O curruncho da lingua

Mercedes Leobalde

Con resaca aínda deste verán anómalo en choivas e temperaturas retomamos o noso Curruncho, e facémolo con brío, abordando de fronte un par de cuestións rabudas que, por afectaren a estrutura mesma do idioma, urxe tratar aquí.

A primeira refírese ao emprego incorrecto de tempos compostos en galego; e é que nos últimos tempos asistimos con preocupación á introdución de certos calcos do castelán (ás veces por parte de neofalantes, mais tamén en boca de ben intencionados galegofalantes de sempre, por un afán de hipercorrección), calcos do tipo *cando chegou xa o habíamos feito ou *é certo, habíasmo dito pero non o recordaba. Non! Non, por favor! Doen os oídos ao escoitalo, os ollos ameazan con sangrar ao lelo! Estas serían as formas boas:

Cando chegou xa o fixeramos

É certo, dixérasmo pero non o recordaba

Na nosa lingua, para expresarmos unha acción do pasado que é anterior a outra tamén pasada utilizamos as formas do pluscuamperfecto, tamén chamado antepretérito, que veñen sendo estas (reparade na acentuación grave para nós e vós):

É escusado dicir que da mesma maneira que non temos *habíamos feito nin *habías dito, tampouco *hemos chegado nin *has falado nin *he dito, senón chegamos, falaches, dixen. Non fagamos, pois, como aquela deputada autonómica que adoitaba iniciar os seus discursos cun «Como he dito…», zocada esta que, por reiterada, lle valeu o alcume de «a Editora» entre os restantes membros da cámara.

A segunda cuestión que trataremos, tamén crucial por afectar a estrutura mesma dese fermoso edificio que é a lingua, pode poñer a pel de galiña só con mencionala. Falamos, si, da colocación dos pronomes átonos. Mais non ha ser para tanto a suposta complexidade se a engulimos a pequenas doses, conque imos aló!

Antes de nada, que raio é iso dos pronomes… que? Os pronomes son esas palabriñas que empregamos para nos referir a algo ou alguén anteriormente mencionado co fin de evitar mencionalo de novo, un recurso de economía lingüística que utilizamos tropecentas veces no día con total naturalidade. Velaí un breve exemplo: —Envieiche o paquete hai un par de días. Recibíchelo? —Non, non o recibín aínda, se cadra entréganmo mañá. —Avísasme cando che chegue, de acordo? —Si, en canto o reciba dígocho por Whatsapp e xa vos ingreso o importe na conta que me pasastes.

Todas as partículas marcadas en negra nese diálogo son pronomes persoais átonos e, como vemos, nalgúns casos van unidos ao verbo e noutros antepostos a el como palabras independentes. E agora, o quid da cuestión: cando van soltos diante do verbo e cando van pegados a el?

A casuística ten o seu aquel e obrigaranos a retomar o tema en vindeiros Currunchos, mais apuntaremos xa algunhas pinceladas.

Primeira pincelada: os pronome átonos nunca, endexamais, poden comezar un enunciado, nunca van ao principio da frase. Sería incorrecto, entón, dicir *Che enviei o paquete hai un par de días. *O recibiches? *Me avisas cando che chegue, de acordo?, en lugar de Envieiche, Recibíchelo, Avísasme.

Segunda pincelada: a colocación «normal» —isto é, por defecto— dos pronomes átonos en galego (aínda que existen, como iremos vendo, múltiples excepcións) é detrás do verbo e unidos a el. Así, diremos Onte conteillo, expliqueillo polo miúdo e escoitoume moi atento, pero respondeume que non, e nunca *Onte *llo contei, *llo expliquei polo miúdo e *me escoitou moi atento, pero *me respondeu que non, xa que nin onte nin e nin pero provocan que os pronomes abandonen o seu lugar favorito á caloriña do verbo.

Terceira pincelada (e última por hoxe): as negacións (non, nunca, xamais, nin, ninguén, tampouco…) exercen sobre eles un magnetismo irresistible, de tal maneira que nas frases negativas os pronomes átonos pasan para diante do verbo sen remedio (algo que sabe na práctica calquera persoa que viva en Galicia por moito que descoñeza a teoría gramatical). Así,

Envieiche o paquete
pero Non che enviei o paquete

Recibíchelo?
pero Nunca o recibiches?

Avísasme
pero Ninguén me avisa

Díxencho a ti
pero Tampouco cho dixen a ti

Resumindo o visto ata aquí: nunca poñeremos os pronomes átonos ao comezo da frase, e teremos moi en conta que, salvo por efecto dunha negación ou dalgunha outra partícula «atractiva» —das que iremos dando conta en sucesivas entregas—, a súa posición «natural» é detrás do verbo.

Para comprender os problemas específicos que deben afrontar as linguas minorizadas, como é o caso do galego, cómpre termos en conta a existencia de obstáculos, visibles e invisibles, que non se cruzan xamais no camiño das linguas  privilexiadas. Un deses «seres espectrais» que perturban coa súa omnipresenza o avance das linguas minorizadas é o prexuízo. O prexuízo non é un pensamento nin un argumento, é algo ben distinto. Un pre-xuízo é, como a palabra indica, algo previo ao xuízo, anterior a todo razoamento. Trátase dunha idea preconcibida, inculcada, que se asume como veraz sen análise nin cuestionamento. O prexuízo non se orixina no cerebro, senón que bota raíces nas tripas, alí onde nace a ira, de aí a súa forza irracional e a súa prepotencia.

Citamos a seguir un fragmento da obra 55 mentiras sobre a lingua galega (Edicións Laiovento, 2009, pp. 9-10), de autoría múltiple e coordinada por Xosé-Henrique Costas:

Os prexuízos están encamiñados a manter a situación de privilexio do grupo dominante, pero, aínda que pareza paradoxal, o seu éxito social baséase en conseguir que sexan interiorizados tamén polo grupo dominado. Do mesmo xeito paradoxal, o discurso que defende a desigualdade e a inxustiza social vai recorrer con moita frecuencia aos termos liberdade, democrático, dereitos, igualdade etc., apropiándose deles e manipulándoos para defender a tradicional relación intergrupal de dominación, en que un grupo ocupa o chanzo superior (sexa o dos homes, o dos brancos ou o dos castelanfalantes) e o outro o inferior (sexa o das mulleres, o das persoas doutras razas ou o dos galegofalantes).
 

Neste sentido, Agustín Fernández Paz recórdanos as palabras de Lindon B. Johnson en contra do apartheid: «Pensemos nun home que permanecese encadeado durante moitos anos. Liberámolo e conducímolo á saída dunha carreira dicíndolle: “es libre de participar cos outros”. Podemos considerar que estamos sendo equitativos? En absoluto, iso non é «liberdade para participar en igualdade» porque ese home non vai correr en igualdade de condicións que os outros participantes. Precisa coidados axeitados, alimentación, rehabilitación e adestramentos previos, precisa ser «discrimina-do positivamente» para poder competir en igualdade.»

 
A defensa cínica da igualdade e da liberdade de elección puras sempre beneficia os que teñen o poder (económico, social, político, cultural, mediático etc.) en cada momento histórico. Destas oligarquías negacionistas parten sempre toda unha restra de prexuízos contra a lingua galega que non son máis que falacias. O dominio que dalgúns medios de comunicación teñen estes estamentos poderosos e clasistas, empeñados en faceren desaparecer toda singularidade galega ou reducila a folclorismo barato, fai que estas mentiras acaben callando como verdades en sectores populares, cando non son máis que trolas repetidas, falacias moi doadas de desmontar.
 
O enredo de hoxe non é de trabar a lingua nin de adiviñar, senón zodiacal. Porque o horóscopo volve estar de moda, e se ben esperamos que a astroloxía non se converta en relixión, somos conscientes da súa frecuente presenza nas conversas a modo de divertimento. Por outra banda, nestes tempos de certa apertura poscovid (e crucemos os dedos para que o prefixo de posterioridade se afiance!) cómpre ir reactivando as relacións, mocear, namorar, conquistar, seducir de novo, e como, polo visto, hai a quen isto do horóscopo lle funciona, por nós que non quede.

Vexamos logo os nomes dos distintos signos, que se corresponden cos das constelacións do Zodíaco. Nos casos de dupla denominación apuntamos entre parénteses as formas «menos recomendadas» segundo o criterio da Real Academia Galega.

Exemplos de uso: O primeiro signo do zodíaco é Carneiro. Xemelgos é un signo de aire, como Balanza e Augadeiro. O signo oposto de Peixes é Virxe. Se naceu o primeiro de maio é Touro. Os signos de lume son Carneiro, León e Arqueiro.

A actualidade obriga a un apuntamento sobre ese foro que reuniu recentemente na illa da Toxa ducias de homes de peso no eido político, empresarial e económico en xeral (a presenza de mulleres foi testemuñal) e ao que tamén asistiu o presidente da Xunta de Galicia. Seguro que algo lestes ou oístes sobre o tal evento.

En relación co nome dado á xuntanza, «Foro de La Toja», convén repasar o que di a lexislación vixente sobre os nosos nomes de lugar (topónimos).

En primeiro lugar, o Estatuto de Autonomía de Galicia establece no seu artigo 5:

A lingua propia de Galicia é o galego.

Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Pola súa banda, a Lei de normalización lingüística dispón no seu artigo 10:

Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.

Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.

Estas denominacións son as legais a tódolos efectos e a rotulación terá que concordar con elas.

Á vista do anterior, só cabe dicir que o nome oficial da illa da Toxa, pertencente ao Concello do Grove, é A Toxa, como establece o nomenclátor da Xunta, e que por ser a «legal a todos os efectos» debeu ser a empregada, cando menos, na denominación da convención, máxime tendo esta lugar en territorio galego e contando coa asistencia dunha nutrida representación deses «poderes públicos» que por mandato do Estatuto están obrigados a «potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa». Aínda así, enchéuselles a boca de latojas, e non porque descoñezan a lexislación, senón porque se permiten ignorala. Certamente, haivos moito túzaro.
 
En contraposición, mandamos desde aquí un ramallete de margaridas á pequena Moraima, á súa mamá e ao seu papá, por poñernos muxicas nos ollos e a risa nos beizos, e porque a difusión do tenro e simpático vídeo no que a meniña, infrutuosamente, tentaba dialogar en galego co programa Siri sen dúbida precipitou a sinatura dun convenio que xa estaba tardando: o do proxecto para que Siri e Alexa falen galego, asinado nestes días finais de outubro entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela. Desde aquí celebramos a boa nova.
 

O tradutor Gaio (tradutorgaio.

xunta.gal), da Xunta de Galicia (con todos os reparos que cómpren cun tradutor automático, sempre necesitado de revisión humana). Traduce texto e sitios web.

 

O tradutor OpenTrad apertium (http://sli.uvigo.es/tradutor), da Universidade de Vigo (coas mesmas precaucións que o anterior). Traduce de balde texto e documentos.

 

A sección de toponimia da web da Xunta (www.xunta.gal/toponimia-e-nomenclator ), con ligazóns ao Nomenclátor (con posibilidade de facer buscas directas ou guiadas e mesmo de descargalo) e ao portal Toponimia de Galicia.

 

 

A canle de Youtube do #DígochoEu, con vídeos tan amenos e desenfadados sobre a lingua que a miúdo se volven virais, en boa parte grazas á naturalidade da moza que os presenta, a xornalista Esther Estévez.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *