O CURRUNCHO DA LINGUA

Mercedes Leobalde

Neste ano 2021 de vacinación contra unha doenza que asolou e segue a asolar o planeta, de recuperación do Pazo de Meirás e de homenaxe a Xela Arias no literario, iniciamos en Areal unha nova sección, con vocación de permanencia, que se centrará en temas relacionados coa lingua. E farémolo desde a convicción de que as linguas, todas elas, son pontes, e de que as palabras que as compoñen son fíos que permiten tecer as nosas emocións e pensamentos e trasladalos da nosa mente á doutras persoas. De pontes e fíos falaremos, pois, neste curruncho.

Quere iso dicir que a partir de agora dedicaremos en cada revista un espazo a explicar normas gramaticais? En absoluto, ou desde logo non só. É a nosa aspiración que esta sección proporcione a quen a lea ferramentas para se desenvolver mellor en galego, e de considerármolo imprescindible, iso si, recorreremos á gramática. Mais o certo é que este noso curruncho devece por ser espazo aberto, pradaría, veiga vizosa, un ancho río. Quere dar cabida á poesía e á historia da lingua, aos nosos nomes propios e aos dos nosos lugares, á orixe das palabras, aos refráns e ás moitas curiosidades do galego, a cuestións sociolingüísticas e a enredos para a xente miúda, ás novas literarias e musicais na nosa lingua… Ademais, de cando en vez poñeremos a capa de superheroes e superheroínas para rebatermos prexuízos relativos ao galego, deses que, polo que parece, non damos desincrustado do sentir colectivo nin co Cillit Bang. Como vedes, a nosa ambición non ten límites.

Moito é do que hai que falar e gústanos inmenso a amplitude dos horizontes que se nos ofrecen. Con todo, procuraremos centrarnos e reservar en cada entrega desta nova sección un recunchiño para a reflexión sobre a lingua e as súas circunstancias, que boa falta fai, e outro para os desmentidos, no que comentaremos certos usos lingüísticos errados, e por desgraza moi estendidos, que conviría corrixir e erradicar, así como un terceiro para recomendacións sobre interesantes sitios web que arrequentan o coñecemento da nosa lingua.

E, sen máis, entramos en materia.  Inauguramos esta sección con dúas locucións que se oen/len moito, demasiado posto que son incorrectas: *a partires de e *a pesares de (inexistentes, por certo, tamén en portugués, a lingua irmá). Digamos e escribamos, pois, a partir deste mesmo momento e a pesar de afáns diferencialistas —totalmente innecesarios— con respecto ao castelán, a partir de e a pesar de.

E continuamos con outra praga: a dos *plantexares e *plantexamentos.
Do castelán plantear calcouse en galego un suposto *plantexar seguindo o esquema doutras equivalencias existentes entre os dous idiomas: alborear-alborexar, babear-babexar, clarear-clarexar, me-ar-mexar, lagrimear-lagrimexar, pes-tañear-pestanexar, solfear-solfexar… Mais acontece que non existen en galego os verbos *plantear nin *plantexar, así como tampouco os nomes derivados deles *plantea-mento e *plantexamento (por non mencionar a reviravolta *prantexar– *prantexamento, dobremente in-correcta).
Pero, por favor, non botemos as mans á cabeza, que isto non é desgraza ningunha! Certo é que o castelán recorre actualmente ao verbo plantear e ao substantivo planteamiento con valores moi dispares, empregándoos case a xeito de palabras comodín, mais esa nefasta influencia soluciónase dun modo ben sinxelo: con precisión e riqueza léxica, tal e como o fan linguas como o portugués, o francés, o italiano ou o inglés, que carecen tamén dunha equivalencia única para estas formas tan polivalentes do castelán.
Os tradutores automáticos optan por expor, formular e suscitar como solucións con máis probabilidades de éxito para plantear, e en moitas ocasións o resultado é atinado (noutras, non tanto; os tradutores automáticos precisan sempre de supervisión humana). Nós ampliaremos un pouco o abano de posibilidades:
· Formular vai ben para preguntas, temas, cuestións, obxeccións, problemas matemáticos, teorías, proposicións, reclamacións, queixas, demandas… Outras opcións serían expor/expoñer, expresar, manifestar, enunciar, presentar…
· Suscitar acae mellor cando o contexto se refire a dúbidas, problemas, polémicas, dificultades, inconvenientes, suspicacias, sospeitas, oposición, enfrontamentos… Outras opcións: causar, provocar, motivar, orixinar, ocasionar, producir, dar lugar a, levantar, xerar, facer xurdir, promover
Vexamos algúns exemplos. Non se trata de apegarse de máis a unha tradución palabra por palabra (algo que nos complicaría a vida e podería dar como resultado unha expresión forzada, pouco natural), senón de expresar esa mesma idea coas palabras máis axeitadas de entre as nosas:
· as dificultades que ten *plantexadas a empresa: as dificultades que afronta/ ten por resolver/ debe superar a empresa // as dificultades actuais da empresa
· a polémica *plantexada acerca dos combustibles fósiles: a polémica xurdida/suscitada acerca dos combustibles fósiles
· continúan *plantexadas aquelas discrepancias: continúan presentes/por resolver aquelas discrepancias // continúan existindo aquelas discrepancias
· o Concello *plantexa varias alternativas: o Concello propón varias alternativas
· non pensan negociar os puntos reivindicativos que *plantexa o colectivo: non pensan negociar os puntos reivindicativos que reclama o colectivo // non pensan negociar os puntos que reivindica o colectivo
E como solucionar replantear e replantearse? Non, *replantexar(se) non vale, por suposto! O que faremos será expresar con palabras galegas o que eses verbos signifiquen en cada enunciado, que polo xeral terá que ver coa idea de repensar algo, reconsideralo, poñelo en cuestión ou reformulalo. Así,
· a documentación achada esixía *replantexar a historia das Cruzadas: a documentación achada esixía reformular a historia das Cruzadas
· a suspensión da soprano obrigou a *replantexar o calendario de outono: a suspensión da soprano obrigou a planear de novo/ reaxustar/ modificar/ alterar o calendario de outono
· defendían a necesidade de *replantexar a estratexia de guerra: defendían a necesidade de reconsiderar/ mudar/ cambiar o enfoque de/ modificar a estratexia de guerra // defendían a necesidade dunha estratexia de guerra diferente
· nunca se *plantexou dimitir: nunca considerou a posibilidade de dimitir // nunca pensou en dimitir
· *plantexáronse deixar de fumar ao mesmo tempo: pensaron en/ propuxéronse deixar de fumar ao mesmo tempo
· sería conveniente *replantexarse a situación: sería conveniente reconsiderar/repensar a situación
En liñas xerais, o mesmo que levamos dito sobre *plantexar e *replantexar vale para *plantexa-mento e *replantexamento. Aquí os tradutores automáticos, que non entenden de contextos, empregan formulación e reformulación, mais o catálogo de posibilidades pódese estender moito dependendo do enunciado de que se trate: exposición, proxecto, plan, planificación, presuposto, programa, deseño, propósito, proposición, suxestión, concepción, fórmula, estudo, cuestionamento, idea, ordenamento, presentación, establecemento, desenvolvemento, creación, enunciado, organización, tratamento, elaboración, enfoque
Como conclusión, se tiñades incorporados ao voso vocabulario plantexares e plantexamentos, desde este Curruncho da Lingua chamamos á súa total aniquilación. Probade, é moi sinxelo, son totalmente prescindibles!

Nesta entrega inicial non podemos senón mencionar en
primeiro lugar a páxina do Dicionario da Real Academia Galega, https://academia. gal/dicionario, accesible tamén a través do Portal das Palabras, sitio que ofrece outras inte-resantes seccións —xogos incluídos—, sobre vocabulario e lingua en xeral: https://portaldaspalabras.gal/.

Para quen teña interese en coñecer ou consultar as Normas ortográficas e gramaticais da lingua galega, atópanse en distintas webs e pódense descargar en pdf.

No Portal da Lingua Galega da Xunta de Galicia atopamos ligazóns a varios tradutores automáticos de galego, por se puidesen ser de utilidade.
Nota: Desde aquí desaconsellamos o emprego do disparatado tradutor de Google, pola súa total falta de rigor no caso do galego; abonde dicir que a súa equivalencia galega para replantear é… estaca.

Engadimos, para rematar por hoxe, o portal de Orgullo Galego, que ademais do seu interese intrínseco canto a natureza, cultura, gastronomía ou música, entre outras, engade —por tempo limitado— a posibilidade de descargar infografías moi ilustrativas sobre flora e fauna cos nomes galegos correspondentes.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *