A gran carreira

 Xosé Anxo Seoane Cao

Unha tarde calorosa da primavera do último ano do pasado milenio paseaba en compaña da miña esposa pola praia de Miño cando nos atopamos con Xosé Manuel, un amigo da infancia co que coincidín estudando o bacharelato elemental no instituto Francisco Aguiar. Aínda que dende aquela o vexo con certa frecuencia, sobre todo durante as vacacións de verán, non me acabo de acostumar ao seu actual aspecto físico; aspecto no que destaca o seu groso ventre, aínda máis agrandado debido á súa baixa estatura.

lustración de Eduardo Manuel Seoane Riveira

Nos nosos tempos mozos el era o velocista máis rápido de toda a bisbarra das Mariñas. Nos primeiros anos setenta do pasado século era o campión dos 400 metros lisos e un destacado corredor de medio fondo. Era baixo e ben proporcionado, pura fibra. A súa musculatura poderosa permitíalle tamén ser o número un en ximnasia deportiva. É Por iso que non acabo de afacerme ao seu aspecto e sempre que o vexo, inevitabelmente,  venme á mente a súa estampa atlética naqueles tempos de mocidade.

Lelo, así o chamabamos todos, nunca foi brillante nos estudos. Non soamente suspendía un bo feixe de materias, senón que ademais presumía de ser un zoquete no instituto. Era o terror das profesoras faltas de carácter; que llo pregunten á señorita Mercedes, a de latín!

A fundación do club de atletismo no instituto para competir con outros centros de ensino supuxo para el un gran aliciente e axiña se destacou como un gran atleta. De andar de troula todos os días pasou a coidarse moito, cando menos o primeiro ano.

Adestraba todos os días despois de saírmos das clases da tarde e os sábados competía. Na vila non había quen lle tusira. Na bisbarra, semellaba que tampouco, pero xa nos campionatos provinciais o nivel era outro. Cando corría na Coruña con atletas de toda Galicia a cousa cambiaba. Xa non era o máis rápido. Creo que iso o foi desinchando pouco a pouco. Decatábase que para ser bo, ou un dos mellores, non soamente había que ter condicións, senón que, sobre todo, había que sacrificarse moito. E non sei ata que punto el estaba disposto a iso.

O atletismo sen triunfos non lle proporcionaba entón o subidón de autoestima que tanto necesitaba. Resultáballe moi duro chegar á vila despois das competicións e recoñecer que non quedara entre os primeiros.

– Que tal, Lelo? De que quedaches?

– De sexto. É que aí hai moitísimo nivel!- recoñecía ao principio.

Pouco a pouco as súas respostas fóronse tornando máis agresivas.

– Vai ao carallo! Déixame en paz!

Era o máis suave que che espetaba os sábados pola tarde cando volvía do pavillón de deportes de Riazor logo das series de clasificación para o campionato galego.

Eu funo ver correr en varias ocasións e teño que recoñecer que en canto chegaba a un certo nivel de competición a súa figura achicábase e perdía dalgún xeito todo ese halo de gran corredor que o rodeaba anteriormente.

Os que o coñeciamos ben xa non adoitabamos a preguntarlle polo resultado das súas carreiras. E así, durante o segundo ano, os amigos máis próximos fomos acostumándonos a non lle dar demasiada importancia á súa traxectoria no atletismo. Era moi susceptíbel e cabreábase axiña. Non tiña sentido incomodalo. Como moito, de vez en cando, máis que nada por cortesía e amizade, preguntabámoslle:

– Que tal, Lelo, como che foi?nin sequera nos interesabamos no posto no que quedara.

El limitábase a contestar resignadamente, como sen querer, algo parecido a:

– Bah, ben!

E todos respectabamos a súa resposta e poñiámonos a falar doutros asuntos.

 Pero aquel día todo foi diferente. Como todas as tardes dos sábados cando ía bo tempo, estabamos todos sentados nas escaleiras do campo cando vimos baixar ao Lelo do autocar coa súa bolsa de deportes e o pelo alborotado.

Viña todo ledo. Notábaselle no sorriso de orella a orella. Mirounos xa dende lonxe e sacou peito. Dirixiuse cara a nós con paso firme, decidido, incluso con certa chulería. Todos nos decatamos de que algo bo lle debera acontecer.

Nada máis chegar onda nós pousou a bolsa de deportes no chan, ergueu a man dereita co sinal da vitoria e coa outra colleu unha medalla que levaba pendurada no pescozo mentres nos berraba oufano e fachendoso:

– Quedei de terceiro na carreira dos catrocentos metros!

E debía ser certo xa que efectivamente portaba pendurada do seu colo unha flamante medalla de bronce.

Todos nos alegramos moitísimo, por fin o Lelo, o noso amigo, conseguira unha medalla nos campionatos provinciais. Ese día foi especial, non porque fixeramos algo distinto, senón pola alegría que todos sentimos tras o triunfo do noso amigo.

Non preguntedes como chegou a min a información, pero o certo é que ao día seguinte souben a verdade da gran carreira do Lelo. Certamente quedara de terceiro. Pero por estrañas circunstancias soamente participaran catro atletas, e un deles con tan mala fortuna que caera nada máis saír.

Nunca dixen nada. Non quixen restarlle méritos ao meu amigo.

Moitos anos despois coincidín co Lelo nun xantar de compañeiros de quinta. Na sobremesa recordamos vellos tempos. Eu mencioneille a gran carreira. Pegouse á miña orella e confesoume:

– Tío, ti sempre fuches un bo amigo. Vouche contar un segredo, pero non llo digas a ninguén.  Naquela carreira soamente corremos catro, e un caeu na saída.

Non lle dixen que xa o sabía, limiteime a poñer cara de abraio e prometinlle que gardaría o segredo.

Despois de tantos anos, sentín un gran alivio.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *