O PAZO PARA O POBO E A MEMORIA

A continuación reproducimos o Manifesto que leron os membros da nosa Asociación (ACISP) Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío  na manifestación celebrada en Meirás no día de onte. Esta mobilización foi convocada pola Iniciativa Galega pola Memoria que aglutina á maioría das asociacións memorialistas de Galiza. Entre elas a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

O PAZO PARA O POBO E A MEMORIA

Unha vez máis, aquí estamos. Ante os muros do Pazo de Meirás. Os muros que, durante décadas, representaron a impunidade dunha ditadura que someteu ao pobo galego por medio do terror. Os muros que pechaban dez hectáreas de aldraxe cara ás persoas que padeceron persecución por defender valores democráticos, por defender respecto á pluralidade e á dignidade humana, por defender que vivimos nun país con nome e identidade propios.
Estamos aquí porque a batalla por Meirás non rematou. Hoxe debatémonos no dilema entre converter este edificio en símbolo de ruptura co franquismo, de normalidade democrática, ou de continuidade dos intolerables privilexios da familia Franco.
O pasado mes de setembro, unha sentenza xudicial en primeira instancia estableceu que o Pazo de Meirás é propiedade pública. O inmoble chegou a mans do ditador Franco a través dun fraude nas escrituras e empregando procedementos represivos sobre a poboación. Ademais, durante a ditadura foi considerado polo Estado un edificio público e foron as administracións as que asumiron a súa xestión e os todos os gastos derivados. Desde a construción das ameas e garitas que adornan estes muros ata o subministro de papel hixiénico e o pago das nóminas do persoal que traballaba aquí.
Hoxe o Pazo está xa en posesión do Estado. Porén, dado que a familia Franco presentou recurso ante o Tribunal Supremo, a decisión final non está aínda tomada e podería volver ás súas mans. Existen demasiados precedentes como para podermos ollar o futuro con confianza, polo que cómpre perseverar na reivindicación. Cómpre tornar Meirás nun espazo recuperado para a cidadanía galega, que de sobra o pagamos unha e cen veces baixo a opresión dunha ditadura que espoliou os nosos recursos e nos negou como pobo.
Hai poucos meses a Audiencia Provincial da Coruña resolvía un recurso dos Franco afirmando que Estado debe indemnizalos polos gastos que asumiron desde 1975. Consideraba o auto que foron propietarios ilícitos pero que o foron “de boa fe”. Despois de décadas de espolios ao pobo galego e ás administracións públicas, de ter gozado dun ben que non lles correspondía, é intolerable que agora haxa que pagarlles polo roubado.
Semanas despois, a mesma Audiencia Provincial resolvía outro recurso dos Franco autorizando que retiren do Pazo todos os bens mobles do seu interior: obxectos, mobiliario, obras de arte… Elementos moitos que xa estaban no pazo en 1938 e foron mercados e obsequiados á Xefatura do Estado, non a Franco, mentres que outros foron incorporados durante a ditadura a través do espolio de patrimonio cultural galego. Nin os primeiros nin os segundos deben seguir sendo propiedade da familia Franco nin abandonar o Pazo: forman parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural que perdería boa parte do seu valor sen eles. Unha cadeira tecida por Emilia Pardo Bazán, a mesa na que escribía as súas obras, as pedras do Pazo de Dodro, as pías bautismais de Moraime ou as estatuas do Pórtico da Gloria, trasladadas a Meirás por capricho do matrimonio Franco-Polo, que facían valer o seu poder incuestionable para enriquecer o seu patrimonio, non poden servir para que os seus herdeiros fagan negocio. Deben ser protexidos como parte dese BIC pola Xunta de Galicia e deben ser incorporados a patrimonio público, porque a súa posesión por parte da familia Franco é produto dun roubo do que xa se beneficiaron durante máis de oitenta anos. Se as administracións públicas non actúan, estarán contribuíndo a un novo espolio, tremendamente doloroso por producirse en democracia.
Non é a primeira ocasión na que a cidadanía galega se manifesta en Meirás. Leva case dúas décadas facéndoo. Porén, desde a última marcha a Meirás mudou algo moi significativo. O Pazo agora é patrimonio do Estado. O que non mudou é o lado do muro no que temos que manifestarnos. Seguimos sen poder entrar no Pazo de Meirás. O Estado español non permitiu que este acto cívico puidera ter lugar no seu interior, obviando unha realidade que non podemos deixar de sinalar: se o Pazo é patrimonio público é, en boa medida, pola mobilización da cidadanía galega, que así o reivindicou mentres os poderes públicos defendían os intereses da familia Franco. Nunha democracia normal, hoxe as portas de Meirás estarían abertas. Mais están pechadas.
O Pazo de Meirás é un espazo cunha forte carga simbólica, asociado á dor de moita xente que padeceu a ditadura e a un pasado traumático. De agora en adiante, debe servir para honrar a memoria das vítimas. Sen menoscabo doutras funcións e valores que o conxunto atesoura, o pazo de Meirás ten que ser no futuro fundamentalmente un espazo referente de memoria democrática, pois foi epicentro do poder do franquismo durante 36 veráns e é resultado dun espolio continuado. Por iso foi reivindicado como patrimonio público, non por ningunha outra razón.
Por aquelas e aqueles que viron as súas casas e terras furtadas para maior gloria do ditador e do seu réxime. Por aquelas e aqueles que, en tempos de miseria, tiveron que dar o que non tiñan para obsequiar a quen lles negaba a liberdade. Por aquelas e aqueles que padeceron persecución por seren veciñas e veciños do ditador. Por aquelas e aqueles que nos anos da II República soñaron cun Meirás e cunha Galiza na que vivir unha vida xusta e traballaron con entusiasmo pola conquista desa idea. E remataron nunha cuneta, no cárcere, nos montes, no exilio. Ou simplemente obrigadas e obrigados a recibir a Franco ao berro de Arriba España e co brazo en alto, ou colgando a bandeira bicolor no balcón da súa casa baixo coacción. Aclamando pola forza a quen lles furtara o futuro.
Por todas e todos, reivindicamos un pazo de Meirás en posesión do pobo. Un pazo de Meirás aberto á cidadanía. Un pazo de Meirás con memoria. Para que nunca máis ninguén teña que pasar polo que pasaron aquelas e aqueles que padeceron a ditadura. Meirás para o pobo e a memoria. Franquismo nunca máis.
 

Mais información en:

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *