igrexa na parroquia.
O 20 de decembro de 1963, nunha reunión do Consello de Ministros, acordábase conceder ao daquela cura párroco de Meirás, Antonio Pazo, unha subvención de 400.000 pesetas4 para a construción dunha nova igrexa. O que realmente dispuña aquel Consello de Ministros era incorporar a parroquia na que transcorrían os veráns do ditador a un amplo programa de construción, rehabilitación e obras de reforma das igrexas de todo o Estado.
Esta primeira subvención serviu para financiar as obras de construción da cimentación e de muros (para os que se aproveitou a pedra da antiga igrexa de Meirás), colocación de «pizarra de Compostela» na coroación dos muros, e a construción da escaleira da igrexa. Todo isto cun custo total de 402.354,64 pesetas do ano 19645.
Meses despois, noutro Consello de Ministros, celebrado nesta ocasión no Pazo de Meirás o día 20 de agosto de 1964, aprobaríase unha nova subvención para o templo parroquial por valor de 342.000 pesetas.
Comeza a construción da nova igrexa en 1962 por desexo expreso de Franco, que asume persoalmente a supervisión das obras e encarga nese ano a Ricardo Catoira —persoa de confianza do ditador e alto cargo da Casa Civil da Xefatura do Estado— que xestione a elaboración dun proxecto para a construción dunha cuberta na entrada da igrexa, xa que no proxecto orixinario a igrexa non contaba co soportal. Este, pola súa vez, solicita a súa redacción ao Concello da Coruña.
O 5 de novembro, o secretario particular do Xefe do Estado recibe unha carta do alcalde Peñamaría de Llano na que lle notifica o que xa agardaban: «Tengo el gusto de adjuntarte el proyecto de los porches para la Iglesia Parroquial de San Martín de Meirás, como habíamos quedado». Tres días despois, Catoira responde agradecendo o traballo realizado e comprometéndose a manter ao rexedor «al corriente de las gestiones que hago»6.
Esas xestións de Catoira consistían basicamente en amosar o proxecto aos Franco para que desen o seu visto e prace. Unha vez contrastado, comunícallo o 24 de novembro dese ano a Peñamaría, indicando os trámites que debería seguir a partir dese momento: «Recibí el proyecto para la concesión de esta nueva atención que has tenido al ocuparte de este asunto por el que ellos tenían, desde hace años, interés en resolver»7.
As obras de dotación deste novo soportal na igrexa foron certificadas o 31 de agosto de 1963 por un importe de 138.643,65 pesetas, que incluía os piares, viga e teito do propio soportal, a construción do banco exterior, pinturas e diversos remates.
O templo foi deseñado polo afamado arquitecto Andrés Fernández-Albalat, que deixaría a súa pegada noutros lugares do concello de Sada. Foi el o deseñador, por exemplo, do Museo Galego de Arte Contemporánea (O Castro) ou das vivendas dos mariñeiros (Fontán).
A igrexa careceu de imaxes desde a súa construción, agás un cristo crucificado que pende do teito, unha talla en pedra da Virxe, obra do escultor compostelán José Cao Lata, e un mural da pintora Antonia Dans cunha imaxe de san Martiño de Tours. Na parte dereita da igrexa desde a entrada, hai unha zona reservada para cerimonias bautismais na que se atopa unha ara romana, peza arqueolóxica de grande interese patrimonial, e na zona baixa do conxunto estableceuse un salón parroquial para uso de diferentes actividades.
As subvencións que recibiu a igrexa en Meirás para a construción do templo, como xa se comentou, formaban parte dun macroplán estatal xestionado por un ente denominado «Junta Nacional de Templos Parroquiales», dependente do «Ministerio de la Vivienda». Esta «junta» contactaba directamente cos curas párrocos —no caso de Meirás con Antonio Pazo Buján— para a xestión das cuestións administrativas. A xustificación para a súa concesión, segundo consta no expediente era, «entre otras, considerando que las Iglesias, Conventos e Instituciones benéficas subvencionadas, o bien carecían de medios para la ejecución de obras imprescindibles, o bien después de haber empleado las aportaciones propias y las de los fieles, les había sido imposible finalizar aquellas»8.
As campás da igrexa semellan aproveitadas da edificio antigo, xa que aínda levan a pegada da familia Franco, conservando a inscrición datada en 1952 co seguinte texto «Excelentísima Señora doña Carmen Polo de Franco».
O 23 de agosto de 1966 foi a data escollida para a inauguración do novo templo de Meirás, coa asistencia do ditador Franco e da súa dona Carmen Polo, aproveitando a súa presenza nese verán no Pazo de Meirás. Un acto de estado onde todo estivo perfecta e previamente organizado polo Gobernador Civil da Coruña e que contou coa cobertura do NODO da época, que narrou o acontecemento da seguinte maneira:
A corta distancia del Pazo de Meirás, acaba de ser edificada sobre el solar de un viejo templo la nueva iglesia parrroquial de San Martín, cuya consagración y primera misa se realizan con asistencia del generalísimo Franco y su esposa, a quienes recibe en la puerta del atrio el cardenal arzobispo de Santiago doctor Quiroga Palacios. La nueva iglesia, puesta bajo la advocación de San Martín de Tours, tiene cabida para 500 fieles. El interior, de sobria decoración, se ajusta a las modernas orientaciones del Concilio. Al sellar el cofre de reliquias sobre el ara, ayuda al purpurado el director general de la vivienda como arquitecto mayor. Ante el altar, Sus Excelencias reciben la bendición del cardenal arzobispo de Compostela.9
Desta maneira, as administracións franquistas concentraban todo o investimento público en Meirás en dous puntos concretos que ademais pretendían ser dous espazos privados. O primeiro, o Pazo de Meirás, convertido desde finais da década dos anos 30 en residencia oficial de verán da Xefatura do Estado, que captaba todo tipo de recursos públicos para o seu mantemento e mellora, mais coa intención da familia Franco de que fose unha propiedade privada. O segundo, a igrexa no seu conxunto, ao ser piar no que se asentaba a ditadura franquista, e de maneira particular a de Meirás: a derivación de recursos públicos para a súa construción estivo vinculada á presenza do ditador en Meirás durante os veráns, mais manténdose a propiedade do ben en mans da Igrexa católica.
Porén, a igrexa interpretaba este investimento como «popular». E disto deixou constancia o cardeal arcebispo na misa inaugural celebrada en Meirás, na que non aforrou loas ao ditador e destacou a «honda preoucupación del Jefe del Estado por dotar al pueblo cuyos destinos rige no solo de bienestar material, sino también espiritual».
Durante o franquismo non existiu política pública en Meirás en ningún eido, agás aquelas que estaban vinculadas á presenza estival do ditador. Por exemplo, ningún camiño ou estrada municipal interior da parroquia estaba asfaltado, agás un: o que conducía desde o Pazo de Meirás á igrexa, e que a Deputación Provincial mantiña sempre en perfecto estado de cobertura asfáltica.
Coa morte do ditador en 1975, a igrexa de Meirás vaise converter nun lugar de memoria franquista. Nos anos inmediatamente posteriores á desaparición física do ditador, en Meirás vaise celebrar unha misa ao final do mes de agosto en memoria de Franco, coa presenza de «autoridades» civís e militares da época. Co paso dos anos, a concorrencia a esta misa irá diminuíndo e a presenza de «autoridades» será escasa.
A maneira de exemplo, 20 anos despois da morte do ditador a tradición persistía, se ben desaparecera xa en gran medida o aparato oficial que acompañaba as cerimonias tempo atrás. Tamén a concorrencia se vira minguada. Daquela —ano 1995—, o párroco explicaba que o motivo do oficio en honra de Franco era agradecer que «el Caudillo sufragó de su propio pecunio esta iglesia y su rectoral»10, algo que, como vimos, non se correspondía coa realidade.
Mais certas inercias do franquismo manteranse en Meirás incluso moitos anos após da morte do ditador. Así, por exemplo, a Deputación da Coruña, presidida entre os anos 1999 e 2003 por Augusto Cesar Lendoiro, e por acordo e instancia do Concello de Sada, que naquel momento presidía o alcalde Ramón Rodríguez Ares, acordaba a remisión de novos recursos públicos á igrexa de Meirás.
Ambos gobernos do Partido Popular da época acordaban incorporar esta igrexa ao «Plan 2000 de arquitectura popular». O tellado do templo parroquial estaba moi deteriorado, entre outros elementos, e había goteiras que foron reparadas a cargo do erario público e por valor de máis de 4 millóns das antigas pesetas do ano 2001, o que custou a nova impermeabilización e mais a reparación de teito e cristaleiras en mal estado.
Era un novo investimento, en plena democracia, nun ben privado da Igrexa que naquel momento non gozaba de protección patrimonial que o xustificase, executado de maneira directa polas administracións públicas nun estado constitucionalmente aconfesional. Este feito —reproducido noutros equipamentos da Igrexa alén de Meirás— é cando menos contraditorio e só se explica desde esas inercias do franquismo que aínda perduran na sociedade11.
Fondo fotográfico do arquitecto Andrés Fernández-Albalat. ES.GA.15030.ARAG/5.2.1.//FL.Caixa 12-45. Arquivo da
Real Academia Galega.