Xacobe Anido Castro
10/09/2001
Outra mañá en Manhattan. Hoxe levanteime ás 7:30 da mañá para ir traballar. Levanteime, ducheime, vestinme e almorcei. Limpei o meu piso en Madison Avenue a fondo e continuei coas tarefas da casa. Mentres limpaba as ventás do salón, fixeime nas dúas grandes torres que rañaban os ceos de New York, o World Trade Center. Esas dúas columnas de aceiro e formigón eran as torres máis altas do mundo. Tiñan 110 pisos, 95 destinados fundamentalmente a traballos comerciais de diversas empresas, como Cantor Fitzgerald, Marsh & McLennan Companies ou Hal Roth Agency entre moitas outras. Tamén tiñan arredor de seis montacargas en cada torre e pisos destinados só a estes mecanismos. A razón pola que sei tantas cousas das torres é porque eu traballo alí.
Despois dun bo pedazo de tempo de limpeza doméstica collín as miñas cousas e fun correndo cara ao ascensor. Collín o meu coche, un Opel Kadett C e percorrín todo Madison Avenue. Collín a avenida Broadway e metinme pola West Street. Cando cheguei aos pés das torres xemelgas aparquei e entrei directamente polo primeiro vestíbulo da Torre Norte. Aínda que xa chegara ao meu traballo, quedábame un bo tramo por percorrer. Subín polas escaleiras mecánicas ata o segundo vestíbulo e alí collín o ascensor número 2 ata a planta 106, onde traballaba como cociñeiro xefe do famoso restaurante «Windows of the World».
O restaurante sitúase entre as plantas 106 e 107. É moi luxoso e todos os días vén xente de todos os puntos de New York a comer aquí só polas vistas. Nestas distínguese o Empire State Building, a ponte de Brooklyn, a catedral de San Patricio, e a Estatua da Liberdade. O restaurante conta no primeiro piso cun pequeno restaurante e cuartos privados para os clientes; e no segundo piso está o gran comedor de luxo mais un bar no que unha das bebidas máis vendidas é o Cointreau. O establecemento abriu en abril de 1976 e pechou en febreiro de 1993 por un pequeno atentado terrorista que non saíu ben. Finalmente volvemos abrilo a comezos de este ano, 2001.
Foron arredor de sete minutos en elevador pero ao final cheguei á planta 106 para comezar outra xornada de traballo. Camiñei por un corredor ata chegar ao restaurante e dirixinme ata a cociña. Alí estaban os meus axudantes e outros chefs. Despois de recibir e facer comandas todo o día, esperei a que non houbese máis clientes e dirixinme ao bar. Encontreime alí con Jacob, un camareiro do local e un bo amigo meu. Falamos un pouco de todo. Dicía que ía marchar cara Michigan coa súa familia e que ía estudar medicina entre outras cousas.
Xa eran as 22:30 e era hora de marchar. Despedinme e baixei os 107 pisos que me separaban do solo e conducín ata o meu apartamento de Madison Avenue. Ducheime, prepareime, ceei e fun para a cama para levantarme cedo o día seguinte.
11/09/2001
Outra mañá en Manhattan. Hoxe levanteime ás 7:10 da mañá para ir traballar. Levanteime, ducheime, vestinme e almorcei. Limpei o meu piso en Madison Avenue a fondo e continuei coas tarefas da casa. Levoume arredor dunha hora. Mentres limpaba as ventás do salón, fixeime nas dúas grandes torres que… estaban igual que onte, a única diferenza foi que hoxe… chegaba tarde! Corrín para prepararme e coller o coche para chegar a West Street. Non sei como o fixen, pero conseguino. Unha vez dentro do primeiro vestíbulo chamei ao restaurante para dicirlle ao meu xefe que hoxe tiña que ir á óptica, que se encontraba na mesma torre, no piso 78, nun dos vestíbulos superiores. Subín polo ascensor ata que cheguei, e alí, entrei na óptica. Precisaba dunhas novas lentes. Levou un bo anaco escollelas, xa que había escaparates que chegaban do chan ao teito repletos de lentes de diversas empresas e marcas. Xa eran as 8:35 cando escollín unhas de cor beixe. Fun pagar e saín ao vestíbulo para probalas. O silencio apoderouse do lugar, e minutos despois un tremor xigantesco sacudiu todo o vestíbulo. Non sabía o que pasara. Por un segundo pensei que fora o metro, que pasaba xusto por debaixo da torre, pero o tremor fora demasiado forte. Corrín cara a unha das ventás e mirei por ela para todos os lados. Non había nada. Entón foi cando mirei arriba. Quedei perplexo. A torre Norte do WTC estaba somerxida baixo unha nube de fume, que alcanzaba todo o complexo. Corrín cara ao teléfono máis próximo e chamei ao comedor do Windows in the World mentres o caos inundaba ao meu redor. Foi Jacob quen colleu o teléfono. A liña estaba medio cortada. Pregunteille rápido o que pasara. El non sabía nada, pero díxome que o restaurante quedara medio en ruínas. Case todos os clientes que estaban dentro morreran polo tremor. Os que quedaban estaban rodeados por unha néboa moi espesa, na que non se podía respirar nin ver nada. Había unha camareira chamando á Autoridade Portuaria de Nova York, mentres outros estaban rompendo as ventás para poder respirar. Jacob díxome adeus e entón foi cando a liña se cortou.
Mentres tanto, eu non podía imaxinalo. A xente corría ata a saída arredor de min. Entón, vin unha pantalla de televisión no escaparate da óptica. Estaban emitindo as noticias da mañá. Non paraban de falar do accidente de avioneta que causara este pánico. Tremíanme moito as pernas, pero deixei de estar pampo e corrín desesperado ata as escaleiras. O fume do impacto xa chegara ata min. Baixei todo o rápido que puiden ata que cheguei ao segundo vestíbulo. Unha vez alí, non dubidei e corrín ata a saída en West Street. Ao saír, afasteime rapidamente da torre. Entre as grandes masas de xente berrando e chorando, cos ruídos dos servizos de emerxencias de Manhattan e cos papeis e cascotes caendo do ceo, non dubidei en mirar a azotea, onde estaban os meu amigos e compañeiros. Non podía crer o que vían os meus ollos. A cousa era máis grave do que cría. Había xente pendurada das ventás e do miradoiro, Top on the World, na copa da torre. Entre eles estaba Jacob pedindo auxilio dende o restaurante. Mentres o miraba perplexo, un bombeiro apartoume da «zona cero». Fun polas rúas do centro de Manhattan mentres cada vez me afastaba máis das torres.
Foi nun momento no que me pareceu oír a voz de Jacob dicíndome adeus. Mirei outra vez cara ás torres, a Torre Sur tamén estaba ardendo. Mentres estaba mirando a nube de fume negro estendéndose por toda Nova York oín rumores entre a xente dicindo que as torres estaban a ser atacadas por un atentado terrorista, ou que outro avión se espetou contra o Pentágono, ou que nos avións de United Airlines e dentro das torres había bombas… Entón foi cando, mentres as multitudes observaban con lágrimas nos ollos as torres máis altas do mundo, a traxedia se complicou aínda máis. A Torre Norte, na que os meus amigos e compañeiros traballaban, na que estivera eu alí dentro había dez minutos, desapareceu. Unha nube de fume cubriu toda Manhattan, deixando as súas rúas como páramos desolados nos que ningunha especie podía respirar.
E esta foi a miña historia, na que pasei máis medo que en calquera outro momento de toda a miña vida. Sempre recordarei este día, 11 de setembro de 2001, no que puiden sobrevivir grazas a que deixei a un lado a moita xente que pedía auxilio dentro do edificio. Aínda conservo as lentes que me axudaron a non morrer cincuenta pisos máis arriba, e coas que agora remato de escribir este diario.
Nota do transcritor:
Esta é unha historia baseada en feitos reais, concretamente na aventura que viviu o verdadeiro cociñeiro xefe do restaurante Windows of the World, que puido sobrevivir ao atentado grazas á súa cita na óptica, que o salvou dunha morte segura. O seu nome é Michael Lomonaco.