(RE) INVENTANDO CARVALHO CALERO
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2020, o Concello de Sada convocou o certame de microrrelatos (RE) Inventando Carvalho Calero. As persoas participantes debían escoller un texto entresacado da obra do homenaxeado para continualo dándolle a súa propia interpretación. Nesta edición, a gañadora foi Eva Castro Outeiriño, que participou co pseudónimo de Atenea. O xurado estivo composto por Montse Pena Presas, Vanesa Santiago Vázquez e Mercedes Leobalde García.
Corazón de nai
Eva Castro Outeiriño
No país de Erika, aos nenos traen-nos as cegoñas. Os nenos están no rio, no fundo do rio. Ali están dormindo. Como o rio é fundo, non se ven. Mais están ali. Cando un pai e unha nai queren un neno peden-llo à cegoña. Pola noite, a cegoña afunde o seu peteiro e tira afora un neno, ou unha nena.
Esa noite, Erika soñou que espertaba dun sobresalto, que abría os ollos e o baleiro estendíase ao seu ao redor, que o aire acariñaba a súa faciana mentres, colgada do peteiro da cegoña, sobrevoaba aldeas bañadas por augas tinguidas dun intenso azul. Cando perdía altura distinguiu unha pequena casa de paredes gretadas. Alí a deixou a cegoña, xunto á vella porta de madeira.
Renxeu a porta ao ser aberta. Unhas mans ásperas recollérona e transportárona ao interior dun pobre cuarto. Erika ouviu uns berros que só podían ser berros de dor. O medo paralizou os seus pulmóns impedíndolle respirar. Unha palmada soou seca nas súas nádegas e Erika reaccionou desfacéndose en pranto. As mans ásperas transformáronse na suavidade dunha nova pel que a abrazaba, a sutil cadencia dun doce son a abaneaba, aquel palpitar compasado co seu propio latexado resultoulle familiar a Erika, que recoñeceu naquel son ao mesmo que lle daba paz cando estaba no fondo do río, soñando que un día espertaría sobrevoando aldeas colgada do peteiro dunha cegoña. O plácido lup-dub daquel corazón tranquilizou a Erika, que sentíndose segura, pechou os ollos de novo.