«A educación do home e da muller»: O ensaio feminista mais importante de Emilia Pardo Bazán

Marilar Aleixandre

En setembro de 1892, nunha carta que nos chegou medio rachada, Emilia Pardo Bazán escribe desde A Coruña á súa amiga Carmen Miranda1 para desculparse de non poder visitala –probablemente en Vilagarcía– malia as nécoras e os mexillóns cos que Carmen ía agasallala. A razón é que os seus fillos están co pai asistindo á vendima no Ribeiro, ela non se decide a deixar soa a avoa, é dicir, a súa nai Amalia de la Rúa e, sobre todo, que: «no dispongo más que del tiempo [rachado, talvez imprescindi] ble para redactar mi Mem [oria para el, rachado] Congreso Pedagógico».
O Congreso Pedagóxico, chamado oficialmente Congreso Pedagógico Hispano-Portugués-Americano, celebrouse en Madrid do 13 ao 27 de outubro de 1892, con máis de 2000 persoas inscritas. A sección quinta estaba dedicada a «Concepto y límites de la educación de la mujer y de la aptitud profesional de esta», incluíndo temas como as relacións e diferenzas entre a educación da muller e do home, a organización da educación feminina e a aptitude da muller para o ensino e para outras profesións. Emilia Pardo Bazán, ademais de presentar un dos relatorios, chamados memorias –outra era de Concepción Arenal, e foi lida aínda que ela non asistiu–, elaborou un resumo de todas elas e presentou as conclusións. Tanto a súa memoria como as outras intervencións súas supoñen, segundo Narciso de Gabriel (2018), unha inflexión na forma de entender en España a educación das mulleres, cuestión á que dedicou grande atención durante toda a súa vida. Nas conclusións Pardo Bazán celebraba a unanimidade dos relatorios sobre a necesidade do acceso das mulleres tanto á educación como ao exercicio das profesións, porén nas votacións as propostas foron rexeitadas. Isto malia ter suavizada a conclusión teórica, o recoñecemento do destino propio das mulleres, non relativo ao varón ou á familia, que se discute máis adiante.

É esta memoria ao Congreso Pedagóxico á que se refire a carta a Carmen Miranda, e por ela podemos inferir que Pardo Bazán comezaría a redactala en Meirás, durante o verán, finalizándoa na Coruña. Despois de ser presentada no Congreso Pedagóxico de outubro, foi publicada nese ano de 1892 no número 22 da revista Nuevo Teatro Crítico dirixida pola escritora, mais non figura, como é o caso da súa narrativa, na web do Cervantes. Neste ano do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán, a Real Academia Galega recolleu o ensaio, xunto con sete artigos de prensa, nun volume en galego, na tradución de Mónica Bar Cendón: A educación do home e a da muller e outros escritos feministas, que pode ser descargado na web da RAG2, co obxecto de poñer a disposición do público este texto e difundir as súas reflexións.
Nin o acceso das mulleres á educación, nin o exercicio de todas as profesións foron aprobados. Cómpre lembrar cal era a situación das mulleres en 1892: precisaban a autorización do decano ou director de cada centro para acceder aos estudos universitarios e de bacharelato unicamente. Mais o bacharelato, até a lei de 1970, comezaba aos 10 anos co chamado bacharelato elemental, seguido polo superior. Noutras palabras, para case a totalidade das mulleres o ensino finalizaba aos 10 anos. Os datos recollidos por Narciso de Gabriel son elocuentes: en 1892 había en total 7 mulleres nas universidades españolas; no curso 1900-1901 había 9 universitarias, e 44 cursando bacharelato nos institutos. Esta situación mudaría unicamente en 1910 co decreto que daría acceso ás mulleres a todos os niveis da educación. A cuestión, para alén das leis, radicaba na ideoloxía e nas representacións sociais: os informes dos inspectores de ensino primario en Galicia nos últimos anos do século XIX estudados por Narciso de Gabriel (2013) mostran que había pais que prohibían aos mestres ensinar ás nenas a escribir, por ser prexudicial para elas. A escrita, interpreta De Gabriel, ao fornecer autonomía ás rapazas e ás mulleres, era percibida como unha ameaza á situación de dependencia e submisión. Este é o contexto ao que se enfronta Pardo Bazán.
Pódese afirmar que A educación do home e a da muller é o ensaio teórico sobre feminismo máis relevante de Emilia Pardo Bazán e que as ideas expostas nel se adiantan en moitos aspectos ao feminismo do seu tempo. Para alén da educación das mulleres e dos atrancos que encontra, discute as ideas que sustentan as discriminacións, o que hoxe chamamos ideoloxía do patriarcado.
Unha noción teórica central no seu pensamento, e estritamente orixinal, é a do destino propio (Aleixandre e López Sández, 2021): «Aspiro, señores a que recoñezades que a muller ten destino propio; que os seus primeiros deberes naturais son para consigo mesma, non relativos e dependentes da entidade moral da familia que no seu día poderá constituír, ou non constituír». A autora sitúao en oposición ao destino relativo, que reduce o destino da muller á significación relativa ao destino do varón. Vencellada á idea do destino propio está outra proposta atrevida, que a muller pode escoller entre ser nai ou non selo: «A maternidade é función temporal: non pode someterse a ela a vida enteira. (…) Ademais de temporal, a función é adventicia: todas as mulleres conciben ideas, pero non todas conciben fillos.» Esta conclusión, como indicamos arriba, nin sequera foi presentada a votación. A súa consecuencia era que, como defendía Emilia Pardo Bazán, a educación das mulleres é un obxectivo en por si, e non para seren mellores nais, como defendían moitos autores nese tempo, incluíndo algúns krausistas pertencentes á Institución Libre de Enseñanza. Dun modo paralelo ás dificultades que tiñan autores da ILE para aceptar a lexitimidade das reivindicacións nacionalistas de Galicia, Cataluña ou o País Vasco, tampouco concibían a relevancia da igualdade de dereitos entre mulleres e homes.
As conclusións prácticas que si foron postas a votación eran o «libre acceso [da muller] ao ensino oficial, e como lóxica consecuencia, permitíndolle exercer as carreiras e desempeñar os postos a que dean opción os seus estudos». Comparadas coas propostas, no mesmo congreso, de Concepción Arenal, as desta última eran máis tímidas. Sendo partidaria da educación das mulleres, suxería que podían deixarse fóra da súa instrución materias como «metafísica, filosofía do dereito e cálculo infinitesimal». Asemade, que debían encamiñarse a «profesións fáciles, de artes e oficios lucrativos» como reloxeira ou telegrafista, o que considera máis doado que enxeñaría ou medicina. Segundo Arenal, moitos deses coñecementos pode adquirilos na súa casa. Non é estraño pois que as propostas de Pardo Bazán fosen derrotadas nas votacións, ao resultar demasiado radicais e adiantadas ao seu tempo.
O volume editado pola RAG inclúe asemade sete artigos de prensa publicados na súa rúbrica «La vida contemporánea» da revista La Ilustración Artística. Neles Pardo Bazán define o movemento feminista como a conquista máis transcendental da humanidade, cuña a palabra «mullericidio», critica as primeiras formas de maltrato e as escusas, publicadas nos xornais, sobre se unha rapaza vítima dun intento de violación era ou non «tan honrada», o obstáculo do decoro, ou admira a afouteza de Elisa Sánchez Loriga ao se facer pasar por home. En resumo, o libro pretende ser unha contribución ao coñecemento das ideas feministas de Emilia Pardo Bazán.

Visita dunha representación do Concello da Coruña a Emilia Pardo Bazán nas Torres de Meirás
Real Academia Galega, Arquivo, Depósito 1  Subsección: FXl Caixa 2 14

 

Referencias

 

Aleixandre,
Marilar e López Sández, María (2021). Movendo os marcos do patriarcado: O
pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán
. Vigo: Galaxia.

Gabriel,
N. de (2013).
«A
educación das mulleres no século XIX: exclusión, dependencia e autonomía
». Sarmiento,
17: 7–36.

Gabriel,
N. de (2018).
«Emilia
Pardo Bazán, las mujeres y la educación. El Congreso Pedagógico (1892) y la
Cátedra de Literatura (1916)
». Historia y Memoria de la Educación 8:
489-525.

 

1 Correspondencia dispoñible, no marco da colaboración RAG/CCG, na web do
Consello da Cultura Galega.

2 http://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/383

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *