TUMBADOIRO, NO CUMIO DA MODERNIDADE

 Gracián Fuentes


A case mil cincocentos quilómetros do lugar de Tumbadoiro en Meiras (Sada), érguese a construción en ferro sen dúbida máis coñecida do mundo, deseñada e construída con motivo da Exposición Universal de 1889 de París, que conmemoraba o centenario da Revolución Francesa. Liberté, égalité e fraternité foron os lemas do movemento que deron peche ó Antigo Réxime, a partir do cal os monarcas xa non absolutistas da futura Europa terían que compartir, cando menos, as súas funcións nun sistema parlamentario.

A Torre Eiffel, de 300 metros de alto, é un dos cinco monumentos máis visitados do mundo. O seu principal reto é conseguir poñer no seu cume cada ano sete millóns de visitantes mantendo nos seus elevadores moitos elementos da enxeñería orixinal da época. O deseño da torre, que tivo como principal obxectivo a resistencia ó vento, na realidade tivo como maior inimigo a resistencia dunha parte da sociedade que rexeitaba o feito de que tremendo mamotreto dominara a cidade ensombrecendo o resto das fabulosas construcións parisienses. Un grupo de intelectuais, tanto artistas como literatos da época, tentaron mobilizar os cidadáns na contra, tal como sucedeu na Revolución, só que nese caso a plebe viu de bo grado a súa construción como símbolo de progreso e chulería patriótica. A piques estivo logo de desmontarse en varias ocasións, seguramente polos gastos de mantemento, pero pouco a pouco foi emerxendo unha función máis aló do atractivo turístico: o seu valor icónico como símbolo de París, de Francia e mesmo de Europa. Amósasenos nos medios de comunicación iluminada de distintas cores defendendo as causas para as que foi deseñada, e moitos de nós ata gardamos un selfie namorado no seu cume.
Na actualidade, as tarefas de mantemento e restauración son permanentes e, xunto ó coidado da estrutura, destaca neste traballo a adaptación dos ascensores ás normativas actuais de seguridade. No seu día, superar a altura dos catro pés inclinados xerou novas solucións técnicas que persisten. O seu valor histórico, o significado para a sociedade do seu símbolo, ben merece todos eses esforzos.
Dende a Torre da Quimera do Pazo, dirixindo a vista ó noroeste divísase unha das naves de Talleres Tumbadoiro, onde Héctor García Barreiro e máis de vinte traballadores, xunto con moitas novas tecnoloxías, esculpen en aceiro con calidade ISO e precisión micromilimétrica os topes de seguridade do ascensor do pé norte da Torre Eiffel.
Semella que traballar na conservación da memoria e servir con iso ó futuro, cada un ó seu xeito, dàselle ben a algunha xente de por eiquí.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *