O nacemento da Asociación de cine Castelao nos anos da “Movida”

 Carlos Babío Urkidi

Os anos inmediatamente posteriores á morte do ditador Franco van estar caracterizados pola loita na conquista da democracia. Eran anos nos que existían arelas de participación na vida pública a través da política e o asociacionismo, até aquel intre vetados polo réxime. Sada estaba mergullada en plena «movida» e non ía ser allea á conquista da cultura desde a participación e a recuperación de actividades como o Entroido ou a defensa da cultura galega.

Nese contexto nacerá a Asociación de Cine Castelao, que terá un claro impulsor, Modesto Pena Lito, e un local de referencia, o inesquecible Moby Dick. Xunto a ela aglutinaranse mozos e mozas da Sada daquela época e tamén xentes doutros lugares que escollían ano tras ano Sada como lugar de descanso, atraídos pola “movida” ou polo seu enclave privilexiado.
Aínda que a denominación e a actividade principal da asociación van estar vinculadas ao cinema, o certo é que non cinguiu exclusivamente as súas actividades a este ámbito. Haberá dúas razóns principais de por que esta asociación nacerá vinculada de maneira principal ao cinema. A primeira, a afección do impulsor principal da asociación a esta arte, e a segunda, as primeiras actividades coas que se pensou o nacemento da Asociación: un festival nacional de cinema galego e un segundo ligado á dirección da sétima arte.
Sen aprobación previa de estatutos e mesmo sen autorización gobernamental, Lito fará pública a constitución da Asociación e anunciará nos primeiros días de novembro de 1977 a organización en Sada dunha «I Xornada Nacional de Cinema Galego». A xornada celébrase o 4 de novembro no Gran Cine de Sada localizado no Pedregal, coas proxeccións das películas Fendetestas de Antonio Francisco Simón, O herdeiro de Miguel Gato, O Cadaleito de Enrique R. Baixeiras e O pai de Migueliño de Daniel Rodríguez Castelao. Ao remate das proxeccións tivo lugar un coloquio a cargo de Antonio Francisco Simón.
Festival de Cine «Ciudad de Sada», Cine Royalti, 1978                                  Fotografías cedidas polo autor

 

A situación de «alegalidade» da Asociación manterase até xullo de 1978, mais Lito e a Asociación de Cine Castelao continuarán organizando e programando actividades culturais. Nestes primeiros meses de vida, a entidade non paraba de asociar xente. A maioría, claro está, formalizaban a condición de socio no propio Moby Dick, chegando en moi pouco tempo a contar con 226 membros.
A seguinte actividade da Asociación terá como fin recadar recursos económicos xa que non tiña máis fontes de financiamento que as cotas dos socios. Vaise celebrar na discoteca Grecor’s, lugar que acollerá a partir deste momento non poucas actividades promovidas polo propio Lito. Os propietarios Andrés e Xosé Ramón Pena eran membros tamén da Asociación que xunto a Lito colaboraron tamén no aporte cultural da movida sadense. Celebrábase o 14 de abril de 1978 e a Asociación que presidía Lito anuciábao así:

A las diez de esta noche y para recaudar fondos para la Asociación de Cine Castelao se celebrará un festival en una céntrica discoteca de nuestra ciudad, con participación de directores, actores y guionistas de cine. El festival será dirgido por el locutor de radio de Brasil Ricardo Couto e intervendrán cantantes, conjuntos de gaiteiros y diversos artistas que se han sumado al acto. Este finalizará con un concurso de carácter humorístico para todos los asistentes.

O 23 de xuño dese mesmo ano, a Asociación organizará un concerto tamén na discoteca Grecor’s do exmembro do Grupo Voces Ceibes, Benedicto García. Lito definiría esta actuación como prólogo «de una serie de actividades que culminarán a finales del mes de agosto colaborando con ACICO».
O Festival de Cine «Ciudad de Sada»
Por fin, o 13 de xullo de 1978 son aprobados os estatutos da Asociación polo Gobernador Civil da Coruña. Nace así oficialmente a Asociación de Cine Castelao, aínda que, como xa vimos, levaba case un ano funcionando xa. Unha das Memorias da Asociación afirma que esta conta «coa inquietude suficiente para poñerse a traballar con tódalas súas forzas e ilusión, non só por recuperar una cultura popular que levaba algún tempo durmida, senón tamén por seguir facendo camiño». Como domicilio da Asociación figura formalmente o particular do propio Lito, aínda que o domicilio real será o Moby Dick. Nese bar realizaranse as reunións e será o lugar onde se xesten todas as actividades da Asociación. O primeiro presidente que figura como tal é Ricardo Couto.
Xunto ao anuncio formal do nacemento legal da Asociación, farase pública a intención de organizar un Festival de Cine en Sada. Un empeño persoal de Lito que, xunto coa colaboración doutras moitas persoas, converterase nun dos principais eventos que deixaría a Asociación de Modesto Pena para a historia.
Lito xestara o festival meses antes coa colaboración da Asociación de Cine Coruñesa (Acico) e aproveitando a presenza de importantes profesionais do mundo do cinema que coincidirían na Coruña con  motivo da organización nesta cidade do «VI Festival de Cine de Humor». Deste xeito, a Asociación irá confirmando presenzas importantes para o Festival de Sada, como as de Luis García Berlanga ou Juan Bardem. Celebra unha primeira asemblea de socios, na que se fai un acto de entrega de carnés e se van dando detalles da organización da «Semana de Directores». Tamén se presenta o cartel do evento.

O Festival de Cinema celebrouse no Cine Royalty de Sada entre o 28 de agosto e o 2 de setembro de 1978 e foi todo un acontecemento. Comezaba ás 5 da tarde, animando o festival o día da inauguración unha Gimkana Humorística alegórica do mundo do cinema. Segundo unha das Memorias publicadas pola Asociación de Cine Castelao, 

participaron realizadores de toda España, como Fernando Trueba, Arrieta ou Marsillach, xunto a directores galegos. Na presentación participaron Fernando Colomo e J.A. Bardem… Nesta semana presentáronse numerosas películas, e ao remate celebrábase un coloquio cos realizadores e actores que participaron nela, como Arrieta, do que Carlos Saura confesou que lle serviu de inspiración en moitas ocasións. O seu cine foi considerado de culto por Bergman, Woody Allen e o mestre Fellini. Neste Festival tamén participou activamente o grande actor galego Antonio Casal.

O xornal La Voz de Galicia, narraba así a apertura do festival:

Ayer dio comienzo la «I Semana de Cine de Directores» organizada por la Asociación de Cine «Castelao» en colaboración con A.CI.CO. Hizo la presentación el presidente […] Ricardo Couto, agradeciendo la asistencia del numeroso público y exponiendo los proyectos y logros de dicha Asociación, recientemente creada. Entre los invitados asistentes a dicha sesión inaugural, figuraban: Martine Audot, actriz francesa, protagonista junto con Fernando Fernán Gómez de la película «El anacoreta», la cual subió al escenario para dirigir unas palabras de agradecimiento al público, Fernando Colomo, director de «Tigres de papel», Miguel Gato, director de cortos gallego, Roberto Gómez, operador, Francisco Taxes, guionista, actor y director, y Roberta Gómez, coprotagonista del corto «La Chani se casa» dirigido por Enma Cohen. Antes de proyectarse la película que inauguró el Festival, se exhibió el corto de Enma Cohen «Quería dormir en paz», protagonizado por Fernando Fernán Gómez y Manolo Alexandre. La película de aparte, fue «El anacoreta». Al final de la misma se entabló un coloquio.

Na xornada do día 29 foi entregada ao actor Antonio Casas «A Perla das Mariñas». Así o narraba o xornal La Voz de Galicia

Ayer fue entregado a Antonio Casas, presidente del Certamen de Cine de La Coruña, «La Perla de las Mariñas», consistente en una ostra de plata con una perla en su interior. La actriz Martine Audot, hizo entrega del galardón. El actor Antonio Casas fue presentado por Ricardo Couto, presidente de la Asociación de Cine Castelao, organizadora de la Semana de Directores de Cine. El popular actor agradeció la distinción entre los aplausos del numeroso público asistente.

Para a xornada do día 30 anunciábase publicamente a presenza de Bardem no Festival de Sada: «a las 10 de la noche, el film «Los planos mecánicos» de Juan Antonio Bardem, el cual asistirá a la proyección y al coloquio que tendrá lugar al finalizar el pase.»
Paralelamente á organización do Festival de Cinema, a asociación traballaba na creación dunha Escola de Teatro en Sada, que comezaría a funcionar semanas despois baixo a dirección de Francisco Taxes. O grupo de teatro da Asociación nacerá co nome de «Touliña» e o feito de que Taxes fose o seu director fará que en marzo de 1979 colabore o grupo profesional de Teatro «Andrómena», establecendo Sada como lugar de ensaios da compañía e colaborando activamente co grupo de teatro «Touliña» da Asociación de Cine Castelao.
A recuperación do entroido

O seguinte obxectivo que se marcará a Asociación de Cine Castelao será a recuperación do Entroido. A este labor adicarán tempo e non poucos esforzos. Así impulsa en 1978, segundo manifestaban na época, «e proseguindo o seu labor en prol da recuperación das tradicións e cultura popular galega», organizar unha concentración de comparsas para facer o enterro da sardiña. O acto celebrouse o mércores de cinza, concretamente o 28 de febreiro de 1979 na praza de San Roque. A asociación fixera un chamamento a toda a poboación para que acudira «á usanza dos choqueiros» nun acto no que participaron as comparsas «Os Maleantes» de Sada, «Xóvenes do Pobo» de Betanzos, «Aturuxo» da Coruña e «Os Zoqueiriños» da Coruña. Esta será a primeira actividade que promoverá a Asociación en relación coa recuperación da «celebración popular» do Entroido, actividade esta que irá medrando nos seguintes catro anos.

Mais rematado o Entroido de 1979, a Asociación impulsada por Modesto Pena comezará a preparar a seguinte actividade. Será a organización dun concerto do exitoso grupo na época Fuxan os Ventos. A actuación, que se realizou con entrada de balde na praza de San Roque o 30 de xuño, supuxo un grande esforzo para a Asociación compensado polo grande éxito da organización.

Xunto coa celebración do Entroido, a Asociación impulsará tamén a celebración do Día das Letras Galegas. Comezaban os anos 80 en Sada e a movida irá transformándose, ao igual que a Asociación de Lito que continuará con actividade ata entrado o actual século. Mais aqueles «anos 70» quedaran gravados na memoria colectiva como os anos da «movida sadense». Non importaba que durante a década seguinte Sada continuara como lugar de referencia da diversión e da movida dos 80. Nada xa sería comparable ao fenómeno que se dera en Sada nos convulsos anos 70.

Diso deixaba constancia o xornalista de La Voz de Galicia Santiago Romero, que en 1982 se desprazara a Sada para cubrir outra exitosa iniciativa da Asociación de Cine Castelao: a organización dun Festival Rock no antigo campo de fútbol da Chaburra de Sada, e que chegará a concentrar arredor de 3000 mozos durante os días da súa celebración. O xornalista comezaba así o seu artigo:

Un observador nostálgico podía reparar este fin de semana en el parecido que guardaba la algarabía callejera de Sada con los viejos tiempos del «Chivas», «Saxo» o «Grecor’s», cuando los ahora carrozas no tenían más objetivo, en su tierna adolescencia, que ligar con las chicas del albergue. Pero la momentánea recuperación de la ciudad de Sada como satélite festivo de La Coruña no se debió al pasado, sino a la voluntad de la Asociación de cine Castelao por ponerse al día y citar en el estadio local a las castas rockeras de Galicia…

 

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *