A Escola de Danza «Sadanza» da Sociedade de Sada nace en 2015 da man da súa directora Clara Losada con grande ilusión e, por suposto, con distintos obxectivos en función dos grupos e do alumnado, pero cunha intención global compartida por todos os que a integran: gozar a través da danza.
As disciplinas que levan impartindo desde os seus inicios son: ballet (danza clásica), Jazz (Danza moderna) e contemporáneo. O principio chave da escola sempre partiu da importancia dunha boa base ou complementación de danza clásica para progresar e adaptarse da forma máis óptima ás demais disciplinas. Con respecto ao ballet, a escola está acreditada pola Royal Academy of Dance de Londres, polo que cada ano alumnos seleccionados de distintos grupos (aproximadamente desde os 6 anos) deciden de forma voluntaria, se realizan os exames que lles outorgan unha titulación correspondente ao nivel ao que se presentan.
Co tempo e o crecemento persoal fóronse engadindo novas actividades como Acrodance ou Hip Hop. Así mesmo, a escola non pecha as portas á formación ou práctica da conciencia corporal nos adultos, xa que imparte clases de pilates e ballet para adultos.
As actuacións nas que participa a totalidade do alumnado son a Gala de Nadal e a Gala de
Os inicios levan consigo sempre unha incerteza, pero a escola foi incrementando o seu desenvolvemento cada curso, asistindo durante anos consecutivos a concursos nacionais como Anaprode, e tamén a concursos internacionais como o Dance World Cup.
O contexto televisivo é algo que marcou un antes e un despois na escola, xa que implicou un impacto mediático incrible, sendo sobre todo moi visible nas redes sociais.
O grupo de competición participou en dúas edicións distintas do concurso de telecinco «Got Talent» con coreografías baseadas na película de A Lista de Schindler e outra como tributo á figura feminista de Frida. Recentemente, asistiron a un novo programa da Televisión Española chamado «The Dancer», cunha coreografía de fusión de folclore galego.
A situación co COVID-19 foi claramente un obstáculo, xa que todo o profesorado e o alumnado tivo que facer espazo nas súas casas para adaptarse ao formato de clases on line, non só no confinamento nacional, senón tamén en 2021 á volta de nadal, con todo o que isto supón: problemas de rede, espazo, ruídos, atención sobre todo no alumnado de idade máis temperá…
Pero a pandemia ademais de traerlles actuacións, fins de cursos e concursos cancelados, máscaras para bailar, cadrados delimitados na escola para manter distancias, moito xel desinfectante…, tamén lles trouxo vivencias inesquecibles. Se aprendeu algo esta escola é a adaptarse aos tempos que corren; agora están a iniciar as súas gravacións para distintos concursos on line como Vigo Porte e preparando unha Gala de Fin de Curso distinta, polo que se lles preguntan polo futuro, veno con esperanza e moitas ganas de demostrar a súa paixón alá onde vaian.