ASPACE Coruña é unha ONL (organización sen fins de lucro) dedicada á atención de persoas con parálise cerebral. Tratase da única asociación especifica nesta discapacidade na provincia da Coruña, por iso conta con persoal especialmente cualificado na materia.
Está situada en Sada dende 1983, concretamente no Casteliño, na parroquia de Osedo, se ben a súa actividade foi iniciada nun chalé en Cambre no ano 77, promovida por un grupo de nais e pais que buscaban recursos (por aquel entón practicamente inexistentes) para dar resposta ás necesidades dos seus fillos con parálise.
Co paso dos anos, a asociación foi medrando notoriamente e pasou de prestar os seus servizos a 25 nenos a nenas nos seus inicios a actualmente atender a 120 persoas dende os 3 ata os 78 anos.
A actividade de ASPACE Coruña está dividida en tres centros:
Un centro educativo onde unicamente se escolariza alumnado con necesidades educativas especiais e que conta cos recursos específicos necesarios para poder adaptar o currículo escolar aos seus alumnos. A este centro acoden nenos e nenas dende os 3 ata os 21 anos, en horario de 10:00 a 17:30 horas.
Un centro de día orientado a persoas con parálise cerebral fóra da idade escolar (a partir de 21 anos), cunha función asistencial e integradora para os usuarios e usuarias que asisten a el. Durante o horario de funcionamento
do centro (de 10:00h a 17:30h) tamén se proporciona o «alivio» necesario aos coidadores principais, garantindo o benestar dos seus familiares durante a súa permanencia en Aspace.
Un centro residencial que dá resposta ás necesidades de 50 persoas con parálise cerebral, 24 horas ao dia, 365 días ao ano. Estas respostas non soamente son dadas na parte asistencial, senón que están dirixidas a cubrir todas as dimensións da calidade de vida dos usuarios (benestar emocional, relacións interpersoais, benestar material, desenvolvemento persoal, benestar físico, autodeterminación, inclusión social e dereitos).
Ademais dos usuarios e as familias, a «familia ASPACE» tamén está formada por numerosos traballadores, entre os que nos atopamos con: técnicos do coidado, educadores, terapeutas, logopedas, técnicos de ocio e tempo libre, técnicos de deporte, psicólogos, fisioterapeutas, traballadoras sociais, administrativos, persoal de limpeza, cociña e lavandería, persoal de mantemento…
A nosa asociación é un potente xerador de emprego na vila, pois pechou o seu exercicio no 2021 con 116 traballadores. Ademais, no día a día conta con diversos provedores sadenses, revertendo así numerosos beneficios na localidade.
O máximo goberno de Aspace Coruña é a Asemblea Xeral, na cal teñen voto todos os chamados «socios de número» (pais/nais e titores das persoas que reciben os servizos da asociación) e a través da cal se escollen os sete membros da Xunta Directiva. Actualmente a presidenta deste órgano é Mª Carmen Barreiro e o xerente da asociación é Ricardo Iglesias.
Por outro lado, cómpre destacar a importancia dos «socios protectores», que son todas aquelas entidades ou particulares que contribúen cunha achega económica ao mantemento da asociación. Estas achegas poden facerse de forma puntual ou a través dunha cota.
Dende xullo de 2012 tamén contamos coa Fundación ASPACE, promovida pola Asemblea co principal obxectivo de exercer a tutela, curatela e representación daquelas persoas con parálise cerebral que o precisen.
A nosa actividade non remata aquí. ASPACE é unha asociación dinámica, en constante evolución e con ansia de mellora. Por iso no ano 2017 adquirimos un terreo de 15000 m2 no Casteliño, no que esperamos, nun futuro, poder aumentar os recursos para as persoas con parálise cerebral e as súas familias.
Se queres coñecernos un pouco mellor podes facelo na nosas redes socias (In: @aspacecoruna FB: Aspace A Coruña) ou na páxina web www.aspacecoruna.org. E se che gusta o que facemos e tes interese en pertencer a esta gran familia, podes facelo a través do noso programa de voluntariado, ou ben colaborando con nos facéndote socio protector, así nos axudarás a seguir medrando e ti poderás obter unha desgravación fiscal. Para apuntarse, basta con cubrir un formulario na paxina web citada anteriormente ou chamar ao telefono da asociación (981610312).