Unha promesa cumprida. A última morada de José Pardo Bazán

Patrricia Angulo Miró

Retratos de José Pardo Bazán e a súa filla Emilia     Real Academia Galega, Arquivo, Depósito 1 Subsección: FS Caixa 2 60  /  Depósito 1 Subsección: FS Caixa 5 8 / Depósito 1 Subsección: FS Caixa 6 14

O ano 2021 é o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, unha muller cunha forte vinculación á parroquia de Meirás, no concello de Sada, lugar escollido para vivir as súas tempadas estivais, primeiro coa súa familia na vella Granxa e posteriormente nas Torres, edificio que construíu a partir de 1893. Unhas torres unidas entre si por un edificio tremendamente simbólico na vida da escritora, a capela, o lugar onde fixo instalar o seu propio sepulcro, onde quería descansar eternamente.

Coincidindo co aniversario da súa morte, sae á luz un descubrimento relacionado precisamente coa capela e co sepulcro do seu interior. Pois, tras unha intensa investigación, xa é posible saber que ese sepulcro non está baleiro, nel descansa unha das persoas máis importantes na vida da escritora.
O 23 de marzo de 1890, Emilia Pardo Bazán sofre un dos momentos máis difíciles da súa vida, o falecemento do seu pai. Don José Pardo Bazán era, segundo palabras da súa propia filla, «el amigo de siempre, desde la niñez, el consejero leal y seguro y el modelo constante a que podría ajustarse la vida más honrada». Estas palabras permítennos ter un coñecemento sobre o amor e o respecto que lle profesaba a filla ao pai. Hai suficientes referencias nas súas cartas, nos seus artigos ou mesmo en prólogos de libros que nos achegan información sobre o vínculo especial que unía a estas dúas persoas, o que significaba José Pardo Bazán na vida da escritora e o gran sentimento de pesar tras a morte deste. De feito, a morte do seu pai marcará un antes e un despois na vida de Emilia, tanto a nivel literario como a nivel persoal. A creación da revista Nuevo Teatro Crítico dirixida, redactada e editada exclusivamente por ela, a creación da Biblioteca de la Mujer para achegar a cultura ao sexo feminino, o definitivo traslado a Madrid coa súa familia, a nova edificación de Meirás… todos son proxectos nos que, dalgunha maneira, o seu pai vai estar presente.
Poucos días despois da morte de José Pardo Bazán, Emilia escribía unha carta a Benito Pérez Galdós: «Lo que ya ha llegado en mí a ser idea fija, es el deseo de sacar de aquí a mi gente. Quiero no volver más a este rincón, y quiero, cuando nos sea posible, llevarme a mi pobre padre a Meirás, donde descanse yo a su lado cuando me toque la de vámonos». Coa súa franca sinceridade, a escritora deixaba ben claro as súas intencións para o seu falecemento, unhas intencións que no seu caso non se levaron a cabo, pois cando Emilia falece en 1921 en Madrid, os seus fillos enterrarana no cemiterio de San Lorenzo y San José e posteriormente trasladarán os seus restos a unha cripta da igrexa da Concepción, en pleno centro de Madrid, onde descansa co resto dos seus familiares máis próximos.
É curioso que nesa cripta non se atope o pai de Emilia, «o xefe, o protector, o pai», como ela o lembraba. Onde está enterrado o pai de Emilia Pardo Bazán? Non resulta estraño que, ante tal manifestación de respecto non se atope no mesmo lugar de enterramento que o resto da familia? Debo recoñecer que cando comecei a realizar a investigación para pescudar onde se achaban os restos do pai da escritora moveume a curiosidade de quen non pode entender por que faltaba o cabeza de familia nesa cripta de Madrid tendo en conta a importancia de José Pardo Bazán na familia. E de aí partiu unha investigación, que se estendeu no tempo, tentando localizar a documentación que me permitise seguir o rastro dos restos mortais do pai da escritora ata o seu lugar definitivo de descanso.
Cando Emilia colocou a primeira pedra do novo edificio de Meirás, xa tiña en mente que ese sería o lugar onde ela repousaría eternamente, pero non só ela. Cheguei á firme crenza de que a idea da escritora era que o sepulcro do interior da capela de Meirás fose unha especie de panteón familiar, o lugar onde descansaría a familia ao completo toda a eternidade. E en parte así foi, pois en canto tivo ocasión as cinzas do corpo do José Pardo Bazán foron trasladadas ao interior da capela de Meirás.
José Pardo Bazán na vida de Emilia
Centos de páxinas quedan escritas sobre Emilia Pardo Bazán, páxinas nas que gran parte da súa obra literaria foi estudada e a súa vida persoal analizada con detalle. Son varias as biografías dedicadas á escritora, entre as que debemos destacar as de Isabel Burdiel, Eva Acosta ou Pilar Faus, por citar algunhas das grandes biógrafas. Fálase en todas elas do respecto, a admiración da filla cara ao pai, e en todas se fala da inmensa pena tras o falecemento, pero en ningunha se cuestiona onde se atopan os restos mortais de José Pardo Bazán.
Fora don José membro da corporación municipal do Concello da Coruña no ano 1854, ocupando os cargos de concelleiro e terceiro alcalde; home de ideas liberais, inauguraría na Coruña a Tertulia Progresista entre 1863 e 1866 seguindo as normas marcadas desde Madrid polo seu grande amigo Salustiano Olózaga; foi deputado ás Cortes en Madrid e avogado do Ilustre Colexio da Coruña. Cando abandonou a política, José dedicouse a estudar a mellora dos labregos e o progreso da agricultura galega, sendo membro destacado do consello de Agricultura, Industria e Comercio, o que o levará a ocupar un lugar importante dentro da sociedade coruñesa da época.
Non se cansou a escritora, en ningún momento da súa vida, de falar do seu pai e de escribir as súas excelencias. As súas mellores críticas foron sempre dirixidas cara a el, non en balde don José permitira e estimulara a educación da súa filla, unha educación que escapaba dos canons da época, baseada na adquisición de coñecementos de diferentes disciplinas. El foi quen afixo a Emilia ao estudo, quen a alentou e a impulsou a ser a dona da súa vida. Queda para a lembranza unha das máis fermosas frases que don José lle dedicou á súa filla, que resalta o carácter liberal e a liberdade de conciencia: «Mira, hija mía, los hombres somos muy egoístas, y si te dicen alguna vez que hay cosas que pueden hacer los hombres y las mujeres no, di que es mentira, porque no puede haber dos morales para dos sexos».
Emilia Pardo Bazán e o descanso do seu pai
Cando a tarde do 23 de marzo de 1890 don José Pardo Bazán falecía na súa casa da rúa Tabernas n.º 11 na Coruña, Emilia atopábase a unhas horas da cidade, a bordo do tren que a trasladaba de Madrid á súa cidade natal. A chegada á cidade resultou tremendamente impactante, pois como ela mesma recoñecía: «¡he encontrado a mi padre muerto! No tengo ánimos —ni tiempo, pues la gente me rodea, me distrae y me abruma, todo junto— para escribir largo».
O enterro realizouse ao día seguinte, ás 24 horas do falecemento como era habitual na época, no cemiterio xeral da cidade –hoxe cemiterio de Santo Amaro–, no medio de innumerables manifestacións de pesar, pois o óbito converteuse nun auténtico acontecemento social. Os xornais da época reproducen telegramas chegados desde diferentes partes do país, de amigos e achegados da familia, nos que os redactores expresan o pésame pola perda de José Pardo Bazán amosando o respecto a tan querida e apreciada familia coruñesa, o que nos dá unha idea do grao de importancia e de estima cara ao pai e cara á propia escritora.

Anteayer falleció el Sr. D. José Pardo Bazán, Conde de Pardo Bazán, persona generalmente estimada en esta población. El entierro, que se verificó ayer, fue una pública demostración de las simpatías de que gozaba el Sr. Conde entre sus convecinos, y una prueba de lo sentida que fue su muerte entre todas las clases. Por nuestra parte, sinceramente nos asociamos al inmenso dolor que en estos momentos aflige á su distinguida familia, deseándole la resignación necesaria para sobrellevar pérdida tan irreparable.1

A comitiva fúnebre sairá da casa mortuoria, establecida no domicilio particular da familia, percorrendo o camiño ao cemiterio nun carro fúnebre tirado por cabalos. Como era habitual nos enterros de xente cun gran recoñecemento social, abría a comitiva o clero e o carro fúnebre, tras este os familiares máis próximos acompañados polas autoridades políticas e civís, os presidentes das sociedades de recreo, así como dos consellos da cidade, e unha ampla representación de familiares non achegados e amigos. Descoñécese se participaron as mulleres da familia, Emilia e a súa nai dona Amalia de la Rúa Figueroa, pois a norma habitual era que as mulleres quedasen na vivenda rezando polo defunto. Os funerais tiveron lugar dous días despois na igrexa de Santiago, establecendo desta maneira a marxe de 3 días de loito nos cales os familiares máis próximos debían permanecer nas súas casas.
Desde 1890 ata 1905, o corpo de José Pardo Bazán mantívose en Santo Amaro, no mesmo nicho que Amalia de la Rúa Figueroa comprara para enterralo. Pero eses quince anos transformaran as mulleres da familia, as estancias na Coruña eran cada vez máis ocasionais, fundamentalmente para arranxar cuestións persoais, para recibir amizades na súa casa familiar, para ir ao teatro ou para participar nas festas e eventos do verán; agora o seu lugar de residencia cambiara, Meirás converteuse no refuxio familiar. Os cinco meses que durante o ano gozaban das Torres estaban repletos de actividade social, de inspiración creativa, de traballo literario… En 1904, prodúcese a primeira alegría en Meirás, lévase a cabo a bendición da capela das Torres. «¡Somos hidalgos de gotera! El château por ahora sirve poco más que para timbrar papel… y oír misa», comunícalle Emilia Pardo Bazán á súa amiga Blanca de los Ríos. Tras este acontecemento, as mulleres da familia cren que chegou o momento de solicitar o traslado dos restos mortais de José Pardo Bazán.
Exhumar un cadáver require dunha autorización especial do Gobernador Civil, o mesmo que para solicitar o seu traslado. A Real Orde do 19 de maio de 1882 lembraba que seguía en vigor en canto ás exhumacións, traslado de cadáveres e monda dos cemiterios todo o preceptuado na R.O. do 19 de xullo de 1857, que dispoñía que os gobernadores tiñan a facultade de acordar as translacións dentro da mesma provincia. Para exhumar e trasladar o cadáver facíase necesaria unha solicitude achegando a partida de defunción, cousa que as mulleres da familia deberon de realizar convenientemente –aínda que se descoñece a instancia presentada pola familia– xa que se conserva a contestación do Gobernador da provincia autorizando a dona Amalia de la Rúa Figueroa a trasladar os restos mortais do seu marido, por considerar que tras máis de dez anos da súa inhumación non correría perigo a saúde pública.
Nesa época a familia estaba en Madrid, pois como era habitual pasaban os invernos e primaveras na capital, mentres que os veráns e outonos estaban en Galicia. Ese verán chegan a Meirás o 13 xuño no tren correo da tarde, tal e como adianta o xornal El Noroeste desa data. O verán transcorre con total normalidade, acoden a festas nas casas dos seus amigos, celebran a festividade do Carme, celébranse nas Torres comidas a amizades da escritora chegadas doutros puntos do país e reciben como convidada a condesa de Requena, que estará todo o verán nas Torres; a familia tamén acode á Coruña ás festas da cidade, ás celebracións que organizan asociacións como o Sporting-Club e a Sociedad de Artesanos, asisten á Fiesta Blanca do balneario da praia de Riazor e mesmo fan unha excursión a Betanzos. Todos os movementos da familia son rexistrados pola prensa local, que non fai constar en ningún momento a realización do traslado de José Pardo Bazán. Levarían a cabo o traslado?
Hoxe en día, e con documentación que así o acredita, pódese asegurar que as cinzas de José Pardo Bazán foron finalmente trasladadas o xoves día 5 de outubro de 1905 á capela das Torres de Meirás.
Emilia, quince anos despois, foi capaz de cumprir a súa promesa.
Agora só queda saber se o interior do sepulcro de pedra da antiga capela segue sendo aínda o gardián das cinzas.

Emilia Pardo Bazán observando as Torres de Meirás  en construción

 Real Academia Galega, Arquivo, Depósito 1 Subsección: FS Caixa 2 60  /  Depósito 1 Subsección: FS Caixa 5 8 / Depósito 1 Subsección: FS Caixa 6 14

Retablo da capela das Torres de Meirás na época de Emilia Pardo Bazán

Real Academia Galega, Arquivo, Depósito 1  Subsección: FM Caixa 2 30

 

1 La Voz de Galicia, 25/03/1890
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *