Paco Pita, socio fundador e presidente desde o nacemento da asociación, decidiu deixar a presidencia e non presentarse á reelección
O luns 21 de febreiro a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo celebrará unha xunta xeral ordinaria para a aprobación, se procede, da conta xeral correspondente ao ano 2021 e do orzamento correspondente ao exercicio 2022. A continuación celebrará unha xunta xeral extraordinaria na que as socias e socios procederán a escoller unha nova Xunta Directiva da Asociación.
E é que Paco Pita, un referente da AC Irmáns Suárez Picallo e quen ocupou o cargo de presidente desde a súa fundación, acaba de anunciar que non se presentará á reelección. Non será esta, polo tanto, unha asemblea xeral calquera, xa que teremos que escoller a persoa que substitúa a alguén referencial no mundo do asociacionismo cultural, respectado e recoñecido neste eido.
Desde aquí o noso inmenso agradecemento en nome de todas as socias e socios da Asociación Irmáns Suárez Picallo ao inestimable labor de Paco Pita. Sabemos que seguirá a colaborar con nós, que non é unha despedida. Mais xusto é recoñecer o seu inmenso traballo.