O grupo parlamentario do BNG dános traslado de diferentes iniciativas relacionadas coa demanda de declaración BIC do Museo Carlos Maside

Este pasado venres, varios membros da directiva da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo presentaban no Parlamento de Galicia máis de 1700 sinaturas de apoio ao manifesto que reclama a protección e declaración como Ben de Interese Cultural do Museo Carlos Maside. Tras facer entrega destas sinaturas no rexistro do Parlamento, os representantes da Asociación mantiveron diferentes entrevistas cos diferentes grupos parlamentarios, nas que estes se comprometeron a apoiar as demandas da nosa Asociación.

O grupo parlamentario do BNG deunos traslado de diferentes iniciativas presentadas no día de hoxe como resultado da entrega de sinaturas e das diferentes entrevistas celebradas, que se resumen no seguinte texto:

O pasado 28 de xaneiro o grupo parlamentario do BNG recibiamos no Parlamento unha representación da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada (A Coruña).

O obxectivo deste encontro, que tamén tería lugar cos outros grupos parlamentarios presentes na cámara, era darnos traslado da entrega por rexistro de 1.745 sinaturas que avalan o Dereito de Petición da declaración BIC do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Unha demanda que ben sabemos que non nace ex novo, senón como resultado do incumprimento do goberno da Xunta de Galiza ao non ter actuado na incoación do expediente BIC para este importante museo, conforme o acordo unánime deste Parlamento datado en 2010.

A situación de desprotección e abandono do conxunto deste patrimonio colectivo que representa o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, tanto do edificio singular como dos bens artísticos que contén, é ben coñecido e transmitido publicamente por múltiples voces.

En 2018 o Consello da Cultura Galega fixo público o Informe sobre o valor patrimonial do conxunto artístico e arquitectónico integrante do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (O Castro-Sada) para o que considera necesario aplicar a protección propia dos Bens de Interese Cultural (BIC) para garantir a súa permanencia e preservación indisociablemente unidos, xa que a colección de arte só se comprende e pode ser asumida no marco do edificio que a acolle.

O informe recoñece o relevo e significación que representa o proceso integrador entre o edificio e a colección do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, en tanto que constitúe un legado imprescindíbel para o coñecemento da cultura e da arte contemporáneas galegas, que o fai merecente dun grao de protección que garanta a súa integridade e a súa conservación no futuro.

Esta conservación actualmente está en severo risco pola desatención e abandono aos que se ve sometido o museo desde hai anos, por parte da propiedade actual, que mesmo conlevou o seu peche ao público desde hai máis dun lustro e á suspensión dos proxectos didácticos e culturais que acollía.

O pasado mes de setembro a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo coorganizou xunto ao Consello da Cultura Galega e mais o Concello de Sada unhas xornadas con especialistas en arte e profesorado universitario, onde se considerou a necesidade de impulsar iniciativas tendentes á protección do museo como a solicitude de incoación do expediente de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), pendente desde 2010 e para o que a Xunta nunca activou o proceso de incoación, que xa de seu evitaría a degradación á que se ten chegado.

Unha demanda que xa o BNG denunciou nesta cámara en diferentes ocasións durante o ano 2021 e na que constatamos o inmobilismo e o adiamento inxustificado por parte do goberno do PP na Xunta.

Un estado lamentábel que pon en risco a memoria da vangarda artística galega recuperada da memoria do exilio como proxecto cultural xestado por dous referentes imprescindíbeis como Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.

Un museo que contén unha obra patrimonial de altísimo valor da autoría de Francisco Llorens, Francisco Asorey, Xosé Frau, Maside, Bonome, Laxeiro, Arturo Souto, Fernández Mazas, Cabreiro, Huici, Citino, Maruja Mallo, Lugrís, Colombo, Eugenio Granell e o escultor Antonio López, entre outros, e onde cómpre colocar en especial destaque unha parte da obra declarada xa BIC de Castelao como son as máscaras da súa autoría para a representación da peza teatral Os vellos non deben de namorarse.

O importante apoio recollido pola  Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo dá mostra da elevada demanda social da necesaria protección para o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside como paso previo á súa recuperación, conservación e adaptación do proxecto de musealización.

Asemade, o Concello de Sada acaba de incorporar na memoria orzamentaria para 2022 unha partida destinada a activar un convenio interadministrativo que permita a apertura do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Por todo isto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para debate no pleno/comisión 4ª:

O Parlamento insta a Xunta a incoar o expediente BIC para o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (O Castro-Sada), con carácter de urxencia, á vista de deterioración do edificio e da colección de patrimonio artístico que acolle, co obxectivo de garantir a súa protección patrimonial conforme a Lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia.

Como preguntas que presenta o BNG cabe subliñar as seguintes:

– Determina este inventario como é o seu estado de conservación actual?

– Como xustifica o goberno do PP que unha obra xa catalogada BIC como é a de Castelao poida estar neste museo sen medidas de protección e conservación óptimas e secuestrada ao público?

– Que razóns explican que desde o 2018 en que o CCG emitiu o seu informe técnico, coa demanda de protección BIC para continente e contido, como medida de salvagarda imprescindíbel, a Xunta aínda non incoase ese expediente a comezos de 2022?

– É consciente a Xunta do que este inexplicábel adiamento temporal supón para o avance da perda deste ben patrimonial colectivo único?

– Que medidas está a tomar o goberno para incoar o expediente BIC do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside  (O Castro-Sada), garantir a súa protección e  evitar a degradación actual que pode conducir á perda irreparábel dunha parte fundamental desta colección de vangarda e memoria artística do exilio galego?

Pregunta para resposta escrita

Pregunta para resposta oral en Comisión 4º

Pregunta para resposta oral en Pleno

Proposición Non de Lei para debate en Comisión 4º

Proposición Non de Lei para debate en Pleno

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *