O DRAMA DE “MAREIRAS” NA VIXENCIA ACTUAL

 Manuel Lugrís Rodríguez

Relendo nunha vella revista de primeiros do pasado século un daqueles traballos de eloxio, e mesmo de realce e encomio das virtudes que se atribuían ás localidades das que se redactaban reportaxes nos titulados «Libros de Ouro», facíase unha bucólica alusión dunha mociña de Sada que todos os días ía vender á Coruña «su cántaro de leche» como símbolo da dedicación ao traballo dos habitantes sadenses. E esquecendo, en todo o amplo pleonasmo que acompañaba a fotografía da rapaza anónima, a existencia dos mariñeiros, verdadeiro motor social da entón vila, e que tan ben se recolle no drama Mareiras de Manuel Lugrís Freire ao que aquí refiro coas inevitables evocacións sentimentais e co aditamento da valentía teatral que supuxo naquela época levar ao escenario as reivindicacións sociais e dereitos fundamentais dos traballadores como denuncia pública.

Porque a obra de que estamos a falar é un dos dramas representados naquela primeira década do século XX no ámbito da «Escuela Regional de Declamación» que funcionou na Coruña anos máis tarde de que se estreara no Liceo Brigantino da mesma cidade A Fonte do Xuramento de Francisco María de la Iglesia, primeira obra de teatro galego moderno, que non tivo unha continuidade inmediata nos escritores da época, pois non había excesiva fe en que o teatro no «dialeuto» autóctono tivera algún éxito, tendo en conta a desconsideración social polo idioma, nin a formulación identitaria de Galiza como país, tal e como apunta Francisco Pillado Mayor no seu libro O Teatro de Manuel Lugrís Freire, que di que 

no caso galego, como no caso doutras nacións europeas, teatro e nacionalismo percorreron idénticos camiños. Polo tanto os diversos intentos que, con maior ou menor fortuna, se levaron a cabo para criar unha dramaturxia galega propia, foron sempre parellos aos intentos de criación dunha conciencia nacional.

Esa Escola de Declamación, fundada por Sánchez Miño e presidida inicialmente por Galo Salinas, veu a cubrir un baleiro importante na incipiente dramaturxia da Galiza xa que era, como o seu nome indica, escola de actores e tamén de autores para que escribiran na nosa lingua e representar as súas obras pola compañía formada polos propios alumnos da Escola, como feito valorativo do teatro como manifestación social e colectiva. A pesar da súa breve vida pública, debido a problemas de convivencia entre os seus membros, a Escola representou cinco escenificacións, desde Filia de Galo Salinas en 1903 até Minia en 1904, sendo unha delas esta Mareiras que nos ocupa, estreada o 16 de outubro no Teatro Principal da Coruña, actualmente Teatro Rosalía Castro, cinco días antes da famosa homenaxe dedicada a Curros Enríquez, na que fixo público o seu grandioso poema «Ao Pobo Cruñés», acto ao que acudiu Lugrís, amigo de faladoiros e traballos literarios na súa estadía común en La Habana poucos anos antes. Mais non temos noticia de que Curros fose un dos espectadores da estrea de Mareiras.
O título da obra podería interpretarse na súa acepción do dicionario como onda grande de moita forza nos días de marusía, de mar picado ou rizado, tendo en conta o sentido global da obra que ten a Sada, e máis concretamente a clase social dos mariñeiros, como suxeitos dunha vida arrastrada e perigosa, tanto que non contaban con medio ningún de rescate ou axuda para as incidencias que puideran xurdir no seu traballo. Pero Lugrís en varias pasaxes do texto mantén unha especie de polisemia metafórica, dándolle un senso máis amplo e social á palabra. Así, Don Amaro, un crego represaliado pola súa defensa pública das liberdades e dos dereitos básicos do home, manifesta: «A mareira é moi negra, é moi mala; pero dinantes conviña rematar con esas outras mareiras que viven nas concencias de certos homes, mareiras que revolveron as purísimas augas da caridade evanxélica», e tamén cando Carmela di: «Decateime que na miña alma erguíase unha mareira que a súa amizade era máis doce… » en referencia ao seu namorado Paulos. Así pois, o titulo pode considerarse mesmo en formulación reivindicativa da situación económica e social en que se desenvolvía a vida da xente do mar naqueles tempos de fame e desamparo absoluto.
Pero Lugrís estende a prestancia deste trabado a varios ámbitos: a propia Escola, a súa vila natal, as clases sociais. proletariado, Igrexa, autocracia económica…, e tamén a contorna máis achegada. Así, fai unha dedicatoria especial á súa dona Pura, na que dá algúns datos definitivos sobre a orientación popular da obra e o amor conxugal que sente por ela e, mesmo, a inspiración que lle debe, sobre todo polo ambiente dun galeguismo intelixente e culto, case refinado, a través da música que lle dedica no seu órgano, en que interpreta habitualmente as exquisitas pezas dos nosos máis queridos mestres compositores. Órgano que pertencera a Pascual Veiga e no que aquel dera as primeiras notas do noso himno nacional. E maniféstase así Lugrís:

Á miña dona, Pura González Varela. Inda que teñen os nomes trocados, todos os personaxes desta obra viviron e algúns deles foron moi amados por min. Cantas veces teño ouido de Don Amaro verbas cheas de fraternidade, de verdadeiro espírito evanxélico, de amor e misericordia para esta terra infortunada, que me serviron de guía para as loitas do porvir! Cantas veces, cando eu ía para a escola do demócrata e nobre mestre Don Crisanto Vidal, que inda vive no ridente lugar de Sada de Arriba, esquecido dos que recibimos del o proveitoso pan das primeiras letras, teño sido agasallado pola señora Andrea con anacos de bola quente, de sustanciosa e recendente mistura!… E moitas veces, nas tristeiras e bretemosas tardes do inverno, cando a campá de Santa María espallaba nos aires as melancólicas bateladas das oracións -que fan esquecer as tristuras desa vida terrea para levar ó espírito ás soidades dun melloramento noutro mundo- teño visto ó vello señor Marcelo, rodeado dos sinxelos mariñeiros de Sada baixo do balcón de Calillo, rezar unha salve á Ralña dos Anxos para que fuxiran as negras Mareiras que privaban da mantenza ós rexos traballadores do mar!

Neste drama non fixen máis que un traballo de recolleita. A feitura e máis a trama son miñas; o demais é unha transcripción máis ou menos mala. Son lembranzas da miña niñés, que cando rexurden fanno co recordo puro, agarimoso e santo da miña nai, que durme o seu derradeiro sono no cemiterio desta meiga e querida Cruña, desta patria sempre idolatrada.

Nela naciches ti, Pura González, miña dona ben amada, para ser a miña compañeira da alma para donarme forzas nesta loita, inútil por ser miña, en favor desta Galicia por nós tan queridiña: ti ela nai cariñosa, a nai galega dos meus filliños, e por eso quero xuntar o teu nome neste traballo literario que, anque sexa o

máis cativo dos meus filliños, será sempre para min o máis amado por viviren nel lembranzas do lar paterno. A Cruña 17 de outubro de 1904.

 

Manuel Lugrís Freire con dous dos seus fillo                       Fotografía cedida polo autor

 

A estrea da obra, drama en tres actos como constaba nos programas de man, era a máis longa das entregadas por Lugrís e foi posta en escena co elenco da Escola formado polas irmás Julia e María Anguita como Carmela e Andrea respectivamente, Federico Lago era don Amaro, Bernardo B. Jambrina o namorado Paulos, Luis Lens no rol de Cidrán e Sebastian Naya como o vello Marcelo. A concorrencia foi numerosa xa que a prensa local, nomeadamente La Voz de Galicia, informara os días anteriores, como a véspera, cando se escribía nas súas páxinas o mesmo día 16 o seguirte:

La Escuela Regional de Declamación nos dará a conocer esta noche, el drama gallego en tres actos, Mareiras. Todas las personas que presenciaron los ensayos de este drama en el Circo de Artesanos, tienen la opinión unánime de que la Escuela Regional de Declamación, ha progresado mucho y de que Mareiras ha de ser del agrado del público. Como hemos dicho en números anteriores, el nuevo drama de Lugrís, ataca violentamente un problema social del que todos nos quejamos, pero que pocos quieren combatir abiertamente. Haría muy bien el público concurriendo esta noche al coliseo coruñés. Este grupo de entusiastas jóvenes, verdaderos devotos del arte, merecen que las personas cultas no los olviden. Aquí donde resplandecen tantas desfachateces del género chico, plagados de verdaderos atrevimientos de subidísimo color, debemos alguna vez. acordamos de los que buscan el arte por lo que tiene de hermoso, regenerador y patriota.

O «suelto» de La Voz de Galicia preséntanos un esquemático resumo da síntese ideolóxica do que se agardaba que era o drama que se ía representar, así como o escenario natural do desenvolvemento da trama: a, entón, vila de Sada, coas súas clases sociais perfectamente diferenciadas, referencias á vida cotiá e mesmo ás festas xenuínas, como cando o Cidrán di: «Era un día de festa; a danza dos arcos andaba polas rúas dando vivas… », aquel baile dos mariñeiros que enchía de ledicia, aínda que fose por un só día, o pobo afundido na miseria, no desleixo de toda autoridade e na ditadura abafante de caciques, morgados e vinculeiros e dunha Igrexa desafecta aos seus principios evanxélicos baixo a máis avarenta simonía da aldraxe da cobiza e a mesquindade, como ben adoutrina don Amaro, que di: «a maldade para vivire ten necesidade do seu propio elemento: o mal», e engade un longo parlamento no que rebate a apreciación que del fixo don Perfeuto, o cura titular que o substituíra: «di que eu son un mal cristiano porque censuro que os pobres mariñeiros, eses infelices que tanto traballo e frío pasan sobre catro táboas tendo decote a negra morte baixo dos pes, lles quiten o pan da boca co gallo de facer festas relixiosas», en referencia aos cartos que anda a recolectar pola vila o sancristán para as misas das festas patronais e o diñeiro que reclama o párroco a Paulos pola dispensa de parentesco para casar con Carmela, trescentos pesos dos que non dispón porque quedara sen cartos logo de pagarlle as oblatas e dous cabodanos que xa lle esixira antes, e que pon como ineludible para levar a cabo a voda o día do Carme, que era a súa ilusión. Problema que á fin da obra lévao á morte, pasando a ría en medio dunha forte mareira cando ía á outra banda para pedirlle os cartos ao seu padriño.
As referencias relixiosas están inseridas nas que eran habituais nas terras das Mariñas naqueles tempos pola xente sinxela e polos mariñeiros, que son o sostén humano da trama teatral que manexa Lugrís. O discurso de don Amaro contén os meirandes elementos das ensinanzas evanxélicas: «Meu Deus, meu Divino Mestre Xesús, ti que no mundo fuches o espello da bondade, ti que fuches a humildade, a dozura, o amigo dos que sofren… ». Tamén as rogativas á Virxe de Pastoriza, valedora dos mariñeiros coma aínda pode verse na sancristía do seu santuario cos exvotos amosados polos homes do mar para agradecerlle a súa intervención en naufraxios e zozobras. É a relixión que proclama o vello crego represaliado a que pon en parangón coa oficial e detestable que personifica o párroco con Perfeuto, que non aparece na realidade do escenario e do que soamente sabemos polo que din as personaxes, como se fose unha pantasma negativa que está sempre gaivotando no maléfico e na escuridade.
Amais, hai no drama elementos ideolóxicos que hoxe nos parecen normais pero que hai mais dun século semellaban mesmo revolucionarios, como cando pon en boca, outra volta, de don Amaro a frase «eu son sacerdote, a miña familia é a humanidade». Ou un canto á libre elección amorosa, ou o sermón no que fai outro canto á irmandade e á liberdade, polo que é afastado da súa parroquia. Con estes aditamentos, non é de estrañar que nunha cidade liberal como A Coruña fose a representación un éxito de público, de crítica e de difusión divulgadora por parte da prensa, xa que o martes 18 de outubro La Voz de Galicia daba cumprida conta do que acontecera no Teatro Principal, e dicía nunha crónica o seguirte:

La función que la Escuela Regional de Declamación celebró anteanoche en el teatro fue una nota muy bella, muy simpática que honró a los estudiosos jóvenes que a tan entusiasta centro pertenecen, al teatro gallego por cuyo renacimiento trabajan y, puede decirse, que en primer término a Manuel Lugrís, nuestro querido amigo que, laborando con afán incansable, con perseverancia y talante dignos del más sincero aplauso, hace, por la consecución de tal fin, mucho y muy bueno. Para Lugrís fue un exitazo el estreno de su drama Mareiras. Es lo mejor, lo más completo que ha escrito, al menos juzgado en síntesis, desde determinado punto de vista. No tenemos espacio para meternos en disquisiciones literarias. Prescindamos hoy de ellas, no sin sentimiento, requerida la atención por otros aspectos de la vida diaria del periódico. (Referíanse á morte o día anterior da Princesa de Asturias, María de las Mercedes de Borbón e Habsburgo-Lorena. E continúan) Saludemos a Lugrís por su señalado triunfo. Mareiras, que aplaudió con entuasiasmo el numeroso público, merece ser conocido en Galicia toda y fuera de ella. En conjunto es una obra de tesis, sentida, literaria y vigorosa. Conste que tuvo interpretación delicadísima. Fue todo como una seda. Un verdadero alarde en la escogida sección de la Escuela Regional de Declamación, que puso en escena la difícil obra. Jambrina, Naya, las señoritas Anguita (Julia y María), Lens y Lago, por este orden, dieron a sus papeles relieve y colorido tales que salieron del marco en que suelen encuadrarse los trabajos de modestos aficionados. En general y sin reserva, muy bien todo. Lugrís salió a escena, llamado por el púbico desde el primer acto. Los aplausos fueron calurosos para él y para los actores. Enhorabuena.

Os mesmos parabéns que quero pór de manifesto para esta A.C. Irmáns Suárez Picallo, que tanto está a facer pola identidade da nosa nación e, nomeadamente, pola cidade de Sada, berce natal de figuras tan destacadas da cultura e da política galega como os mesmos irmáns Suárez Picallo, Lugrís, Freire-Calvelo etc., así como outros que remanecen do esquecemento, como foi Cornide, que no século XVIII levantara un pequeno teatro en Sada para representacións en galego, ou o mestre don Crisanto, do que aquí se fai mención e que están esvaecidos co paso do tempo. E o anónimo pobo que deu mesmo a súa vida, como os mariñeiros, sempre mariñeiros, acadando no mar o sustento que se lles negaba na terra.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *