A mansedume do tempo ferido  

Manuel Lugrís Rodríguez

«Esperta, ferro», era o berro que ruxían os almogávares, aqueles guerreiros de infantería lixeira da Coroa de Aragón, antes de dar comezo a batalla, como ordenándolle á súa espada que estivera lista para a loita, sempre terrible e sanguiñenta. E así diría agora: «Esperta, Europa, espertade, gobernantes de gravata na mesa de caoba do despacho enmoquetado, e lede o que a continuación queda escrito nas páxinas de Areal unha publicación deste curruncho do continente que probablemente non chegue ás vosas mans. Mágoa».

Estamos na fin dunha era. No cume dun espazo temporal contraditorio que acolle o máis alto avance tecnolóxico acadado nunca neste planeta por unha especie viva, pero, ao mesmo tempo, cunha escasa e diletante bagaxe de progreso no eido ético e no da concordia que a fin de contas non corresponden, coma parangón, dun aspecto ou do outro.

E estou a escribir este traballo cando xa a guerra híbrida da Ucraína pasou á segunda fase das armas e cando aínda están presentes os rescaldos da sexta onda da pandemia da covid, e tamén cando estamos a sufrir as graves secuelas da anterior crise económica que paira como vento de frustración baixo un ceo branco, vermello, negro e baio, as cores daqueles cabalos da apocalipse que asoman xa na fusca estantiga dos catro xinetes portadores do estandarte da peste, da guerra, da fame e da morte. Catro cabalos que xa estamos a ver todos os días na prensa, na televisión, nas redes sociais… Estamos a velos nós, que somos o quinto xinete, o máis temible e arrepiante: o medo. O medo de que poidamos escoitar as sete trompetas, cos sete selos e as sete copas, anunciadores todos eles da fin do noso tempo. Así, cando sexan lidas estas liñas, xa pasados os días e  as noites, haberá unha imaxe máis nidia do futuro no que estaredes vivindo. Un futuro moi próximo pero que cabalga nos días co trote infernal do tempo cósmico.

Pero quixera atopar unha frase definitiva nestes intres de medo e de incerteza, de tanto inopinado e de cambios súpetos, o que non é tarefa sinxela. Porque sería o meu desexo chegar a unha definición única de síntese como aquela que buscaba Stephen W. Hawking cando estaba a manifestar que o seu meirande logro como científico sería achar unha teoría unificada que combinase a relatividade de Einstein e a mecánica cuántica como paso imprescindible para a descrición de fenómenos a escala atómica e a escala universal. Pero, sen tales pretensións, eu si quixera dar cunha frase ou mesmo cun enunciado textual que nos dera unha panorámica completa da situación actual de todo o tempo de vida que estamos a padecer tanto xeográfica como socialmente. Pero logo de moito matinar declaro, de primeiras, o meu fracaso neste labor, ímprobo e difícil pero no que seguirei insistindo, por ver se a clarividencia nun momento de lucidez me dá as palabras precisas para compor esa frase case máxica.

Pero entrementres e con impertérrita ousadía tratarei o Asunto, así en maiúscula, que é nin máis nin menos que a situación creada polas sucesivas crises derivadas dos avatares e circunstancias excepcionais, ou como queiramos chamalas, en que coa economía pospandémica están ensumidas a cidadanía, a vida social cotiá e a nosa nación, Galiza, que como sempre, desde a proclama de Antolín Faraldo até os nosos días, está política e soberanamente ocluída polos siareiros desta Hespaña con hache que paladinamente usaba Castelao no seu Sempre en Galiza.

E nesta orde, esta tripla temática, que ten así xa unha certa formulación xeral da complexa danza xeométrica en que estamos imbuídos.

Logo da crise financeira global do 2008, polo colapso da burbulla inmobiliaria nos Estados Unidos, que provocara no outono de 2007 a chamada crise das hipotecas subprime, a recuperación era algo que estaba previsto levar a cabo nos seguintes anos do xeito máis acelerado posible para controlar aqueles aspectos danosos da crise, primordialmente os que afectaban á débeda e aos tipos de xuros, mantendo estes baixos, e actuando o Banco Central Europeo coa compra sucesiva de gran número de bonos. E tanto en América como na UE, coa contención inflacionista, a recuperación do emprego e da actividade económica en xeral, en termos semellantes ou mesmo superiores aos precedentes á crise, íase iniciando a recuperación. Pero varios factores entorpeceron este proceso, auspiciados pola cada vez máis forte competencia da China e en xeral do Leste asiático (Corea, Xapón, Taiwán, Vietnam, Malaisia etc.), que xa concentran máis do sesenta por cento do produto económico mundial, porcentaxe que probablemente se vai acrecentar, co tempo, co desenvolvemento doutro xigante demográfico como é a India. E o brexit británico, que modificou ostensiblemente o equilibrio económico europeo e que aínda non está perfectamente definido en temas importantes, cos precipitados —e diría que temerarios— acordos levados a cabo entre as partes. Unha saída da UE da que se tardará bastantes anos en saber como vai ser o comportamento da economía británica fóra da Unión. Todos os indicios son de que sairá danada. Pero até que punto? Esta disxuntiva é a que marcará no tempo o ineludible retorno do Reino Unido á UE.

Europa, que é fundamentalmente o que a nós nos preocupa, atopouse cando tivo que facer fronte a este proceso de recuperación co reto de resistir esa competencia asiática e tamén americana, de pór políticas industriais en común para non quedar, en aspectos fundamentais, dependentes desas dúas potencias económicas. Como exemplo podemos citar as fábricas de baterías eléctricas ou a problemática dos chips que practicamente monopolizan Corea do Sur e Xapón e de cuxa subministración depende a actividade de moitas das nosas industrias, que ven a miúdo paralizado o seu traballo pola falta destes diminutos circuítos electrónicos.

Pero cando estabamos xa en camiño desta certa recuperación, cun bo ano 2021, acadando niveis de actividade económica e de certa riqueza, chegou a pandemia da covid, que truncou a vida da comunidade humana en todos os seus aspectos. Un confinamento absoluto durante tres longos meses arruinou o labor levado a cabo nos anos anteriores. Paralización de toda actividade industrial, comercial e social, millóns de persoas expelidas ao paro, catastrófica situación da actividade empresarial e, quizais máis importante, a perda da realidade circundante ou subliminar alienación mental colectiva das xentes pola prensa adicta aos mandados protocolarios dos diversos gobernos e dos supostos «bustos parlantes», especie de polímatas de vertedoiro, chantados nas televisións por eses mesmos gobernos que viron un certo seguro obxectivo de estabilidade política na propia pandemia, que foi tratada dende os medios como se fose unha epizootia que atacase aos crédulos humanos aos que ían dirixidas as proclamas. Mentres os afectados, fosen ou non fosen asintomáticos, os milleiros de mortos, as terapias xénicas experimentais elaboradas ás présas polas máis importantes corporacións farmacéuticas do mundo en frenética carreira por facer o máis rápido negocio posible, a instalación dun sistémico control cívico, a esmola dos ERE con solicitude pública de aplauso etc. Un panorama estarrecedor que non podemos dar por terminado, e transcribo as palabras de Martin Wolf, columnista económico do Financial Times, cando sentencia dicindo que pensa que as cousas van ir mellor a non ser «que se declare unha guerra. E aínda é moi probable que continuemos tendo sorpresas».

Pois a guerra xa a temos. Pero non se trata de sorpresa ningunha. E non se trata tampouco de buscar razóns ou non razóns. De que o proceso que levou a esta situación é moi complexo, pero non estamos en tempo de análises profundas, senón de facérmonos cómplices, polo menos sentimentais, dos eternos perdedores de toda conflagración, vendo as xentes a camiñaren na paisaxe de neve esgotadas baixo o peso das súas mínimas bagaxes, coas bágoas nas meixelas e os ollos aterecidos de medo, meniños coas súas mochilas do colexio ás costas máis ben deambulando cara ao descoñecido, os velliños eivados nas súas cadeiras de rodas empurrados cara ao seu desterro en Polonia, Hungría… Esa é a consecuencia dunha política errante e inconsecuente que mestura a dependencia enerxética europea coas nostálxicas eivas dun autocrático soño de renacer imperios e coas arelas americanas de manter o arbitrio mundial a través dun tratado militar obsoleto que está ao servizo dos seus intereses. E, no medio, a dor inmensa dun pobo agredido por unha invasión xustificada con argumentacións tan peregrinas como a desnazificación da Ucraína, que, por certo, conta cun presidente xudeu bilingüe (ruso e ucraíno). En fin, os presupostos do día de hoxe son estes. As consecuencias para a nosa cidadanía son as peores e un porvir inmediato co máis fondo pesimismo: suba xeneralizada de prezos, desánimo social, mesmo arrepío polo futuro, tanto económico como humano, pois xa se nomeou publicamente o arsenal nuclear como «solución» definitiva. E tan definitiva, pois, coas novísimas armas que combinan fusión e fisión, a desaparición da humanidade entraba dentro do posible, o que suporía seguramente, por vez primeira na historia do planeta Terra, a extinción dunha especie provocada por ela mesma.

Mais non desesperemos. Sexamos, polo menos neste momento, un chisco optimistas e falemos do noso ámbito vital: Europa, a UE e a nosa nación de Breogán. Fagamos lugar para a incerteza e sexamos conscientes de que a situación actual é significativamente diferente de como nola imaxinaban no 2019 os voceiros da hiperrealidade fáctica, e de que os vindeiros anos serán complicados e terán un forte impacto social. Aquel estúpido axioma de que a sociedade pospandémica sería mellor e de que seriamos máis libres, máis felices e máis conscientes da nosa vulnerabilidade, axioma avalado polos poderes públicos na súa leria discursiva baixo un esqueumorfismo infantil, era unha visión facticia que respondía a un sentimento propagandístico máis que a unha realidade obxectiva. A pendente transición ecolóxica, a inquedanza no futuro do cambio climático e o enorme risco da estanflación, ese estancamento económico cun acelerado proceso inflacionista que coexiste con elevadas taxas de desemprego, e que é o perigo que máis temen os economistas de palacio porque se aventa, nun futuro máis ou menos próximo, como unha posibilidade real. Pero nas circunstancias presentes estase aínda en condicións de abortalo, de librármonos da fame xeneralizada e da miseria de grandes masas humanas que, privadas xa dos pseudoauxilios públicos,e poboarían a meirande parte dos países. Non estou a falar dunha fantasía futurista, de socioloxía-ficción, nin dun soño de bruxo achispado, estou a falar de posibilismo, dun posibilismo práctico, que, repito, aínda os poderes públicos poden choer, cun mínimo dese sentido social que era fundamento dos pais da Unidade Europea e que non estaba en sintonía co liberalismo absoluto da economía actual, ao abeiro das grandes corporacións e das elites financeiras que dominan o panorama lexislativo e executivo dimanado dun parlamento comunitario amaneirado, na súa maioría, polos intereses das oligarquías nacionais e persoais. É certo que grazas a esta riola de crises deuse un vincallo financeiro máis forte entre o núcleo duro dos estados comunitarios, pero iso soamente para a defensa de intereses moi concretos e determinados: o fondo de préstamos para fortalecer a actividade económica empresarial e, principalmente, para ampliar o estadio

competitivo fronte á China e os Estados Unidos. Pero o troco do capital creador de riqueza polo capital especulativo, con rexeitamento do espírito keynesiano a prol dun monetarismo radical, segue tan vixente como nos tempos de Milton Friedman a pesar da conversión en nova macroeconomía etc., que non é máis que primar a fiscalización do Goberno baixo o paraugas dun estrito control monetario, realmente dirixido polos monopolios sectoriais da vida económica. E así é moi difícil que a mellora de nivel de vida no futuro poida chegar, en termos de xustiza, aos traballadores de a pé.

O porvir inflacionista e a estanflación da que falamos antes, propia de situacións como esta, serán sinónimos dunha nova sociedade que levará os seus habitantes a viviren moito peor que os seus devanceiros. Unha sociedade con precarios servizos públicos básicos, verbi gratia, a educación, a sanidade, as pensións etc., e un Estado «protector» que sosteña os benéficos óbolos para intentar manter unha feble paz cívica que non será máis que unha dramática véspera de convulsións sociais que, como un novo ciclo da historia da civilización, levaranos a outro estrato de convivencia tan cambiante como foron todos os anteriores na vida da humanidade. E no eido escuro, coas súas cadeas de bloques, o blockchain, os bots automatizados na darknet, a aceleradora de start-ups etc., toda unha linguaxe que semella un espazo verbal esotérico para este novo negocio do mercado das criptomoedas, divisas dixitais que escapan de todo control oficial e que planan co seu réxime tremendamente especulativo, co que posúen mesmo un poder para modificar as relacións intereconómicas alleas a toda supervisión e que son un enigma de futuro, e, como tal enigma, non podemos determinar aínda a súa influencia no benestar xeral.

E consecuente con todo o que acabamos de manifestar, a esencia da Galiza, da nosa matria de Terra e bioxénese, é a de perpetuo estado de prostración e que perde vagarosa e progresivamente peso específico económico e social dentro do conxunto do Estado, pero baixo a súa dependencia política. Como exemplo significativo: no ano 1898 Galiza tiña 1.894.558 habitantes e España 17.500.000, o que supón unha porcentaxe do 10,82%. Hoxe a relación é a seguinte: Galiza 2.701.819 e España 47.450.795, o que nos dá a porcentaxe de 5,13%. É dicir, un 50% menos de presenza en todas as ordes da vida estatal na que aínda hoxe estamos constrinxidos a permanecer. É consecuencia do atraso económico do noso país durante o decurso de todo o século XX, que o encheu de dor, aflición e coita colectiva por mor dunha emigración permanente, como ben nos ilustrou Manuel Ferrol na súa icónica fotografía da impotencia e as bágoas dun home e dun neno no porto da Coruña despedindo, quizais para sempre, un familiar que marchaba para as Américas. Así, a falta de condicións minimamente esenciais, non xa para vivir senón mesmo para sobrevivir na súa Terra, despoboou Galiza da man das políticas do favoritismo centralista que decote nos mira como a aborixes dun territorio a medio conquistar no que soamente existimos para faceren negocios cos nosos recursos máis primordiais: enerxía, pesca, man de obra barata etc.

Pois ben, esta breve estampa do noso pasado recente é o mesmo que nos agarda, pero multiplicado por moitos algarismos nese futuro previsible do que antes estivemos a falar. Seremos máis infelices e máis pobres. Nestes intres xa temos os primeiros adiantos: suba xeral da bolsa da compra, das facturas da luz e dos combustibles, falta de materiais nas fábricas para seguiren o traballo, e polo tanto máis desemprego, e, quizais o máis grave, a deterioración evidente da vida cidadá, da seriedade na tarefa, na atención, no cumprimento dos acordos e contratos, que é e sempre foi premisa indiscutible dos galegos en calquera lugar onde se atopasen no seu longo camiñar polos sendeiros do mundo.

Pero o noso labor, a nosa responsabilidade como pobo, xorde fundamentalmente como imperativo moral de que non podemos conternos na pasividade. E sobre os alicerces herdados da historia temos ante nós un futuro que é preciso, absolutamente necesario, construírmos. Con administración política propia non dependente da Vila e Corte. Como dicía Fuxan os Ventos, «xa poden en Madrid falar con palabras ben fermosas…»

E coa verba sabia do Irmán Daniel, como un remedo da miña insuficiencia para achar a frase definitiva, transcribir: «Disque unha tribo de alma viaxeira enfiou o roteiro do sol, e, anda, anda, chegou ao cabo do mundo, á nosa Fisterra, onde ficou varada de asombro, ante a inmensidade e o infindo. E velahí como a alma viaxeira dunha tribo de Oriente enraizou os seus anceios de coñecemento na pedra ígnea do noso chan e formou a primeira capa da nosa nación. Disque outras tribos…»

Eu vou cerrar a fiestra, non quero que entre a avelaíña negra esta noite. Xa terá tempo.

«Eu vou cerrar a fiestra, non quero que entre a avelaíña negra esta noite. Xa terá tempo».
Orixinal de M. Suárez de Concha
 
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *