Presentamos Areal 22. E fixémolo cunha actuación de luxo: a de Sadanza, que entusiasmou ao auditorio da Casa da Cultura coas súas coreografías.
O número que se presenta, mantendo seccións e contidos habituais, xira en torno a tres figuras femininas: Xela Arias, Emilia Pardo Bazán e Carmen Arias de Castro, ‘Mimina’. Nestes dous últimos casos, mulleres das que se conmemoran senllos centenarios (da morte e do nacemento), ambas ligadas profundamente á nosa localidade. Mimina, artífice con Isaac de Cerámicas do Castro e de tantos proxectos, muller de creatividade extraordiaria, centrou as intervencións dun acto que estivo presentado por Mercedes Leobalde e no que falaron Manuel Pérez Lorenzo, Loli Beloso, Carolina Díaz (en representación da familia de Mimina, alí presente) e o alcalde de Sada, Benito Portela.
Grazas ás persoas que esgotastes as entradas en menos de dous días, ao Concello de Sada, á familia Díaz Arias de Castro, ás persoas que colaboran en Areal e á escola de danza Sadanza por dedicarnos o seu tempo e o seu talento.