Un paseo “da vergoña” visita e denuncia as pegadas franquistas que aínda perduran na Coruña

Artigo publicado orixinalmente no Diario Nós

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña organizou este sábado a VI Andaina da Vergoña para denunciar as homenaxes “aínda visíbeis” na cidade herculina a personaxes relacionados coa ditadura franquista.

Baixo a lema ‘Fóra franquistas das nosas rúas’, o itinerario comezou na Praza de María Pita contra o mediodía, onde se atopa casa natal de Pedro Barrié da Maza, “principal colaborador de Franco na Coruña”.

O paseo estivo dirixido pola actriz Isabel Risco e o músico Xurxo Souto e nel participaron representantes do BNG na cidade, entidades locais e xentes da cultura como o actor Fernando Morán, encargado de ler o manifesto. 

Acompañados por unha banda de gaiteiros, os organizadores denunciaron que “colaboradores directos dun réxime ilegal reciban recoñecemento día tras día”.

O presidente da entidade, Fernando Souto, asegurou durante o percorrido que Barrié “axudou a extinguir os veciños”, polo que instou a retirar placas como a do coruñés das rúas da cidade. “Deben estar en museos”, precisou, mais non poden perdurar nas rúas que levan o nome de “xente que quería converter en súbditos as persoas. Somos cidadáns, non súbditos”, incidiu.

Souto lamentou que “facer cumprir unha lei sexa unha protesta na Coruña” -en referencia á Lei de Memoria Histórica- e insistiu en que as placas conmemorativas “limitan a convivencia”. “Con cada rúa, triunfa o franquismo”, asegurou.

Cinco biografías do franquismo

Ademais da casa natal do Marqués de Fenosa, a ruta pasou polo monólito do alcalde Alfonso Molina en Porta Real; polo busto do alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte, detrás do Concello; a praza do Pintor Sotomayor, fronte ao Consulado, e a Rúa Ambrosio Feijoo, nun lateral de Correos.

Este cinco nomes, lembraron, figuran na relación das 14 rúas que o informe do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, encargado polo Concello, propón eliminar pola súa relación co franquismo. O Pleno da corporación aprobou o 2 de decembro de 2021 unha moción que instaba o Goberno municipal a “divulgar” esas 14 biografías.

Segundo sinalan desde a Comisión pola Memoria Histórica da Coruña, nesta VI andaina propúxose cambiar o nome da rúa Pintor Sotomayor polo de María Miramontes e a de Ambrosio Feijoo, polo 10 de Marzo.

As andainas da vergoña

As andainas da vergoña, iniciadas en 2005, pretenden sinalar os restos do franquismo que deberan ser eliminados, 110 dependentes do concello da Coruña e 37 da Deputación, entre eles as distincións de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga e a Medalla de Bronce ao rei Juan Carlos, concedidas na ditadura.

Neste sentido  a VI ruta da vergoña pola cidade serviu para denunciar, tamén, a falta de vontade política por parte do Goberno municipal da Coruña para acabar cos restos do franquismo. “Aprobouse en 2017 a constitución do Consello da Memoria Democrática e cinco anos despois aínda non comezou o debate para acabar coa simboloxía franquista despois de secuestrar durante un ano o informe do Instituto José Cornide”.  

“O goberno municipal non divulga o citado informe nin executa as súas recomendacións, como aprobou o Pleno en decembro de 2021. Non retira a rúa do alcalde Peñamaría de Llano, cando o Pleno do Barco de Valdeorras aprobou por unanimidade a proposta de cambiar esa rúa por Mártires de Valdeorras, honrando así as vítimas da actuación criminal nesa comarca da Lexión, dirixida por Peñamaría”, conclúen desde a entidade.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *