Coñecemos a importancia do labor social, cultural e político que os galegos emigrados desenvolveron na diáspora. Uns poucos deles foron recoñecidos como persoeiros dese labor fundamental en tempos de crise ou ditaduras. Fundaron, desenvolveron e mantiveron institucións senlleiras da emigración que mantiveron aceso o facho que alumara o camiño da defensa do idioma galego, da dignidade da cultura galega e os dereitos humanos fundamentais, de xeito que propios e alleos tiveran conciencia da súa importancia.
Transitando xa a miña oitava década aínda lembro a moitos deles. Elixir escribir lembranzas dalgúns galegos esquecidos que coñecera na emigración é un privilexio que a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo me concedera para a súa publicación na revista Areal. Emilio Pita (Areal 10), Francisco Regueira (Areal 11), Ricardo Flores (Areal 12), Avelino Díaz (Areal 16), Gumersindo Sánchez Guisande (Areal 17), Alfonso Gayoso Frías (Areal 18) foron os elixidos. Tamén se publicou no Caderno de Estudos Locais Nº 25 unha nota de Homenaxe a Xosé Neira Vilas, amigo e grande escritor, no Cadernos de Estudos Xerais Nº 14, Luis Seoane: Merecida homenaxe a un artista creador polifacético, e Isaac Díaz Pardo, emigrante á Arxentina, de febreiro de 2021.
Un amigo, Cordeiro, co que compartín longas conversas até o amencer nun tradicional bar porteño logo da miña visita e cea na casa da miña noiva, Pilar. Unha longa vida ao servizo da Galiza que non é doado resumir.
Nacera Cordeiro na Coruña o 19 de xaneiro de 1927. Participou alí, desde neno, nas carreiras pedestres, culminando co título de subcampión fondista representando a Galiza co auspicio do Real Club Deportivo da Coruña. Aos 25 anos emigra á Arxentina, onde falecerá o 10 de maio de 2012. Lamentei ficar tan lonxe de Bos Aires e non poder acompañar a familia e amigos presentes nese momento. Anos denantes tocounos a nós os dous despedir a outros persoeiros da cultura na emigración xa mencionados máis arriba. Unha dor moi grande pola súa perda.
A súa dedicación á actividade da Colectividade Galega emigrada sempre a fixo cunha vocación para a solidariedade e o traballo a prol dos outros, nunca coidando no seu beneficio propio.
Podemos colocar unha serie de contribucións nunha disposición que non implique unha xerarquía, porque a súa paixón tiña enorme forza xa tratemos ou destaquemos a súa participación na política, na produción pictórica, na vida institucional dos emigrados ou na promoción cultural. Polo tanto, iremos mencionando feitos dun xeito cronolóxico non ríxido e dando conta de relacións duns feitos cos outros.
Unha das primeiras actividades nas que participa Cordeiro pouco tempo máis tarde da súa chegada a América (1952) é a fundación das Mocedades Galeguistas. Este importante fito político-cultural celébrase o 22 de agosto de 1953, cumpridos hoxe 68 anos. Nesa data constituíuse esa «filial xuvenil da Irmandade Galega de Bos Aires» segundo dicía a acta constitutiva asinada, entre outros, por Xosé Neira Vilas, Vidal Pérez Graña, Carlos Abraira Cela, Antón Santamarina Delgado, Pilar Jeremías Cela, Denis Conles Tizado, Antón Moreda e Manuel Cordeiro. Nacen estas Mocedades para retomar o ideario que, no seu día, guiou a Federación de Mocedades Galeguistas na Terra. Mozos e mozas galegos e fillos de galegos escoitaron o saúdo afervoado de Suárez Picallo, quen dixera: «Afinco esta miña espranza na vosa misión, no que vin, escoitei e sentín nistes días que vivín e convivín convosco, ao conxuro dos vosos trafegos patrióticos, das vosas verbas, limpas e claras (…) alumeados por unha adolescencia segrel, dada enteira a unha causa inmorrente: A libertade da nosa Patria Galega».
Reuníronse un grupo de mozos convocados por Vidal Pérez Graña, da Estrada, que contou coa colaboración de Antón Moreda e de Antón Santamarina nese labor. Desta primeira xuntanza saíu a asociación cos obxectivos de coñecer e espallar a cultura e a realidade galega desde todos os eidos, cultura, historia, xeografía, economía, lingua… Veteranos galeguistas como Bieito Cupeiro e Manuel Pedreira apadriñaban o novo proxecto, que se integraba na Irmandade Galega, participando cos máis novos en mesas redondas e xuntanzas e orientando a súa busca de saber sobre o país.
A aceptación do novo colectivo entre a mocidade galega ou descendentes de galegos de Bos Aires foi moi boa e, deste xeito, só dous anos despois da xuntanza fundacional había xa cincuenta e nove socios. Entre estes, nomes coma Xosé Neira Vilas, Manuel Cordeiro, Xosé Casal, Olga e Pilar Ares, Pilar Jeremías Cela ou Clotilde Iglesias sumábanse aos dos promotores do colectivo. Todos estes mozos e mozas desenvolvían actividades como a conmemoración do Día de Galicia Mártir ou o aniversario da votación do Estatuto de Autonomía de 1936, coordinando as súas actividades coas dos centros galegos e coa Comisión Intersocietaria, que agrupaba daquela oito sociedades de galegos residentes en Bos Aires.
Non desexo abundar co relato das moitas actividades desenvolvidas pola xente moza, mais cómpre lembrar tantas e tantas actividades realizadas nas que formaron parte moitos outros galegos esquecidos hoxe en día.
A partir das xuntanzas periódicas que realizaban para estudar diferentes aspectos de Galiza analizaron polo miúdo Sempre en Galiza, libro que lles servía a miúdo como guía desde a cal comezar os debates. Ademais destes temas abordaron cuestións que aínda a día de hoxe están pouco investigadas ou comezan a ser coñecidas polo miúdo. Por exemplo, o traballo cinematográfico do director Carlos Velo, exiliado en México, ou a obra do Seminario de Estudios Galegos, desaparecido coa Guerra Civil. Ademais trataron outros temas, como as revoltas irmandiñas, o Rexurdimento ou a significación de Rosalía, entre moitos outros. Segundo sinalou o propio Neira Vilas no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, «aquela mocidade galego-porteña dispoñía dunha cultura e dunha información sobre Galicia impensable para a mocidade desta orela».
As Mocedades Galeguistas chegaron a editar un boletín propio realizado integramente en galego, o Adiante, que iniciou a súa andaina en xaneiro de 1954. Xa no primeiro número desta publicación se recollen as numerosas actividades que a asociación desenvolvera desde a súa fundación, e que ían desde a creación dun «Decálogo do bo galego» a un «breve curso de nacionalismo galego», pasando por homenaxes a Curros Enríquez, Pardo de Cela ou Manuel Ponte, actos sobre a bandeira, o himno e a fala, ou mesmo a elaboración dun pequeno «Vocabulario para falar ben o galego» que se ía publicando por entregas neste boletín. Como non podía faltar nunha organización formada por mozos e mozas, tamén se anuncian a organización das «Foliadas das Mocedades» e varias excursións campestres.
Imaxinades unha actividade semellante en calquera sito da Galiza actual? Pois aínda non remata o conto: as Mocedades Galeguistas impulsaron, xa en 1953, unha renovación do pacto Galeuzca, coordinándose con entidades xuvenís catalás (Juventut Catalana) e vascas (Acción Vasca). Tamén desde este colectivo se promoveu a creación da AGUEA (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas), que pretendía agrupar os intelectuais do noso país exiliados en Bos Aires. Esta entidade desenvolveu unha intensa actividade cultural, con numerosas conferencias e clases no Centro Galego a cargo de profesores tan destacados coma Eduardo Blanco Amor ou Rafael Dieste. Tamén participaron as Mocedades na creación da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, fundada en 1959.
Eu era un preadolescente neses anos. Anos máis tarde cheguei a participar nese movemento e a integrar e presidir a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, entidade onde se achegaban todos eses persoeiros aínda vivos e activos.
A Colectividade Galega emigrada a América fervía de entusiasmo neses anos cincuenta do século pasado. Poucos anos antes Castelao pasara á inmortalidade no Centro Galego de Bos Aires. Representantes de todo o continente americano achegáronse a este porto no ano 1956 para participar no Primeiro Congreso da Emigración Galega. A listaxe dos presentes é longa, mais cabe subliñar entre eles a Cordeiro. E para os sadenses, destacar os discursos e relatorios de Ramón Suárez Picallo e Ricardo Flores que poden atopar na documentación e crónicas editadas co gallo da celebración do devandito Congreso (a edición príncipe estivo ao coidado de Ramón Suárez Picallo, Francisco Regueira, Rodolfo Prada e Manoel Porrúa e saíu do prelo en 1959).
En canto chega a Bos Aires, Cordeiro integra o grupo de persoeiros que fundan o Coro Brétemas e Raiolas. Unha actividade, o Coro, considerada neses tempos fundamental para manter, desenvolver e promover a música e danzas galegas entre os emigrados. Ramón Suárez Picallo, Avelino Díaz, Alberto Vilanova, Antón Santamarina, Bieito Cupeiro, Leandro Carré Alvarellos, Xosé Casal e Xosé Neira Vilas, entre outros, figuraban na promoción e dirección. Este é outro capítulo que aínda non está pechado, e necesita inserirse entre os «galegos esquecidos»: a enorme e aplaudida xestión dos Coros Galegos da Emigración espallados por toda América.
Tempo máis tarde, no 1962, atopamos a Cordeiro entre os fundadores do Conxunto Artístico Galego «Breogán». Lemos nunha publicación do coro co gallo da celebración do seu 3º aniversario: Comisión Directiva: Manoel Cordeiro, Secretario Xeral, Xosé Filgueira, Tesoureiro, Xosé Martínez Romero, Secretario de Cultura, Xosé Durán, Contador e Xerminal Filgueira, Francisco Villamor, Antón Lago e Xosé Longueira, Vocais.
As actividades deste Coro axiña se desenvolveron cunha coidada e fiel reprodución de música, danzas e traxes da Galiza. O seu director, Cesáreo Rodríguez (gaiteiro e director anterior doutros sinalados coros) era moi esixente e respectado. Montábanse espectáculos verdadeiramente estéticos e atractivos. Viaxaron a varias cidades do país e chegaron a interpretar música galega, con gaitas, nunha misa na catedral da cidade de Mar del Plata, segundo sabemos, primeira oportunidade na que soaba unha gaita nunha igrexa.
Unha actividade mellor coñecida de Cordeiro é a artística. Para expresar as súas inquedanzas artísticas dedicouse ao debuxo. Pouco a pouco, para concretar esas inquedanzas comezou a traballar artesanalmente en coiro, madeira, cartón, tea de sacos, discos ou vieiras. Neses materiais reflectía escenas de bailes galegos, paisaxes, templos ou símbolos nacionais. Esa actividade foi medrando e comezou a confeccionar «escudos» das entidades galegas de emigrantes, ás veces existentes, outras creados por el mesmo. Co tempo, coido que todas as entidades galegas tiñan un estandarte en coiro coas pinturas feitas por Cordeiro, en cores e con elementos de adorno engadidos. Produto da morriña, nos seus debuxos abundan as referencias á Coruña e o mar (barcas, pescadores, redes etc.).
Autodidacta, como outros tantos escritores e debuxantes emigrados, Cordeiro transformouse nun debuxante que era convocado por publicacións de moi diferente xénero.
Estes pedidos de deseños non se limitan aos eidos mencionados. Nunha oportunidade deseña unha alfombra floral para ser instalada fronte á catedral de Bos Aires, encargo da Sociedade de Ponteareas. Constitúe un grupo de traballo con xente nova da Colectividade Galega, pertencentes a diferentes institucións, que axudan na confección da alfombra floral, con moito éxito.
Cordeiro deseñou e pintou os vitrais da cafetería porteña «Los 36 billares», sitio de interese cultural na capital porteña. Tamén realizou mostras da súa obra no seu país de adopción e puido cumprir o seu soño de expoñer no Museo do Pobo Galego.
Manifestou nunha entrevista:
Reconozco que me rebalsa ese sentimiento profundo de la gente del pueblo gallego al que dediqué mi vida y el que, además, me dio la posibilidad de pertenecer a la colectividad y sus instituciones, en Argentina. En definitiva, soy un gallego-argentino porque soy de Argentina, que es el país donde vivo, pero en mis pinturas solo puedo mostrar lo que llevo adentro, lo que a mí me rebalsa y que no puedo cambiar, es imposible, y por eso no puedo hacer otra pintura que no sea gallega.
Foi un home «progresista», segundo a denominación que fan os arxentinos da actividade política nos eidos do socialismo. Logo do seu pasamento, o secretario xeral do PSdeG nese intre, Pachi Vázquez, enviou nunha nota á súa familia que dicía: «Unha grande perda para Galicia. O seu labor e o seu exemplo de vida, comprometida e reivindicativa desde a cultura, é unha herdanza que debemos coidar». Coidamos ou esquecemos?, digo eu.
Casou Cordeiro con Victoria Besada, integrante da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos e do Conxunto Artístico Galego Breogán, onde coincidiron. Victoria, amiga e activa traballadora a prol do desenvolvemento da cultura galega, pasou á eternidade denantes que Cordeiro. Deixa unha filla, Marina, e unha neta.
Na exposición póstuma da súa obra do 2016 no Centro Galego de Bos Aires, a súa filla Marina expresou: «Meu pai foi un bohemio. Un autodidacta. Un home entregado á súa obra e a Galicia».
[Imaxes. De arriba a abaixo)
- Retrato de Manuel Cordeiro
- Garda de Honra das Mocedades Galeguistas no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires en 1956.
- Dúas imaxes que amosan a súa faceta artística
Fotografías cedidas polo autor