A AC Irmáns Suárez Picallo en “Praza Pública”

A Asociación Suárez Picallo advirte de que a declaración BIC da biblioteca de Pardo Bazán deixa desprotexido parte do patrimonio

O colectivo de Sada considera que o Estado debe demandar “a propiedade de todos os bens do Pazo de Meirás” para garantir a protección íntegra dun patrimonio que vai máis alá dos libros contabilizados na declaración BIC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste mércores publicou o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán. Un proceso que se iniciou en novembro de 2020 coa apertura do expediente e que se refire aos 7.883 libros da escritora custodiados na sede da Real Academia Galega na Coruña, e aos 2.972 rexistros (uns 3.200 volumes) que se atopan no Pazo de Meirás, en Sada. 

Porén, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo traslada “que sería máis lóxico modificar a declaración BIC do ano 2008 incorporando todo o inventario, mobles e biblioteca incluída, protexendo así todo o que está dentro do Pazo de Meirás, propiedade que neste momento está sendo motivo de litixio”.

Desta maneira, o colectivo de Sada reclama que “o Estado, co apoio do conxunto das Administracións que están lexitimadas para iso”, sexa quen demande “a propiedade de todos os bens do Pazo de Meirás asociados a ambos os períodos [a etapa da escritora coruñesa e a apropiación no franquismo] , sen diferenciación e considerando que todos eles forman parte dun conxunto”.

Unha parte dos libros da biblioteca de Emilia Pardo Bazán que garda a Real Academia Galega © Real Academia Galega

“Trátase dunha colección esencial tanto por ser unha biblioteca creada por unha intelectual, novelista, inquieta, autodidacta, defensora da liberdade da muller e pioneira das ideas feministas e preocupada pola cuestión social, como por ser froito das súas relacións con intelectuais contemporáneos, unha das pensadoras máis sobresaíntes do seu contexto e vixente na actualidade”, destacan no decreto aprobado pola Xunta.

No DOG especifícase que o estado de conservación dos libros é moi dispar, pero incídese en que “a gran maioría dos volumes son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a esta protagonista da vida intelectual da súa época, e abranguen literatura do Século de Ouro español, do século XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación de literatura galega”.

“A súa biblioteca constitúe un conxunto singular pola súa relevancia como autora prestixiosa e influente no panorama literario español do século XIX, ademais de concorrer nela un especial valor cultural, como testemuña dun período histórico, ao ser un patrimonio material que contribuiría ao coñecemento sobre esta etapa da historia cultural de Galicia”, describen no decreto publicado este mércores.

Vítimas da ditadura e representantes de entidades memorialistas, do Concello de Sada e do Goberno de España, na primeira visita a Meirás como patrimonio público, en xullo de 2021 © Goberno de España

Desde a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo estiman que a “prioridade” das Administracións Públicas debe ser “considerar todos os bens” do Pazo de Meirás “como unha soa unidade que integra o conxunto, tanto aqueles que corresponden á época da familia Pardo Bazán como os que foron incorporados durante a ditadura, e dotalos de xeito integral da mesma protección que agora mesmo ten o inmoble”.

Esta declaración da biblioteca da escritora como BIC, sinalan na asociación de Sada, non abrangue o total dos bens a protexer, pois dá lugar “a que certos volumes dunha biblioteca teñan protección patrimonial pero as librarías que albergaron esas edicións ou a cadeira e mais a mesa que Emilia Pardo Bazán empregou para crear esas obras non a teñan”.

“Cómpre que desde a Consellería de Cultura se proceda a incorporar como anexo da declaración como Ben de Interese Cultural todos os bens mobles do Pazo de Meirás de maneira urxente, co fin de darlle unidade de protección a todo o conxunto (inmoble e mobles)”, aseveran desde a entidade.

O artigo orixinal publicado en “Praza Pública” pode consultarse aquí: https://praza.gal/cultura/a-asociacion-suarez-picallo-advirte-de-que-a-declaracion-bic-da-biblioteca-de-pardo-bazan-deixa-desprotexido-parte-do-patrimonio

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará