A SOMBRA DE FRANCIS DRAKE

 Xacobe Anido Castro

Ilustración de David Suárez ‘Geppe’

Vila de Sada. Século XVI

Chámome Ramón e son un rapaz que vive en Sada. Veño dunha familia dedicada desde moitas xeracións atrás á carpintaría. O meu bisavó era carpinteiro, tamén o foi meu avó e, por suposto, meu pai, Antón, que dirixiu o seu propio taller situado moi preto da curva da Barrosa. O negocio chegamos a herdalo eu e mais o meu irmán pequeno, Brais.

—Bo día! Hai algún encargo ou proxecto para hoxe? –preguntoulle Ramón ao seu pai mentres almorzaban.
—Non hai nada, fillo –respondeulle Antón cunha voz deprimente.
—Que ocorre? Morreu alguén?
—Non te preocupes por nada, fillo –dixo o pai intentando ocultar, sen éxito, a preocupación do seu rostro.
—Trátase dos ingleses, non si?
—A cuestión é que o problema non é normal. Eses piratas están agora mesmo a atacar A Coruña –anunciou Antón.
—Recorda que estamos en 1589 e estas cousas suceden constantemente.
—Pero non por Galicia. Normalmente van a grandes cidades, como é o caso de Lisboa.
—Ao mellor foi porque este sitio lles vén máis preto.
—Non o creo. Paréceme que queren conquistar A Coruña e despois facerse co litoral Cantábrico e Portugal ata cubrir toda a Península.
—É unha teoría –díxolle Ramón ao seu pai para tranquilizalo–. De calquera maneira, non creo que veñan a Sada, xa que acabas de dicir que prefiren as cidades máis grandes.
—Ao final temo que han de vir de todos os xeitos.
—Nese caso estaremos preparados, non si?
—Xa, claro, como se fósemos a infantería dos Tercios!
De súpeto aparece Brais con cara de sono e di:
—Que pasa, papá?
—Nada, nada… Anda, Ramón, vai xogar por aí co teu irmán, queres?
—Pero… –o pai mírao con cara ameazante– Dá igual. Vamos, Brais.
Cando Brais e eu saímos do taller, nada máis ver o mar puidemos observar a presenza de moita xente reunida por toda a avenida da Mariña falando do acontecemento na Coruña. Dirixímonos á praza do Recheo, onde vimos a Rosa, a Xoán mais a Carlos, uns amigos cos que ía eu á escola. Estaban xogando á billarda e á mariola.
—Moi bos días! –saudei.
—Bos días –contestaron os amigos a coro.
—Oístes o dos piratas?
—Lamentablemente si –respondeu Xoán–. A miña nai está moi preocupada.
—Eu tamén –dixo Carlos.
—E eu –terzou Rosa–. Pero non conseguiremos nada lamentándonos.
—Tes moita razón –engadiu Ramón–. Meu pai di que cando rematen na Coruña virán para aquí e despois polo sueste ata completar a Península.
—E non poderiamos defendernos? –preguntou Carlos.
—Si, pero con pouca cousa –respondeulle Xoán–. Eles teñen espadas, trabucos, arpóns, béstas e mais canóns…
—Entón sería moi pouco probable que gañásemos.
Todos gardaron uns minutos de silencio. Agora Ramón sabía por que o seu pai estaba tan preocupado.
—Eh, irmán! –berrou Brais ao lle vir unha idea súbita á cabeza–. Non recordas que temos os canóns de Fontán e Corbeiroa?!
—Pero se é verdade! –exclamou Rosa.
—Xa, mais só temos dous canóns– dixo preocupado Carlos.
—Home, non creo que puidésemos ter moitos máis! Ao fin e ao cabo, estamos na ría de Betanzos, recordas? –aclarou Xoán.
—Claro que o sei! Certamente, non é que sexa moi grande.
Despois de ter aquela conversa, os nenos comezaron a xogar a distintos xogos. Ramón, Brais e Rosa xogaban á mariola, e Xoán e Carlos xogaban á billarda e á pelota. Tempo despois chegaron a ser as seis da tarde e xa comezaba a escurecer o día.
—Adeus –dixo primeiro Xoán mentres corría cara á súa casa, situada na praza.
—Ben, eu tamén marcho –dixo despois Carlos.
—Ata mañá, Ramón e Brais! –rematou Rosa mentres se encamiñaba á súa casa en dirección á praia das Delicias.
Despois, Ramón e o seu irmán dirixíronse da man á carpintaría do seu pai, pasando pola avenida da Mariña mentres xa alumeaba a lúa enriba do mar. Antes de entrar, Brais preguntoulle a Ramón:
—Ti cres que papá estará de mellor humor?
—Non o sei, Brais, pero espero que si.
Entón abriron lentamente a pesada porta do taller feita de madeira e con revestimentos de ferro que fixera moitos anos atrás o seu avó. Sorprendéronse cando viron o seu pai tirado no chan preto da mesa de traballo, cuberta esta de papeis desordenados no medio dunha gran poza de tinta.
—Papá, que che pasou?! –berrou rapidamente Ramón coa alma no peito.
—Papá, papá! –berrou tamén Brais coas lágrimas nos ollos.
De súpeto, Antón levantou un pouco a cabeza e dixo:
—Ramón…
—Que?, que pasa, papá?!
—Viñeron… uns señores moi mal… vestidos… con farrapos, e un deles cun pano na cabeza… –murmurou Antón mentres intentaba articular as palabras.
—E que, que pasou. Que che fixeron?!
—Preguntáronme… por algún tipo de… lugar onde agocharse e… eu…
—Eran piratas ingleses, espías. Querían saber un lugar onde esconderse para atacarnos, como o permitiches?!
—Eu non dixen na…na…nada, ben sabí…ía que eran piratas… –dixo o pai, cada vez con máis dificultades para falar.
—Pero se estaban a atacar A Coruña, por que viñeron aquí?
—Fra… fracasaron, expulsounos María Pita e que… queren atacar aquí… e querían un lu…lugar para esconderse… para pi…pillarnos por… sorpresa…

—E que fago agora? Aquí non hai hospitais nin temos menciñas! –advertiu Ramón.
—Non pasa na… nada, mira… –dicía o pai sen forzas para seguir falando polo moito sangue que perdía–. Quérovos moito aos do… dous… e tedes que sa… saber… que… que se os ingle… ses veñen por… por aquí… escondédevos… na Co… Co… Co… Cov…
—Na que papá, na que?! –pregou Ramón.
—Na… Cova d’Anca…
Antón Méndez Soutelo, nacido en Sada o 2 de maio de 1541, acababa de dar o seu último suspiro diante dos seus propios fillos por unha bala de trabuco no ventre. Brais e Ramón comezaron a chorar.
—E… e agora que facemos, Ramón… ? –dixo Brais chorando a mares.
—Cando veñan… estaremos preparados. Eu non me esconderei! Vingarei a morte do meu pai coa cabeza do capitán inglés ese!
—Así será, irmán! –repetiu Brais.
—Que? Non! Ti non podes pelexar nin nada, só tes sete anos!
Ao día seguinte, eu e Brais fomos ao enterro do meu pai no Fiunchedo. Asistiron Rosa, Xoán, Carlos, os meus tíos de Santiago e algún amigo do meu pai. Todos estabamos moi tristes e ao mesmo tempo anoxados polos piratas. Mentres eu vía como enterraban o ataúde de madeira de carballo co meu pai dentro, decidín apartar a mirada para conter as lágrimas, ao igual ca Brais. Despois diso, fomos eu e mais meu irmán ao taller, e ao entrar vimos a mesa de traballo do meu pai cos seus papeis enchoupados de tinta e non puidemos evitar recordalo. A partir daquel día o meu tío de Santiago viña unha ou dúas veces por semana a traernos roupa, libros e, ás veces, con sorte, doces.

Transcorreu o tempo e eu cada vez tiña máis preocupacións de como coidar a Brais e como manter a carpintaría. O 16 de outubro de 1589 fixen os 15 anos, e en tres semanas faría Brais os oito. Tiven sorte de que o meu tío Henrique viñera dende Santiago coa tía Amelia a traerme un agasallo, un xogo de fermosísimas plumas de cisne que me aseguraban unha caligrafía tan esmerada coma a do mellor escriba e que lles debeu custar unha fortuna. Tamén viñeron os meus amigos de Sada e algún parente afastado de Ourense. O meu aniversario celebrámolo no taller, e paseino moi ben. Cando a festa rematou e se fixo de noite, comezou a chover e todo o mundo liscou para as súas casas mentres os meus tíos e o resto da familia marchaban no seu catro portas tirado por cabalos.

Logo disto, entrei no taller. Estaba Brais debuxando ou escribindo; tampouco o puiden ver ben. Empecei a recoller o lixo da festa e despois ambos nos deitamos.
Ao día seguinte levanteime algo máis tarde que de costume e saín correndo a espertar a Brais, pero polo que vin xa estaba almorzando.
—Bos días, irmán! Durmiches ben? Porque levo un anaco esperando a que te ergueses.
—Si, si… bos días –dixen un pouco durmido aínda.
Cando rematamos os dous de almorzar, lavei os pratos, prepareino todo e saímos xuntos ao taller para traballar. Comecei a facer unha cadeira de carballo encargada por unha veciña da Tenencia mentres Brais miraba para min fixamente para ver como traballaba cando… pola ría puiden enxergar unha figura ameazante que aparecera do nada pola parte de Fontán.
—Que… que é iso?! –dixen para advertir a todos os veciños.
—É un galeón! –berrou Brais.
Todo o mundo ao escoitar tanto berro saíu das súas casas e outros miraron polos balcóns e fiestras. O galeón acercábase cada vez máis a nós e todo o mundo corría atolado, e algúns dirixíronse ás súas casas. Outros, como gandeiros, mariñeiros e algún que outro valente, saíron á avenida da Mariña con paus, pedras, arpóns… Entre eles estaba Roberto, un exiliado da guerra que servía en Sada como cazador. Sostiña entre as súas mans unha escopeta cando berrou aos catro ventos:
—Veña, pobo de Sada, vannos atacar, pero non nos renderemos xamais!
—Xamais! –berrou algún home de por alí.
—Esta é a nosa vila, ingleses! Marchade agora mesmo! –berrou Roberto.
Mentres a proa do barco se achegaba máis á ribeira, todos vimos a sombra dun ser escuro que se asomaba xusto na punta.
—Pobo de Sada, rendédevos e non mataremos a ninguén! –dixo aquela sombra con acento inglés.
—Non, non cumpriremos ningunha orde túa, inglés! –berrou a nosa xente ao mesmo tempo.
—Entón… Estades perdidos! –bramou o inglés– Preparade os canóns, soltade os botes e abarrancade na ribeira!
Así foi como comezaron a caer botes pequenos do galeón á auga, e cada un levaba uns cinco ou seis piratas a bordo. Mentres na proa do galeón inglés se despexaron as nubes, o sol aclarou aquela sombra.
—Chámome Francis Drake, e ningunha vilucha acabará comigo!
De súpeto Brais empezou a rir un pouco polo baixo.
—Por que ris Brais?! Que nos van atacar!
—Xa o sei. Río porque dixo o capitán ese que ninguén o pararía pero perdeu contra María Pita.
—Anda, cala, por favor –díxenlle anoxado–. Cala, que isto non é ningunha broma.
Entón collín do brazo a Brais e leveino correndo ao seu cuarto, e alí permanecería durante toda a invasión, co propósito de que non lle ocorrera nada. Despois collín unha táboa de madeira, afieina rapidamente e corrín para o exterior, onde vin que os ingleses xa estaban pelexando na avenida da Mariña. Oín berros de dor e xente caendo ao chan, pero puiden vencer un home que portaba un trabuco e unha espada. Collín as súas armas e tirei aquel pau. De súpeto oín un gran ruído que perforou os meus tímpanos. Mirei cara ao galeón e vin que estaban a disparar os canóns. Un dos proxectís saíu lanzado polo ceo e caeu preto da capela de San Roque, provocando unha grande explosión. Asusteime moito e decidín afastarme ata un pouco máis alá da Barrosa. Nese momento vin ao lonxe unha imaxe que perduraría na miña memoria: os sadenses estaban a preparan o canón de Fontán. Vin unha gran multitude, unha parte preparando na torre e a outra pelexando cuns piratas que chegaran ata alí. Nun breve instante, unha gran bóla de aceiro bateu con estrépito na cuberta do galeón. Despois ocorreu o mesmo dende Corbeiroa. Os piratas viron que non tiñan medio de escape, de tal xeito que, despois dunha gran loita entre sadenses e ingleses, estes últimos retiráronse, deixando atrás o seu galeón medio afundido coa sombra de Francis Drake tirándose á auga para salvarse.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *