XELA ARIAS. UN ACHEGAMENTO

Mercedes Leobalde

NOTAS BIOGRÁFICAS. REBELDÍA E COMPROMISO

Xela Arias Castaño naceu o día 4 de maio de 1962, filla de Amparo Castaño e do mestre, escritor e tradutor Valentín Arias; foi a máis vella de cinco irmáns. Pasou a súa primeirísima infancia nas parroquias de Sarria, onde a familia residía. Estes anos iniciais, reforzados por estadías posteriores, gravarán na poeta o léxico rural e o da flora e a fauna, que permanecerán na súa escrita como un substrato en convivencia co léxico de raíz máis urbana.
A familia residirá entre 1965 e 1969 en Lugo, onde Xela comeza a ir á escola. Conta Valentín Arias nun texto de 1968 titulado Xeliña fala galego que o feito de a filla dun mestre falar galego causaba estupefacción daquela na cidade (e nisto talvez non mellorásemos moito, engadimos). Pero por moita que fose a estupefacción, o galego foi sempre para Xela a lingua primeira, a das tripas, a das entrañas, como ela mesma explicaría de adulta. En coherencia con este sentimento, a autora mudaría por dúas veces o seu nome no rexistro: do María de los Ángeles co que fora bautizada a María dos Anxos e deste a Xela.

Fotografía de Xulio Gil no volume Tigres coma cabalos

Desde ben nena devora lecturas, en galego, castelán e portugués. Ademais, na casa estará en contacto con outras linguas debido ao labor do seu pai como tradutor.
En 1969 a familia instálase en Vigo. Naqueles anos estábase a producir unha forte migración da poboación rural cara ás cidades na procura de novas oportunidades. O Vigo de Xela era de barrio proletario, marcado pola reconversión, o paro e as drogas; tamén pola movida e a vida nocturna.

O medio fórmanos, e desde os sete anos a miña cultura é urbana […]. Fixen vida de bai-rro, identifícome con ela, e resúltame moi interesante o que saia de alí. O urbano non é parte de min, senón unha circunstancia da vida (X.A. 1990).

Á Xela adolescente —comprometida, loitadora e con ansias de independencia, como a define a nai— o sistema de ensino daqueles anos finais dos setenta resúltalle autoritario e pouco interesante, conque remata o BUP (o ensino medio da época) e planta os estudos para se independizar: «elixín as rúas antes que as aulas», afirma.

Con só 19 anos incorpórase ao equipo de Xerais, editorial á que permaneceu sempre vinculada, ben fose como oficinista, editora, tradutora, encargada das seccións de Creación e Investigación ou correctora de estilo. En 1990 retoma os estudos e cursa a carreira de Filoloxía, ao tempo que continúa colaborando con Xerais na tradución e na edición.
Para Xela a escritura representaba un espazo de liberdade, mais tamén un compromiso, igual que empregar nela o galego: «Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados» (X.A. 1988). «Escribir desde min. E eu son muller, miope e galega» (X.A. 2001).
Pero non só a lingua. En palabras de Amparo Castaño, «foi sempre unha loitadora, coido que é a palabra que a define mellor»: declarábase rebelde ante a desigualdade e mantiña unha actitude de compromiso que non estaba moi de moda nos «frustrantes oitenta» da movida viguesa, máis inclinados á frivolidade que a actitudes militantes; posiciónase en contra da entrada de España na OTAN, da guerra de Iraq e do masacre do pobo palestino; faise socia de Greenpeace cando o ecoloxismo era un movemento marxinal; denuncia a nova pobreza derivada do capitalismo voraz e declárase nacionalista galega e feminista: «Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa e outra cando as nacións subxugadas non o sexan e as mulleres discriminadas non o estean».
Algunhas das súas últimas intervencións públicas e dos seus derradeiros textos estiveron vinculados á plataforma Nunca Máis, creada en novembro de 2002 aos dous días do naufraxio do petroleiro Prestige, como multitudinaria reacción cidadá contra a xestión levada a cabo pola Administración durante o traslado do barco e tras a catástrofe medioambiental resultante. Xela integrouse así mesmo no grupo de artistas Burla Negra, que realizaba intervencións de protesta na mesma liña.

Marea miseria invade global Galicia.

Colleita inepta de intereses financeiros.

Burla Negra.

(X.A. 2003)

Conta Antón Sobral que «o impacto poético de Xela en Vigo foi brutal. Enigmática, profunda, foi intelectualmente respectada desde o primeiro momento, rapidamente se lle concedeu autoridade».
Ese Vigo no que Xela Arias medrou, realizou os seus estudos e exerceu como editora, tradutora e docente, ese Vigo no que desenvolveu a súa creatividade, no que se namorou e tivo o seu fillo, foi tamén testemuña do seu pasamento, aquel 2 de novembro de 2003 en que un ataque ao corazón nola levou tan prematuramente aos 41 anos, privándonos do fulgor futuro da súa poesía.
TRADUTORA

Xela Arias foi unha pioneira tanto no mundo da edición como da tradución profesional. Lembra Celia Torres, compañeira súa en Xerais, que daquela non había mulleres traballando profesionalmente na edición galega. Tampouco había apenas mulleres tradutoras (ou, se as había, estaban invisibilizadas como «esposas» ou «colaboradoras sen nome» dos 

tradutores masculinos, como apunta a tamén tradutora e escritora María Reimóndez), só homes traducindo, as máis das veces, obras doutros homes. Porén, Xela Arias desenvolve un labor extenso como tradutora nun momento verdadeiramente complexo para a lingua e para o ámbito editorial galego. Debémoslle a incorporación ao noso sistema literario, ben soa ou en colaboración con outras persoas, de numerosas obras da literatura universal, algunhas delas destinadas ao público infantoxuvenil (existía certa demanda pola carencia de materiais para o ensino), como poden ser Contos ó teléfono de Gianni Rodari, As bruxas de Roald Dahl, O bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez, Drácula de Bram Stoker, O derradeiro dos mohicanos de James Fenimore (tradución pola que obtivo o Premio Ramón Cabanillas en 1994) etc.; outras, pola contra, dirixíanse ao lectorado adulto, como Amor de perdición de Camilo Castelo Branco, Dublineses de James Joyce, O spleen de París de Charles Baudelaire, Relatos de Gloria Pampillo…
ESCRITORA
Xela Arias dicía que se recordaba escribindo desde sempre, o que a súa nai corrobora: Xela naceu cun lapis na man. De aí a precocidade que se manifesta na súa publicación máis temperá, un relato premiado no VI Concurso de Contos Infantís «O Facho». Con once anos, Xela escribe A fraga dos paxaros e a fraga leopardicia, no que «maxina un automóbil leopardo a reacción que zorrega a douscentos por hora (e que lle custara cen mil pesetas!). Edificios dun milleiro de andares. Gaitas feitas de ferralla e caracochas voadoras», en palabras de Marta Veiga Izaguirre, un texto no que agroman xa trazos que caracterizarán a súa obra posterior, como a presenza do mundo animal, o protagonismo feminino e a innovación da linguaxe, patente desde o título.
O notable grao de autoesixencia que tiña coa súa obra levouna a non publicar o poemario titulado Lilí sen pistolas, co que foi finalista no Premio Esquío de Poesía en 1986, así como o inédito Maldito lindo e outros textos.

Segundo nos conta a profesora María Xesús Nogueira na introdución do libro —imprescindible— Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004), os textos de Xela anteriores ao seu primeiro poemario circulaban publicados en fanzines e revistas e mesmo na prensa, algo moi habitual nunha etapa en que o sistema editorial galego estaba aínda en construción (pensemos que pasaran poucos anos desde a morte do ditador) e as publicacións culturais periódicas proliferaban.

A estrea de Xela no mundo literario chegou con Denuncia do equilibrio (Xerais, 1986), un poemario innovador co que foi finalista do Premio Losada Diéguez. Nel atopamos, no formal: transgresión de convencións gráficas, comezos abruptos e descontextualizados, encabalgamentos bruscos, sintaxe tensada ou directamente rota, creacións léxicas («somnambuleando», «empuxadamente»…), imaxes potentes («historias de cadáveres cocidos na miseria dunha biografía»), aliteracións («galicia e nós nó de verbos nos novelos dos nomes»), xogos fónicos entre palabras cunha sonoridade próxima («e as peles son verbos e os verbos velos»)… En canto ao fondo, lemos paisaxes urbanas, algo innovador nas letras galegas, en contraste con espazos interiores opresivos; animalidade, violencia, unha exploración do tema amoroso desde perspectivas non convencionais, frecuentes reflexións metaliterarias («solicito que o vento me espante coma o verbo e a palabra / que a palabra e o verbo me espanten coma o vento»)…
Xela Arias mergúllase con este seu primeiro libro no ámbito da experimentación, afastándose de temas e formas convencionais e, así mesmo, do canon culturalista asumido polas tendencias literarias da época.

Trouxen augamel para agasallarte e senteime na escada á agarda

Non chegabas nunca e cansaba

Cosín cun fío os pensamentos todos e abrín a porta

Saín. Fun por tras de min deixando as

pegadas no chan

e se tantas voltas viaxo de nervio aprisionado

se xiro terras e metais lenzos abertos

entrelazados

se escandalizo o interior derroto peixes lubinas

caranguexos

é que teño o corazón de auga derretida

desbordando

vasos e piscinas

e veñen as augas zoando como corsarios

dos mares da palabra.

En 1990 publicouse a súa segunda obra, Tigres coma cabalos, que tivo unha gran repercusión e da que existiu un formato como exposición itinerante. Realizada en colaboración co fotógrafo Xulio Gil (quen sería marido da escritora e pai do seu fillo Darío), establece un diálogo entre 48 composicións poéticas de Arias e outras tantas imaxes artísticas en branco e negro de Gil, entre as que abundan as de corpos espidos, algunhas da propia Xela. Nunha nota inicial, os autores explican o procedemento de creación da obra, e advirten: «Nin pés de foto, nin ilustracións ó texto. Se tal, a historia».
Presenciamos encontros e desencontros nunha relación entre dúas persoas. Explicaba a escritora que o título, Tigres coma cabalos, tirado dun seu poema, representa «a animalidade, a intuición, os sentimentos básicos que se expresan nesta obra», que tampouco está exenta de denuncia social. Do punto de vista formal, texto e imaxe compleméntanse: os corpos ténsanse e contorsionan, e de igual maneira se tensan, ata o límite da torsión, da ruptura, a palabra, a sintaxe, a linguaxe toda.
Non obstante, na recepción desta obra houbo interpretacións estreitas que ficaron na superficie dos corpos nus retratados, limitando o seu significado a un suposto erotismo libidinoso que lles causaba escándalo. Tres anos despois da súa publicación, Xela rebatía: «Contén algún poema de amor, varios de desamor, moitos abordan a vida social e outros tratan sobre a miña visión do que é a relación consigo mesmo. O erotismo non llo vexo por ningún lado».

En Darío a diario (1996), o seu terceiro poemario, Xela Arias achégase ao tema da maternidade, tan pouco explorado, para nos ofrecer unha serie de reflexións sobre a súa propia experiencia maternal, dirixidas ao fillo en segunda persoa e afastadas dos tópicos; por veces son declaracións de intencións sobre a crianza («Nin coa mísera desculpa de che mellora-la vida/ escoitarás de min xamais/ unha mentira»), noutras reflicten a aprendizaxe permanente e o enriquecemento persoal que ser nai implica.

Busco o modo de te acompañar sen estorbo,

que sexas ó meu carón feliz e creador

de ti,

de ti e mailo mundo que apañes.

O derradeiro poemario de Xela Arias, Intempériome, foi editado por Espiral Maior en 2003, o mesmo ano do falecemento da autora. A diferenza dos anteriores, presenta unha división en partes: «É así que me din que agarda», «Corazón cuestión» e «Vencerse é cousa de se tratar».
Continúa a experimentación e o xogo permanente coa palabra, a tensión da lingua, o tronzamento dalgúns vocábulos («Ba/ léirate/ me»), o oxímoro («A temeridade sálvame/ de senti-la covardía»), ese uso peculiar dos pronomes presente en toda a obra da autora…
Reparemos nos trazos de madurez, reflexión e contido social neste poema de Intempériome:

De certo, a vida ía en serio.

Por iso morrer non conta

números.


Eras moza,

cómplice nunha derrota que non

sumabas. Feliz por terte insomne

por inmortal.

Xa temos cadáveres amigos

e coñecidos,

sabemos da morte o legado inútil.

Pero ¡que ridículo!, ¿non?,

abraza-lo feito feliz de xa medrar

—camiñar ás aforas—

en tempos asepticamente tan

Alienados.


Fóra dos catro libros mencionados, hai composicións de Xela Arias en obras colectivas como Palabra de muller (1992) ou Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas (1997). En Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004), Nogueira recompilou a «Poesía dispersa» da autora, unhas setenta composicións de temática heteroxénea non incluídas nos poemarios.

A autora escribiu tamén algún relato, como o titulado «Que si, que si», incluído no volume colectivo Contos eróticos. Elas (Xerais, 1990), e o conto infantil Non te amola!, narrado desde os ollos dunha nena e publicado hai nada por Galaxia con ilustracións de Luz Beloso.
Por último, Xela Arias escribiu letras de cancións para o grupo vigués de rhythm and blues Desertores. Un dos seus membros, Humberto Heredia, comenta: «Eran unha marabilla de letras e parecían escritas para seren musicadas porque tiñan ritmo interior, algunha que outra rima e palabras diferentes, propias do seu xeito de contar as cousas para falar de saír e da cidade». E reflexiona: «En galego non era unha opción; foi unha mágoa, tería sido un acerto». Sirva isto como mostra do constante interese da autora por se achegar a outras linguaxes artísticas, plasmado en colaboracións con varios creadores plásticos e escénicos (como o espectáculo Vencerse é cousa de se tratar, que estaba a preparar co músico Fernando Abreu cando morreu) e que acadou a súa máxima expresión na conxunción poesía-fotografía que representa Tigres coma cabalos.

BIBLIOGRAFÍA

 

BRAGADO, Manuel, Cartografías de Xela Arias, https://blog.xerais.gal/cartografias-de-xela-arias/

HERMIDA, XERMÁN. Xela Arias: Un Día das Letras de proximidade. culturagalega.gal, 11.05.2012. http://culturagalega.gal/noticia.php?id=32465

HERMIDA, XERMÁN. Xela Arias: o camiño cara ao foco. culturagalega.gal, 15.05.2012.http://culturagalega.gal/noticia.php?id=32487&fbclid=IwAR2Wb8m30fW10BW9z2_Qwpx-QJf_HYGuS0fnUXEQ69ti4e2lM3WqmfYQUFc

LUZES nº 91, maio de 2021. Xela Arias. Muller, nación, rebeldía.

NOGUEIRA PEREIRA, María Xesús (ed.), Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004), Xerais, 2018.

Xela Arias na Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xela_Arias

Xela Arias. http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=18

Xela Arias (RAG): https://academia.gal/letras-galegas/2021/xela-arias

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *