O PASATEMPO DE BETANZOS: UN XARDÍN HISTÓRICO DECLARADO BEN DE INTERESE CULTURAL

 Daniel Lucas Teijeiro Mosquera

Zona alta antes da súa degradación. Ca. 1920                        Arquivo Municipal de Betanzos / Museo das Mariñas (Betanzos)

O Pasatempo é un ben singular do patrimonio cultural de Betanzos, pero tamén das Mariñas e de Galicia, porque é unha manifestación arquitectónica, vexetal e escultórica que alegoriza a emigración dos nosos antepasados, a caridade das sociedades benéficas do século XX, o amor polo coñecemento e o progreso do ser humano. A súa construción levárona a cabo as asociacións obreiras da comarca entre 1893 e a década de 1910 baixo o encargo do indiano Juan García Naveira (Betanzos, 16 de maio de 1849 – ibidem, 9 de marzo de 1933), irmán do outro filántropo brigantino, Jesús (Betanzos, 11 de setembro de 1852 – San Nicolás de los Arroyos [a Arxentina], 24 de marzo de 1912).

Zona baixa do Pasatempo antes da súa demolición  Ca. 1920                 Arquivo Municipal de Betanzos / Museo das Mariñas (Betanzos)

Coñecido por Luis Seoane como «Parque Enciclopédico», o Pasatempo probablemente foi un xardín masónico, xa que ata a década dos trinta posuía moita simboloxía que así o certificaba. Malia que a día de hoxe pode estrañar a existencia de xardíns masónicos, durante o século XIX e principios do XX eran frecuentes, como por exemplo a Quinta da Regaleira en Sintra (Portugal), coa que o Pasatempo posúe moitas semellanzas.
Fose o que for, o Pasatempo era famoso polas particularidades estéticas da súa decoración e polos contidos didácticos e subxectivos. Por ese motivo, achegábanse moitos colexios, autoridades e, en xeral, xente curiosa, como por exemplo Isaac Díaz Pardo. Iso explica que o Pasatempo aparecese en moitas reportaxes en prensa e en revistas gráficas, como por exemplo no número 25 de Mariñana.
En orixe comprendía arredor de 70.000 m2 que se dividían en dúas grandes zonas: unha baixa e chá, que se estendía pola antiga xunqueira do Carregal; e unha alta que se estruturaba en terrazas asentadas sobre covas artificiais erixidas, situándose esta parte na ladeira de Riocobo. Non obstante, durante o século XX foi vítima de repetidos espolios e destrucións, o que fixo que se convertese nunha ruína selvática e esvaecida.
O seu abandono causaba moita mágoa, por iso houbo varias tentativas para a súa recuperación. Unha das primeiras foi nos anos sesenta con Manuel Fraga, quen, sendo ministro de Turismo, considerou reconvertelo en parador, mais este proxecto non prosperou e o Pasatempo seguiu deteriorándose. Outro momento importante sucedeu en 1981, cando a Asociación de Defensa Ecolóxica e do Patrimonio Histórico Artístico solicitou a súa declaración como «xardín artístico» á Dirección General de Bellas Artes, Archivos y Bibliotecas, pero esta pretensión tamén resultou en balde.

Antes e despois do desprendemento no Estanque da Gruta de febreiro de 2017      Fotografías dos socios Josiño Souto Santé e Antonio Rodríguez Arnao

 

O punto de inflexión chegou coa venda do Pasatempo por parte dos herdeiros de Juan García Naveira ao Concello de Betanzos en 1985. A partir dese momento, o goberno municipal transformou radicalmente o propio Pasatempo e o seu contorno no Carregal.
Así pois, o Concello demoleu completamente a zona baixa para construír unha área de equipamento no Carregal a finais dos oitenta. A partir desas obras de explanación erixíronse o estadio de fútbol García Irmáns e os polideportivos municipais, e mesmo se pretendeu edificar unha urbanización chamada El Pasatiempo. Con todo, a día de hoxe só se conservan os 10.405,86 m2 correspondentes coa zona aterrazada debido a esas obras.
Entre 1990 e 1996, a Escuela-Taller El Pasatiempo realiza a primeira intervención para rehabilitar a zona histórica do Pasatempo, é dicir, a devandita zona aterrazada. Como non se empregaron criterios profesionais adecuados para a súa restauración, deturpáronse moitos elementos significativos do xardín: pintáronse figuras que non posuían pigmentación, reconstruíronse partes de esculturas sen documentación e plantáronse novas especies vexetais que a día de hoxe causan preocupantes fendas nas covas subterráneas. Ao mesmo tempo, construíuse un novo recinto recreativo ao outro lado da estrada baixo proxecto do egrexio arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois.

Desprendemento da escultura do buque de guerra no Estanque do Retiro o 25 de outubro de 2018     Fotografías cedidas polo autor

Malia que coas obras dos noventa se retomaron as visitas ao público e se dinamizou o contorno, os sucesivos gobernos municipais deixaron no esquecemento o xardín histórico durante o presente século. Consecuentemente, foise deteriorando e en febreiro de 2017 produciuse un feito transcendental: o derrubamento do muro do Estanque da Gruta. A raíz dese infortunio, a plataforma Salvemos o Pasatempo redactou a solicitude para que se declarase Ben de Interese Cultural (BIC) no mes de marzo dese mesmo ano, e asemade tamén o fixo o Concello de Betanzos.
Desde ese momento, Salvemos o Pasatempo adquiriu paseniñamente maior protagonismo na prensa local; entón fóronse aglutinando máis veciños e veciñas ata que se fundou a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo en setembro de 2017. Desde o seu inicio, Amigos do Pasatempo procurou estar en contacto constantemente cos organismos encargados da xestión do xardín con ánimo de velar pola súa conservación, pero tamén realizou unha gran cantidade de eventos lúdico-festivos para achegalo á sociedade.
Así mesmo, unha das achegas máis salientables de Amigos do Pasatempo foi a creación de Casa dos Espellos: Revista poliédrica da cultura galega, unha revista dixital e gratuíta na que se publican investigacións sobre o Parque do Pasatempo e a historia de Galicia. Ademais, os socios Josiño Souto Santé, Ángel Arcay Barral e Yosune Duo Suárez tamén acaban de publicar en xaneiro de 2021 o libro El Parque del Pasatiempo, no que se recompila unha ampla cantidade de documentación inédita que permite coñecer a súa historia e no que se achegan moitas restitucións gráficas das partes desaparecidas.

A Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo nunha das súas primeiras visitas guiadas organizada en 2017            Fotografías cedidas polo autor

 

Como efecto destes labores de difusión e divulgación, a atracción polo Pasatempo multiplicouse notoriamente. Proba diso é que en 2018 e 2019 foi tan visitado polos turistas como o casco histórico, namentres que anos atrás non recibía tantas persoas.
Todo iso fixo que a solicitude do BIC prosperase e incoouse o expediente da súa solicitude de declaración en febreiro de 2018. Nese contexto, a Administración autonómica mesmo chega a comprometerse a que achegará fondos para unha futura restauración.
A pesar de todo, o 25 de outubro de 2018 houbo outro dano importante. Desta volta, desprendeuse unha figura que representaba un buque de guerra no illote do Estanque do Retiro. Isto puxo en grave risco a estrutura dese estanque, mais tamén de todo o recinto. Entón pechouse a zona histórica do Pasatempo para non poñer en perigo os visitantes, á cal segue sen poder accederse polo mesmo motivo a día de hoxe.
Porén, o 20 de febreiro de 2020 chegou unha das mellores novas na historia do Pasatempo: a Xunta de Galicia declárao BIC coa categoría de «xardín histórico». Este status legal fai que desde 2020 se garanta a súa conservación, tanto no presente coma no futuro, pois a Dirección Xeral de Patrimonio velará para que non sufra máis danos nin intervencións desafortunadas como aconteceu no pasado. Certamente, trátase dun feito histórico, xa que agora por fin se pode salvagardar a súa integridade.
Co BIC, a situación actual e futura é esperanzadora, pero aínda queda o máis difícil, que é a restauración. Neste sentido, os arquitectos Xan Casabella López e Xosé Díaz Vieites están redactando un plan director para as obras de restauración, grazas ao achegamento económico entre o Concello e a Deputación. Polo tanto, a medio prazo poderase desfrutar de novo do Pasatempo e as próximas intervencións non serán sen criterios profesionais como sucedera nos noventa.
En definitiva, o Pasatempo é un xardín histórico singular, pero case desaparecido, que acaba de declararse BIC e que reclama unha intervención para que poida ser desfrutado polas vindeiras xeracións. Aínda que a futura restauración non será sinxela, debido a gran número de fendas e filtracións de auga que hai nas estruturas do xardín, augúrase a súa conservación futura. Sen dúbida, por todo o simbolismo que carga no seu pasado é unha obra que merece ter un capítulo na historia da arte de Betanzos, das Mariñas e de Galicia.

Isaac Díaz Pardo no monumento en homenaxe aos Irmáns García Naviera cando na zona baixa do Pasatempo se cultivaba o lúpulo. Ano de 1955                 Arquivo persoal de Xosé Díaz 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *