Despois de rexistrar o dereito de petición para que sexa declarado Ben de Interese Cultural o Museo Carlos Maside, o presidente, o secretario e o tesoureiro da Asociación entrevistáronse esta mañá cos representantes dos grupos parlamentarios do Partido Popular, do Bloque Nacionalista Galego e do PSdeG-PSOE
Os tres grupos coincidiron na necesidade de que se inicie o expediente de declaración BIC e comprometéronse a impulsar desde o Parlamento que o goberno da Xunta axilice os trámites administrativos de incoación do citado expediente.
A Asociación quere salientar o compromiso adquirido polo portavoz do grupo parlamentario do Partido Popular, Pedro Puy, e do membro da Comisión de Cultura José Luis Ferro Iglesias.
Pedro Puy amosou receptividade á proposta e indicou que propiciarían que se axilice un proceso que xa conta co informe positivo do Consello da Cultura Galega, e que xa existe tamén un primeiro inventario das obras que alberga o citado museo.
O Portavoz do Grupo parlamentario do PP agasallo os representantes da ACISP coa contemplación de tres obras pictóricas de Carlos Maside que se atopan en diferentes despachos e que forman parte do patrimonio cultural do Parlamento de Galicia.
A iniciativa da ACISP partiu das conclusións das xornadas do pasado mes de setembro coorganizadas pola ACISP, polo Consello da Cultura Galega e polo Concello de Sada, onde se considerou a necesidade de impulsar iniciativas tendentes á protección do museo, entre elas a solicitude de incoación do expediente de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Desde a ACISP púxose en marcha unha campaña de recollida de sinaturas a través da web www.areal.gal que acadou un éxito importante, recollendo un total de 1745 sinaturas de particulares e de institucións. A última, da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.
Nas vindeiras semanas, a ACISP iniciará unha rolda de entrevistas coas entidades asinantes e persoalidades do mundo da cultura para buscar apoios públicos ás iniciativas que se adopten no Parlamento, que á vista do interese mostrado polos diferentes grupos, consideramos que serán aprobadas por unanimidade.
A continuación publicamos unha galería fotográfica dos tres cadros de Carlos Maside que se atopan en diferentes dependencias do Parlamento e que visitamos por deferencia do portavoz parlamentar do PP de G, Pedro Puy: