Artigo publicado en Nós. Manuel Pérez Lorenzo. Presidente da AC Irmáns Suárez Picallo.
"Desterrado”, es la expresión, de desconsuelo, de angustia y de amargura, que gravita
hoy sobre miles de almas […]. Ni la hospitalidad, ni el afecto, ni la estimación, ni el pan, ni el vino ofrecidos sobre la mesa extendida, tienen fuerza bastante para hacerles olvidar su triste condición de desterrados; es decir, de apartados de su propia tierra, de su hogar y del camposanto donde reposan sus muertos queridos.[1]
Con estas palabras, Ramón Suárez Picallo sintetizaba a realidade dramática do exilio. Coñecedor de primeira man da dobre epopea galega da emigración e do desterro, identificaba a súa propia traxedia coa das persoas desprazadas ao longo do mundo.
Unha ducia de anos antes, Suárez Picallo era unha das figuras máis recoñecidas do panorama político galego. Xornalista de prosa lúcida e orador brillante, a súa intervención nun mitin era garantía de éxito. Por iso, pola súa extracción social humilde e pola súa capacidade de empatizar coa clase traballadora, forxada no movemento obreiro arxentino, en pouco tempo convertérase no dirixente con máis arraigo popular do Partido Galeguista.
A súa traxectoria anterior era relatada en 1936 nunha entrevista baixo o título “Film de un marinero gallego que pudo ser senador en América”[2]. O certo é que Suárez Picallo tivo unha vida de película. Carvalho Calero presentábao nun acto afirmando que “se eu fora funcionario e tivera que redactar a cédula personal de Suárez Picallo, sentiríame tentado a pór: «profesión, heroe galego»”[3]. Nacido na pequena aldea de Beloi, en Sada, no ano 1893, era o maior de once irmáns. Fillo dun matrimonio humilde que compaxinaba as tarefas do mar e as da terra, comezou a traballar como mariñeiro aos nove anos. Poucos máis tardaría en tomar un camiño, o da emigración, que o afastaría da terra natal por primeira vez.
En 1912 chegaba a Bos Aires sen apenas formación. Un lustro despois, era un dirixente obreiro recoñecido a nivel nacional. Nos anos seguintes organizaba a e dirixía sindicatos, nomeadamente no sector marítimo, entrevistábase con presidentes da nación, era a figura central en mitins multitudinarios ou formaba parte da delegación arxentina na asemblea da Organización Internacional do Traballo. A súa militancia socialista e comunista levábano a participar en candidaturas a concelleiro e a senador. E, no medio desta voráxine, atopaba tempo para adquirir unha ampla formación intelectual e para desenvolver a que sería a súa grande paixón: o xornalismo. O seu nome estaría á fronte dalgúns dos principais voceiros da prensa obreira porteña. Unha bagaxe nada cativa para quen tiña que gañar a vida desempeñando oficios duros e mal pagados ou percorrendo os mares do mundo –chega a pisar Shangai, onde, naturalmente, atopa a dous paisanos– nas cociñas de buques mercantes.
En 1912 chegaba a Bos Aires sen apenas formación. Un lustro despois, era dirixente obreiro recoñecido a nivel nacional
A amizade con Blanco Amor
Nestes anos tomaría contacto co que sería o seu grande amigo de por vida, Eduardo Blanco Amor. Ambos compartían a orixe, a vocación xornalística e a condición homosexual, con todo o que entón implicaba. A influencia mutua había serdeterminante en ambos casos:para que o ourensán tomase conciencia social e para achegar ao sadense a unha nova causa, a do nacionalismo galego. O certo é que Suárez Picallo comeza a participar de xeito activo nas organizacións conformadas polos emigrantes, como a Federación de Sociedades Galegas, na que desempeña un papel central. É tamén o momento do reencontro coa lingua materna e o inicio da súa produción literaria: a estreado drama Marola depáralle un éxito rotundo. De novo, a súa escrita e a súa oratoria, de ton lírico e expresión elocuente, convérteno nun referente entre os seus conterráneos. Con Eliseo Pulpeiro e o propio Blanco Amor dirixe a revista Céltiga, baluarte cultural do galeguismo a ambas beiras do Atlántico, nun tempo, o da ditadura de Primo de Rivera, no que cumpría facer e dicir na diáspora o que no país non se podía.
Precisamente co obxecto de derrubar o réxime e á propia monarquía, Suárez Picallo promove a creación dunha filial en Bos Aires da ORGA, o partido acaudillado por Casares Quiroga que aglutinaba a republicanos e galeguistas. Os feitos precipítanse en abril de 1931 e o xornalista vive os cambios con entusiasmo e optimismo: acaba de proclamarse a República. O futuro está por construír e, desde a outra beira do Atlántico, aquel neno que deixou a terra en 1912 está en disposición de lanzarse a conquistalo. Para participar directamente no devir dos acontecementos, Picallo é designado representante da Federación. Por fin, o regreso, coroado cun éxito fulgurante: as súas intervencións na asemblea da Federación Republicana Gallega, da que a ORGA fai parte, abraian aos asistentes, que o elixen candidato a Deputado. Uns meses máis tarde, a poderosa voz do emigrante retornado está resoando xa nas Cortes Constituíntes.
“Fillo do pobo e do traballo”
Na súa primeira intervención, presentábase como alguén que carecía de “títulos realmente valederos, como no sea el de ciudadano de la democracia, el de hijo del pueblo y del trabajo”[4]. Un home de condición humilde e aspecto desleixado, de formación autodidacta, representante dun pobo de identidade negada… ía contender coa palabra con figuras da talla intelectual de Azaña, Unamuno ou Ortega y Gasset. Sería este último quen, abraiado pola irrupción do descoñecido deputado, preguntaría aquilo de “¿Quién es esa voz pegada a un hombre?”. Porén, a quen había conquistar de xeito máis rotundo, coa súa oratoria e coa súa praxe parlamentaria, sería precisamente aos sectores sociais do pobo galego cos que el se sentía identificado. Pero non xa como representante da ORGA, senón dunha nova formación política: o Partido Galeguista, do que el forma parte desde o momento da súa constitución en decembro de 1931.
Suárez Picallo, curtido nas loitas sociais, vai ser o home de mitin do PG. Nos anos seguintes, percorre a xeografía galega dando conta do seu traballo nas Cortes e expoñendo ás masas a necesidade dunha Galicia soberana:
Recuerda cómo antes y por encima de cualquier otra calificación, él es hijo del trabajo y de Galicia, cómo antes de que él pudiera soñar en ser diputado y actuar en la vida pública, había trabajado en el campo y en el mar y sentía por eso bien y muy cerca los problemas que agitan a trabajadores del agro y del mar en nuestra tierra.[5]
Nalgunha ocasión, lembra “sus años de infancia en las tierras de Sada, la tristeza de los días invernales, casi sin pan y sin ropas, en el abandono moral de la aldea, cuyo clamor no podía llegar a Madrid, tan lejano, tan indiferente, tan extraño”[6]. Afirmación nacional e conciencia social, son os dous eixes arredor dos que xira o seu discurso, tamén dentro dos propios órganos do partido, nos que vai encabezar aos sectores máis escorados á esquerda.
Malia todo, o xiro á dereita nas eleccións de 1933 déixao sen escano, ocasión que aproveita para retomar o oficio xornalístico (dirixe A Nosa Terra, voceiro do PG, e o semanario Ser) e estudar. En apenas dous anos, obtén a licenciatura en Dereito e exerce xa como avogado. Porén, despois dun bienio coa dereita no poder e as reformas aprazadas, a convocatoria electoral de febreiro de 1936 fai que se consagre de novo á acción proselitista, apostando pola confluencia do PG na Fronte Popular. De novo, a palabra de Picallo inunda os grandes auditorios, os campos e prazas, os pequenos salóns de baile:
¡A 17 mítines por día he salido! [...] Ay, mi gran amigo, que cosas descubrí yo desde la tribuna en esta campaña electoral a lo largo y ancho de nuestra tierra. Que ojos juveniles alucinados siguiendo el vuelo de las palabras. [...] A su conjuro empecé a sentirme leader conductor de mi pueblo.[7]
Ao triúnfo electoral, coa recuperación do escano, seguirá a campaña polo plebiscito do Estatuto de Autonomía. Florecen as esperanzas, o futuro anhelado é case palpable. Pero a sublevación militar de xullo e a caída do territorio galego en mans dos rebeldes truncan todos os proxectos. No caso de Suárez Picallo, que salva a vida por atoparse en Madrid, á traxedia da derrota únese o drama familiar. O seu irmán Xohán Antón, dirixente galeguista e activista agrario, é paseado en agosto: “mi gran camarada, mi gran auxiliar, mi mejor amigo, mi inolvidable animador, fue asesinado a culatazos”[8]. Os pais enferman e morren pouco despois e o fogar de Beloi, noutrora ateigado de bulicio, está case baleiro. Ramón vive este drama desde a impotencia da distancia, organizado unha Milicia Galega e dirixindo, en Barcelona, a revista Nova Galiza. Ata que o decurso da guerra obriga a cruzar a fronteira rumbo a Francia. Comeza o deambular por América dun home abatido, un referente do nacionalismo e da Galicia republicana que non cesará nunca no seu compromiso.
O periplo de Suárez Picallo no desterro levarao inicialmente aos EEUU. Alí realiza unha intensa xira para recadar fondos cos que trasladar persoas exiliadas desde Francia a México. Instálase logo na República Dominicana, onde retoma o seu traballo como xornalista e de onde ten que fuxir perseguido polo ditador Trujillo. As circunstancia condúceno a Chile, a onde chega en 1940 coa intención de poder establecerse no Bos Aires da súa mocidade. Porén, con Arxentina baixo gobernos militares, este regreso postergarase dezaseis anos.
Suárez Picallo, un legado por recuperar
En Chile dedícase profesionalmente ao xornalismo. Na súa columna, “La feria del mundo”, expresa cada día as súas inquedanzas nun mundo abatido pola II Guerra Mundial e fracturado logo pola Guerra Fría. Nestes anos reafirma as súa conviccións democráticas e o seu humanismo pacifista, e verte acedas críticas contra o stalinismo, sen renunciar nunca ao seu galeguismo e ao seu compromiso coas persoas e cos pobos oprimidos. En carta a Blanco Amor, faláballe da súa “total, absoluta e irremediable soidade que me condena a vivir comigo só e a morrer nun deserto só comigo”. Sostíñao en pe a ilusión do retorno: “¡Volver, Santo Dios! […] Allí tenemos un rincón para dormir, un plato en la mesa, una profesión honesta y unos cachos de tierra donde arrastrar nuestros pies y ver nacer los guisantes y las patatas nuevas”[9].
Morto Castelao, Picallo era a figura central do galeguismo en América
Con todo, o seu traballo non decaería. En 1944 era o principal promotor en Chile da restauración do pacto Galeuzca. En paralelo, participaba na constitución, en Montevideo, do Consello de Galiza, que pretendía gardar no exilio a vontade do pobo galego. Estaría integrado inicialmente por Castelao, Alonso Ríos, Elpidio Villaverde e el mesmo, deputados elixidos nos últimos comicios democráticos.
En 1956 producíase o reencontro definitivo coa cidade porteña e cos amigos. Naquel entón, morto Castelao, Picallo era a figura central do galeguismo en América, todo un patriarca entre a colectividade. Aquel home “que vivíu decote coma un mariñeiro, sen mais propiedades que unha bulsa de viaxe”, en palabras de Luis Seoane[10], acolleríase á protección económica de institucións como o Centro Lucense para poder continuar o seu traballo. Entre outras tarefas, impartiría unha cátedra de cultura galega coa que manter aceso o facho da identidade e a memoria dos tempos previos á guerra. Ao mesmo tempo, a lembranza de quen fora Suárez Picallo iríase esvaecendo na súa terra. Cando, en 1959, tomaba a palabra para despedir ao seu amigo e correlixionario Ramón Otero Pedrayo, que retornaba a Galicia despois dunha estadía en Bos Aires, a súa voz, avellentada pero aínda poderosa, reiteraba unha e outra vez unha manda tan emocionada como dramática: “Cando chegues á patria e molles as mans nas augas do mar de Vigo que cantou Martín Códax, fálalles de nós”. Que souberan da existencia doutra realidade alén da Galicia oprimida polo franquismo: a que o exilio, encabezado entón por Suárez Picallo, representaba. A das liberdades, os valores democráticos e a conciencia nacional. A do futuro.
Ramón morría no ano 1964, desexando que os seus restos puideran retornar algún día a Sada, como así sería catro décadas máis tarde. Quedaba o seu legado: milleiros de páxinas repartidas polos xornais e unha voz que, alén das gravacións dos últimos anos, levou o vento. A voz dun pobo negado reafirmando a súa existencia.
- [1] La Hora, Santiago de Chile, 01/01/ 1948.
- [2] Crónica, Madrid, 19/04/1936,
- [3] El Pueblo Gallego, Vigo, 28/10/1932.
- [4] Diario Oficial de Cortes, Lexislatura 1931-1933, sesión do 24 de setembro de 1931, páx. 1139.
- [5] El Pueblo Gallego, Vigo, 13/10/1932.
- [6] Id., 09/09/1932.
- [7] Carta de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor, s/d (en A. Lopo, 2016).
- [8] Id. Barcelona, 25/12/1936 (op. cit.).
- [9] Id. Santiago de Chile, 20/02/1943 e 24/08/1946 (op. cit.).
- [10] A Nosa Terra, Bos Aires, 03/1965.
BIBLIOGRAFÍA
- AA.VV. (2009): Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo, Comisión Irmáns Suárez Picallo, Sada.
- DÍAZ, H. (2008): “Introducción”, en SUÁREZ PICALLO, R.: Años de formación política. Selección de textos (1916-1931), Alborada, Bos Aires.
- LOPO, A.[ed.] (2016): Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor, Chan da Pólvora, Santiago de Compostela.
- NORAMBUENA, C., MOURE, E. (2008): “Limiar. O oficio xornalístico”, en SUÁREZ PICALLO, R.: La feria del mundo: Crónicas desde Chile (1942-1956), Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.
- PÉREZ LEIRA, L. (2008): Ramón Suárez Picallo. O primeiro deputado da emigración, Galicia en el mundo, Vigo.
- PÉREZ LORENZO, M., PITA FERNÁNDEZ, F. (2008): “Notas autobiográficas”, en SUÁREZ PICALLO, R.: Escolma de textos en galego, Consello da Cultura Galega, Concello de Sada, Santiago de Compostela.