A obra dos imperialismos asoballadores
Nista hora en que tódolos anceios debesen camiñar cara o Progreso e a Libertade do home, sobor da vella Europa, volven a soar, coma fai 21 anos, os cañóns destructores que deixan tras deles, door, miseria e odio. A Italia ou mellor dito Mussolini, acendeu a fogueira que cecais se extenda da milenaria Abisinia, a toda Europa e logo ao resto do mundo. Todo por un cacho de terra máis para o vulgo. Por un desexo imperialista de impoñerse pola forza para nós. Porque terra sobra cando se traballa ben, i en todo caso cando non chega, pola razón pídese máis, alí onde hai tanta virxen agardando que o brazo do home a faga producir a cotío. Máis nada desto é a causa. A causa é o orgulo da forza, cando esta, non está frenada pola razón. Esa forza que apricada á defensa dunha causa xusta poidese ser disculpábel.
Que os patrioteiros canten agora himnos aos pobos grandes en quilómetros e baionetas. Aí teñen a mostra dos ventos que traen agora, e os que traerán logo. Porque a guerra non só, con ser d-abondo xa, é a loita no campo de batalla. A guerra, son os orfos, os inútiles, e os centos de miles de mortos que caen na loita. A guerra é a crisis que trae como consecuencia do despilfarro que se fai no tempo que dura. A guerra será tamén as comocións sociaes, políticas i económicas que irremisiblemente, han producirse como resultado dela, e que os patrioteiros achacan sempre a marxistas, antipatriotas, etc., etc. Para eles un «xefe» ten sempre razón, aínda que este sexa como Mussolini. E un pobo non é grande, aínda que sexa berce de sabios, e disfroite dun outo nivel de vida, se non ten moitos barcos de guerra, soldados e cañóns, ademais dun «xefe». Checoeslovaquia, Suiza, Suecia, Holanda, Dinamarca e outras nacións pequenas en eistensión, para eles non valen ren. Polo visto nunha Patria moi longa estase mellor pasando fame, que nunha pequena comendo e vivindo relativamente ben. Claro que os feitos encarréganse de amostrarlles tódolos días a falla de senso dos seus argumentos; eles, porque nós, estamos de volta do que buscan coas súas teorías. Para nós un dictador, un imperio e moitos cañóns, camiñan sempre ao mesmo: opresión e guerra. E por eso estaremos sempre contra eles, non por esprito de contradición, senón por lei natural, de que o home non pode ser nemigo do home, será o irmán e o amigo e proteitor. Que temos razón, vémolo todos os días, e agora nista hora de anguria en que se quebran as máis fondas espranzas de paz entre os homes máis que nunca. Por elo con máis afinco, seguiremos o noso camiño federalista, humán, frente aos imperialismos asoballadores que levan detrás deles a guerra, o odio entre uns e outros, e a máis desesperante miseria enxendradora das loitas fraticidas na humanidade.
Sada, Outono 1935.
A Nosa Terra, 05/10/1935