O goberno da Xunta de Galiza declara Ben de Interese Cultural a biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán

A declaración BIC afecta a 3200 libros que están actualmente en Meirás, aproximadamente unha terceira parte dos existentes no pazo. Non obstante, non protexe os bens mobles; por poñer un exemplo: nin as librerías nin a mesa de traballo da escritora quedan protexidas.

Entendemos a preocupación da Xunta por protexer eses libros, pero pensamos que sería máis  lóxico modificar a declaración BIC do ano 2008 incorporando todo o inventario, mobles e  biblioteca incluídos, e protexendo así todo o que está no interior do pazo, propiedade que neste momento está sendo motivo de litixio.

As administracións deben preocuparse por conseguir a propiedade do que está dentro do Pazo, porque se esta non é pública o debate sobre a futura radicación da biblioteca unificada carece de sentido. Na actualidade a biblioteca de Pardo Bazán está disgregada: a maior parte atópase na biblioteca da Real Academia Galega, outra parte continúa no Pazo de Meirás e outra está desaparecida.

Se a propiedade dos libros queda en mans da familia Franco, xa non haberá debate sobre onde albergar definitivamente a biblioteca. Por iso é fundamental protexer os bens mobles, e entendemos que para facelo sería máis axeitada unha ampliación do BIC do 2008.

Achégase manifesto da Asociación neste sentido

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é quim.jpg
Na imaxe superior pode verse unha instantanea de Emilia Pardo Bazán no “balcon das musas”, situado no último andar da Torre de Levante (a máis alta das tres torres). Na fotografía inferior vemos o estado actual desta estancia que Emilia Pardo Bazán empregaba como lugar de traballo (a porta de saída ao balcón esta pechada). En ambas as imaxes pode observarse a mesa de traballo da escritora, que non está incluída na declaración de Ben de Interese Cultural e, polo tanto, quedou fóra da protección patrimonial. Non esquezamos que a propiedade desta mesa (xunto coa dos restantes bens mobles existentes no Pazo de Meirás) está reclamada xudicialmente pola familia Franco

EN RELACIÓN CO DECLARACIÓN COMO BIC DA BIBLIOTECA DE EMILIA PARDO BAZÁN. A SITUACIÓN ACTUAL DESTE BEN E DO RESTO DE BENS MOBLES DO PAZO DE MEIRÁS

No día de hoxe a Xunta de Galiza publicou no DOG o decreto polo que se declara como Ben de Interese Cultural a biblioteca de Emilia Pardo Bazán. Desde a AC Irmáns Suárez Picallo consideramos que esta declaración propicia un debate interesado e absolutamente extemporáneo, cando o que debería ocupar o tempo das administracións públicas é loitar pola propiedade e a protección de todos os bens que conforman o conxunto do “Sitio Histórico” (categoría esta do Ben de Interese Cultural constituído polo Pazo de Meirás).

Isto debería ser a prioridade neste momento: considerar todos os bens (os bens mobles e o propio inmoble) como unha soa unidade que integra o conxunto, tanto aqueles que corresponden á época da familia Pardo Bazán como os que foron incorporados durante a ditadura, e dotalos de xeito integral da mesma protección que agora mesmo ten o inmoble. Fender en anacos ese conxunto de bens, entendendo que algúns teñen máis valor que outros, é un erro que dá lugar, por exemplo, a que certos volumes dunha biblioteca teñan protección patrimonial pero as librarías que albergaron esas edicións ou a cadeira e mais a mesa que Emilia Pardo Bazán empregou para crear esas obras carezan dela.

Ademais estase a protexer unha biblioteca sobre a que nin a Xunta nin o Goberno do Estado reclaman a día de hoxe a propiedade —algo que de xeito formal si fai a familia Franco—, ao tempo que se pretende sacala de Meirás para a trasladar á sede da Real Academia Galega (RAG), xunto aos libros que xa se levaron en 1978. Dito doutro xeito, tanto a Xunta como a RAG pretenden tomar decisións sobre bens cuxa titularidade non reclaman.

En resumo, cómpre demandar a propiedade de todos os bens do Pazo de Meirás asociados a ambos os períodos, sen diferenciación e considerando que todos eles forman parte dun conxunto. E débeo facer de modo formal o Estado, co apoio do conxunto de administracións que están lexitimadas para iso. De igual maneira, a Xunta debe modificar con urxencia a declaración BIC do Pazo de Meirás co fin de incorporar como anexo desta declaración o catálogo de bens mobles que dan sentido e contido ao sitio histórico, non só a biblioteca, senón todo o conxunto, dotando de protección a todos os elementos, e isto con independencia da demanda xudicial que o Estado debe interpoñer para a reclamar a propiedade deses bens mobles.

E esa acción xudicial debe formulala o Estado como administración titular do ben, e consecuentemente a Xunta e a RAG antes de introducir calquera debate sobre onde se deben albergar determinados bens -que estarán afectados polo que se faga ou deixe de facer hoxe a respecto da reclamación da súa titularidade e protección neste momento histórico-. Porque ademais as decisións futuras sobre elementos do conxunto (da biblioteca tamén) deben atender a criterios históricos e tamén de racionalidade. E, sobre a base destes criterios, deberase elaborar un Plan Director que concrete os usos e a localización específica dos diferentes bens e elementos.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é ba-516x1024.jpg
Na primeira das imaxes podemos ver unha instantánea de Emilia Pardo Bazán na estancia máis baixa da torre de Levante (a máis alta das 3 torres de Meirás), lugar onde recibía as visitas e tiña unha das súas bibliotecas (a que ela denominaba como “biblioteca baja”). Pódense observar as vitrinas desta bliblioteca, que na imaxe seguinte aparecen na zona de servizo das torres (concretamente no corredor existente na parte traseira das escadas do vestíbulo principal). Lembremos que esa estancia foi reconvertida en salón por decisión de Franco, e as vitrinas da biblioteca en lacenas do servizo de cociña das Torres. Na fotografía inferior podemos comprobar como as cadeiras da “biblioteca baja” foron trasladadas á capela, tamén por decisión do ditador Franco. Xa que logo, resulta moi evidente que todos estes bens estaban en Meirás con anterioridade a que Franco convertese este patrimonio en residencia oficial da xefatura do estado. E, como no caso anterior, todos estes elementos carecen de protección patrimonial.

É este un debate que carece de sentido se non se atenden as consideracións anteriormente expostas.

Mais a AC Irmáns Suárez Picallo está disposta a contribuír coas súas achegas desde o coñecemento e o estudo histórico acerca do Pazo de Meirás. Sirvan como mostra as seguintes consideracións.

En relación coa situación concreta da Biblioteca de Emilia Pardo Bazán

Tanto no expediente de incoación como no propio decreto de declaración de Ben de Interese Cultural publicado hoxe, esta declaración está referida exclusivamente “á colección persoal de libros de Emilia Pardo Bazán, ao longo da súa vida e intensa e relevante actividade intelectual, está na actualidade disgregada entre a súa localización maioritaria na biblioteca da Real Academia Galega e outra parte nas Torres de Meirás, e poden existir outros”.

A declaración non afecta a ningunha estancia nin moble interior ou exterior de Meirás, só aos libros. En concreto, a 7.883 volumes custodiados na sede da Real Academia Galega (Tabernas 11, A Coruña) e a uns 3.200 volumes que se corresponden con 2.972 rexistros que aínda se conservan no Pazo de Meirás, mais outros que están en lugares descoñecidos, segundo o inventario promovido no ano 2015 pola RAG (na resolución publicada no día de hoxe abre a posibilidade de incorporar eses volumes, “posto que existen os indicios, segundo o coñecemento experto sobre a materia, da posibilidade da existencia de parte desta colección diseminada en diferentes localizacións”.)

Non obstante, no Pazo de Meirás quedan moitos máis dos 2.972 libros que recolle o expediente de incoación como BIC da biblioteca de Pardo Bazán, xa que na etapa franquista se produciu unha incorporación de libros ás diferentes estancias que foron empregadas como biblioteca. Mais incomprensiblemente estes exemplares nin foron ata o momento reclamados polas administracións nin protexidos pola declaración BIC.

A razón de que non estean catalogados no expediente que incoou o BIC da biblioteca é porque este só recolle aqueles libros que considera vinculados á escritora e, en calquera caso, anteriores á etapa en que o Pazo de Meirás se converte en residencia oficial da xefatura de estado durante o período franquista: 2.972 que se conservan no Pazo de Meirás e algúns máis (até 3.200 volumes) que están en paradoiros descoñecidos. Mais hoxe pode contrastarse que os Franco levaron varios libros de Meirás para outras residencias. E incluso sabemos que durante os labores de extinción do incendio acontecido en 1978 houbo un descontrol absoluto en canto aos accesos e control sobre a biblioteca que propiciou a rapina e, en consecuencia, a desaparición de exemplares.

Tras o incendio de 1978, Carmen Polo, daquela xa viúva do ditador Franco, decidiu doar ao Ministerio de Cultura parte dos libros que se atopaban en Meirás. En concreto, eses 7.883 libros. O Ministerio de Cultura decidiu doalos á Real Academia Galega, tendo en conta a vontade de Blanca Quiroga de Pardo Bazán, que doara no seu día o edificio da rúa Tabernas como sede desta entidade para facela responsable da custodia e coidado tanto do patrimonio cultural como da produción intelectual de Emilia Pardo Bazán.

Outra cuestión importante e que cómpre ter en consideración á hora de tomar decisións futuras a respecto da biblioteca de Pardo Bazán é que os libros que quedan no interior das Torres de Meirás non están localizados nos espazos dedicados a biblioteca pola escritora.

As dependencias interiores das Torres foron transformadas de xeito importante tras a chegada como morador do ditador Franco. O crego Manuel Vidal Rodríguez, que pasou nas Torres varios veráns, conta que os libros máis selectos e mellor encadernados estaban situados na planta baixa da Torre de Levante, formando unha soa peza co despacho e o recibidor particular, distribuídos en armarios de tres corpos verticais pechados con chave. Esta dependencia foi transformada en salón nos primeiros anos da etapa franquista e os armarios aos que fai referencia o crego foron reconvertidos para outros usos de servizo.

Outras pequenas bibliotecas dentro das Torres de Meirás estaban situadas no espazo de traballo e no dormitorio de Pardo Bazán. A primeira, no piso superior da torre, reservado á produción das súas obras literarias, contiña unha sección de libros de consulta. A segunda, no primeiro andar, contaba con volumes de pequeno formato, o que lle permitía á escritora dedicar unha media hora á lectura antes de se deitar. Esta última biblioteca foi suprimida, mentres que a da planta máis alta da Torre de Levante se mantivo, se ben moi transformada —mediante obras levadas a cabo por institucións públicas durante a ditadura—.

A outra biblioteca existente hoxe no Pazo de Meirás foi construída na etapa franquista (1938-1975) e reformada tamén a cargo do Estado neste período. Nada ten que ver coa memoria ou o legado de Pardo Bazán.

Cómpre, pois, unificar a biblioteca nun único lugar? Con independencia das distintas posicións ao respecto,  o futuro da biblioteca —como o do resto de bens mobles do Pazo de Meirás— depende de decisións xudiciais e político-administrativas, así como da capacidade de dotar de protección patrimonial a todo o conxunto. Polo tanto, estase a producir neste momento un debate prematuro sobre unha cuestión que en realidade dependerá desas decisións que se adopten. Tempo haberá de debater sobre isto unha vez resolvamos a cuestión fundamental.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é fra-1024x514.jpg
Estancia interior da planta baixa que moitas veces se confunde cunha biblioteca da escritora Pardo Bazán, cando en realidade o seu deseño e construción pertencen á etapa franquista, xa que as obras de construción e reforma interior desta estancia se inician no ano 1939 por decisión do propio ditador Franco. Incluso se realizaron con posterioridade obras de mellora que executou a “Comandancia de Fortificaciones y Obras” con sede na Coruña e a cargo dos orzamentos do “Ministerio del Ejército”. Tanto nesta biblioteca como no comedor, tamén situado na planta máis baixa das Torres, tiveron lugar varios consellos de ministros.

A xeito de conclusións

Non ten sentido separar e categorizar os bens mobles do Pazo de Meirás (biblioteca incluída). Todos os bens mobles deben formar unha única unidade que integra todo o conxunto, tanto o inmoble como os bens mobles, e o conxunto do sitio histórico que representa o Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural debe estar integrado de xeito inseparable polo catálogo unificado destes bens.

As administracións públicas (tanto o Estado como propietario dos bens como as administracións coadxuvantes) deben reclamar a totalidade destes bens (mobles e inmobles) atendendo ao comentado principio de unidade. Xa que logo, o Estado debe presentar demanda xudicial que garanta a propiedade destes bens, e o resto de administracións constituídas como parte deben igualmente obrar nesa dirección.

Asemade, cómpre que desde a Consellería de Cultura se proceda a incorporar como anexo da declaración como Ben de Interese Cultural todos os bens mobles do Pazo de Meirás de maneira urxente, co fin de lle dar unidade de protección a todo o conxunto (inmoble e mobles).

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é despacho-1024x590.jpg
Outra das bibliotecas interiores do Pazo de Meirás na actualidade é a que Franco escolleu para instalar o seu despacho persoal. Está situada na primeira planta da torre frontal (da fachada principal) e, ao igual que a biblioteca que está na planta baixa das torres, non garda ningunha relación con Emilia Pardo Bazán, xa que a súa construcción no interior das Torres foi decisión do ditador Franco

AC Irmáns Suárez Picallo . suarezpicallo.gal

O texto integro do decreto de declaración BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220216/AnuncioG0598-090222-0001_gl.html

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *