Constituída a nova Xunta Directiva da AC Irmáns Suárez Picallo
Na reunión tamén se acordou a creación de cinco comisións de traballo. Podes anotarte por correo ou neste espazo web
Onte tivo lugar a reunión de constitución da nova Xunta Directiva xurdida da asemblea anual celebrada o pasado 21 de febreiro. Seguindo o mandato desa asemblea, creáronse as comisións de traballo que che indicamos a continuación, para que poidas unirte ás que consideres do teu interese, simplemente enviándonos un mail. Cada comisión estará coordinada por unha persoa da Xunta Directiva.
Comisión de Publicacións. Intégrase nela o actual Consello de Redacción de Areal. A súa función será coordinar todas as publicación da ACISP. Coordina Manuel Pérez Lorenzo.
Comisión de Comunicación , con funcións de xestión das redes sociais, relación coa prensa, páxina web… Coordina Laura Pita.
Comisión de Audiovisuais. Terá por obxecto elaborar material audiovisual, gravar os actos da ACISP e facer divulgación en formato audiovisual. Coordina Xosé Anxo Seoane.
Comisión de Arquivo e Documentación. Terá por función a ordenación e arquivo dos materiais impresos e bens inventariados da ACISP, así como a súa actualización. Coordina Marisa Naveiro.
Comisión de Memoria Democrática. Terá como función coordinar o traballo sobre memoria democrática, investigación, relación con outros grupos ou asociacións afíns e coordinar actividades de colaboración. Coordina Carlos Babío.
Animámoste a participar. Mándanos un mail a info@suarezpicallo.gal indicándonos a que comisión ou comisións te apuntas, ou ben cubre este formulario: