Nos últimos anos estase a reivindicar a declaración do Museo Carlos Maside como Ben de Interese Cultural. Unha persoa de referencia para coñecer a súa historia e a súa situación actual é Xosé Díaz. Integrante do Laboratorio de Formas de Galicia como un dos herdeiros do seu pai, Isaac Díaz Pardo, Xosé participou da actividade do Museo desde a súa creación. Conversamos con el para poñer algo de luz en torno a unha institución cultural transcendental para Sada e para Galicia que afronta un futuro incerto.
|
Os irmáns Camilo e Xosé Díaz [dereita] conversando no Castro | Redacción |
Cales son os valores que xustifican a declaración do Museo como BIC?
Sempre dixen que o Museo Carlos Maside non é un museo convencional; non se trata dun museo normal, que se acredita unicamente pola súa colección. Estamos a falar dun museo, si, pero de algo máis que un museo, pois o seu valor reside, máis que na colección que custodia, no espírito que agocha, na esencia que destila, no exemplo que emana. En definitiva: o Museo Carlos Maside é un conxunto material que, a maiores, posúe un importante legado inmaterial, que é o que lle dá valor. E cal é ese valor inmaterial que ten?, pois a resposta e o compromiso de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo de cara a establecer en Galicia un foco de memoria, nos anos grisallentos e desmemoriados das postrimerías da ditadura. Esa acción, esa maneira de responder a un problema determinado é o que caracteriza e dota ao Museo dun sentido especial. E que significa todo isto? Pois que ao Museo hai que contemplalo máis que como unha colección de arte, como un patrimonio pechado en si. Estamos a falar, pois, dun dos proxectos básicos do Laboratorio de Formas de Galicia, a sociedade instrumental e patrimonial que ambos dous crearon para informar e fecundar os emprendementos de recuperación na Galicia marxinada e atrasada dos anos sesenta e setenta.
«O compromiso de Seoane e Díaz Pardo de establecer en Galicia un foco de memoria na ditadura é o que dota ao Museo dun sentido especial»
En qué situación se atopa na actualidade?
A situación é catastrófica. Por tres razóns: unha debido ao abandono e o deterioro material de obras e arquitectura, en parte vandalizada; outra, polo esquecemento que padece un proxecto tan significativo e simbólico como é esta realización, sen dúbida única en Galicia; e unha terceira razón, pola indiferenza da sociedade civil e das institucións que a representan, que nin defenden como é debido, nin padecen, o deterioro patrimonial e mesmo ambiental deste país. Abandono, esquecemento e indiferenza, as tres lacras que están a arruinar Galicia.
«Está agromando unha conciencia nun sector da sociedade que está a denunciar o seu abandono. Un raio de esperanza entre tanto desánimo»
Cales son as perspectivas de futuro para o Museo Carlos Maside?
En principio son pouco estimulantes, pois o primeiro paso importante para a súa recuperación é protexelo coa declaración de BIC, pero a postura de Cerámicas do Castro —copropietaria xunto co Laboratorio de Formas do Museo— non é favorable á tal declaración, mesmo se nos ten comunicado aos administradores do Laboratorio esta postura, que desde calquera punto que se mire resulta inconcibible. Desde o Laboratorio levamos tempo traballando para que a Consellería de Cultura cumpra coa súa declarada intención de facer BIC ao Museo, e somos conscientes das presións que existen por unha das partes para obstaculizar tal acción. Aínda así, con todas as trabas que se están poñendo para entorpecer a declaración, penso que vai ser difícil que se poda paralizar, pois está agromando unha conciencia nun determinado sector da sociedade que está a denunciar o seu abandono e demandando a súa inmediata restauración. Un raio de esperanza entre tanto desánimo.
«So queda un camiño, que é o de que as institucións públicas se fagan cargo del, pero respectando a filosofía de Seoane e Isaac»
Como habería que afrontar ese futuro para garantir a supervivencia do Museo? Que papel deben xogar as institucións públicas?
É obvio que o papel das institucións, na materia que estamos a tratar, é francamente mellorable; neste sentido é ocioso tratar de explicar tal proceder porque se explica só; temos exemplos a fartar. Sobre como habería que afrontar o futuro? Á vista da postura da empresa que ten a responsabilidade do mantemento do Museo, so queda un camiño, que é o de que as institucións públicas se fagan cargo del, pero sempre respectando a filosofía de Seoane e Isaac —condensada no Laboratorio de Formas, fundador e director do Museo—, que é a que caracteriza e lle da valor. Pensar en facer un novo proxecto museográfico sería desvirtualo e desnaturalizalo; o que hai que facer é restauralo, conservando a súa esencia, porque o proxecto museográfico xa está feito por Isaac e Seoane.
Que podería significar para Sada volver a ter o Museo Carlos Maside aberto e con actividade?
Supoñeríalle dotar ao concello de Sada dun centro de fondo significado na cultura deste país; nada menos que unha obra concibida por dous creadores básicos da Galicia do século XX… pode pedirse máis? Sada, con dous epicentros da memoria democrática, como son as Torres de Meirás e o complexo cultural do Castro, ten que estar orgullosa e moi vixilante de que ambos os dous lugares vaian pola senda da sensatez e a sabedoría.
«Sada, con dous epicentros da memoria democrática, como son Meirás e o Castro, ten que estar orgullosa e moi vixilante de que ambos os dous lugares vaian pola senda da sensatez e a sabedoría»
Que representa o Museo Carlos Maside para a cultura galega contemporánea?
Penso que esta pregunta xa está respondida. Engadiría, máis ben repetiría, que o proxecto é único, que non hai outro emprendemento cultural en Galicia destas características. Recuperar a memoria da creatividade plástica e o compromiso das vangardas anteriores á desfeita da guerra e a ditadura foi unha titánica e tenaz loita de dous creadores perseverantes, como foron Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, capaces de aportar ao país unha maneira de construír o futuro mirando ao pasado e ofrecendo pautas de exemplaridade e compromiso que, desgraciadamente, Galicia ignorou en gran medida. Colección, edificio, espazos expositivos, interiorismo, proxecto museográfico… todo é dunha categoría extrordinaria. Estamos diante dun fito que debería enchernos de orgullo.
meus parabéns a formidable reserva da memoia de Seoane e Isaac e dese soño común ó respecto da MENORIA HISTÓRICA que hoxe bule nas figuras de Xosé e Camilo Díaz Arias