Sada nos documentos medievais

Xesús Torres Regueiro
A primeira alusión a Sada atopámola rematando o século XI, no ano 1094, nun longo documento do chamado «Tumbo Vello» de Lugo, titulado «Carta de Mourelos», no que o cónsul Suario Munionis –sen descendencia lexítima– fai doazón á Igrexa de Lugo de numerosas propiedades por diversos lugares de Galiza, doazón que fai «cum consikio» da súa muller dona Sancha, filla do conde Vela.1

Anteriores son as primeiras citacións correspondentes a actuais parroquias do concello de Sada: Soñeiro (ano 958), Osedo (ano 1063) e Mondego (ano 1086).

Mapa base vectorial 2003, coordenadas: 559766.83,4801176.68 -8.26241, 43.36107
Información Xeográfica de Galicia, Xunta de Galicia, mapas.xunta.gal/visores/basico

No territorio de Nendos, as doazóns do citado cónsul Munionis correspondían á sexta parte de San Fiz de Vixoi, a sexta de Guísamo, a sexta de Unctia (parte do actual Betanzos), a duodécima de Sada, a sexta de Figerola, a sexta de Oza, etcétera. E dende a auga do Mero até a auga de Xunqueira a terza parte das herdades e familia que foi do seu pai, o conde Munionis. No texto latino: «In Nendos sextam Sancti Felicis de Buioi, sextam (VI) de Unctia, duodecimam (XIIam) de Sada, sextam de Figeirola, sextam de Ozia, et cetera. De agua de Mero usque in aquam de Iuncaria tertiam partem hereditatis et familie que fuit patris mei Comitis Munionis». Creemos que esta «aquam de Iuncaria» debe referirse ao Mandeo, no seu tramo final, entre os concellos de Betanzos e Bergondo, onde están os extensos xuncais.
Así aparece na transcrición de Cañizares del Rey (2012-2016); porén, na realizada por López Sangil e Vidán Torreira (2011) produciuse unha errata, corte ou salto de liñas que corta o texto dende «Sancti Felicis de…» até «aquam de Iuncaria», deixándoo toco e desaparecendo así as nominacións de Vixoi, Guísamo, Unctia, Sada, Figeirola, Oza e Mero.
Esta duodécima parte de Sada non se especifica se se refire á igrexa de Sada ou a unha villa. A igrexa de Santa María de Sada vémola citada por primeira vez nun documento do mosteiro de Xubia o 27 de febreiro de 1125 (véxase o doc. I do apéndice), cando o conde Pedro Froile, un dos máis poderosos nobres de Galiza e «nutriter regii pueri Adefonsi VII» (preceptor do rei neno Afonso VII), coa súa muller a condesa dona Maior e fillos, deixan ao mosteiro de San Martiño de Xubia unha serie de propiedades nos territorios de Nendos, Pruzos, Bezoucos, Trasancos e Céltigos. No de Nendos a única propiedade que deixan é precisamente o seu quiñón (tres partes) na igrexa de Santa María de Sada: «In terra nemitos de ecclesia sancti marie de Sada III partes» (Montero Díaz, 1935:76-77). Igrexa esta de Sada da que se descoñece a data fundacional, aínda que no chamado documento de Tructino (López Ferreiro, 1899) datado no ano 838, que recolle unha relación de igrexas pertencentes á sé de Iria, non figura entre as do territorio de Nendos (ou Nemitos), como tampouco figura ningunha das outras parroquias do actual concello de Sada. Aínda que podería existir xa entre as de carácter privado, como parece desprenderse do citado documento de 1125, formando parte do patrimonio da familia Froile, Froilaz ou Traba.
COTESES E SADA DE COTESES
Noutros documentos Sada aparece vencellada ao topónimo Coteses ou Cotesis, figurando ás veces no mesmo documento as dúas variantes. Porén, na primeira citación documental referida a Coteses consta unicamente este topónimo sen a mención a Sada: «villa dicta de Coteses». Aparece así no documento fundacional do mosteiro de San Salvador de Pedroso no territorio de Trasancos, datado o 30 de xuño do ano 1111, documento publicado por Cal Pardo (1984) e recollido por Pena Graña (1992), que o traduce ao galego, e por Burgoa e Aracil (2016:262), autores estes últimos que descoñecen o topónimo e a súa localización. Tamén Sánchez Pardo (2008:698), referíndose a Sada de Coteses –que identifica coa vila– non recoñece a existencia actual de Coteses: «Actualmente parece haberse perdido el segundo nombre, ´Coteses´, que quizá fuese el más antiguo u originario». Mais, perdido de todo non está, como veremos despois.
A fundadora, Munia, da poderosa familia Froilaz e irmá do antecitado conde de Galiza Pedro Froile, xa viúva, dota o convento de Pedroso –no que pasará o resto da súa vida e será enterrada no seu altar maior en 1145– con numerosas propiedades espalladas por diferentes puntos de Galiza, entre elas a metade na vila chamada de Coteses: «in villa dicta de Coteses, medietatem»2.
Na rexesta de Afonso VIII de León e Galiza (Alfonso IX de León para a historiografía española) publicada por Julio González (1945) hai un documento rexio relacionado con Sada e as parroquias de Veigue, Mondego e Mosteirón datado en Benavente no mes de febreiro de 1210. Nel, Alfonso «Dei gratia rex Legionis et Gallecie» dá a Gonzalo Nuniz e aos seus irmáns o conde don Fernando e don Álvaro Nuniz, á condesa dona Elvira e ao neto daqueles Nuno Sancii, a cambio do que tiñan no burgo vello de Faro e no coto de Almeiras todo o que el ten en Parga, Veigue, Mondego, Mosteirón, Osedo, Sada, Ouces, Lubre, Sueiro, Eroes e Tins e «non debe facer fortaleza nos lugares citados que lles dou en cambio» (véxase doc. VII).
Por último, na documentación medieval do mosteiro de Sobrado publicada por Pilar Loscertales (1976) nos Tumbos I e II hai varios documentos da segunda metade do século XII e primeira do XIII con referencia a Sada. O máis antigo datado é do ano 1160, tres son de 1165, dous de 1169 e un de 1227. En todos eles Sada está asociada a outro topónimo, Coteses: Sada de illos Coteses (ano 1160), Sada de Coteses (ano 1165), Sada de Cotesis (ano 1165), Sada que vocitant de Coteses (1169), Sada illa scilicet que vocatur de Cotesis (ano 1169), Sada de illos Coteses (ano 1227), aínda que hai dous sen datar, mais relacionados cun do 1169, nos que aparece unicamente Sada.
O 19 de abril de 1160 (véxase doc. II en Apéndice) o prior don Villelmus de San Martiño de Neda fai un troco co de Sobrado no que aquel cede unha cuarta parte que ten en Santo André de Brión a cambio da metade íntegra que Sobrado ten na herdade de Sada dos Coteses. Segundo Montero Díaz (1935), o estudoso da colección diplomática de San Martiño de Xubia: «Llamábase Neda al monasterio. Neda, Jubia y Tartares eran nombres equivalentes hasta el s. XIII». A Sobrado convíñalle aumentar a súa propiedade na costa ferrolá onde tiña intereses, aparecendo a partir de mediados do século XII no territorio de Trasancos con moitas doazóns, entre elas unha real de Fernando II en 1158 de Prioiro e Reparada. Mais, noutro documento datado sesenta e sete anos despois, no ano 1227, o 18 de abril, repítese o mesmo troco cos mesmos protagonistas (véxase doc. VIII en Apéndice): o prior de Neda acorda co abade de Sobrado, don Gundisalvo, trocar a cuarta parte que teñen en Santo André de Brión pola metade íntegra da herdade de Sada dos Coteses que teñen os de Sobrado. Non se entende ben esta repetición case sete décadas despois. O documento datado en 1160 é apenas un breve enunciado do acordo, mentres que o posterior datado en 1227 é un documento completo. Porén, o prior don Villelmus (Willelmus ou Vilelmo) aparece como tal en documentos de Xubia que van dende o ano 1162 ao 1176, datas que concordan máis coa do incompleto documento de Sobrado de 1160, incorporado ao tumbo despois que o que leva data de 1227, no folio 139 aquel e no 131 este, numerados como documentos 395 e 359, respectivamente. Entendemos que se trata dunha corrección engadida, corrixindo a data e escribindo unicamente un enunciado resumo, pois o contido completo do acordo xa estaba escrito antes coa data errónea. E, probablemente, a corrección pode tamén ser errónea e que en lugar do ano 1160 fose o de 1165, ano no que os monxes de Sobrado recibiran a súa parte de Sada dos Coteses do conde don Gundisalvo e de Sueiro Melendiz ou Menendi.
Efectivamente, o 11 de abril de 1165 (véxase doc. IV do Apéndice) Sueiro Menendi, neto de Rodrigo Froile, deixa en testamento ao mosteiro de Sobrado varias propiedades que foran do seu avó, entre elas o lugar dito Sada de Coteses: «In Nemitos loco dicto Sada de Cotesis». Confirma así outra escritura que fixera a Sobrado (véxase doc. III) na que deixaba ao convento a cambio de ser enterrado alí (se a morte lle acontecera dentro do reino) as propiedades que tiña na terra de Galiza: «todas as herdades que me pertencen de Priorio e de Sada de Coteses e de Mariñán e de Ventosa e de Aranga».
O 3 de xuño de 1169 (véxase doc. V do Apéndice) Fernando Gundisalvi doa a Sobrado varias propiedades nos territorios de Trasancos, Nendos e outros lugares, entre elas unha «no territorio de Nendos por si só Sada que chaman de Coteses», en documento asinado no Burgo de Faro en presenza do conde don Gómez Gundisalvi, parente del.
O 17 de decembro dese mesmo ano (véxase doc. VI do Apéndice) outros dous membros da que semella a mesma familia que os anteriores doantes, Elvira Gundisalvi e Gundisalvo Gundisalvi doan tamén a Sobrado varias propiedades que foran do seu avó Rodrigo Froile, entre elas unha na terra de Nendos, «ou sexa Sada a que chaman de Cotesis».
Outros dous documentos brevísimos –sen datar, mais serían dunha data próxima aos anteriores documentos– volven facer referencia a estes Gundisalvi. Nun, os dous irmáns Elvira e Gundisalvo testan a prol de Sobrado a súa parte de Priorio, de Reparada e de Sada. Noutro, Fernando –quizá tamén irmán daqueles– dá a súa parte dos mesmos lugares citados a cambio de vinte moedas de ouro. (Véxanse docs. IX e X do Apéndice).
Xa fóra do espazo temporal analizado, rematando o século XVI, no Arquivo do Reino de Galicia existe un preito entre Bernardina Bugueiro de Villouzas, herdeira e viúva do bacharel Francisco Orgeira, co licenciado Cano, sobre posesión de foro do casal de Coteses na freguesía de Santa María de Sada, datado no ano 1596. Porén, no Catastro de Ensenada ou Única contribución, datado en 1761, non atopamos ningunha referencia a Coteses na busca apurada que realizamos. O máis parecido que aparece é os Cotos de Beloi.
Coteses é hoxe un lugar, entre Beloi e Pazos, descoñecido mesmo para moitos veciños destes lugares, aínda que aparece nalgúns mapas, aproximadamente a uns 500 ou 600 metros de Beloi en liña recta, ao outro lado do río Vao, co monte da Lixandra polo medio, e a un quilómetro da igrexa de Sada. E no proxecto da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada-Fontán vemos que as cinco alternativas que se barallaban para realizar o enlace entre a Vía Ártabra e o porto remataban precisamente en Coteses.3
Para Luis Monteagudo (1999 e 1998) o topónimo Coteses tería orixe etrusca, ao igual que «más de 250 topónimos gallegos (algunos asturianos) en –es derivan de antropónimos etruscos latinizados en
–ius.» En concreto, Coteses, parte do sintagma toponímico Sada de illos Coteses, derivaría do xentilicio etrusco Cott-isius na opinión do citado Monteagudo.

NOTAS

1 Este documento non o incluímos no Apéndice pola súa extensión, limitándonos aquí á parte da mínima referencia sadense.

2 Este documento tampouco o incluímos no Apéndice, pola mesma razón que o anterior.

3 DOG, 14-07-2015, Anuncio de declaración de impacto ambiental.

 

APÉNDICE

DOCUMENTOS LATINOS RELATIVOS A SADA E SADA DE COTESES
(versións galegas do autor)
I
Ano 1125, febreiro 27
O conde Pedro Froila coa súa muller dona Maior e fillos doan ao mosteiro de San Martiño de Xuvia as súas partes en varias igrexas dos territorios de Prucios, Bezoucos, Trasancos e Céltigos e tamén tres partes da de Santa María de Sada en Nendos.
Xps. No nome do pai, e do fillo e do espírito santo, amén. Eu, o conde Petrus Froile, coa miña muller a condesa dona Maior, e fillos, e toda a nosa voz, facemos texto de escritura con firmeza polo remedio da nosa ánima, a Deus e á igrexa de san Martiño de Xubia na presenza do prior don Beraldi e ao resto dos monxes soldados de Deus nese lugar, das nosas propias herdades. Damos e concedemos á igrexa e mosteiro as mesmas, na terra de Némitos da igrexa de Santa María de Sada as tres partes. Na terra de Prucios da igrexa de Perbes a terceira íntegra. Da igrexa de San Pedro de Grandal a íntegra. Na terra de Bezoucos da igrexa de San Estevo de Irís, da metade da igrexa a mesma quinta, e da outra metade a sexta, do mesmo xeito, e os laicais da herdanza. Da igrexa de Santiago de Franza a cuarta íntegra. Da igrexa de Santiago de Barallobre toda a nosa parte. En Trasancos, da igrexa de Santa María de Neda, a cuarta, da igrexa de Santa Uxía a cuarta, da igrexa de Santiago de Abade a íntegra, da igrexa de San Paio de Ferreira a íntegra, da igrexa de San Vicente de Ferreira a íntegra cos seus engadidos, e a terza de San Cosme, que foi gañanza da sobrescrita igrexa de San Vicente. Estas herdades enriba anotadas, e na terra de Céltigos unha igrexa, é dicir, San Cosme de Antes. Así, por isto, doamos e ofrecemos a este mosteiro para por máis tempo que nunca sexan subtraídos pero os teñan e posúan os monxes e servos de Deus que no mesmo mosteiro viviran suxeitos a regra. Se algún diabólico próximo ou estraño inchado de veleno se levantara contra este testamento noso ou en xuízo e desprezo o deixaran de lado ambos carezan da luz dos ollos e sexan malditos até a sétima xeración e polo temerario acto de audacia pague cinco libras de ouro purísimo e esta serie de testamentos firmes obteña vigor. Feita na Era de mil cento sesenta e tres e a tres das calendas de marzo. Reinando o rei don Alfonso II. Na cátedra vallebriense Munio bispo pola graza de Deus. Eu o conde Petrus Froyle, E eu a condesa Maior, muller súa nesta serie de testamentos que na vida e saúde nosa mandamos escribir coas nosas mans confirmamos (signum). (1.ª Columna) Os que presentes estiveron: Froylan testemuña, Martinus testemuña, Johannes testemuña, Vermundus testemuña. Pelagius testemuña. (2.ª columna) Ovecus Muninci confirma, Ovecus Gundisalviz confirma. Gundisalvus Menendi confirma, Nunus Eniquis confirma. Froila Guimaraz confirma, Vermudus Primum escribiu. (Signum). (4.ª columna) Dona Munia Froilaci confirma. Dona Visclavara confirma, Dona Marina confirma (Signum). Petrus fixo o traslado do verdadeiro testamento antigo.
(S. Montero Díaz, Colección diplomática de San Martín de Juvia, 1935, doc. XXX)
II
Ano 1160, abril 19 P.
O prior de San Martiño de Neda troca co convento de Sobrado a súa cuarta parte en Brión pola metade de Sada dos Coteses. O texto rectifica a data do documento VIII, colocado detrás del no tumbo.
Era Milésima Centésima Nonaxésima Oitava, a trece das calendas de maio. Eu, o prior don Villelmus, xuntamente co convento do Beato Martiño de Neda e todas as nosas voces, damos a cuarta porción íntegra de Santo André de Brión polo troco da vosa herdade chamada Sada dos Coteses, ou sexa, a metade íntegra.
(Loscertales,Tumbo II de Sobrado, fol. 139 r. e v., doc. nº 395)
III
Ano 1165, abril 11 P.
Sueiro Menéndez, neto de Rodrigo Froile, deixa en testamento a Sobrado varias propiedades, entre elas Sada de Coteses.
DA HERDADE DE PRIORIO E DE SADA DE COTESES E DOUTROS LUGARES
[Cristo]. No nome de Deus, amén. Eu, Suerius Menendi, e toda a miña voz fago escrito de testamento firmísimo con validez perpetua a Deus e a Santa María de Sobrado e a vós abade don Exidio e a todos os do mesmo convento do lugar presentes e futuros, das miñas herdades que teño en Galicia tanto eclesiásticas como laicais con todos os seus dereitos e pertenzas perto e lonxe, ou sexa, en Trasancos o lugar chamado Priorio con toda a súa voz por onde queira que vai, e en Nendos o lugar dito Sada de Cotesis, con toda a súa voz do mesmo xeito esta de cando o conde don Gundisalvo como repite en escritura que daquel lugar fixemos xa ao dito abade e mosteiro voso e noutros lugares, isto é Mariñán e Ventosa con todos os seus arredores e pertenzas súas, así como está escrito en cartas do meu avó Roderici Froyle, que eu tiña e as dei a vós para que por elas adquirirades xa as ditas herdades.
De aquí aínda vos dou no mosteiro de Aranga todo o que adquirín nese lugar do avó meu don Rodericus Froyle con toda a voz no mesmo lugar por todas partes onde vai a voz de Aranga. Isto por outro lado fágoo polo remedio da miña ánima e dos meus pais e para merecer chegar ao reino de Deus polas oracións dos presentes e dos futuros que habitan ou habitarán no predito mosteiro de Sobrado e en confirmación por estas herdades déstesme un cabalo óptimo. Teñades por tanto dende este día e despois as preditas herdades con todos os seus dereitos (as súas dereituras) con dereito hereditario e as posuades e fagades delas a vosa vontade. Ora se algún día viñera alguén de parte do meu tío paterno Gundisalvi Roderici para requirir a parte desas herdades reintégrevos a miña herdade de San Martiño de Latronibus, vila chamada Pinario con doce casais e a cuarta da igrexa de Santa Cristina de Valeixe que tributou o pai deles cando prendeu a Fernandus Iohannis. E se de parte de Froyla Roderici, tío paterno meu, alguén viñese a inquietarvos por estas herdades que eu vos dou, sabedes por certo que o mesmo tiña a súa parte en San Román de Doniños cos seus dereitos, Souto e Fontano e vila Sendar e vila Amir e Riu igualmente e San Xurxo e media igrexa de Serantes e a vila de Cecebre con cinco servos e unha seara de cinco cuartas de semeadura e a igrexa de Pravio con poboadores servís. E por estas herdades tivo o meu pai Menendo Roderici en partición a súa igrexa e vila de Nos con todos os seus dereitos, é dicir a vila de Vermudo Asmundiz e a vila de Didaco Secri[e]z e dos seus irmáns e a vila de Coroto e a vila Varcenela e a vila de Oleiros e outras herdades que están escritas enriba e que vos dei. Se, por tanto, alguén tanto da miña parte como de allea viñera contra esta carta para atacala, que de grato ánimo e sana mente fago, incorra na ira de Deus omnipotente e non teña parte cos santos na herdade do Paraíso, pero coa sorte do demo aquel estea e perda a luz dos ollos e con Xudas traidor no inferno condenado e por temerario o acto de audacia pague á parte rexia e á vosa voz dous mil morabetinos na súa confirmación permanente. Feita a carta de testamento en presenza de don Gomez Gundisalvi que ao tempo tiña o dominio en Trastámara.
Era Milésima Duocentésima Terceira e a terceiros idus de abril. Reinando o rei don Fernando en León e Galicia e en Asturias e en Estremadura. Na sé Compostelá o arcebispo don Martiño. Eu, Sueiro Menéndez, esta carta que mandei facer verdadeira e perpetua para honra de Santa María de Sobrado imprimindo da propia man o selo [sig.] roboro e confirmo. Eu Gómez Gundisalvi, ao tempo tenente nesta mesma terra, garantizo a doazón destas herdades e dou ao abade don E[xidio] e ao predito mosteiro a décima parte íntegra das herdades de Priorio que o meu pai don Gundisalvus comprou a un fillo de Gundisalvi Roderici, digo agradecido que dou esta á gloria da beata María e este escrito recto e verdadeiro sen ningunha dúbida confirmo. E eu, Suerius Veremudi, presente, louvo o que fai Suerius Menendi. Eu, Menendus Pelagii, son testemuña e louvo este feito de don Suerio. Eu, Nuno Suerii, confirmo esta carta que manda facer Suerius Menendi. Eu, Gundisalvus Afonsi, son testemuña desta cousa e felicítome con don Suerio. Eu, Nuno Pelagii, confirmo este feito ou escrito verdadeiro sen ambigüidade. Eu Veremudus, de alcume Frater, son testemuña e louvo esta carta. Eu, Froyla Froyle, afirmo esta carta verdadeira e sinceira. Eu, Arias Gundisalvi, esta carta que don Suerius Menendi mandou facer de propia man escribo e confirmo. Estiveron presentes: Suerius ts., Rodericus ts., Fernando ts., Lupus ts. [sig.].
(Loscertales, Tumbo I de Sobrado, fol. 188 r.-189 r., doc. nº 601)
IV
Ano 1165, xaneiro. [ou 1166, xaneiro?] P.
Carta de Sueiro Menendiz
[E]ra Milésima Duocentésima Terceira [ou Cuarta?]*, mes de xaneiro, eu Suerius Menendi, por se a morte imprevista me acontecese, de corpo san e sana mente sa e ánimo alegre, dispoño do meu corpo e das miñas propiedades que teño na Galiza, para que non permanezan desa-rranxados. Mando nese momento o meu corpo a Santa María de Sobrado se eu morrese tocando no reino de León, e mando nese momento comigo as miñas herdades que teño ou debo ter na terra de Galiza para o citado mosteiro as mesmas herdades que posúa tanto eclesiásticas como laicais, polo remedio da miña alma e da dos meus pais. Aquelas que en verdade estiveran hipotecadas para que poida redimir o pacto, e redimidas as posúa igualmente por dereito hereditario. Con todo, se algún dos meus fillos procreados coa miña muller lexítima volvera a vivir na citada terra, das mesmas herdades teñan o usufruto destas, así tamén se se opuxeran ou para outras partes marchasen deixen estas para os frades de Sobrado. Alén diso, tamén todas as herdades que me pertencen de Priorio e de Sada de Coteses e de Mariñán e de Ventosa e de Aranga, por esta potestade dos meus fillos sexan completamente suprimidas e quedas e as posúan os frades de Sobrado baixo perpetuo dereito a liberdade nin elas nin ningún home despois de reclamar o escrito aquí formado intente suprimilo. Deste xeito, repítese no testamento que das ditas herdades desde agora fixen ao dito mosteiro na presenza de don Gómez Gundisalvi que tiña o dominio en Trastámara e moitos homes nobres. O abade de Sobrado don Exidio e o convento do mesmo lugar teñen a cura da miña alma así como deles confío. Estiveron presentes: Petrus, ts., Iohannes ts., Suerius ts., Ramirus ts.
(Loscertales, Tumbo I de Sobrado, fol. 189 r. e v., doc. nº 602)
[*Despois de III aparece unha liña engadida posteriormente que a transcritora considera que pode interpretarse como IIII o último ano da era, polo que este sería o segundo dos dous testamentos de Sueiro Menéndez ou confirmación do primeiro con novas cláusulas: enterro en Sobrado e usufruto para os fillos se volven habitar na terra galega. Sería, pois, de xaneiro de 1166].

«sada que vocitant de coteses» na terceira liña, fragmento do folio 155 v. do Tumbo I de Sobrado | Arquivo Histórico Nacional

«sada de illos coteses» na sexta liña, fragmento do folio 131 r. do Tumbo II de Sobrado | Arquivo Histórico Nacional

V
Ano 1169, xuño 3 P.
Fernando González doa a Sobrado diversas propiedades nos territorios de Trasancos, Nendos e outros lugares de Galicia, entre elas a chamada Sada de Coteses.
CARTA QUE FIXO FERNANDO GONZALVI A SANTA MARÍA DE SOBRADO DAS HERDADES SÚAS QUE TIÑAN EN GALICIA.
Entre todas as obras de misericordia a esmola é principalmente recomendable. A testemuña do Señor que di: «Dá esmola e eis que todas as cousas do mundo son vosas». E de novo: «A auga ardente apaga o lume e a esmola suprime o pecado», que en vista diso, eu Fernando Gundisalvi e todas as voces miñas, a vós abade don Exidio de Santa María de Sobrado e a todo o voso convento tanto presentes como futuros, fago carta de doazón e texto de escritura con firmeza da herdade propia que teño da sucesión dos avós e pais meus e está esa herdade no territorio de Trasan-cos chamada Priorio e Reparadi a Confurco, e dentro, e outra no territorio de Nemitus por si só Sada que chaman de Coteses e en Mariniano e no mosteiro de Aranga e en toda Galicia onde as poidades atopar con todos os seus dereitos dentro e fóra. Digo que vos dou toda a miña parte enteira das herdades miñas que teño en Galicia para que as teñades e as posuades e todo o que vós queirades facer no futuro. E fago isto por tal pacto, para que sexa asociado en todas as vosas oracións e por riba en confirmación acepto de vós XX morabetinos. Se alguén incluso da miña familia ou alleo viñese contra este acción miña ou incorrese en rompela, de primeiras sexa maldito e excomungado e con Xudas, o traidor ao Señor condenado no inferno, e os que o infrinxan aporten o dobre e por temerario pague a vós ou á vosa voz mil soldos e este feito meu permaneza sempre firme.
Feita a carta de doazón ou venda o día terceiro das nonas de xuño da era MCCVII. Eu, Fernando Gundisalvi, con toda a miña voz nisto que mandei facer no Burgo de Faro, presente o conde don Gómez Gundisalvi e outros moitos soldados, confirmo coas miñas mans [sig.]. Estiveron presentes:
Didacus Petri cf., Didacus Suariz cf., Pelagius Ovequiz cf., Petrus Subredena cf., Iohannes Afonsus cf.,
Fernandus Afonsus cf., Petrus abbas Ciniensis (abade de Cis) cf., Fernandus Iohannis cf., Ordoniu Martinit cf., Froyla Martinit vilicus Fari (administrador de Faro) cf.
Martinus ts., Munio ts., Petrus ts., Martinus ts., Suarius ts.,
Pelagius, que escribiu e cf., e esta forza miña.
(Loscertales, Tumbo I de Sobrado, fol. 155 v.-156 r., doc. nº 491)
VI
Ano 1169, decembro, 17 P.
Elvira Gundisalvi e Gundisalvo Gundisalvi fan doazón a Sobrado de varias propiedades que foron do seu avó Rodrigo Froile, entre elas Sada de Coteses.
CARTA DE PRIORIO E DE [REPARADI]
Entre todas as obras de misericordia a esmola é principalmente recomendable. A testemuña do Señor que di: «Dá esmola e eis que todas as cousas do mundo son vosas». E de novo: «A auga quente apaga o lume e a esmola suprime o pecado», que en vista diso, eu Elvira Gundisalvi con todos os fillos meus ou voz, e eu Gundisalvus Gundisalvi e todas as voces miñas, a vós abade don Exidio de Santa María de Sobrado e a todos os do mesmo convento do lugar presentes e futuros, facemos carta firmísima en validez perpetua da nosa herdade propia que temos pola parte do noso avó Ruderici Froyle. E está na terra de Trasancos, é dicir Priorius e Reparadi con todos os seus dereitos, de Confurco deica o mar en arredor de xeito que o tiña o noso avó Rudericus Froyle, e outra na terra de Nemitus, ou sexa Sada a que chaman de Cotesis {e outra no mosteiro de Aranga con toda a súa voz por onde vai. E outra en Mariñán e en Ventosa}. De todas estas herdade dámosvos toda a nosa parte de acordo entre os nosos irmáns con todos os seus dereitos, de dentro e de fóra, para que a teñades e posuades, e todo o que queirades delas facer. Por esta razón isto facemos tanto eu, Lelvira, e o meu home e todos os fillos meus, e eu, Gundisalvus Gundisalvi, e a ánima dos meus pais sexamos partícipes en todos os beneficios vosos, tanto en misas como en oracións e esmolas e non só vixilias até o sempiterno. Por tanto, se alguén tanto da nosa estirpe como da allea tentasen incumprir esta carta que incorra na ira de Deus omnipotente e coa indignación rexia e por temerario pague á vosa parte ou voz cincocentos morabetinos, e quen a ataque restitúa o cuádruplo, e que este escrito permaneza sempre invariable.
Feita a carta de doazón a 16 das calendas de xaneiro, era MCCVII. Nós, todos os enriba nomeados, confirmamos coas nosas propias mans este escrito que mandamos facer. Os nomes das testemuñas presentes son estes: Didacus Suarii ts., Petrus Petrit cf.,
Martinus Brandonias cf., Didacus Petri cf., Pelaguius cf.,
Fernandus cf., Suarius cf., Petrus cf.,
Ordonius cf. ts., Munio cf., ts., Froyle cf. ts., Iohannes cf., ts. Arias que escribiu.
(Loscertales, Tumbo I de Sobrado, fol. 156 v.-157 r., doc. nº 493)
VII
Ano 1210, febreiro.
O rei Alfonso de León e Galiza dá a Gonzalo Nuniz e os seus irmáns, a cambio do que estes teñan no burgo vello de Faro, varias posesións reais en Sada e outros lugares das inmediacións.
A B C D E F No nome de noso Señor Xesucristo, amén, Cristo, amén, sabido sexa por esta carta, tanto dos presentes como dos futuros, que eu Adefonso, pola graza de Deus rei de León e Galiza, dou e concedo a don Gonzalvo Nuniz e o mesmo aos seus irmáns, ou sexa, o conde don Fernando e don Álvaro Nuniz e a condesa dona Elvira, e Nuno Sancii, netos daqueles, a cambio de todo o que tiñan no burgo vello de Faro e no couto de Ameeiras, canto eu teño en Parga, e Veigue, e Mondego, e Mosteirón, e Osedo, e Sada, e Ouces, e Lubre, e Sueiro, e Eroes co seu dereito, e Tines. E o mesmo don Gonzalo Nuniz debe levar para a súa posesión aos preditos irmáns seus e irmás e descendentes daqueles en boa fe e sen mala idea para que accedan a este cambio, e se non puidera inducir a todos ou algúns ou algún daqueles para aceptar ese cambio, eu debo recibir a parte daqueles ou daquel que non consentisen ese cambio ou non consentise. E don Gonzalo Nuniz debe recibir íntegra a súa parte, e non debe facer fortaleza nos lugares aqueles sobreditos que dou en intercambio, e sobre isto fago o meu recoñecemento e xuramento, e se diso outro fixera, debo eu apoderarme da herdade dese cambio, e se don Gonzalo Nuniz saíse do meu reino para Portugal ou para Castela, ou para outras partes fóra do meu reino, e non deixase fortaleza nas herdades deses cambios debe recuperar a mesma herdade. E se se me fixese a guerra de Castela ou de Portugal ou doutra parte fóra do meu reino, non debe por tanto abandonar a súa herdade do predito cambio. Se alguén pois, tanto da miña parte como doutra, viñese opoñerse contra este cambio, que sufra a ira de Deus e incorra na indignación rexia, e pague mil morabetinos á parte rexia. Feita a carta en Benavente, no mes de febreiro, era milésima duocentésima cuadraxésima oitava. Pedro IIII, arcebisbo Compostelán. Alfonso bispo Auriense. Suerio bispo Tudense. Pedro bispo Asturicense. Roderico bispo Lexionense. Martiño bispo Cemorensi. Gonzalo bispo Salmantino. Martiño bispo Civitatense. Arnaldo bispo Caveiense. Don Sancho Fernandi tenente de Sarria e Montenegro. O predito don Gonzalo Nuniz tenente de Lemos e Monterroso. Fernando, decano Compostelán, chanceler existente do rei. E eu A., pola graza de Deus rei de León, debo manter e defender a don Gonzalo Nuniz con canto lle dou en Parga, e se iso non fixera ou puidese facer, débolle dar o cambio do mesmo valor. Eu, no entanto, don Gonzalo Nuniz, concedo para min e os sobreditos meus irmáns ese concambio e ese pacto así como está sobrescrito, e non dubido en que sexa revogado consolido co meu selo o mesmo concambio e pacto concedendo para a irmá e descendentes meus sobreditos. Eu, no momento rei de León, se a don Gonzalo Nuniz non poidese sustentar con ese cambio que lle dou en Parga, débolle dar a cambio o mesmo valor en Trastámara.
(González, J., Alfonso IX, Madrid, Instituto Jerónimo Zurita; C.S.I.C., 1944, Vol. 2, Colección documental, Doc. 256).
VIII
Ano 1227, abril 18 P.
O prior de Neda (San Martiño de Xubia) don Vilielmus acorda co abade de Sobrado don Gundisalvus o troco da súa parte en Brión pola que este posúe en Sada dos Coteses.
De Santo André de Brión
Era Milésima Duocentésima Sexaxésima Quinta e a catorce das calendas de maio. Eu o prior don Vilielmus xuntamente co convento do Beato Martiño de Neda e todas as nosas voces, a vós, abade don Gundisalvus e a todo o convento da Beata María de Sobrado e a todas as vosas voces facemos pacto e acordo e escritura de firmeza e atada pola palabra en cincocentos soldos de confirmación da cuarta de Santo André de Brión que damos a vós polo troco da vosa herdade chamada Sada dos Coteses a metade íntegra, que vós nos doades tal como esta a gañastes do conde don Gundisalvus e de Suerius Melendiz con toda a súa dereitura sen homes, tal é o acordo, para que teñades a cuarta íntegra de Santo André coa súa dereitura, fóra do porto de Area do Paraíso que damos xunto a San Martiño libre e pacificamente da nosa voz a Sobrado polos séculos todos, e do que resta da herdade de San Martiño non aceptamos por ningunha orde de ningún home sen licenza do convento do Beato Martiño. E se faltásemos á verdade e este acordo volvésemos atrás sexa quen for de nós que o cometese, pague á outra parte o que arriba resoa. Nós os xa sobreditos confirmamos este acordo coas nosas propias mans. Estiveron presentes: Petrus, ts., Pelagius, ts., Arias ts., Rodericus Froila, Gundisalvus Adefonsus cf., Veremudus Froilaz cf., e outros da curia do conde don G. que viron ts. e cf., e este escrito manteña sempre vigor nos séculos todos tanto para nós e a voz nosa. Eu, prior don Vilielmus, corroboro e confirmo. Pelagius Iohannis que escribiu e cf.
(Loscertales, Tumbo II de Sobrado, fol. 131 r., doc. nº 359).
IX
Sen data [s. XII. Relacionado co seguinte e co VI de 1169.]
Eu Fernando Gundissalvi e toda a voz miña dou a miña parte de Prioiro e de Reparada e Sada por vinte áureos.
(Loscertales, Tumbo I de Sobrado, fol. 190 v., doc. n.º 619).
X
Sen data [s. XII. Relacionado coa doazón dos mesmos en 1169, vid. Doc. VI.]
DE PRIOIRO E REPARADA
Eu, Lelvira Gundissalviz, con todos os fillos meus ou voz, e eu, Gundissalvus Gundissalvi, e toda a voz miña damos e testamos a nosa porción de Prioiro e de Reparada e de Sada polo remedio das nosas ánimas.
(Loscertales, Tumbo I de Sobrado, fol. 190 v.-191 r., doc. n.º 620).

«sada de coteses» na cabeceira do documento, fragmento do folio 188 r. do Tumbo I de Sobrado | Arquivo Histórico Nacional

ABREVIATURAS DOS DOCUMENTOS:

Cf.: confirmante; P.: pergamino;
Ts.: testemuña; [sig.]: signum, selo.

 

Bibliografía

Burgoa, Juan J. e De Aracil, Carlos (2016), «Fundación del Monasterio de Pedroso el año 1111. Primera mención documentada de la Villa de Ferrol», en Nalgures, tomo XII, pp. 147-164. Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia.

Cal Pardo, Enrique (1984), El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Deputación Provincial, A Coruña.

Cañizares del Rey, Buenaventura (2012), Colección diplomática, Lugo, Diócese de Lugo, 2012-2016, 4 vols, libro II, pp. 183-186.

González, Julio (1945), Alfonso IX. Volume 2, colección documental, Instituto Jerónimo Zurita, Madrid. C.S.I.C.

López Ferreiro, Antonio (1899), Historia de la S.A.M.I. de Santiago, tomo II, Apéndice II.

López Sangil, José Luis e Vidán Torreira, Manuel (2011), «Tumbo Viejo de Lugo (transcripción completa)», Estudios Mindonienses. Anuario de estudios histórico-teológicos de la diócesis de Mondoñedo-El Ferrol, nº 27, pp. 11–373.

Loscertales de García de Valdeavellano, Pilar (1976), Tumbos del Monasterio de Sobrado de los Monjes, Madrid, Dirección General del Patrimonio Artístico y Cultural; Archivo Histórico Nacional, 1976, 2 vols. [Vol. 1. Tumbo Primero; Vol. 2. Tumbo Segundo e Índices].

Monteagudo, L. (1998), «Impacto etrusco en la toponimia gallega: topónimos en –es», Anuario Brigantino, nº 21. Concello de Betanzos.

Monteagudo, L. (1999), «Populi y Castella en el “edicto de Bembibre”», Anuario Brigantino, nº 22. Concello de Betanzos.

Montero Díaz, S. (1935), Colección diplomática de San Martín de Juvia, 1935, doc. XXX.

Pena Graña, A. (1992), Narón, un concello cunha historia de seu, tomo II. Concello de Narón.

Sánchez Pardo, José Carlos (2008), Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena edad media. Tesis doctoral. Universidade de Santiago de Compostela, Departamento de Historia Medieval e Moderna. Repositorio da USC, http://handle.net/10347/2451

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *