UN ESCRITO ACLARATORIO DE ISAAC DÍAZ PARDO DA SITUACIÓN DO CASTRO E SARGADELOS NO ANO 2008

Reproducimos a continuación un documento asinado por Isaac Díaz Pardo no ano 2008 e que nos achega os “Amigos dos Museos de Galicia”.
OBSERVACIÓNS DO PROBLEMA “SARGADELOS” A MEDIADOS DO ANO 2008
 
Logo de trinta e tres anos de democracia fican moitos nostálxicos do franquismo, uns a cara descuberta e outros disfrazados. Nestes anos ningún goberno galego conseguiu recuperar o Seminario de Estudos Galegos ao pesares do exemplo que nos daba Catalunya co seu Institut d’ Estudis Catalans (co Real Decreto 3118/1976 do 26 de novembro, asinado polo rey de España, Juan Carlos I co recoñecemento oficial do Institut d’Estudis Catalans). A institución de investigación mais importante que tiña Galiza até o ano 36, no que fixeron con ela un acto bestial e inculto: expolio do seu material, os seus socios represaliados, unha ducia morreron no exilio, nove exiliados voltaron a morrer na súa terra, dezaoito sufriron importantes sancións, unha ducia foron paseados e un fusilado (Alexandre Bóveda). O Laboratorio de Formas foi o único que creou o Novo Seminario recollendo restos que ficaron do vello, axudado polos sobrevivientes do vello e por unha mancheas de novos investigadores. Hoxe conta con duascentas publicacións que recollen os estudos feitos polas distintas áreas.
Eses nostálxicos dificilmente poderán perdoarnos esta recuperación da memoria. Tampouco podemos agardar perdón polo que fai Ediciós do Castro, creadora do termo “memoria histórica”, que se foi espallando e hoxe da nome a unha Lei. Ela foi a divulgadora de documentos probatorios en maior número que calquera outra Editorial. Tampouco ian perdoar o que facía o Instituto Galego de Información, divulgando en exposicións, conferencias e publicacións a inmolación de Anxel Casal, o compromiso do Movemento Renovador da Arte Galega, os exiliados e a súa obra…… (Non che recorda a destrución deste Instituto á expliación e o crime do Seminario de Estudos Galegos?). Ate o que facía a Fábrica de Cerámica coa iconografía de persoaxes históricos desde Prisciliano, creado por Luis Seaone tiña que molestarlles, que non esquecían que todo esto tiña as raices nesa ducia de exiliados, cuio prestixio segue hoxe vivo: Luis Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor, Lois Tobío, Carmen Muñoz, Nuñez Búa, Antonio Baltar, Alberto Vilanova, Arturo Cuadrado, Laxeiro, Neira Vilas… que preferiron sacrificar as súas vidas que vivir baixo o franquismo.
 
Non ben se fixeron coas administracións por medios dolosos, polo que están querelados, non perderon tempo en atacar ao Seminario de Sargadelos, ao Instituto Galego de Información, a Ediciós do Castro e a todo o que significaba compromiso coa reivindicación da personalidade histórica de Galiza ou calquera das formas das causas xustas, e ate os temas das imaxes foron substituídos por cousas intrascendentes do peor cosmopolitismo…todo orientado por un home sen criterio algún pero adsequible a calquera ganancia facilitada por xentes que os axudan desde a sombra na que está tamén a xustiza. Cando a ese home o fan dar a cara e o mandan a Cuba a vender caixas de porcelana para puros habanos, con semellante disparate non o mandan a apoiar a revolución cubana nin a interesarse polo que fixeron os galegos desde aquel pais na reivindicación dos dereitos históricos da nosa terra. Non, mandárono para despistar e para que non se note a destrucción que ian facer acabando co que fixo o Laboratorio de Formas durante mais de trinta anos. Obra destructora con antecedentes deses nostálxicos do franquismo, e non digo nin culpo aos conservadores que colaboraron de boa fe coa democracia, cos que nalgún punto eu podo identificarme.
 
Díaz Pardo
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *