O CONSELLO DA CULTURA GALEGA ORGANIZA UNHAS XORNADAS SOBRE O MUSEO CARLOS MASIDE PARTICIPADAS POLA AC IRMÁNS SUÁREZ PICALLO

 A xornada leva por titulo “O Museo Carlos Maside. Un patrimonio cidadán” e se celebrarán en Compostela e Sada entre os días 27 e 28 de setembro. Nelas participará Manuel Pérez Lorenzo vicepresidente da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

O Museo Carlos Maside (1970) é un dos proxectos creados ao abeiro do Laboratorio de Formas de Galicia, impulsado por Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e un grupo de intelectuais desde o exilio republicano en Buenos Aires. A fundación do MCM supuxo a recuperación da arte galega da vangarda e a vontade por superar as fracturas do pasado recente dende a restitución da memoria histórica. O seu valor patrimonial, conformado, na súa orixe, polas doazóns dos fundadores, incrementouse cos legados de diversos exiliados, tamén de persoas e entidades interesadas no movemento renovador da arte galega a partir do seu primeiro referente, A. R. Castelao.

O actual estado do patrimonio material e inmaterial do MCM reclama da sociedade civil, das administracións públicas, do eido da cultura e da comunidade académica un traballo de coidado e crítica que axude decisivamente a protexelo. Estas xornadas abordan o baleiro legal, intereses, desintereses e outros aspectos que complican a protección e conservación do importante patrimonio que custodia.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *