Valado de setembro

 Paris Joel

Setembro,
Ese período de entreguerras
En que o vento austral se coa pola fiestra
Coma un estertor de fol sen cheminea
Levando ao nariz o pudor da menta en allea infusión,
Ese cálido recendo que tinxe o serán de verde lagarto,
E xa, pola fresca, a nocturnidade da curuxa
Estremecendo a fame nas follas secas,
Os suspiros das cidades esgotadas,
Os funerais das efémeras bolboretas,
E os ecos dun bandoneón nun peito feito tango.


Deste xeito os amantes volven ao pelotón

[de fusilamento,
E un deus barbado distribúe rutinas
Coma quen dá cartas na brisca.
A sota, o cabalo e o rei marchan por sendas 
[sen trunfos
Buscando un bosque de bastos
Onde as abellas poidan libar saudades.
Despois, sempre hai un tempo de prórroga,
Un dáse conta de que o xogo non dá para máis,
E vai na procura da mantiña redentora,
E xusto nese intre, o valado de setembro
Cae en beneficio do outono,
Case en fóra de xogo,
Nu por completo.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *