Carlos Babío Urkidi
Pasaron xa algo máis de dúas décadas desde que comezara a batalla contra a construción dunha urbanización en Sada que tiña previsto arrasar toda a costa comprendida entre as praias de Morazón e Arnela. Hoxe podemos gozar da paisaxe marítima, das calas e do roteiro «Costa Doce» polo compromiso, tesón e loita de persoas que se aglutinaron na Plataforma en Defensa da Ría de Sada, na que foi imprescindíbel a participación de Nacho Salorio. Sen o seu concurso neste pequeno mais determinante anaco na historia de Sada nada tería acontecido. A el e á súa memoria vai dedicado este artigo.
Eran os tempos do que hoxe coñecemos como «burbulla inmobiliaria». Tamén sabemos dos seus devastadores efectos. Son vantaxes de coñecer o pasado. Mais na época na que comezaba o novo milenio existía unha asociación entre o «cemento» e o «progreso» que baixo esta falsa premisa xustificaba a presenza do formigón en calquera lugar. Sada sufriu neses anos unha tremenda presión urbanística que xerou non poucos problemas, algúns aínda sen solucionar a día de hoxe.
O enclave privilexiado de Sada era reclamo para a proliferación de urbanizacións e construción de vivendas. E a costa comprendida entre Fontán e Carnoedo é sen dúbida un exemplo deses lugares onde podemos gozar da natureza e as praias e onde as antigas normas urbanísticas de Sada permitían cementar mediante un plan parcial.
Así, no ano 2000, un grupo inmobiliario propiedade case na súa totalidade do desaparecido Banco Pastor tramitaba a solicitude de licenza para ese proxecto urbanístico, facendo pública a maqueta e dando a coñecer o nome escollido para bautizar esta macrourbanización: Porto Infanta.
Un plan parcial que contemplaba na práctica a desaparición da pena da Herba e a cala de Arnela Vella e a grave afectación das praias de Morazón e Arnela coa construción de 560 vivendas e dun novo porto deportivo no espazo costeiro comprendido entre ambos os areais.
Unha vez coñecidas as intencións da promotora e do goberno municipal de Sada, presidido naqueles anos por Ramón Rodríguez Ares, de dar o visto e prace ao proxecto, comezan a realizarse reunións no desaparecido local de hostalaría do porto rexentado por Emilia Graña e Nacho Salorio e denominado Loxe Mareiro. O resultado desas reunións vai dar lugar á creación da Plataforma en Defensa da Ría, na que Nacho Salorio porá desde o logotipo a horas de dedicación e traballo comprometido, que xunto ao doutras persoas fixo realidade unha sentenza histórica.
Nacho Salorio no “Loxe Mareiro” de Sada |
En outubro do ano 2000, noutro lugar de plena actualidade, o auditorio do Museo Carlos Maside, Maribel Valdivieso, Isa Risco e o propio Nacho Salorio presentaban publicamente a constitución da Plataforma que nacía para dar a batalla contra «Porto Infanta» por considerar esta obra «ilegal, innecesaria e que contén todas as características dun atentado contra o medio ambiente e contra o patrimonio do pobo». Tamén daban a coñecer as alegacións que a Plataforma presentara ao proxecto e que estaban baseadas en cinco grandes apartados:
– Innecesaria. O crecemento de Sada non se corresponde cunha construción de luxo desas dimensións.
– Excesiva. Pretende ser un barrio novo igual ou superior á área urbana do municipio. A súa extensión é desmesurada.
– Sen infraestruturas. Non se prevén accesos ao volume que o proxecto prevé na zona.
– Ilegal. O Plan Parcial incumpre as normas subsidiarias do Concello sobre densidade e ocupación máxima.
– Impacto ambiental. Invade unha zona de interese paisaxístico de usos pesqueiros e de lecer da poboación e ten consecuencias irreversíbeis sobre espazos de protección.
Presentación da Plataforma en Defensa da Ría no Museo Carlos Maside (ano 2000) | Imaxe cedida polo autor
Unha vez aprobado o proxecto urbanístico pola maioría do Partido Popular naquel momento na corporación municipal de Sada, o BNG comezou unha campaña informativa e convocou unha manifestación en Sada contra o proxecto urbanístico. A Plataforma pola súa parte presentaba batalla xudicial ante o TSXG, onde conseguiría paralizar provisionalmente a urbanización ao considerar en boa medida o tribunal a petición da Plataforma de adopción de medidas cautelares que impediran a execución do proxecto ata que existira sentenza xudicial firme ao respecto. Mediante auto do TSXG do 5 de xuño de 2002 paralizábase a ordenanza edificatoria que pretendía colocar edificios de catro plantas de até 15,20 metros de altura e cunha lonxitude de ate 75 metros.
Manifestación contra o proxecto urbanístico «Porto Infanta» celebrada o 2 de setembro de 2001, convocada polo BNG e o grupo mixto municipal no Concello de Sada. Asistiron unhas 500 persoas | Imaxe cedida polo autor
Dous anos despois chegaría a sentenza do TSXG que daba a razón á Plataforma en Defensa da Ría. O Tribunal consideraba «Porto Infanta» un proxecto ilegal, ao incumprir as disposicións legais de costas e da normativa urbanística galega, afectando a un contorno paisaxístico e medioambiental que o propio TSXG caracterizou como «sensíbel e necesitado dun alto grao de protección, tras as agresións graves de que foi obxecto ao longo dos anos».
Esta sentenza do 18 de novembro de 2004 foi recorrida por un particular, polo que o TSXG tivo que volverse pronunciar ao respecto, e fíxoo resolvendo novamente a favor das teses da Plataforma en Defensa da Ria de Sada o 15 de setembro de 2005, confirmando que «Porto Infanta» incumpría a legalidade urbanística ao proxectarse unha acumulación de volumes edificatorios que supoñían unha formación de pantallas arquitectónicas que limitarían ou mesmo impedirían a visión da paisaxe.
O TSXG non só anulaba o Plan Parcial, senón tamén o apartado das Normas Urbanísticas de Sada que o amparaba, por establecer unha densidade de vivendas e edificabilidade superior á dos outros ámbitos urbanizábeis do concello.
Esta nova sentenza será novamente recorrida en casación, non so pola promotora da urbanización, senón tamén polo Concello de Sada, ante o Tribunal Supremo, que resolverá en outubro de 2009 de maneira firme, mediante unha sentenza histórica que non so daba novamente a razón á Plataforma en Defensa da Ría. O alto tribunal estaba a xerar xurisprudencia que serviría despois para tumbar outros proxectos urbanísticos que ao igual que «Porto Infanta» atentaban contra o medio ambiente e a paisaxe, como foi o caso da anulación doutras 3.300 vivendas en Valencia, concretamente no concello de Almenara, no que o alto tribunal recorreu no ano 2010 aos argumentos xurídicos empregados no caso sadense.
«Porto Infanta», aquela macrourbanización froito da «burbulla inmobiliaria» de 152.366 m2 na parte oeste de Fontán, cunha edificabilidade de 67.233 m2, que a Plataforma de Nacho Salorio conseguiu parar, e que nos lembra outro macroproxecto en Miño, coincidente no tempo con «Porto Infanta», que non se puido parar e acabou hipotecando o Concello con indemnizacións millonarias.
Porque esa é outra parte da historia que nunca se contou. Non conservamos a paisaxe e o desfrute da nosa costa. Aforramos a quebra técnica do Concello co «pinchazo» da «burbulla inmobiliaria».
Membros da Plataforma na rolda de prensa convocada no edificio da Terraza para facer valoración da sentenza do Tribunal Supremo de 2009. De esquerda a dereita Sebastián Martínez-Risco, Emilia Graña, Maribel Valdivieso, Nacho Salorio, Isabel Risco e Carlos Babío | Imaxe cedida polo autor
CRONOLOXÍA
10/2000 Presentación pública da Plataforma en Defensa da Ría de Sada no auditorio do Museo Carlos Maside do Castro.
06/2001 O pleno da corporación de Sada, cos votos a favor do PP e en contra do PSOE, EdeG e BNG, acorda aprobar o Plan Parcial de Ordenación SAU 4 (Porto Infanta).
09/2001 Manifestación en Sada contra Porto Infanta convocada polo BNG e o Grupo Mixto Municipal.
04/2002 O TSXG accede á petición de paralización cautelar solicitada pola Plataforma namentres non exista sentenza firme a respecto da demanda contra o Porto Infanta presentado tamén pola Plataforma. A promotora e o Concello recorren.
06/2002 O TSXG resolve os recursos sobre a paralización cautelar e mantén esta sobre as edificacións.
11/2004 O TSXG sentenza a anulación do proxecto Porto Infanta e anula tamén as normas urbanísticas nese ámbito.
09/2005 O TSXG volve resolver a favor da Plataforma no recurso interposto por un particular. Concello e promotora recorren en casación ante o Tribunal Supremo.
10/2009 O TS sentenza de maneira firme. Anula o proxecto urbanístico Porto Infanta e a normativa urbanística nese ámbito.
Nacho Salorio