EMILIO CASTELAR EN MEIRÁS (1885)

 Xosé A. Fraga

A tarde do martes 1 de setembro de 1885 houbo unha intensa actividade na Granxa de Meirás para preparar o evento dese día. A cita estaba prevista para unha hora que hoxe nos resultaría estraña, as once da noite. Pouco antes dese momento comezaron a chegar as carruaxes que trasladaban aos numerosos convidados, que puideron gozar dos «salones de la condal morada, iluminada á giorno, [que] brillaban como un ascua de oro…»1. Asistían á festa ofrecida polos condes pontificios de Pardo Bazán e a súa filla Emilia na honra de Emilio Castelar, persoeiro que ao día seguinte interviría coa escritora no acto de homenaxe a Rosalía de Castro na Coruña.

Un banquete en Madrid

Emilia Pardo Bazán acudira a Madrid a primeiros de xuño dese ano a unha cea na súa honra, en «el restaurante inglés» da capital2. Asistiron destacadas figuras da cultura, a ciencia e a política, uns corenta comensais e nas sobremesas falaron varios dos presentes, Pardo Bazán interveu e Castelar pechou o acto. O banquete é relevante canto que supón unha boa mostra do recoñecemento que a escritora estaba adquirindo no ámbito estatal. Así mesmo, permitiulle á novelista coñecer persoalmente a Castelar e falar con el, pois o salientable orador estivo sentado á súa dereita na cea. Tivo a oportunidade de establecer un certo achegamento persoal e coñecer de primeira man os pensamentos e plans do seu interlocutor.

Traxectoria de Castelar

Emilio Castelar xogara un papel moi destacado no movemento que propiciou a revolución de setembro de 1868 e a fuxida de Isabel II. Na I República chegou a presidente, representando dentro do republicanismo o sector centralista e de dereitas. Coa Restauración borbónica insistiu na defensa dunha perspectiva conservadora dentro do fragmentado espectro republicano. Fundou en 1876 o Partido Demócrata, formación que en 1879 pasaría a denominarse «Partido Demócrata Posibilista». Co paso dos anos foi moderando aínda máis as súas posicións; finalmente, abandonaría a reivindicación republicana e, en 1890, ingresou nun dos dous partidos que soportaban o sistema, o Liberal. En 1885 transitaba no proceso de moderación comentado; porén, aínda conservaba un notable prestixio entre o progresismo español e mantiña intacta a sona de principal orador do país.

Actividade de Pardo Bazán, relación
con Quiroga

Emilia Pardo Bazán volveu para A Coruña desde Madrid o xoves 11 de xuño dese 1885. Poucos días despois, o 15, presidiu a asemblea da sociedade «Fol-klore Gallego». Pasou o verán, como adoitaba, en Meirás, coa familia, escribindo e facendo vida social. O quince de xullo morreu Rosalía de Castro en Padrón. Axiña, seis días despois, o 21 xullo, o Diario de avisos de La Coruña, xa informaba da homenaxe prevista á escritora morta pola «Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos» (o «Circo de Artesanos»), que convocou unha rolda de prensa na que se comunicaba que convidaban «al mejor de nuestros oradores el señor Castelar, para presidir esta fiesta»3.

O «Circo de Artesanos» estaba presidido José Quiroga Pérez de Deza, marido de Emilia Pardo Bazán, se ben o matrimonio vivía afastado. Un desenlace que tivo unha longa e variada xestación, iniciada, cando menos, había dez anos. Polo medio tivo lugar a relación que viviu Emilia con Augusto González de Linares (sobre 1873-75)4 e o episodio traumático de 1875, a raíz da morte do pai de José en xaneiro dese ano5. As posicións sobre o tema patrimonial foron decisivas no distanciamento da parella; a relación do matrimonio mantívose por uns anos, mais cando Emilia comezou a ter protagonismo e a posibilidade dunha carreira de éxito os problemas agudizáronse. O 1 de febreiro de 1884 redactouse un borrador de acordo privado de ruptura «de la sociedad conyugal». No plano persoal, semella que a nova relación entre a parella transcorreu con respecto, xestionando os intereses comúns, como era o caso dos tres fillos. No tema que nos ocupa, coidamos que o deseño da homenaxe de Rosalía foi compartido. Emilia acababa de sintonizar persoalmente con Castelar, sabía da súa estadía de verán por Galicia e José contribuía coa institución que presidía.

Castelar en Galicia

Emilio Castelar chegou a Vigo a fins de xullo6. Na cidade olívica pasaría un mes de descanso na residencia do seu amigo Adolfo Calzado, próspero banqueiro con negocios en París7. José Quiroga acudiu axiña a velo. O 27 de xullo o secretario do «Circo», o avogado Enrique Rodríguez Llames, recibiu un despacho telegráfico de Quiroga: «D. Emilio Castelar aceptó nuestra invitación y promete asistir el primero Septiembre a la velada literaria»8. O xoves 27 de agosto Emilia Pardo Bazán foi revisar a casa en Palavea de Ramón Pérez Costales que acollerá inicialmente a Castelar9. Este emprendeu a viaxe en tren o venres 28 e chegou o sábado, dirixíndose á finca de Costales10.

A festa en Meirás

O 1 de setembro tivo lugar a festa na honra de Castelar en Meirás. Belisario, correspondente de Diario de avisos de La Coruña, acudiu e no xornal do día 3 escribiu un artigo, «Un Thé en honor de Castelar», no que indicou que «los suntuosos salones de la solariega casa de los señores de Pardo Bazán se hallaban ocupados por multitud de bien prendidas damas […] y de apuestos caballeros; destacándose entre las primeras la noble figura de la gloria de esta tierra, Doña Emilia Pardo Bazán, y entre los segundos el egregio huésped que hoy honra a la Coruña, don Emilio Castelar», engadindo que algunhas referencias ao buffet. Máis detallada foi a información facilitada por El Alcance do 4 de setembro, onde se recolle a crónica de El Anunciador «En casa de los condes de Pardo Bazán». Explícanos que «verificose la soirée en el lindísimo salón azul», «La reunión, como bien se comprende, era de etiqueta, semejándose las mujeres a un bouquet de flores de mil matices, en tanto que los hombres, uniforme y si se quiere hospiciamente vestidos con el negro frac y la blanca corbata, el clac [un tipo de chapeu] bajo el brazo…»

Un elemento central do evento foi a lectura de composicións poéticas «regionales». Comezou José Pérez Ballesteros con A pantasma de Francisco Añón e A Nosa Señora da Barca de Rosalía; seguiu Ramón Pérez Costales con O desconsolo de Alberto Camino; continuou Emilia Pardo Bazán con As cartas de Manuel Curros Enríquez e rematou Costales, quen na súa segunda intervención leu Cousas de mozos, «picaresca poesía» de Andrés Muruais. En coherencia co que explicaría a propia Pardo Bazán no acto do día seguinte, a audiencia gozou de creacións de ton popular ás que a escritora limitaba o uso da lingua «vérnacula». Idioma que consideraba subalterno do castelán e inapropiado para as composicións reivindicativas de Curros ou as de contido non estritamente “folclórico», como as de Follas Novas.

No buffet que seguiu no comedor «nada faltó allí para regalo del cuerpo», incluíndo champagne Veuve Clicquot. Entre os presentes figuraban destacados membros da elite coruñesa, como o propio alcalde Ernesto Freire de Andrade. Castelar presentouse acompañado de Calzado e Rodríguez Llames. O xornalista rematou así o seu artigo: «La velada se prolongó hasta las cuatro de la madrugada, deslizándose fugaces como minutos las horas, y sorprendiéndonos la del alba en la calle.»

Segundo as crónicas consultadas apreciamos algunha ausencia significativa na festa. Unha, a de Pepe Quiroga; semella que a relación cos condes non estaba plenamente restablecida. Outra, de relevancia política. Non estiveron os que serían os principais interlocutores nese importante tema na estadía coruñesa de Castelar, os dirixentes do Partido Republicano Progresista, Antonio Prieto Puga, Saturnino Villelga e Juan Fernández Latorre. E non hai referencias —sei que é algo habitual— ás persoas que prepararon e serviron o buffet. Porén, coñecemos quen eran: as nosas bisavoas (e algún bisavó).

 

1 El Alcance (A Coruña), 04/09/1885, «En casa de los condes de Pardo Bazán», con base na crónica de El Anunciador.

2 «Banquete literario», La Voz de Galicia, 09/06/1885.

3 La Voz de Galicia, 22 de xullo de 1885.

4 Fraga Vázquez, Xosé A. «O triste [e secreto] amor de Emilia Pardo Bazán e o científico Augusto González de Linares. Unha transcendente relación» La Opinión de A Coruña, 26/07/2020.

5 Grupo de investigación La Tribuna (Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ricardo Axeitos Valiño, Patricia Carballal Miñán, Jacobo Manuel Caridad Martínez) (2008): «Aportaciones a la biografía de Emilia Pardo Bazán. La crisis matrimonial (1875-1884)», La Tribuna, nº 6: 71-128.

6 La Voz de Galicia, 25/07/1885.

7 Cores Trasmonte, B. (2009): Alfredo Vicenti. Vida y obra de un gran periodista, A Coruña: Asociación de la Prensa de La Coruña, Santiago y Madrid.

8 La Voz de Galicia, 28/07/1885. Diario de avisos de la Coruña, 29/07/1885.

9 El Anunciador, 02/09/1885.

10 La Voz de Galicia, 31/08/1885.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *