(baseado nun episodio real, de cando
Emilia Pardo Bazán foi traficante de armas)
VANESA SANTIAGO VÁZQUEZ
Colle o mosquete, Emilia das Batallas,
e os trinta mil rifles mercados
para o teu rei don Carlos, en París.
Na capital de Albión,
Londres de néboas e negocios escuros,
arranxaras o encargo
tirando dos teus seos xenerosos
bos feixes de floríns.
Volves a España. Cruzas os Pireneos
entre as sombras da noite do país.
Na Marineda atlántica serás culpable
da traizón destas febres xuvenís.
Pero es Emilia, condesa das Batallas,
e digna negaraste a te exiliar.
Ninguén ousa tocarte, Emilia Batalleira.
Ninguén ousa cuspirche nin falar
en contra do teu peito fervoroso,
carlista, español, tradicional,
católico e libérrimo,
e espido tras os muros
de Meirás.
E un miquiño que roña fascinado
ao verte camiñar polo Areal.
Gravado de J. Cuevas.
La Ilustración Gallega y Asturiana, 08/04/1881
|