Claudia Varela Lourido | Raquel Urgorri Ures | Nicole Zapata Ceballos
Neste traballo analízase a visión que proxecta a prensa dunha localidade, Sada, ao longo dunha década, os anos 50. Consta de tres bloques. O primeiro, «Política e Emigración», fai fincapé nos importantes problemas económicos e os seus devastadores efectos sociais, como foi por exemplo o exilio de milleiros de galegos pola represión permanente característica da ditadura franquista. Para o segundo, «Arte, relixión e cultura», pescudamos información relativa a exposicións e exhibicións artísticas, festas relixiosas e, en moita menor medida -debido á carencia de actividades culturais- a charlas, asociacións, congregacións e actividades culturais en xeral. O terceiro, «Sociedade, lecer e criminalidade», comenta como, a pesar desta situación de miseria debida á posguerra e ditadura, a sociedade procura algún xeito de distraerse e recolle tamén os diferentes accidentes e necrolóxicas da época.
O xornalista Manuel L. Freire-Calvelo e un artigo publicado por el na prensa dos anos 50 | La Noche, 10/07/1954
|
POLÍTICA E EMIGRACIÓN
A censura invadía as revistas e xornais cara os aspectos políticos e hai toda unha serie de aspectos que a prensa non amosa. A ditadura trouxo consigo unha gran regresión económica marcada polo afundimento da produción agrícola e o desenvolvemento industrial. Foron os chamados anos da fame, onde a única salvación ante a escaseza e a fame continua era o mercado negro. Cómpre destacar tamén todos os problemas sociais, como por exemplo o exilio por temor ás represalias, encarceramento e execución por motivos políticos.
Outros acontecementos si aparecen recollidos pola prensa. Durante o mes de agosto, e sendo Franco o Xefe do Estado, era habitual ver a chegada do iate «Azor» ao porto, utilizado durante 26 anos como embarcación para as viaxes do caudillo que viña dende San Sebastián ata o Pazo de Meirás, residencia onde cada ano veraneaba xunto a súa familia. Segundo a prensa, tanto na súa benvida como na súa despedida había un gran despregue das autoridades de toda a provincia, así como multitude de veciños ao largo do percorrido, cheos de entusiasmo e orgullo, exclamando «Franco, Franco, Franco».
É moi importante mencionar que non todas as chegadas do caudillo facíanse públicas, pero unha vez entraba no porto sadense, as encargadas de avisar aos cidadáns eran as embarcacións do pobo. Como é evidente durante a estancia do ditador, a actividade que máis practicaba era a pesca, especialmente a do atún e incluso, o 1 de setembro no ano 1958, un cachalote de 28 toneladas e 14 metros de lonxitude foi depositado na «rampa del Caudillo».
Era moi común que as persoas de Sada emigraran cara América, e isto obsérvase nun diálogo escrito por Carlos-Peregrín Otero para o xornal El progreso en 1957. Fala do encontro de dous sadenses por pura casualidade en San Francisco:
LOS GALLEGOS EN EL MUNDO
A bordo del «Yapeyú»
SAN FRANCISCO- Para el poeta Pedro Salinas sería tal vez en seguro azar. El caso es que un sadense –mi suegro– descubrió a otro sadense, al único sadense a bordo del «Yapeyú», en la calle más importante y circulada de San Francisco –la calle Market– a la hora más bulliciosa –la de salir de las oficinas–, entre mil almas de todos los colores que corrían en todas las direcciones, a las pocas horas de haber atracado la motonave en la dársena número 18.
– Yo también soy español.
– Yo soy de Galicia.
– Yo también soy gallego..
– Yo soy de La Coruña
– Yo también soy de La Coruña.
– Bueno, de muy cerca de La Coruña, de Sada.
– ¡Pero, si yo también soy de Sada!
Y ahí tienen ustedes cuatro pupilas dilatadas por la sorpresa, dos faces dando expresión a lo increíble, dos corazones latiendo un poco más de prisa que de costumbre.
A bordo del ’Yapeyú’» | El Progreso, 01/02/1957 |
ARTE, CULTURA, RELIXIÓN
Despois da análise de diferentes xornais da época (La Noche, El Correo Gallego…), puidemos comprobar unha falta de información que pode deberse á censura da época ou ao desenvolvemento da cultura no exilio. Apenas existen referencias a charlas ou actos organizados por asociacións debido ás limitacións impostas pola represiva ditadura do momento.
Cómpre comezar a tratar os aspectos artísticos falando das Cerámicas do Castro, e, por consecuencia, de Isaac Díaz Pardo. Ambos aparecen mencionados en diferentes noticias entre 1950 e 1960. Na maioría preséntanse como un modelo innovador da cerámica do momento. Por exemplo, en 1959, no xornal La Noche dedícanselle uns parágrafos nun artigo de opinión escrito por Regino Barbeito sobre unha exposición de arte no paseo de Riazor. No escrito recálcase a orixinalidade e calidade das pezas:
Cerámicas del Castro, fundada por el gran artista Isaac Díaz Pardo, que presenta una variedad de figuras, en porcelana dura, de alta calidad y serie ilimitada originales del extraordinario artista. […] Sus láminas y platos […] son de lo má destacado que se hace en España. Su dibujo suelto, rápido y seguro dota a sus temas de una dinámica y vivacidad sorprendentes.
Exposición de pezas de Cerámicas do Castro La Noche, 12/08/1959 |
Neste mesmo xornal, en 1960, tamén se fala da realización dunha homenaxe ao gran pintor que impulsou «el florecimiento de la pintura y de la cerámica española» dende a República Arxentina, a onde se trasladou durante uns anos. Pintores como Luís Seoane, Laxeiro ou Maside (que morreu neses anos) son mencionados nos xornais en relación ao éxito de Cerámicas do Castro.
O seguinte aspecto que se trata está relacionado coa relixión, as festividades eclesiásticas e os diversos problemas respecto á organización xeral do ámbito relixioso. Un bo exemplo é un pequeno apartado dedicado a Sada no xornal La noche, no que se menciona que o cardeal Quiroga Palacios autorizou ao párroco a organizar unha recadación de fondos para construir unha nova igrexa. Déixanse entrever as precarias condicións nas que se atopaban as construcións de Sada e o pouco que se facía por arranxalas.
Por outra banda, o escritor Manuel L. Freire-Calvelo no verán de 1954 redactou un artigo no que gabou (a pesar da contradición do título «Sada y sus Mariñas – Problemas urbanos») o conxunto marítimo, cultural e social da vila de Sada, en especial na época das festas de San Roque, en agosto. Neste escrito exalta -con brevidade, iso si- a actividade turística do pobo, os seus mercados, hoteis, terrazas, cafetarías, a exuberancia das súas xentes cos veraneantes e incluso a súa situación xeográfica, que, como afirma, é unha verdadera tierra de promisión para los enamorados de la naturaleza magnífica […] el día en que se encuentre en comunicación más rápida con La Coruña (sustituyendo sus anacrónicos y lentos tranvías por trotobuses), vendrá a ser para ella lo que son los pueblos aledaños de Madrid, su jardín y su más amplio mercado.
SOCIEDADE, LECER E CRIMINALIDADE
A ditadura foi un período de pobreza, fame, miseria e represalias contra os derrotados. A pesar desta situación, a sociedade intentaba buscar os medios necesarios para poder divertirse, buscar novas actividades e, dalgunha forma, esquecer por un momento, todo o malo que estaba pasando no país.
Nesta época podemos atopar moitas noticias acerca de equipos de fútbol, como o Sporting Sada. Na seguinte imaxe podemos observar un partido deste equipo contra o Marino de Mera.
Tamén atopamos unha noticia que anunciaba unha excursión ao mosteiro de Sobrado dos Monxes e á praia de Sada. A viaxe comezou ás sete da mañá, con saída de Lugo e parada de 30 minutos para almorzar. Despois de visitaren Sobrado, ás catro da tarde móvense ata Sada, onde os excursionistas puideron gozar da súa praia e das súas atraccións.
Nos xornais tamén podemos atopar noticias acerca de mortes e crimes. Por exemplo, un home atropelado e morto na estrada de Sada a Betanzos. O cadáver de Dionisio Muiño López, de 39 anos, veciño da Lagoa, apareceu ás cinco da tarde tendido na calzada.Ao parecer, este home foi atropelado a unha velocidade considerable cando se dirixía ao seu domicilio. As persoas que conducían, arrastraron o corpo afastándoo e déronse á fuga. Uns metros máis alá, atoparon un peite de cabaleiro e un dous zapatos deste home.
Outro accidente atopado nun xornal foi que lle aconteceu a Eduardo Guillén Vila cando estaban traballando cunha máquina dun dos buques ancorados no porto. Tiña 38 anos e era veciño de Sada. Sufriu unha amputación do dedo pequeno da man dereita. Foi asistido na Casa de Socorro de Catro Camiños.
Tamén atopamos as habituais necrolóxicas, e aquí amosamos algunhas desta época:
Necrolóxicas publicadas en La Voz de Galicia |
CONCLUSIÓN
Tendo en conta os cambios da sociedade nas últimas décadas, é moi certo que o feito de realizar un traballo no que figuren as formas de vida, costumes, actividades, etc., das persoas que nalgún momento viviron na vila de Sada, achega unha comprensión do pasado dende unha perspectiva máis próxima á nosa vida cotiá.
Ademais, pola década elixida (unha etapa de represión e censura política, na que non se desenvolvía ningún tipo de actividade cultural que puidese desafiar ao réxime), a realización deste traballo foi un reto complexo. Por outra banda, a escasa aparición de Sada nos xornais daquela época derivou nunha procura ás veces abafante de noticias que poucas veces tiñan que ver cos tópicos a tratar. Por exemplo, algúns dos temas máis usuais foron os do paso de barcos con cargamentos por Sada e a chegada e saída de barcos con xente de Sada ata América. Por suposto, a noticia que máis figura en todos os xornais é a aparición pública en calquera tipo de contexto do ditador Francisco Franco en Sada, debido á súa relación co Pazo de Meirás.
Pensamos que o feito de mergullarnos no mundo da prensa e de divagar por milleiros de noticias de tempos pasados é unha oportunidade para enriquecernos historicamente e aprender a ser capaces de atopar, filtrar e clasificar artigos de interese, e, sen dúbida algunha, o máis importante, axuda a ser críticas, a contrastar información, a diferenciar ideoloxías só contemplando a páxina dun xornal e a percibir os diferentes puntos de vista dos distintos diarios. O simple feito de que moitas das noticias que comentamos non foran analizadas anteriormente por ninguén é motivo de orgullo para nós.