Club Taekwondo Sada

O Club de Taekwondo de Sada, sito na sexta planta do hotel Alda Sada Marina, nace no ano 1999 co nome de Natural Sport Sada, ata que no presente ano se leva a cabo o cambio de denominación. O club comeza a súa andaina hai vinte e dous anos con trinta deportistas federados, e hoxe conta xa con máis de douscentos deportistas e con cinco adestradores no seu cadro de persoal, tres mulleres e dous homes.

O noso club ten presenza en podios galegos, nacionais a internacionais nas catro modalidades do taekwondo: técnica, combate, exhibición e freestyle, ademais de contar cun adestrador, Javi Sieira, que se atopa entre os membros do corpo técnico da selección galega. A súa presidenta, Sabela Lonja, representa o club na comisión delegada da Federación Galega de Taekwondo, da que é membro.

 

A filosofía do club é premiar o traballo e o esforzo, inculcar aos máis novos valores como: superación, resiliencia, compañeirismo, hábitos de vida saudables… Para nós o deporte, e en especial o taekwondo, é moito máis que adestrar, é un estilo de vida responsable, feliz e nun ambiente que che permite desenvolverte como persoa en todos os aspectos; a formación íntegra dos deportistas é a nosa prioridade.

A día de hoxe comezamos as clases con nenos e nenas de tres aniños, que van avanzando de clase segundo a súa idade e a cor do seu cinto. O primeiro cinto é o branco e o último o negro, habendo por medio: amarelo, laranxa, verde, azul e vermello, a cores completas ou medios.

Entre as nosas filas temos campións de España, medallistas europeos e internacionais, campións galegos… Pero non nos conformamos, para esta tempada temos grandes metas por diante. A nivel competitivo, contamos con deportistas clasificados para o próximo Campionato de Europa, que será no mes de novembro en Lisboa. Tamén contamos con deportistas dentro do circuíto de ranking nacional que clasifica para o vindeiro Campionato do Mundo, que será en Corea do Sur no mes de maio. Así mesmo, por primeira vez organizaremos un torneo propio en Sada, que formará parte do circuíto do ranking galego. A nivel interno, unha das nosas metas máis ambiciosas é entrar no «top 5» de clubs do taekwondo galego con máis licenzas. Como contabamos anteriormente, para nós o deporte é máis que adestrar, polo que no noso club organizamos actividades lúdicas e de convivencia que serven para reforzar a educación dos rapaces e rapazas: festa do samaín, campus, festa de carnaval, xornadas de portas abertas, carroza de reis, xornadas multideporte, convivencias con xente doutros clubs…

No Club Taekwondo Sada primeira formamos persoas, despois deportistas e deseguido taekwondistas.

 

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará