ESTE SÁBADO 19 TOD@S A MEIRÁS. O PAZO PARA O POBO E A MEMORIA

 

O vindeiro sábado hai unha nova cita da cidadanía no Pazo de Meirás. Un acto reivindicativo convocado pola Iniciativa Galega pola Memoria, o colectivo que reúne ao asociacionismo memorístico, para reclamar que o pazo sexa devolto definitivamente ao pobo, a salvagarda do patrimonio que atesoura e o seu papel futuro como espazo dedicado á memoria democrática.

A cidadanía galega, vertebrada en diferentes colectivos, impulsou un proceso de reivindicación que deu coma resultado a recuperación do pazo para patrimonio público. Isto logo dunha sentenza xudicial que ratifica que o inmoble chegou a mans do ditador Franco a través dun fraude nas escrituras e empregando procedementos represivos sobre a poboación, e que, ademais, durante a ditadura foi considerado polo Estado un edificio público e foron as administracións as que asumiron a súa xestión e os gastos derivados.

Hoxe o Pazo está xa en posesión do Estado. Pero a batalla xudicial continúa e resolverase no Supremo, tanto respecto da propiedade como respecto da condición posesoria detentada polo ditador. A Iniciativa Galega pola Memoria considera que o Supremo debe confirmar aquelo que é de legalidade e de xustiza, a propiedade pública e nin un euro de indemnización para quen o poseeron de mala fé.

Por outra parte, tamén os bens mobles que alberga a finca están en perigo, ante a posibilidade inminente de que os Franco os poidan retirar e facer con eles o que consideren oportuno. Porén, moitos destes elementos estaban no inmoble xa en 1938 e foron mercados e obsequiados á Xefatura do Estado, non a Franco. Outros foron incorporados durante a ditadura a través do espolio de patrimonio cultural galego ou de bens do Estado. Nin os primeiros nin os segundos deben seguir sendo propiedade da familia Franco nin abandonar o Pazo: forman parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural que perdería boa parte do seu valor sen eles. Deben ser protexidos como parte dese BIC e deben ser incorporados a patrimonio público, porque a súa posesión por parte da familia Franco é produto dun roubo do que xa se beneficiaron durante máis de oitenta anos.

Hoxe, e transcorridos sete meses desde a transferencia da propiedade, o edificio e os seus xardíns seguen pechados ao público. De feito, o Estado nega a posibilidade de que a cidadía poida entrar o vindeiro día 19 nun inmoble que foi recuperado grazas á súa loita persistente. Desde a Iniciativa Galega pola Memoria reclamamos o noso dereito a nos manifestar nun Pazo de Meirás que é moito máis que un ben patrimonial a protexer. É un símbolo asociado á dor de moitas persoas que padeceron a ditadura e, por esa razón, debe servir para honrar a memoria das vítimas e como espazo de memoria democrática asociado a usos didácticos.

Na man de todas e todos está podelo tornar en símbolo de ruptura co franquismo e por elo pedimos o teu apoio á manifestación convocada por nos para este vindeiro sábado 19 de xuño as 12:00 horas en Meirás.

Mais información en : https://defendemeiras.blogspot.com/

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *